Popayán, oficialmente Asunción de Popayán, é un concello colombiano, capital do departamento do Cauca. Atópase localizado no val de Pubenza, entre a Cordilleira Occidental e Central ó suroeste do país. A súa extensión territorial é de 512km²,[1] a súa altitude media é de 1760 m sobre o nivel do mar, a súa precipitación media anual de 1.941mm, a súa temperatura media de 14/19°C e distancia aproximada de 600km a Bogotá, capital de Colombia. Ten unha poboación de 284949 habitantes (2018).[2] É unha das cidades máis antigas e mellor conservadas de América, o que se ve reflectido na súa arquitectura e tradicións relixiosas, recoñecida pola súa arquitectura colonial e o coidado das fachadas. Popayán ten un dos meirandes Centros Históricos Coloniais do país e de América, cun total aproximado de 236 mazás de sector histórico.
No 2005, a UNESCO designou á cidade de Popayán como Cidade UNESCO da Gastronomía pola súa variedade e significado para o patrimonio intanxible dos colombianos. A cociña caucana foi escollida por manter os seus métodos tradicionais de preparación a través da tradición oral. O 28 de setembro de 2009 as Procesións de Semana Santa de Popayán foron declaradas pola UNESCO como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade.