Lepomis gibbosus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Lepomis gibbosus
Lepomis gibbosus PAQ.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Familia: Centrarchidae
Xénero: Lepomis
Especie: Lepomis gibbosus
(Linnaeus, 1758)

Lepomis gibbosus é unha especie de peixe perciforme de auga doce norteamericano da familia dos Centrarchidae.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A súa área de distribución xeográfica natural en Norteamérica vai desde Nova Brunswick baixando cara ao sur pola costa leste ata Carolina do Sur, e despois cara ao interior cara ao centro do continente estendéndose ata Iowa e Pensilvania. Ademais, foron introducidos na maior parte de Norteamérica, e agora poden encontrrse en Washington e Oregón na costa do Pacífico e ata Xeorxia polo sur. Porén, onde son máis abondosos é no noroeste de Estados Unidos e máis raramente na rexión central sur e suroeste do continente.[2]

Área invasiva de L. gibbosus en Europa (en vermello)

En Europa foi introducida tamén e considérase unha especie invasora, que compite con vantaxe con especies nativas.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

Exemplar capturado no lago St. Clair (entre Michigan e Ontario)

Teñen normalmente unha lonxitude de 10 cm, pero poden crecer ata os 28 cm.[4] Pesan habitualmente menos de 450 g, e a marca mundial é un exemplar de 680 g capturado no lago Honeoye (Nova York).[5] Son de cor laranxa, verde, amarela ou azul, con manchas na parte lateral e superior e un peito e ventre amarelos-laranxas. A coloracion das súas escamas ctenoides é unha das máis rechamantes en peixes de auga doce e pode ir desde o verde oliva ou marrón a un laranxa brillante e azul. As partes laterais están cubertas con barras verticai cor verde esvaído ou azul, que son máis predominantes nas femias. As aletas dorsal, anais e caudal poden estar cubertas de manchas laranxas e as meixelas están cruzadas por liñas azuis. É característica unha mancha laranxa-vermella na marxe do seu opérculo. As aletas pectorais poden ser de cor ámbar ou claras, mentres que as espiñas dorsais son negras. Teñen un corpo pequeno que ten a forma dunha semente de cabaza. A boca é pequena cunha mandíbula superior que acaba xusto baixo o ollo.[6]

Esta especie é moi similar ao Lepomis macrochirus, que a míudo se encontra nos mesmos hábitats. Unha diferenza entre as dúas especies é a cuberta opercular, que é negra en ambas as especies, pero en L. gibbosus na porción traseira ten unha mancha carmesí con forma de media lúa. Os L. gibbosus teñen sete ou oito bandas irregulares verticais nos seus laterais, que son de cor máis clara comparadas coas do L. macrochirus.[7]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Viven en augas cálidas e en calma de lagos, lagoas e pozas de regatos e pequenos ríos con moita vexetación. Prefiren as augas claras, onde poden encontrar refuxio. Adoitan permanecer preto da ribeira poden abundar en zonas pouco profundas e áreas protexidas. Aliméntanse en todos os niveis da columna de auga, desde a superficie ao fondo de día, e comen sobre todo ao mediodía. Xeralmente nadan xuntos en bancos que poden incluír tamén L. macrochirus e outros Lepomis.[8]

Son máis tolerantes ás augas con niveis baixos de oxíxeno que os L. macrochirus, pero menos tolerantes ás augas cálidas. Grupos de individuos novos forman bancos preto da ribeira, pero os adultos adoitan nadar en grupos de dous ou catro en augas pouco profundas pero cubertas. Son activos todo o día, mais descansan de noite preto do fondo ou en áreas protexidas en rochas ou preto de troncos mergullados.

Dieta[editar | editar a fonte]

Aliméntanse de diversos animais pequenos na superficie da auga e no fondo. Entre os seus favoritos están insectos, larvas de mosquitos, pequenos moluscos e crustáceos, vermes, crías de ciprínidos e mesmo outros L. gibbosus máis pequenos. Sábese que tamén comen pequenos cangrexos e ocasionalmente pequenos cachos de vexetación. Teñen unha boca terminal no extremo do fociño.[2]

Os que viven en augas onde hai grandes gasterópodos teñen bocas máis grandes e músculos asociados para mchucar as cunchas deses animais.[9]

Pesca con cana[editar | editar a fonte]

Son doados de pescar porque morden axiña os vermes e outros animais dos iscos. Moitos pescadores de cana consideran que esta especie é unha molestia, xa que son eles os que morden o anzó cando o pescador quere capturar outras especies. Son moi populares entre os pescadores pola mencionada tendencia de morder o anzó, a súa abundancia e a súa presenza preto da ribeira. Aínda que moita xente considera que a súa carne ten bo sabor, non é un peixe popular para a pesca deportiva polo seu pequeno tamaño.[2][6]

Conservación[editar | editar a fonte]

É unha especie moi común e non está na lista de CITES. A IUCN considera que está nunha situación Pouco preocupante (non ameazada).[1] Os seus terreos de desova poden ser perturbados polo desenvolvemento das riberias e a erosión das costas polo uso frecuente dos lagos. A súa susceptibilidade ao limo e á contaminación fai que sirva como indicador da limpeza e saúde das augas.[8]

Reprodución e ciclo vital[editar | editar a fonte]

Unha vez que as temperaturas da auga chegan a 13-17ºC a finais da primavera e principios de verán, os machos empezan a construír un niño normalmente en sitios de augas pouco profundas dos lagos con fondos de grava ou area. O macho utiliza a súa aleta caudal para varrer unha área e formar buratos ovalados dunha lonxitude dobre da dun individuo da súa especie. O peixe retira restos e grandes pedras do niño coa súa boca.

Os niños dispóñenos en colonias que conteñen de 3 a 15 niños. A miúdo, os L. gibbosus constrúen os niños ao lado dos de L. macrochirus e as dúas especies hibrídanse. Os machos de L. gibbosus son vigorosos e agresivos e defenden os seus niños estendendo os opérculos. Debido a este comportamento agresivo, os L. gibbosus adoitan manter territorios máis grandes que os dos L. macrochirus.

As femias chegan despois de que os niños están completamente formados, procedentes de augas máis profundas. A femia libera os ovos e o macho o esperma. As femias poden desovar en máis dun niño e un mesmo niño pode ser utilizado por máis dunha femia. Ademais, máis dunha femia pode desovar simultaneamente nun mesmo niño acompañadas dun macho. As femias poden producir de 1500 a 1700 ovos, dependendo do seu tamaño e idade.

Unha vez liberados os ovos, quedan pegados á grava, area ou outros restos que haxa no niño e poden eclosionar en só tres días. As femias deixan o niño inmediatamente despois da desova, pero os machos permanecen e gardan a súa descendencia. O macho protexe as crías os primeiros 11 días, volvéndoos a levar ao niño na súa boca se se afastan do niño.

As crías permenecen en ou preto do sitio reprodutor de augas pouco profundas e medran ata os 5 cm no seu primeiro ano. A madureza sexual chégalles aos dous anos de vida. En catividade sábese que algúns viviron ata os 12 anos, pero na natureza a maioría non supera os seis ou oito anos.[10]

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Exemplar novo con espiñas visibles e placas branquiais

A especie adaptouse de diversas maneiras á contorna concreta onde viva. A súa pel reflicte a camuflaxe máis axeitada para o seu hábitat. O debuxo que ten lembra o dos reflexos da luz solar nos fondos de augas profundas de ríos e baías de lagos.

Desenvolveu un método específico de protección. Ao longo da aleta dorsal hai de 10 a 11 espiñas, e tres espiñas adicionais na aleta anal. Estas espiñas son moi agudas, o que é unha boa defensa. Ten a capacidade de anticiparse aos predadores (ou presas) que se achegan detectándoos polo seu sistema da liña lateral, que percibe os cambios ou movementos na auga utilizando mecanorreceptores.

Os seus opérculos brillantemente coloreados serven tamén como método de protección e dominancia. A mancha escura na parte posterior do opérculo (fai de ocelo de mimetismo) crea a ilusión de que o ollo do peixe é máis grande e está situado máis atrás no corpo, polo que o animal parece catro veces máis grande do que realmente é. Cando se seente ameazado por un depredador, ensancha os opérculos e mostra as branquias para parecer máis grandes do que é e mostrar un flash de cor vermella. Os machos tamén fan isto na estación de desova primaveral nunha exhibición de dominancia e territorialidade.

Nas rexións máis ao sur da súa área de distribución, desenvolven unha boca cunha apertura bucal moito maior e uns músculos mandibulares anormalmente grandes que usan para comer; aliméntanse alí de pequenos crustáceos e moluscos. O maior raio de trabada e a musculatura maior permítenlles romper as cunchas das súas presas para chegar aos tecidos brandos do interior.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 NatureServe (2013). "Lepomis gibbosus". The IUCN Red List of Threatened Species (IUCN) 2013: e.T202555A18237003. doi:10.2305/IUCN.UK.2013-1.RLTS.T202555A18237003.en. Consultado o 15 January 2018. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Pumpkinseed sunfish (Lepomis)." Discover the Outdoors.
  3. Leppakoski, Erkki (1998). Invasive aquatic species of Europe: distribution, impacts, and management. Kluwer Academic Publishers. The Netherlands. pp. 156–162.
  4. Froese, Rainer and Pauly, Daniel, eds. (2015). "Lepomis gibbosus" in FishBase. May 2015 version.
  5. Angler: Robert Warne. International Game Fish Association
  6. 6,0 6,1 Rook, Earl. Lepomis gibbosus Pumpkinseed Sunfish. rook.org
  7. "Pumpkinseed Lepomis gibbosus." Arquivado 01 de decembro de 2011 en Wayback Machine. University of Wisconsin Sea Grant Institute.
  8. 8,0 8,1 "Fishes of Minnesota: Pumpkinseed: Minnesota DNA." Minnesota Department of Natural Resources: Minnesota DNR.
  9. 9,0 9,1 Mittelbach, Gary (1999). "Variation in feeding morphology between pumpkinseed populations: Phenotypic plasticity or evolution?". Evolutionary Ecology Research 1: 111–128. 
  10. Danylchuk, A.J. (1994). "Seasonal reproductive patterns of pumpkinseed (Lepomis gibbosus) populations with varying body size characteristics". Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences 51 (3): 490–500. doi:10.1139/f94-051.