Dimorfismo sexual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Macho e femia de Éider

O dimorfismo sexual é definido como a diferenza de formas, coloración e tamaños entre machos e femias dunha mesma especie. Preséntase na maioría das especies, nun maior ou menor grao.

Nalgunhas especies as femias son as máis grandes (como tal, nalgunhas aves rapaces e arañas) pero na maior parte das veces o dimorfismo sexual, sobre todo no caso dos mamíferos, é o macho o que presenta maior tamaño, algunhas veces dun xeito moi notable.

Tamén se dá o caso de que individuos do mesmo sexo presentan distinto aspecto morfológico, por exemplo ó longo das fases de crecemento, o que recibe o nome de polimorfismo sexual.

No caso da clase aves, é moi común falar de dimorfismo sexual referíndose á plumaxe: os machos en xeral presentan unha plumaxe máis rechamante que o das femias. Por iso exprésase sen ou con dimorfismo sexual, segundo machos e femias compartan ou non o colorido das súas plumaxes. Pero adoita darse o caso de que a plumaxe presente dimorfismo estacional, é dicir, unha plumaxe diferente para macho e femia, durante a estación reprodutiva, ou durante a estación invernal ou non reprodutiva. Este dimorfismo estacional é frecuente en aves migratorias.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]