Movella grande

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gavia immer
Adulto en plumaxe reprodutor en Wisconsin
Adulto en plumaxe reprodutor en Wisconsin

En plumaxe non reprodutor en Carolina do Norte
En plumaxe non reprodutor en Carolina do Norte

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gaviiformes
Familia: Gaviidae
Xénero: Gavia
Especie: Gavia immer
(Brunnich, 1764)
Distribución de G. immer      Área de cría     Área de invernada

Distribución de G. immer      Área de cría     Área de invernada
Sinonimia[2]

Colymbus immer

A movella[3] grande[4] ou mobella grande[5] (Gavia immer) é unha especie de ave da familia das movellas (Gaviidae).

Os adultos reprodutores teñen unha plumaxe cunha cabeza ancha e pescozo negros coas partes superiores dun ton verdoso ou purpúreo, denegrido ou gris denegrido, e partes ventrais brancas, excepto algunhas coberteiras negras debaixo da cola e ano. Os adultos non reprodutores son pardos con pescozo e cabeza negros marcados con marrón agrisado escuro; as súas partes superiores son pardas agrisadas escuras cun debuxo pouco claro de cadrados nos ombros, e as partes ventrais, parte inferior da cara, meixelas e garganta abrancazadas. Os sexos son de aparencia similar, aínda que os machos son significativamente máis grandes e pesados que as femias. Durante a estación reprodutora, viven en lagos e outras vías acuáticas de Canadá, norte dos Estados Unidos (incluída Alasca), e no sur de Groenlandia e Islandia. Ademais, un pequeno número reprodúcese en Svalbard e esporadicamente noutras partes do Ártico de Eurasia. As movellas grandes invernan en ambas as costas de Estados Unidos chegando polo sur ata México, e no Atlántico ás costas europeas, incluíndo ás veces as costas galegas.

Comen unha ampla variedade de animais como peixes, crustáceos, larvas de insectos, moluscos e ocasionalmente plantas acuáticas. Tragan a maioría das súas presas baixo a auga, onde as capturaron, xa que se mergullan, pero algunhas que son moi grandes lévanas á superficie. Son reprodutores monógamos estacionais. Ambos os membros da parella traballan na construción do niño feito de herbas de pantano mortas e outras plantas que amontoan nas beiras con vexetación de lagos. Crían unha soa camada por ano e a posta consta dun ou dous ovos ovais marróns oliváceos con pintas marróns que son incubados durante 24 ou 25 días por ambos os proxenitores. As crías son alimentados polo pai e nai e empluman en 70 a 77 días. Os polos poden mergullarse e voan ás súas áreas de invernada antes de que se forme o xeo no outono.

A movella grande está considerada na Lista Vermella da IUCN como especie con status "Pouco preocupante". É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias africano-euroasiáticas. Nalgúns países ten unha protección especial, como en estados Unidos, onde o Servizo de Bosques dos Estados Unidos a designou como especie con status especial debido ás ameazas que afronta pola perda de hábitat e envelenamento por metais tóxicos na súa área de distribución estadounidense.

É a ave provincial de Ontario (Canadá), e aparece na moeda canadense dun dólar, que popularmente se chama "loonie" (loon é o nome inglés desta ave) e tamén en series antigas de billetes canadenses de 20 dólares. En 1961 foi designada ave estatal de Minnesota e aparece na moeda conmemorativa dun cuarto de dólar correspondente a ese estado.

Taxonomía e nome[editar | editar a fonte]

A movella grande[6] é unha das cinco especies de movellas que constitúen o xénero Gavia, o único xénero da familia Gaviidae e da orde Gaviiformes. O seu parente máis próximo é outra especie de cabeza negra grande, a movella de bico branco (Gavia adamsii).[7] Non se recoñecen subespecies de movella grande.[8]

O zoólogo e mineralólogo danés Morten Thrane Brünnich foi o que primeiro describiu a movella gande en 1764, co nome de Colymbus immer na súa obra Ornithologia Borealis.[9] O agora eliminado xénero Colymbus contiña os mergullóns ademais das movellas,[10] e permaneceu en uso[11] ata que a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica intentou clarexar a nomenclatura en 1956 ao declarar que Colymbus era un nome suprimido e inapropiado para seguirse usando e estableceu Gavia, creado por Johann Reinhold Forster en 1788, como o nome de xénero válido para as movellas.[12][13]

O actual nome do xénero Gavia era o nome latino dunha ave mariña non identificada e o nome específico immer deriva do nome noruegués do animal,[14] similar á palabra islandesa moderna "himbrimi".[15] A palabra pode estar relacionada co sueco immer ou emmer: as cinzas grises ou denegridas dunha cacharela (referíndose á plumaxe negra da ave); ou ao latín immergo, 'mergullarse', e immersus, 'mergullado'.[16]

Existen varias especies fósiles de movellas desde o Plioceno, e ademais algúns espécimes do Plistoceno de California e Florida parecen representar unha paleosubespecie da movella grande actual.[17]

Descrición[editar | editar a fonte]

En voo

A movella grande adulta pode medir de 69 a 91 cm de lonxitude cunha envergadura alar de entre 127 e 147 cm,[2] é lixeiramente menor que a similar movella de bico branco.[18] O seu peso pode variar de 3,2 a 4,1 kg.[19] Como media mide 81 cm de longo, ten unha envergadura alar media de 136 cm, e un peso medio de 4,1 kg. A plumaxe reprodutora do adulto consiste nunha cabeza ancha e pescozo negros con brillos verdosos, purpúreos ou azulados.[2] Ten un bico negro, ás veces coa punta clara, e ollos vermellos con iris vermello.[2][19] O pescozo está rodeado dun característico anel negro[20] e ten dous colares brancos de oito a dez curtas liñas na parte anterior superior do pescozo, e un visible colar de liñas brancas paralelas que forman un óvalo grande no lateral do pescozo.[2][19] A parte central do pescozo anterior inferior é branco, e as partes laterais inferiores do pescozo teñen liñas lonxitudinais brancas que se converten en ringleiras de pequenas pintas e liñas negras que se fan moi estreitas. As partes superiores son denegridas ou grises denegridas, e cada pluma ten pequenas pintas brancas. A parte superior da á é denegrida e con pequenas pintas brancas nas coberteiras non primarias, mentres que a parte inferior da á é máis clara con cobreteiras brancas excepto as longas liñas do talo negras nas plumas axilares. As partes inferiores son brancas, pero con algo de negro nas coberteiras de debaixo da cola e ano.[2] Ten un manto a cadros negros e brancos[20] e unha cola anegrada. As patas son gris claras na súa metade interior e denegridas na metade externa, e as membranas entre as dedas dos seus pés palmados son de cor carne.[2]

Movella grande engalando.

A plumaxe non reprodutora do adulto é amarronada co pescozo e cabeza escuros marcados con marrón agrisado escuro.[2][20] Os ollos están rodeados de branco,[2] e as pálpebras son claras.[20] O bico é principalmente gris claro, cun culmen e punta escuros, pero ao inicio da primavera a punta pode volverse máis branca. As partes inferiores, face inferior, meixela e garganta son abrancazadas. A parte anterior do pescozo é abrancazada, xeralmente formando unha amosega con forma de cuña nos lados do pescozo escuros,[2] e pode por veces revelar un trazo sombrío do anel do pescozo ou un colar claro.[20] Ten partes superiores grises amarronadas escuras cun padrón pouco claro de cadrados nos ombros e algunhas coberteiras das ás con pints brancas, o cal normalmente está oculto cando se mergullan. O macho e a femia teñen aspecto similar,[2] aínda que mostran dimorfismo sexual nas súas dimensións físicas, xa que o macho é meirande e significativamente máis pesado.[18]

O pesado bico con forma de daga[19] vai aguzándose progresivamente e é agrisado con punta negra.[20] A cor do bico e o seu ángulo distingue esta especie da movella de bico branco. O pescozo é curto e groso.[20] Nada moi lentamente sobre a auga, ás veces só coa cabeza por riba da superficie e horizontal á tona da auga.[19] Debe correr sobre a superficie da auga despregando as ás para engalar e poñerse a voar. Durante o voo, a cabeza lévaa lixeiramente máis baixa que o corpo, e os pés lévaos arastrado detrás.[19] Ten unha estrutura esquelética construída por ósos sólidos (o que é o normal en Gaviiformes e pingüíns[21] pero diferente da maioría das aves voadoras que teñen ósos moi pneumatizados, ocos e cheos de aire para seren máis lixeiros), o que lle engade peso, pero lle axuda a mergullarse.[22]

Individuo novo nadando no océano na illa Mcgee, Maine

Os individuos novos xeralmente teñen unha caluga gris amarronada escura que pode parecer máis escura que as plumas negras de beiras claras.[23] Ten unha cabeza, pescozo e partes superiores de negras a gris escuras, cunha gorxa, meixelas e partes inferiores brancas.[19] Durante o seu primeiro inverno, a forma do bico dos novos pode non estar tan totalmente desenvolvida coma nos adultos,[23] e durante o segundo inverno lembran o adulto reprodutor, pero con coberteiras das ás sen pintas brancas.[2]

A movella grande distínguese da movella ártica (G. arctica) e da movella pequena (G. stellata) principalmente polo seu maior tamaño. Xeralmente ten unha fronte máis inclinada e unha parte anterior superior da cabeza protuberante, algo similar á da movella ártica. O bico é máis pesado e o dorso é máis claro que a parte traseira do pescozo. É máis difícil de distinguir da movella de bico branco, pero a súa plumaxe reprodutora ten máis marcas brancas no pescozo e os cadros do ombro adoitan ser máis pequenos; a plumaxe non reprodutora ten laterais do pescozo negros que contrastan máis abruptamente coas áreas claras e a cor do bico.[2]

Muda[editar | editar a fonte]

A plumaxe xuvenil escamosa mantense ata xaneiro ou febreiro do ano seguinte á eclosión, cando unha longa muda das plumas da cabeza e corpo lles dá unha aparencia máis adulta. Os adultos despréndense de todas as plumas de voo simultaneamente aproximadamente nese época do ano, o que os deixa temporalmente incapaces de voar, antes de adquiriren a plumaxe reprodutora, pero as aves do segundo ano retardan esta muda substancial ata o verán. A plumaxe de inverno do adulto adquírese entre outubro e xaneiro por unha muda parcial principalmente das plumas da cabeza, corpo e cola.[24]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

As movellas grandes son principalmente neárticas e reprodúcense entre os 48° N e o Círculo polar ártico, localmente ao sur dos 40° N e ao norte dos 78° N.[2] Durante a súa tempada reprodutora en primavera e verán, o máis común é que vivan en lagos e outras vías acuáticas do norte de Estados Unidos e Canadá, e no sur de Groenlandia,[25] en Islandia, en Svalbard, en Jan Mayen e na illa do Oso de Noruega; e polo oeste en Alasca, e polo leste, moi raramente, en Escocia.[2] Os seus hábitats de verán van desde lagos con bosque a lagoas da tundra. Os lagos deben ser grandes dabondo para que poidan engalar e botarse a voar, e proporcionen unha gran poboación de peixes pequenos.[25] Os lagos profundos con augas superficiais cálidas, produtividade biolóxica relativamente baixa e baixa turbidez, onde os peixes que son as súas presas son doados de ver, son os hábitats nos que as movellas que van reproducirse crían con máis éxito os fillos.[26] Para protexerse dos predadores, as movellas grandes prefiren lagos con illas e covas.[27] Son visitantes raros das costas do océano Glacial Ártico.[28] Mostran unha gran fidelidade polo sitio de cría.[29]

Algunhas movellas grandes permanecen en Islandia todo o ano, aínda que a maioría migran. En Norteamérica invernan principalmente ao longo das costas do Atlántico norte e o nordeste do Pacífico, e moitas paran nos Grandes Lagos durante a súa migración.[2] Migran de día, partindo unhas dúas horas despois da saida do sol e voando a altitudes de 1500 a 2700 m sobre o nivel do mar, sobre a capa convectiva e turbulenta de aire.[30] En inverno poden verse nas costas de Norteamérica baixando polo sur ata Baixa California, Sonora, norte de Sinaloa, sur de Texas, e raramente no norte de Tamaulipas.[31][32] No leste, varios milleiros delas invernan ao longo das costas europeas, probablemente procedentes de Islandia, Groenlandia e Canadá.[2] A súa área de distribución esténdese polo noroeste de Europa desde Finlandia a Portugal, e poden verse en Galicia, Asturias e o sur de España, así como no oeste do mar Mediterráneo nas costas de Cataluña, e Marrocos en África, aínda que só uns poucos centos viaxan ata o sur da península Ibérica.[2][32][33] Aínda que a fidelidade polos sitios de invernada non se coñece ben, anualmente, os adultos obsérvanse regresando dos mesmos lugares de invernada no océano Pacífico (Morro Bay), o golfo de México (baía Barataria), o océano Atlántico (Maryland e Massachusetts), e o encoro de lago Pateros.[29]

Usualmente invernas ao longo das costas e lagos interiores, baías, enseadas, e regatos,[25][34] Hai aves que migran ao corpo de auga máis próximo que non se conxele en inverno: as movellas do oeste de Canadá van ao Pacífico, as movellas dos Grandes Lagos á rexión do golfo de México, as movellas do leste de Canadá van ao Atlántico, e algunhas van a grandes enseadas de lagos e encoros.[27] Aparecen na maioría das augas interiores dos Estados Unidos. Na costa de Carolina do sur, costa do golfo adxacente ao mango de Florida, e litoral atlántico desde Massachusetts a Maine danse algunhas das maiores concentracións de movellas grandes.[35] Rexístranse aves errantes ocasionais no interior de México, en San Luis Potosí e Coahuila, e mesmo en Chiapas e Oaxaca no sur. Son accidentais no norte de Xapón e nas illas do Comandante do noroeste do Pacífico, e en Cuba no Caribe.[2]

Comportamento[editar | editar a fonte]

A movella grande é un experta nadadora, que captura as súas presas baixo a auga mergullándose ás veces ata 60 m.[22] Cos seus grandes pés palmados, a movella grande é un predador perseguidor subacuático eficiente e destro mergullador. Necesita unha gran distancia de carreira para acumular momento par engalar e botarse a voar, e é torpe en terra, deslizándose sobre o seu ventre e empurrándose cara adiante coas patas. A súa torpeza en terra débese a que as patas están situadas moi atrás no corpo; os seus músculos pélvicos están ben desenvolvidos,[36] o que é ideal para nadar pero non son nada axeitados para camiñar. Cando ameriza, deslízase sobre a auga co ventre para perder velocidade, en vez de frear cos pés, de novo porque estes están situados moi atrás. A movella grande nada e mergúllase moi ben, e voa moi aceptablemente durante centos de quilómetros durante a migración. Voa co pescozo estendido, xeralmente emitindo un son trémolo particular que pode usarse para identificalo. A súa velocidade en voo é de ata 120 km/h na migración.[22]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Alimentándose

Os peixes supoñen o 80% da dieta da movella grande. Aliméntase de peixes de ata 26 cm de lonxitude, como ciprínidos, catostómidos, Dorosoma, Ambloplites rupestris, alosas, lucios, peixes brancos diversos, Sander canadensis, Sander vitreus, Ameiurus nebulosus, Lepomis gibbosus, lotas, Lepomis macrochirus, Pomoxis annularis, Pomoxis nigromaculatus, Osmerus mordax e killis.[37] Os exemplares novos comen mormalmente pequenos ciprínidos, e ás veces insectos e fragmentos de vexetación verde.[38] A dieta en auga doce consiste principalmente en lucios, percas, cetrárquidos, troitas e bass; a dieta en auga salgada consiste maiormente en Sebastes, peixes planos, salmóns, arenques, esciénidos, burros e ateriniformes. Cando hai escaseza de peixes ou son difíciles de capturar, depredan cangrexos e outros crustáceos, caracois e outros moluscos, smesugas e outros anélidos, larvas de insectos, ras e de cando en vez materia vexetal de plantas acuáticas, como Potamogeton, raíces, musgos, brotes de salgueiros, sementes, e algas.[2][27][39] Tamén se observou que en ocasións comen crías de pato.[39]

A movella grande usa as súas potentes extremidades posteriores para propulsar o corpo baixo a auga a gran velocidade e capturar as súas presas. Se o peixe intenta escapar, a ave perségueo con excelente manobrabilidade subacuática grazas á enorme forza das súas patas.[27] Tragan a maioría das presas baixo a auga, onde as capturaron, pero algunhas que son moi grandes as traen primeiro á superficie. Tráganas coa cbeza or diante. É un predador visual, polo que esencial para que teña éxito na caza que as augas estean claras.[38] Normalmente mergúllase a entre 4 e 19 m de profundidade, pero rexistráronse inmersións de ata os 70 m.[2] O tempo medio que pasa mergullado é duns 42 segundos,[22] pero a duración máxima que aguanta mergullado é de aproximadamente 1 minuto.[2]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Nun niño á beira da auga en Maine
Ovo

A movella grande é monógama estacionalmente; as parellas que se forman permanecen xuntas durante toda a tempada reprodutora e sepáranse cando migran en inverno.[2][18] As parellas empezan a reproducirse aos dous anos de idade,[2] e os lazos de parella persisten ata o final da tempada reprodutora.[18] A copulación ten lugar nas ribeiras, a miúdo no sitio de nidación, repítena diariamente ata que poñen os ovos. O cortexo que a precede é moi simple, cun mutuas inmersións dos peteiros e mergullos de todo o corpo.[40] As exhibicións que fan ante os intrusos, como saltar baixando a cabeza (unha alternacia de posturas de esgrima e inmersión de peteiros[16]) e correr sobre a auga (correr pola "superficie da auga coas ás dobradas ou medio estendidas e bater as ás coa mesma velocidade coma cando van engalar"[41]) son a miúdo malinterpretadas como se fosen o cortexo.[39]

Adulto con poliños

A nidación empeza normalmente a inicios de maio,[42] e macho e femia constrúen o niño xuntos.[27] A maioría dos sitios de nidación encóntranse en illas en vez de na costa principal.[43] A parella reclama un territorio dunhas 24 a 80 ha e vixíao intensamente, incluso de noite,[44] defendéndoo e marcándoo física e vocalmente.[45] Entre o 16 e o 33% das loitas territoriais entre machos acaban coa morte da ave desprazada debido ás feridas.[46] Debido a esta agresiva defensa territorial que fan os adultos reprodutores, é improbable o parasitismo de posta.[47] O niño ten uns 56 cm de ancho e constrúese con herbas de pantano mortas e outras plantas indíxenas, e sitúano nun montículo nas costas con vexetación de lagos de máis de 3,7 ha.[19][27] Despois dunha semana de construción a final da primavera, un dos membros da parella sobe á parte superior do niño e moldea o seu interior coa forma do seu corpo.[27] Os sitios de nidación reutilízanse anualmente, e os estudos suxiren que nas seguintes reutilizacións teñan máis éxito na cría dos fillos que no intento inicial.[48] Baseándose en varios estudos, a media de éxito reprodutor é dun 40%, e maioría das crías que eclosionan sobreviven debido aos coidados parentais.[49]

Poñen os ovos a finais de maio ou en xuño.[27] As postas constan dun ou dous ovos ovais marróns oliváceos con manchas negras,[19] que deben incubarse durante 24 ou 25 días,[2] tarefa na cal colaboran ambos os proxenitores por quendas.[38] O niño sitúano xeralmente en costas de lagos con bastante pendente, nas que os adultos poden mergullarse na auga rapidamente se vén algún predador.[50] Os ovos teñen unhas dimensións de 88×55 mm[27] e cando poñen dous ovos fano cun intervalo de separación dun a tres días,[37] e eclosionan asincronamente.[49] Os polos acabados de eclosionar son de cor negro feluxe e teñen o ventre branco. Ás poucas horas de eclosionaren, os pitos abandonan o niño cos pais, nadando preto deles e ás veces montándose no lombo dos pais.[27] Os pais e os polos ao principio permanecen en augas pouco profundas de baías illadas, onde os pais poden defender mellor as crías.[50] Os polos poden facer pequenos mergullos desde o seu primeiro día,[51] pero fan mergullos máis profundos a medida que medran.[18] Tardan en emplumar de 70 a 77 días.[2] Xeralmente só crían unha camada.[27] Ambos os pais alimentan os fillos con presas vivas desde que eclosionan ata que empluman e cando teñen dous meses empezan a alimentarse e defenderse por si sós. Os pais capuran pequenos peixes e lévanllos en posición transversal no bico, chama os fillos e achégase a ele coa cabeza baixa para que os polos poidan agarrar o peixe.[51] Se a comida é escasa, a cría pode loitar intensamente, e a miúdo só sobrevive unha cría. Os polos abandonan os territorios de cría antes de que se empece a formar o xeo en outono.[19] Estimouse que unha parella de movellas que críen dous polos aliméntanos con 423 kg de peixe durante os cinco meses e medio que pasan no territorio de reprodución.[51] Algunhas movellas grandes chegan a vivir 20 anos ou máis,[2] e a idade máxima rexistrada foi de 29 anos e 10 meses.[52]

Vocalizacións[editar | editar a fonte]

A movella grande produce varias vocalizacións, as máis comúns das cales son o trémolo, o yodel, o laio, e o ouleo. Cada unha destas chamadas comunica unha mensaxe distinta. A frecuencia coa cal vocalizan varía segundo o momento do día, o tempo climatolóxico, e a estación. É unha ave máis activa vocalmente entre mediados de maio e mediados de xuño. O laio, o yodel e o trémolo son chamadas que fai máis de noite que polo día; as chamadas ocorren máis frecuentemente con temperaturas frías e cando chove pouco ou nada.[53]

O trémolo, ás veces chamado “riso”, caracterízse pola súa cualidade de curtas vacilacións da voz. Adoitan utilizar esta chamada para indicar angustia ou alarma causadas por disputas territoriais ou ameazas percibidas.[53] Emiten unha trémola serie de ata dez notas bastante altas, como un (hu)-heheheheheheha.[2] Tamén a usan para comunicar a súa presenza a outras movellas cando chegan a un lago, xeralmene cando van voando por riba dos outros. É a única vocalización que usan mentres están a voar.[54] O trémolo ten tres niveis e intensidade que se correlacionan con nivel de angustia do animal, e os tipos diferéncianse polas frecuencias cada vez máis altas do ton que se engaden á chamada.[55]

O yodel (canto tirolés) é unha longa e complexa chamada que fai só o macho. Utilízase para establecer as fronteiras territoriais e en confrontacións territoriais, e a lonxitude da chamada corresponde ao nivel de agresividade da movella.[56] As frecuencias dominantes no yodel indican a masa corporal e, por tanto, a saúde dos machos.[57] Un macho que ocupa un novo territorio parece alterar o seu yodel para que sexa claramente distinguible do que facía o anterior dono do territorio.[58]

O laio (wail) dunha movella é unha longa chamada que consta de tres notas, e a miúdo compárase ao ouveo dun lobo. Usan esta chamada para comunicar a súa localización a outras movellas. Emítena e devólvena entre a parella reprodutora ou entre un adulto e os seus polos, xa sexa para manteren o contacto ou como un intento de aproximárense despois de estaren separadas.[54] É algo así como un forte aaoo, wii-wea wii-wea wii-wea, ou ooo-aaah-éééé.[2]

O ouleo (hoot) é unha chamada tenue e curta e é outra forma de chamada de contacto. é unha chamada máis íntima que o laio e utilízase exclusivamente entre pequenos grupos familiares ou bandadas.[53] Fana para deixar que outras familias ou membros da bandada saiban onde están. Pode oirse a miúdo cando o adulto quere xuntar os polos para alimentalos.[54]

Predadores e parasitos[editar | editar a fonte]

As movellas grandes adultas teñen poucos predadores, aínda que as aguias de cabeza branca atacan as aves que está incubando. Tamén se teñen observado ataques de tiburóns en inverno.[18] Cando un predador se aproxima (ao niño ou á propia ave), a movella grande ás veces ataca o predador correndo cara a el e tratando de cravarlle o seu peteiro similar a unha daga, apuntando ao abdome do predador ou á parte posterior da cabeza ou pescozo.[59]

Os ovos poden comerllelos varios mamíferos, como visóns americanos, mofetas, londras, raposos e mapaches; este último é o responsable de case o 40% de todos os fracasos na reprodución. Aves como algunhas gaivotas, corvos grandes e corvos americanos comen ovos que non están vixiados. Como os seus niños están na beira da auga, os ovos son especialmente vulnerables se o adulto está ausente.[18]

Os polos poden ser vítimas das tartarugas Chelydra serpentina, gaivotas grandes, aguias de cabeza branca, e grandes peixes como o lucio e o Micropterus salmoides. A aguia especialmente é un predador significativo dos polos.[18]

Os parasitos internos da movella grande son moitas especies de vermes, como os trematodos, cestodos, nematodos e acantocéfalos.[60] Uns altos niveis de vermes poden ser o resultado de cambios na alimentación debido a unha escasa dispoñibilidade de peixes, e poden causar doenzas e morte.[61] Detectáronse nesta movella infeccións protozoarias como a causada por Eimeria gaviae[62] e a malaria aviaria.[63] A mosca negra Simulium annulus está estreitamente asociada coa movella grande, porque é atraída polas secrecións da glándula uropixial da ave e por sinais visuais e táctiles. Esta mosca é prexudicial para as movellas, que son os seus hóspedes favoritos, que transmiten parasitos sanguíneos e virus, e causan o abandono de niños cando hai moitas.[64] Entre os parasitos externos están os piollos das plumas Ischnocera, aínda que estes non se encontran na cabeza da ave.[65]

O botulismo, adquirido ao comer peixe infectado, pode orixinar a parálise e o afogamento. A asperxilose é outra causa de delgadez extrema e morte.[66] Os brotes destas doenzas ás veces causan miles de mortes.[38]

Status e conservación[editar | editar a fonte]

Desde 1998, a movella grande é considerada especie con "Preocupación menor" na Lista de especies ameazadas da IUCN, xa que ten unha ampla área de distribución, de máis de 20 000 km2, e porque ten unha tendencia poboacional estable. Ademais, tamén ten un gran tamaño de poboación de 612 000 a 640 000 individuos. A poboación reprodutora estimada vai de 1 400 a 2 600 individuos maduros en Europa.[33] Aproximadamente a metade da poboación reprodutora de Norteamérica encóntrase en Ontario con 97 000 parellas territoriais, e en Quebec con 50 000 parellas territoriais. Uns 2 400 individuos aparecen nas provincias marítimas de Canadá (Nova Escocia e Nova Brunswick). Na Columbia Británica hai 25 000 parellas territoriais. No alto norte de Canadá, hai unhas 50 000 parellas territoriais, e de 12 500 a 15 000 nas provincias das praderías: Alberta, Manitoba e Saskatchewan. Nos Estados Unidos, a maior poboación reprodutora está presente en Alasca con de 3 600 a 6 000 parellas territoriais. Na rexión dos Grandes Lagos estadounidense hai de 5&nbsp:900 a 7 200 destas parellas, o que supón a metade da poboación reprodutora dos Estados Unidos. Hai unhs 100 parellas territoriais nos estados do noroeste de Washington, Idaho, Montana e Wyoming. Unhas 2 250 parellas territoriais encóntranse en Nova Inglatera e Nova York. En inverno, de 3 500 a 4 500 individuos encóntranse no Reino Unido, e un número menor encóntrase na liña costeira de Europa occidental e en Islandia. Ao longo da costa do Pacífico, viven de 184 000 a 189 000 adultos e de 31 000 a 32 000 xuvenís, e ao longo da costa atlántica de 423 000 a 446 000 adultos e de 72 000 a 76 000 xuvenís.[18]

A especie está no Apéndice II da Convención para a Conservación de Especies Migratorias de Animais Salvaxes, e no Artigo I da Directiva de Aves da Unión Europea.[33] É unha das especies ás cales se aplica o Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-Euroasiáticas (AEWA).[67] En Europa aparece en 20 Zonas Importantes para a Conservación das Aves, como Irlanda, Svalbard, Noruega continental, Islandia, España, e o Reino Unido. É tamén unha especie na lista de 83 ZEPAs da rede Natura 2000 da Unión Europea.[33] O Servizo Forestal dos Estados Unidos designou a movella común como especie con status especial, e na rexión dos Grandes Lagos superiores dos Bosques Nacionais de Huron-Manistee, de Ottawa e Hiawatha designouse como especie sensible gardabosques rexional.[68]

A área reprodutora da movella grande desprazouse ao norte; a especie reproducíase máis ao sur ata Iowa hai un século.[69] Foi afectada negativamente pola chuvia ácida e a polución, e o envelenamento por chumbo por causa das chumbadas usadas na pesca (especialmente as que son do tamaño das pedriñas que a ave inxire[70]) e a contaminación por mercurio como residuo industrial.[71] Os metais pesados como o mercurio poden ser parcialmente retirados polos procesos biolóxicos como a excreción ou deposición nas plumas, pero os seus efectos adversos son magnificados pola concentración dos elementos tóxicos en órganos como o fígado. As cascas dos ovos poden tamén conter metais contaminantes,[72] que orixinan unha produtividade reprodutora baixa. Os altos niveis de metais pesados están ligados con que as movellas se encontren en peores condicións,[73] e os machos son máis afectados porque comen peixes máis grandes.[38]

A movella grande enfrontouse tamén a un declive na súa área reprodutora debido á caza, predación e flutuacións do nivel da auga ou asolagamentos. Fixéronse algúns intentos ambientalistas para incrementar o éxito na nidación mitigando os efectos dalgunhas destas ameazas, principalmente a depredación terrestre e as flutuación no nivel das augas nos territorios de reprodución da movella.[74] Ademais, proporcionáronse plataformas flotantes artificiais para a nidación para a movella grande nalgúns lagos para reducir o impacto dos cambios no nivel das augas debido aos encoros e outras actividades humanas.[75] A movella grande abandona os lagos que non lle proporcionan un hábitat axeitado para a nidación debido ao desenvolvemento urbanístico ou económico na súa liña costeira. Póñena en perigo as embarcacións persoais e barcas a motor que poden afogar os polos noviños, arrastrar os ovos á auga, ou asolagar os niños.[69] Aínda se considera unha especie damnificada en Alasca pola catástrofe da vertedura de petróleo do Exxon Valdez.[68]

Na cultura[editar | editar a fonte]

O Cassell's book of birds (Libro das aves de Cassel), ca 1875

As vocalizacións e aspecto da movella grande fixeron dela un personaxe que aparece en moitos contos dos indíxenas americanos. Un exemplo é unha historia dos ojibwe sobre unha movella que creou o mundo,[76] e unha saga dos micmac na que intervén Kwee-moo, unha movella que era un mensaxeiro especial do heroe tribal Glooscap (Glu-skap).[77] O conto do colar da movella ten moitas versións entre os pobos nativos da costa do Pacífico norteamericana.[78] A tribo dos delaware do leste de Norteamérica e os buryats de Siberia tamén crearon historias nas que intervén a movella.[79]

A movella grande era comida nas illas de Escocia desde o Neolítico ata o século XVIII, e a grosa capa de graxa que ten baixo a pel utilizábase para curar a ciática.[79]

A movella grande aparece nas moedas canadenses dun dólar, chamadas popularmente loonies polo nome en inglés do animal, loon, e tamén en series antigas de billetes de 20 dólares canadenses.[80] É a ave provincial de Ontario.[81] Foi designada ave do estado de Minnesota en 1961,[82] e tamén aparece na moeda conmemorativa dun cuarto de dólar correspondente a ese estado.[83] Un club da Liga maior de fútbol estadounidense (Major League Soccer), o Minnesota United FC utiliza a movella no seu escudo e nome popular.[84][85]

A chamada de laio da movella utilizouse moito en películas e televisión para evocar a natureza salvaxe e suspense, e menciónase en cancións como "Old Devil Moon" ("wanna laugh like a loon").[79]

A movella grande é un personaxe central no argumento da novela para nenos Great Northern? de Arthur Ransome de 1947, onde os conservacionistas triunfan ante os coleccionistas de ovos, unha actividade que daquela non se consideraba moi nociva.[86][87]

Na película de 2016 de Pixar Finding Dory (Buscando a Dory), convencen a unha movella algo desleixada e parva chamada Becky para que use un cubo para axudar a dous dos principais personaxes, Nemo e Marlin, a entrar nun instituto de vida mariña onde Dory está atrapada.[88] As movellas tamén aparecen na película de 1981 On Golden Pond (Na lagoa dourada).[89]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2016). "Gavia immer". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2016: e.T22697842A89564946. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22697842A89564946.en. Consultado o 10 November 2017. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 2,19 2,20 2,21 2,22 2,23 2,24 2,25 2,26 2,27 2,28 Carboneras, C; Christie, D A; Garcia, E F J (2016). del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A; de Juana, Eduardo, eds. "Common Loon (Gavia immer)". Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions. Consultado o 7 November 2016. (require subscrición (?)). 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para movella.
  4. Dicionario Digalego movella Arquivado 20 de agosto de 2018 en Wayback Machine.
  5. Conde Teira, Miguel Ángel (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada. Chioglossa. 
  6. Lovette, Irby J; Fitzpatrick, John W (2016). Handbook of Bird Biology (en inglés). John Wiley and Sons. p. 13. ISBN 978-1-118-29104-7. 
  7. Boertmann, D (1990). "Phylogeny of the divers, family Gaviidae (Aves)". Steenstrupia 16: 21–36. 
  8. Evers, David C (2004). Status Assessment and Conservation Plan for the Common Loon (Gavia immer) in North America (PDF). US Fish and Wildlife Service. p. 4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de outubro de 2017. Consultado o 23 de agosto de 2018. 
  9. Brünnich, Morten Thrane (1764). Ornithologia Borealis (en Latin). J C Kall. p. 38. 
  10. Shufeldt, R W (1914). "On the Oology of the North American Pygopodes" (PDF). The Condor 16 (4): 169–180. JSTOR 1362079. doi:10.2307/1362079. 
  11. Por exemplo, este artigo de 1951 en British Birds.
  12. Arnott, W.G. (1964). "Notes on Gavia and Mergvs in Latin Authors". Classical Quarterly (New Series) 14 (2): 249–62. JSTOR 637729. doi:10.1017/S0009838800023806. 
  13. International Commission on Zoological Nomenclature (1957–58). "The family-group names "Gaviidae" Coues, 1903 and "Urinatoridae" (correction of "Urinatores)" Vieillot, 1818 (Class Aves) – "Opinion" 401 and "Direction" 75". Bulletin of Zoological Nomenclature 15A: 147–48. 
  14. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 171, 203. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  15. Johnsgard, Paul A (1987). Diving birds of North America. University of Nebraska Press. p. 94. ISBN 978-0-8032-2566-4. 
  16. 16,0 16,1 Johnsgard, Paul A (1987). Diving birds of North America (en inglés). University of Nebraska Press. p. 107. ISBN 978-0-8032-2566-4. 
  17. Brodkorb, Pierce (1953). "A Review of the Pliocene Loons" (PDF). Condor 55 (4): 211–14. JSTOR 1364769. doi:10.2307/1364769. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 18,6 18,7 18,8 Evers, D C; Paruk, J D; McIntyre, J W; Barr, J F (2010). Rodewald, P G, ed. "Common Loon (Gavia immer)". The Birds of North America. Cornell Lab of Ornithology. (require subscrición (?)). 
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 19,7 19,8 19,9 Spahr, Robin (1991). Threatened, endangered, and sensitive species of the Intermountain region. United States Department of Agriculture, Forest Service, Intermountain Region. pp. 115–116. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 20,6 Dunne, Pete (2013). Pete Dunne's Essential Field Guide Companion: A Comprehensive Resource for Identifying North American Birds (en inglés). Houghton Mifflin Harcourt. p. 89. ISBN 978-0-544-13568-0. 
  21. Smith, Nathan D. (1 April 2012). "Body Mass and Foraging Ecology Predict Evolutionary Patterns of Skeletal Pneumaticity in the Diverse "waterbird" Clade". Evolution (en inglés) 66 (4): 1059–1078. ISSN 1558-5646. doi:10.1111/j.1558-5646.2011.01494.x. 
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 "The Uncommon Loon". Wisconsin Department of Natural Resources. Consultado o 2 June 2013. 
  23. 23,0 23,1 Kaufman, Kenn (2011). Kaufman Field Guide to Advanced Birding: Understanding what You See and Hear. Houghton Mifflin Harcourt. pp. 171–172. ISBN 978-0-547-24832-5. 
  24. Appleby, R H; Madge, S C; Mullarney, Killian (1986). "Identification of divers in immature and winter plumages" (PDF). British Birds 79 (8): 365–391. 
  25. 25,0 25,1 25,2 Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic (BWP) concise edition (2 volumes). Oxford: Oxford University Press. pp. 8–10. ISBN 0-19-854099-X. 
  26. Thompson, Stephanie A.; Price, J. Jordan (2006). "Water Clarity and Diving Behavior in Wintering Common Loons". Waterbirds: The International Journal of Waterbird Biology 29 (2): 169–175. JSTOR 4132565. doi:10.1675/1524-4695(2006)29[169:wcadbi]2.0.co;2. 
  27. 27,00 27,01 27,02 27,03 27,04 27,05 27,06 27,07 27,08 27,09 27,10 "All About Birds: Common Loon". Cornell Lab of Ornithology. Arquivado dende o orixinal o 25 May 2017. Consultado o 6 August 2017. 
  28. Arctic National Wildlife Refuge: final comprehensive conservation plan, environmental impact statement, wilderness review, and wild river plans (en inglés). United States Fish and Wildlife Service, Region 7. 1988. p. 450. 
  29. 29,0 29,1 Paruk, James D; Chickering, Michael D; Long, Darwin; Uher-Koch, Hannah; East, Andrew; Poleschook, Daniel; Gumm, Virginia; Hanson, William; Adams, Evan M (2 September 2015). "Winter site fidelity and winter movements in Common Loons (Gavia immer) across North America". The Condor 117 (4): 485–493. ISSN 0010-5422. doi:10.1650/CONDOR-15-6.1. 
  30. Kerlinger, Paul. "The migration of common loons through eastern New York" (PDF). Condor 84 (1): 97–100. doi:10.2307/1367828. 
  31. Rappole, John H; Blacklock, Gene W (1994). Birds of Texas: A Field Guide (en inglés). Texas A&M University Press. p. 14. ISBN 978-0-89096-545-0. 
  32. 32,0 32,1 Peterson, Roger Tory; Chalif, Edward L (1999). A Field Guide to Mexican Birds: Mexico, Guatemala, Belize, El Salvador (en inglés). Houghton Mifflin Harcourt. p. 3. ISBN 978-0-395-97514-5. 
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 "Gavia immer". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  34. Marine mammal and seabird survey of the Southern California Bight area (en inglés). National Technical Information Service, U.S. Department of Commerce. 1978. p. 849. 
  35. Garfield, Eagle; Mesa, Gunnison; Pitkin, Moffat; Routt, Rio Blanco; Colorado, Summit Counties (2002). White River National Forest (N.F.), Land and Resource Management Plan: Environmental Impact Statement (en inglés). United States Forest Service. p. 62. 
  36. Wilcox, Harry Hammond (1952). "The Pelvic Musculature of the Loon, Gavia Immer". The American Midland Naturalist 48 (3): 513–573. JSTOR 2422198. doi:10.2307/2422198. 
  37. 37,0 37,1 Sandilands, Al (2011). Birds of Ontario: Habitat Requirements, Limiting Factors, and Status: Volume 1–Nonpasserines: Loons through Cranes (en inglés). University of British Columbia Press. p. 171. ISBN 978-0-7748-5943-1. 
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 38,4 Gibson, J W (2007). "Gavia immer Brünnich Common Loon" (PDF). Michigan Natural Features Inventory. Michigan State University. pp. 1–6. 
  39. 39,0 39,1 39,2 Eastman, John (2000). The Eastman Guide to Birds: Natural History Accounts for 150 North American Species. Stackpole Books. p. 219. ISBN 978-0-8117-4552-9. 
  40. Sjölander, Sverre; Ågren, Greta (1972). "Reproductive behavior of the Common Loon" (PDF). The Wilson Bulletin 84 (3): 296–308. JSTOR 4160227. 
  41. Sjolander, S; Agren, G (1976). "Reproductive Behavior of the Yellow-Billed Loon, Gavia adamsii" (PDF). The Condor: 454–463. doi:10.2307/1367094. 
  42. Federal Energy Regulatory Commission, United States (1996). Deerfield River Projects [VT, MA] : Deerfield River Project, Bear Swamp Pumped Storage Project, Gardners Falls Project, in the Deerfield River Basin: Environmental Impact Statement (en inglés). pp. 3–27. 
  43. Radomski, Paul J; Carlson, Kristin; Woizeschke, Kevin (1 April 2014). "Common Loon (Gavia immer) Nesting Habitat Models for North-Central Minnesota Lakes". Waterbirds 37 (sp1): 102–117. ISSN 1524-4695. doi:10.1675/063.037.sp113. 
  44. Paruk, James D. (2008). "Nocturnal behaviour of the common loon, Gavia immer". Canadian Field Naturalist 122: 70–72. doi:10.22621/cfn.v122i1.548. 
  45. Rodriguez, R (2002). "Gavia immer (common loon)". Animal Diversity Web. Arquivado dende o orixinal o 14 July 2017. Consultado o 14 July 2017. 
  46. Piper, Walter H; Walcott, Charles; Mager, John N; Spilker, Frank J (2008). "Fatal battles in common loons: a preliminary analysis". Animal Behaviour 75 (3): 1109–1115. doi:10.1016/j.anbehav.2007.10.025. 
  47. Timmermans, Steven T A; Craigie, G Eoin; Jones, Kathy E (2004). "Common Loon pairs rear four-chick broods". The Wilson Bulletin 116 (1): 97–101. JSTOR 4164634. doi:10.1676/03-071. 
  48. Windels, Steve K; Beever, Erik A; Paruk, James D; Brinkman, Aleya R; Fox, Jennifer E; Macnulty, Cory C; Evers, David C; Siegel, Lori S; Osborne, Douglas C (1 November 2013). "Effects of water-level management on nesting success of common loons". The Journal of Wildlife Management (en inglés) 77 (8): 1626–1638. ISSN 1937-2817. doi:10.1002/jwmg.608. 
  49. 49,0 49,1 Eastman, John Andrew (1999). Birds of Lake, Pond, and Marsh: Water and Wetland Birds of Eastern North America. Stackpole Books. p. 216. ISBN 978-0-8117-2681-8. 
  50. 50,0 50,1 McIntyre, Judith W. (1983). "Nurseries: A Consideration of Habitat Requirements during the Early Chick-Rearing Period in Common Loons". Journal of Field Ornithology 54 (3): 247–253. JSTOR 4512827. doi:10.2307/4512827. 
  51. 51,0 51,1 51,2 Barr, J. F. (1 March 1996). "Aspects of Common Loon (Gavia immer) feeding biology on its breeding ground". Hydrobiologia (en inglés) 321 (2): 119–144. ISSN 0018-8158. doi:10.1007/bf00023169. 
  52. "Longevity Records Of North American Birds". U.S. Geological Survey. Consultado o 12 September 2017. 
  53. 53,0 53,1 53,2 Mennill, Daniel J (2014). "Variation in the Vocal Behavior of Common Loons (Gavia immer): Insights from Landscape-level Recordings". Waterbirds 37 (sp1): 26–36. doi:10.1675/063.037.sp105. 
  54. 54,0 54,1 54,2 "Loon Vocalizations: What are you hearing and what does it mean?". Vermont Fish and Wildlife. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2014. Consultado o 27 August 2017. 
  55. Barklow, William E (1979). "Graded Frequency Variations of the Tremolo Call of the Common Loon (Gavia immer)" (PDF). The Condor 81 (1): 53–64. JSTOR 1367857. doi:10.2307/1367857. 
  56. Mager III, John N; Walcott, Charles; Piper, Walter H (2012). "Male Common Loons Signal Greater Aggressive Motivation by Lengthening Territorial Yodels". Wilson Journal of Ornithology 124 (1): 73–80. doi:10.1676/11-024.1. 
  57. Mager, John N.; Walcott, Charles; Piper, Walter H. (2007). "Male common loons, Gavia immer, communicate body mass and condition through dominant frequencies of territorial yodels". Animal Behaviour 73 (4): 683–690. doi:10.1016/j.anbehav.2006.10.009. 
  58. Walcott, Charles; Mager, John N; Piper, Walter (1 March 2006). "Changing territories, changing tunes: male loons, Gavia immer, change their vocalizations when they change territories" (PDF). Animal Behaviour (en English) 71 (3): 673(11). doi:10.1016/j.anbehav.2005.07.011. 
  59. Davies, William E. (2004). "About the Cover. Common Loon" (PDF). Bird Observer 32 (3): 202–204. 
  60. Daoust, Pierre-Yves; Conboy, Gary; McBurney, Scott; Burgess, Neil (1 July 1998). "Interactive mortality factors in common loons from maritime Canada". Journal of Wildlife Diseases (en inglés) 34 (3): 524–531. doi:10.7589/0090-3558-34.3.524. 
  61. Klnsella, J M; Forrester, Donald J (1999). "Parasitic helminths of the Common Loon, Gavia immer, on its wintering grounds in Florida" (PDF). Journal of the Helminthological Society of Washington 66 (1): 1–6. 
  62. Montgomery, Roy D.; Novilla, Meliton N.; Shillinger, Robert B. (1978). "Renal Coccidiosis Caused by Eimeria gaviae n. sp. in a Common Loon (Gavia immer)". Avian Diseases 22 (4): 809–814. JSTOR 1589663. doi:10.2307/1589663. 
  63. Martinsen, Ellen S; Sidor, Inga F; Flint, Sean; Cooley, John; Pokras, Mark A (2017). "Documentation of malaria parasite (Plasmodium spp.) infection and associated mortality in a Common Loon (Gavia immer)". Journal of Wildlife Diseases 53 (4): on–line abstract. PMID 28665230. doi:10.7589/2016-08-195. 
  64. Weinandt, Meggin L; Meyer, Michael; Strand, Mac; Lindsay, Alec R (2012). "Cues used by the black fly,Simulium annulus, for attraction to the common loon (Gavia immer)". Journal of Vector Ecology 37 (2): 359–364. doi:10.1111/j.1948-7134.2012.00239.x. 
  65. Rothschild, Miriam; Clay, Theresa (1953). Fleas, Flukes and Cuckoos. A Study of Bird Parasites. London: Collins. p. 153. 
  66. Franson, J.C.; Cliplef, David J. (1992). "Causes of mortality in common loons". Proceedings from the 1992 Conference on the Loon and its Ecosystem: Status, management, and environmental concerns (PDF). US Fish and Wildlife Service. pp. 2–12. 
  67. "Gavia immer | AEWA". Arquivado dende o orixinal o 16 August 2016. Consultado o 12 July 2017. 
  68. 68,0 68,1 Tischler, Keren B (2011). "Species Conservation Assessment for the Common Loon (Gavia immer) in the Upper Great Lakes" (PDF). USDA Forest Service, Eastern Region: 1–59. 
  69. 69,0 69,1 Wiland, L (2007). "Common Loon Conservation Status- Migratory Birds of the Great Lakes – University of Wisconsin Sea Grant Institute". Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2017. Consultado o 12 July 2017. 
  70. Franson, J. Christian; Hansen, Scott P.; Pokras, Mark A.; Miconi, Rose (2001). "Size Characteristics of Stones Ingested by Common Loons". The Condor 103 (1): 189–191. JSTOR 1369696. doi:10.1650/0010-5422(2001)103[0189:scosib]2.0.co;2. 
  71. Locke, L N; Kerr, S M; Zoromski, D (1982). "Lead Poisoning in Common Loons (Gavia immer)" (PDF). Avian Diseases 26 (2): 392–396. doi:10.2307/1590110. 
  72. Burger, Joanna; Pokras, Mark; Chafel, Rebecca; Gochfeld, Michael (1994). "Heavy metal concentrations in feathers of common loons (Gavia immer) in the Northeastern United States and age differences in mercury levels". Environmental Monitoring and Assessment 30 (1): 1–7. PMID 24213705. doi:10.1007/BF00546196. 
  73. Scheuhammer, Anton M; Wong, Allan H K; Bond, Della (1998). "Mercury and selenium accumulation in common loons (Gavia immer) and common mergansers (Mergus merganser) from Eastern Canada". Environmental Toxicology and Chemistry 17 (2): 197–201. doi:10.1002/etc.5620170209. 
  74. Desorbo, Christopher R; Taylor, Kate M; Kramar, David E; Fair, Jeff; Cooley, John H; Evers, David C; Hanson, William; Vogel, Harry S; Atwood, Jonathan L (1 June 2007). "Reproductive advantages for Common Loons using rafts". Journal of Wildlife Management 71 (4): 1206–1213. ISSN 0022-541X. doi:10.2193/2006-422. 
  75. McIntyre, Judith W; Mathisen, John E (1977). "Artificial Islands as Nest Sites for Common Loons". The Journal of Wildlife Management 41 (2): 317–319. JSTOR 3800613. doi:10.2307/3800613. 
  76. Svingen, Peder H; Hertzel, Anthony X (2000). The Common Loon: Population Status and Fall Migration in Minnesota. Minnesota Ornithologists' Union. p. 1. 
  77. Leland, Charles Godfrey (2012). The Algonquin Legends Of New England (Annotated Edition) (en inglés). Jazzybee Verlag. p. 48. ISBN 9783849622657. 
  78. Stallcup, Rich; Evens, Jules (2014). Field Guide to Birds of the Northern California Coast. University of California Press. p. 60. ISBN 978-0-520-27616-1. 
  79. 79,0 79,1 79,2 Cocker, Mark; Mabey, Richard (2005). Birds Britannica. London: Chatto & Windus. pp. 306–307. ISBN 978-0-7011-6907-7. 
  80. Grzimek, Bernhard; Schlager, Neil (2003). Grzimek's Animal Life Encyclopedia, Volume 8: Birds I. Gale. p. 161. ISBN 978-0-7876-6571-5. 
  81. Townsley, Frank (2016). British Columbia: Graced by Nature's Palette. FriesenPress. p. 191. ISBN 978-1-4602-7773-7. 
  82. Carlson, Bruce M (2007). Beneath the Surface: A Natural History of a Fisherman's Lake (en inglés). Minnesota Historical Society. p. 159. ISBN 978-0-87351-578-8. 
  83. Noles, Jim (2009). A Pocketful of History: Four Hundred Years of America—One State Quarter at a Time. Da Capo Press. ISBN 978-0-7867-3197-8. 
  84. La Vaque, David (27 October 2016). "Minnesota United to donate portion of 2017 season ticket purchases to help loons". Star-Tribune (Minneapolis). Consultado o 8 September 2017. 
  85. How Minnesota United became "the loons"
  86. Ransome, Arthur (1947). Great Northern?. Jonathan Cape. pp. 1–351. 
  87. Hardyment, Christina (1984). Arthur Ransome & Captain Flint's Trunk. London: Jonathan Cape. pp. 201–204. ISBN 978-0-224-02989-6. 
  88. Scott, A O (15 June 2016). "Review: In ‘Finding Dory,’ a Forgetful Fish and a Warm Celebration of Differences". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Arquivado dende o orixinal o 11 May 2017. Consultado o 14 August 2017. 
  89. Wolcott, James (1982). "Big frogs, small pond". Texas Monthly 10 (1): 120. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]