Saltar ao contido

Caracol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Caracol, cascarolo ou cosco[1] son os nomes comúns que reciben os moluscos gasterópodos con cuncha en espiral, a diferenza dos que non a posúen, que se chaman lesmas (terrestres) ou dos que a teñen pero non é espiral, que son as lapas.

1-cuncha, 2-figado, 3-pulmón, 4-ano, 5-poro respiratorio, 6-ollo, 7-tentáculo, 8-ganglios cerebrais, 9-conduto salivar, 10-boca, 11-, 12-glándula salivar, 13-poro xenital, 14-pene, 15-vaxina, 16-glándula mucosa, 17-oviduto, 18-saco de dardos, 19-pé, 20-estómago, 21-ril, 22-manto, 23-corazón e 24-vasos deferentes

Características

[editar | editar a fonte]

Adoitan medir entre 1 e 8 centímetros, aínda que se atoparon fósiles de gasterópodos de dous metros de lonxitude. A cuncha sérvelles como protección contra os depredadores (no caso das especies acuáticas) e contra o desecamento (nas terrestres). Na cabeza teñen dous pares de tentáculos ou cornos, no extremo dos máis longos atópanse os ollos e os máis curtos son órganos táctiles.

Aliméntanse por medio da rádula, que é unha lingua en forma de cinta, que adoita ter milleiros de dentículos. Algúns carnívoros teñen rádulas capaces de furar as cunchas doutros moluscos.

Móvense grazas a contraccións musculares ondulatorias que percorren a cara inferior do . No caso dos caracois terrestres axudados por un soporte mucoso que segregan.

Hai especies monoicas e dioicas. Normalmente as hermafroditas non se autofecundan.

Atópanse en ecosistemas terrestres, dende os desertos ata as montañas, e acuáticos, tanto mariños, dende as profundidades ata o litoral, como de auga doce.

Os gasterópodos veñen do cámbrico sendo moi común os fósiles en rochas mariñas, especialmente do cenozoico.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

A alimentación dos caracois é variada. Principalmente son fitófagos, prefiren as follas e outros tecidos vexetais, pero tamén poden alimentarse de restos animais e, como xa se dixo, mesmo hai especies carnívoras. Poden chegar a tomar ó día a unha cantidade de alimento equivalente á metade do seu peso. Son de importancia na cadea trófica pois serven de alimento a moitas especies de peixes e aves.

Nalgúns lugares como Cataluña son tradicionalmente apreciados na cociña. Os escargots franceses críanse para tal fin, e en Portugal sérvense como aperitivo. En Galiza existe algunha granxa de cría e engorde de caracois para consumo humano. Isto deu pé á celebración de festas gastronómicas para a súa exaltación, como a festa do caracol de Santa María de Sacos (Cerdedo-Cotobade).

[editar | editar a fonte]

Os campesiños consideran ós caracois prexudiciais para o campo porque come das plantas da horta, especialmente nos brotes e plantas novas.

Locucións

[editar | editar a fonte]
  • Custar máis o pringue cós caracois.
  • Levalo todo ó lombo coma o caracol.
  • Máis lento que unha caracola.
  • Pecharse como o caracol.

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • Cando chove e fai sol, colle o caracol.
  • Con bo sol, abre os ollos o caracol.
  • Con bo sol, saca os cornos o caracol.
  • Con caracoles, figos e brevas auga non bebas, pero o pan e o viño sexa tanto que todo o que comas ande nadando.
  • Deben nadar en viño os caracois, as brevas e os figos.
  • Estudiante de cama e sol non vale un caracol.
  • O caracol tivo anteollos e por uns cornos perdeu os ollos.
  • O caracol baleiro fai máis ruído que cheo.
  • Pro caracol non hai roubos, pois todo o que ten traino ó lombo.
  • Caracol, caracol, bota os corniños ó sol, que a túa nai e o teu pai tamén os botou.

Adiviñas

[editar | editar a fonte]
  • Levo a casa ó lombo,/ ando sen ter unha pata;/ vou marcando o pasiño/ deixando un camiño de prata.
  • Nunca poño mala cara/ anque sempre me dan col,/ ¿que bicho son?
  • Pon col cara ao revés/ e o meu nome tes.
  • ¿Que bicho é o que sobe a costa e non ten pés?
  • ¿Que cousiña cousa será elo/ a que trai a casa ó carrelo?

Usos terapéuticos

[editar | editar a fonte]
Couselo, pucho das parades ou, tamén, caracol

A baba dos caracois é boa para cura-los catarros de peito (ERG:baba).

Co nome de caracol desígnase tamén unha herba que medra nos valados e tellados, o couselo (Umbilicus rupestris). Trevo caracol designa outra planta herbácea, a alfalfa (Medicago sativa). Martín Sarmiento cita unha terceira planta, chamada herba do caracol (ou herba da gouxa e serpentina), da que di que, en cocemento, cura os animais mordidos por unha cobra, pero os datos que dá non permiten identificala.

Verme caracol é unha das denominacións populares da larva que ataca as coles.

Mariño Ferro tamén recolleu outros usos do caracol na medicina popular doutros países. Así, en Lancashire, para cura-las febres ensartan nove ou once caracois nun fío, e cada vez que se pon un dise "Aquí deixo a miña febre"; unha vez tódolos caracois no fío, bótanse ó lume. En Italia, curan as espullas fregando nelas cun caracol que logo botan lonxe dun e cara ao mar.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Vexa tamén a galería de imaxes de gasterópodos de Galicia.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para caracol.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Enciclopedia Microsoft Encarta 2009 (DVD) (en castelán).
  • Anónimo: Refraneiro do viño. Castrelos. Col. O Moucho. Vigo 1974.
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ed., Madrid 1984.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada II. Xerais, Vigo 1985.
  • MOREIRAS SANTISO, X.: Os mil e un refráns galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • RIVAS QUINTAS, Eligio: Frampas. Contribución al Diccionario Gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares gallegos. Galaxia, Vigo 1972.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]