Fígado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Fígado
Gray1224.png
En vermello, localización do fígado con respecto ao resto do organismo.
Latín 'Hepar'
Gray's asunto #250 1188
Sistema Dixestivo
Circulatorio
Arteria Hepática
Vea Hepática, Porta
Nervio(s) Ganglios celíacos, Nervio vago

O fígado é un órgano vital presente nos vertebrados e nalgúns outros animais, no ser humano constitúe a maior glándula do corpo humano. Localízase no canto dereito superior do abdome, baixo o diafragma, e o seu peso aproximado é de case 1,5 kg no home adulto e un pouco menos na muller; en cativos é proporcionalmente maior, pois constitúe 1/20 do peso total dun recén nacido. Na primeira infancia é un órgano tan grande que pode ser sentido abaixo da marxe inferior das costelas, no lado dereito. Funciona como glándula exócrina, isto é, libera secrecións en sistema de canais que se abren nunha superficie externa ou interna. Actúa tamén como glándula endócrina, unha vez que tamén libera substancias no sangue ou nos vasos linfáticos.

Funcións do fígado[editar | editar a fonte]

Nalgunhas especies animais o metabolismo alcanza a actividade máxima despois da alimentación; isto diminúelles a capacidade de reacción a estímulos externos. Noutras especies, o control metabólico é estacionario, sen diminución desta reacción. A diferenza é determinada polo fígado e a súa función reguladora, órgano básico da coordinación fisiolóxica.

Entre algunhas das funcións do fígado, podemos citar:

Unha fábrica de procesamento[editar | editar a fonte]

Alén das funcións citadas máis enriba, este órgano efectúa aproximadamente 220 funcións diferentes todas interligadas e correlacionadas. Unha das súas principais actividades é a formación e excreción da bile; as células hepáticas producen en torno de 1,5 l por día, descargándoa a través do conduto hepático. A transformación de glicosa en glicóxeno, este coñecido como amidón animal, e o seu almacenamento, dáse nas células hepáticas. Ligada a este proceso, está a regulación e a organización de proteínas e graxas en estruturas químicas utilizábeis polo organismo na concentración dos aminoácidos no sangue, que resulta na conversión de glicosa, esta utilizada polo organismo no seu metabolismo. Neste mesmo proceso, o subproduto resulta é a urea, eliminada polo ril. Alén diso, paralelamente existe a elaboración da seroalbumina, da seroglobulina e do fibrinóxeno, isto todo ao mesmo tempo en que ocorre a desintegración dos glóbulos vermellos. Durante este proceso, tamén actúa en diversos outros, todo simultaneamente, destruíndo, reprocesando e reconstruíndo, como se fosen varios órganos independentes, por exemplo, á vez que destrúe as hemacias, o fígado forma o sangue no embrión, a heparina, a vitamina A a partir do caroteno, entre outros.

O fígado, alén de producir nos seus procesos diversos elementos vitais, aínda actúa como un depósito, almacenando auga, ferro, cobre e as vitaminas A, D e as do complexo B.

Durante o seu funcionamento produce calor, participando da regulación do volume sanguíneo. Ten acción antitóxica importante, procesando e eliminado os elementos nocivos de bebidas alcohólicas, café, barbitúricos ou graxas, entre outros. Alén diso, ten un papel vital no proceso de absorción dos alimentos.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Fígado anterior.

Nos humanos, o fígado ten forma de prisma, con ángulos arredondados, dándolle aparencia ovalizada. A súa coloración é vermello-escuro, tendendo ao marrón avermellado. Os tecidos que o compoñen son de natureza moi fráxil, a súa aparencia e consistencia seguen o padrón doutros animais. A súa localización é na parte máis alta da cavidade abdominal, embaixo do diafragma no hipocondrio dereito.

Está formado por tres superficies: superior ou diafragmática, inferior ou visceral e posterior. Algúns anatomistas dividen o órgano en dous lobos, o dereito é ben maior que o esquerdo, tendo aínda máis dous lobos menores situados entre o dereito e o esquerdo.

A superficie superior fica inmediatamente debaixo do diafragma e o ligamento falciforme divídea en dous lobos: o dereito e o esquerdo.

A superficie inferior é plana, dividida por tres sucos, dando unha forma de H. Na parte anterior do suco dereito, atópase a vesícula biliar, que é unha bolsa membranosa que almacena bile; na parte frontal do suco esquerdo, está situado o ligamento redondo que é unha extensión da vea umbilical.

Lobos hepáticos[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal: Lobo (fígado)


Existe aínda un suco transverso determinado polo hilo, que é por onde entran e saen todos os vasos sanguíneos, exceptuando as veas hepáticas. Os sucos dividen a superficie inferior do fígado en catro lobos: o dereito ou cuadrilátero; o esquerdo ou triangular; o cadrado, situado na parte da fronte do hilo e, por último, o alongado na parte posterior, tamén chamado de lobo de Spiegel.

Fixación[editar | editar a fonte]

O fígado ten gran parte da superficie externa revestida polo peritoneo, que forma os ligamentos que o conectan ao abdome e ás vísceras veciñas. Envolvéndoo, hai un invólucro especial, formado pola chamada cápsula de Glison, que reviste todo o órgano, sen interrupción, como unha capa, e que na parte máis próxima do hilo envolve a arteria hepática, a vea porta, o condutor hepático e os nervios.

Aínda que o tecido hepático sexa brando, a cápsula que o recobre é extremadamente resistente e diminúe a posibilidade de lesións traumáticas. En caso de ruptura, as consecuencias son gravísimas, pois o tecido interno lacérase con gran facilidade.

O órgano está constituído por aproximadamente cen mil lóbulos, que son minúsculos agregados celulares formados polas células hepáticas, organizadas en cordóns dispostos en volta da vea chamada centrolobular. A vea porta contén moitas pequenas ramificacións, ligadas ás sinusoides, que son espazos comprendidos entre as diversas capas de células hepáticas.

Hematoloxía e irrigación[editar | editar a fonte]

O fígado é irrigado pola arteria hepática, cuxa función é levar sangue arterial osixenado necesario para o seu metabolismo.

O sangue procedente do bazo e do intestino vén da vea porta; este é rico en substancias nutritivas, absorbidas durante a dixestión. O sangue é recollido pola vea centrolobular e conducido para veas cada vez máis grosas, ata chegar á vea suprahepática.

Procesamento químico e subprodutos[editar | editar a fonte]

Monumento ó fígado en Valón, Doniños, Ferrol

As impurezas son filtradas polo fígado, que destrúe as substancias tisulares transportadas polo sangue. Os lípidos, glícidos, proteínas, vitaminas, etc., vidos polo sangue venoso, son transformados en diversos subprodutos.

Os glícidos son convertidos en glicosa que, metabolizada, se converte en glicóxeno, e, novamente convertida en azucre que é liberado para o sangue cando cae o nivel en plasma. As células de Kupfer, que se atopan nos sinusoides, actúa sobre as células sanguíneas que xa non teñen vitalidade, e sobre bacterias, sendo descompostas e convertidas en hemoglobina e proteínas, xerando a bilirrubina, que é colectada polos condutores biliares, que pasan entre cordóns desas células que segregan bile; esta, á súa vez, vaise movendo a condutos de maior calibre, ata chegar ao canal hepático (tamén chamado ducto hepático); neste, únese nunha forquilla en forma de Y co ducto cístico, chegando á vesícula biliar. Da unión en Y, o ducto biliar común esténdese ata o duodeno, primeiro treito do intestino delgado, onde a bile vai se mesturar co alimento para participar na dixestión. O alimento descomposto atravesa as paredes permeábeis do intestino delgado e as súas moléculas penetran na corrente sanguínea. A vea porta conduce estas ao fígado que as combina e recombina, remitíndoas ao resto do organismo.

A importancia do fígado e o seu poder de rexeneración[editar | editar a fonte]

En casos de impactos moi fortes pode haber ruptura da cápsula que recobre o fígado, coa inmediata laceración do tecido do órgano.

As lesións en xeral son importantes e de extrema gravidade, podendo ser moitas veces fatais, debido á enorme cantidade de sangue que pode perderse, dado o gran número de vasos sanguíneos que compoñen o órgano. Se en caso de accidente grave, e consecuente lesión, a persoa logra sobrevivir, o fígado xeralmente demostrará alto e rápido poder de rexeneración.

Enfermidades[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Hepatotoxicidade.

Entre as principais enfermidades que atacan ao fígado están as Hepatites agudas de etioloxía descoñecida, chamadas de hepatites criptoxénicas, as hepatites B, C, D e E, as doenzas alcohólicas do fígado, as doenzas hepáticas tóxicas, as insuficiencias hepáticas, as fibroses e cirroses hepáticas, entre outras.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Wolf, Heidegger: Atlas de Anatomía Humana, Guanabara-Koogan, 1968.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]