Movella de bico branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gavia adamsii
Yellow-billed Loon Chipp South 8-12-13 Ryan Askren.jpg
Individuo con plumaxe reprodutiva
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Gaviiformes
Familia: Gaviidae
Xénero: Gavia
Especie: G. adamsii
Nome binomial
Gavia adamsii
(Gray,GR, 1859)
     Zona de cría en amarelo.      Zona de invernada en laranxa

     Zona de cría en amarelo.      Zona de invernada en laranxa
Sinonimia

Colymbus adamsii

A movella[2][3] de bico branco ou mobella de bico branco[4] (Gavia adamsii) é unha especie de ave gaviforme da familia Gaviidae que habita no Holártico. É unha ave acuática migratoria que cría no norte de Eurasia e norte de Norteamérica, e pasa o inverno nas costas do Pacífico norte e Escandinavia.

Descrición[editar | editar a fonte]

Individuo novo.
Adulto en plumaxe de inverno.

As movellas son aves acuáticas que adoitan ter un tamaño maior que o dun pato, con plumaxes nas partes superiores con padróns de cor negra con pintas brancas, e as inferiores brancas, aínda que algúns dos seus membros teñen a cabeza e o pescozo grises. As movellas nadan co corpo semimergullado e teñen a cola curta. Teñen as patas curtas e situadas moi atrás e con dedas palmadas, o que as converte en grandes mergulladores, pero fainos torpes en terra. Os seus bicos son rectos e bicudos.

A movella de bico branco en verán posúe unha plumaxe negra nas partes superiores cun denso debuxo de pintas brancas a modo de dameiro, mentres que as súas partes inferiores son brancas, e rodeando o seu pescozo presenta unha banda de finas liñas brancas e negras, a modo de colar incompleto por detrás. Caracterízase polo seu bico lixeiramente curvado cara arriba e de tonalidade branca ou amarelada, que o diferencia do resto de movellas. Mide uns 80 cm de longo e 130 cm de envergadura alar. En inverno as súas partes superiores vólvense de cor cincenta e a súa gorxa e pescozo vólvense brancos como o resto das partes inferiores.

Taxonomía e etimoloxía[editar | editar a fonte]

A movella de bico branco é unha das cinco especies do xénero Gavia, o único xénero da familia Gaviidae e a orde Gaviiformes.[5] A movella de bico branco foi descrita cientificamente polo zoólogo inglés George Robert Gray en 1859,[5] co nome de Colymbus adamsii. Durante moito tempo estivo clasificada, como o resto da súa familia, xunto aos mergullóns na orde Colymbiformes. Cando se invalidou o xénero Colymbus e se separaron os colimbos dos mergullóns en dúas ordes distintas, Gaviiformes e Podicipediformes respectivamente, os seus integrantes trasladáronse ao xénero Gavia, proposto por Johann Reinhold Forster en 1788. Non se recoñecen subespecies da movella de bico branco malia a súa ampla distribución.[6] Está estreitamente emparentada coa movella grande.

O nome do xénero, Gavia, é un termo latino que designaba unha ave mariña non identificada,[7] mentres que o seu nome específico, adamsii significa 'de Adams', en honra do médico naval e naturalista inglés Edward Adams,[8] que en varias viaxes polo ártico debuxou e recolectou exemplares desta especie e moitas outras.[9]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A movella de bico branco é unha especie que cría principalmente nas costas do Ártico, chegando ata o paralelo 78° N, e pasa o inverno nas augas costeiras do Pacífico norte e do noroeste de Noruega.[10] A súa zona de cría rexístrase en Rusia, Canadá e Estados Unidos.[1] Aínda que pasa o inverno principalmente ao norte do paralelo 50° N, a súa área de invernada esténdese cara ao sur ata o paralelo 35° N nas costas do Xapón,[10] e observouse como divagante en máis de 20 países,[1] incluídos algúns tan ao sur como México e España.[11][1]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Aliméntase principalmente de peixes, aínda que tamén come crustáceos, moluscos e anélidos. Atrapa as súas presas mergullándose.[10]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Como os demais colimbos forma parellas duradeiras. Aínda que prefire as charcas e lagos de auga doce da tundra, a movella de bico branco tamén cría nos ríos, estuarios e costas baixas do ártico. En xeral evita as zonas forestais. A época de cría adoita empezar en xuño, aínda que depende da época na que se produza o desxeo primaveral. Como os demais membros da súa familia esta movella aniña preto da beira da auga. A cópula ten lugar en terra, sen un cortexo complexo. A femia adoita poñer dous ovos. Durante a época de cría a parella defende un territorio grande dos intrusos, aínda que máis adiante poden unirse a outros individuos nos puntos de boa pesca.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2012). "Gavia adamsii". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2015.4 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 18 de febreiro de 2011. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para movella.
  3. Dicionario Digalego movella Arquivado 20 de agosto de 2018 en Wayback Machine.
  4. Conde Teira, Miguel Ángel (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada. Chioglossa. 
  5. 5,0 5,1 Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Gaviiformes
  6. Frank Gill e David Donsker. Loons, penguins, petrels. IOC World Bird List versión 5.4.
  7. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. p. 171. ISBN 978-1-4081-2501-4.
  8. Johnsgard, Paul A. (1987). "Diving Birds of North America: Appendices". University of Nebraska, Lincoln. p. 265. Consultado o 6 de marzo de 2010. 
  9. Holloway, Joel Ellis (2003). Dictionary of birds of the United States: Scientific and Common Names. Portland, OR, USA: Timber Press. p. 99. ISBN 0-88192-600-0. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Carboneras 1992, p. 172
  11. Howell, Steve N.G.; Webb, Sophie (1995). A Guide to the Birds of Mexico and Northern Central America. Oxford University Press. p. 93. ISBN 0-19-854012-4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carboneras, Carles (1992). "Family Gaviidae (Divers)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 162–172. ISBN 84-87334-10-5. 
  • Hume, Rob (2002). Guía de campo de las aves de España y Europa. Ediciones Omega. ISBN 84-282-1317-8. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]