Migración animal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rabaño de ñus (Connochaetes taurinus) migrando no Serengueti (Tanzania).
Migración de gansos sanganos (Branta leucopsis) en Finlandia.
As bolboretas monarca ( Danaus plexippus) cobren completamente as árbores nas súas migracións.

Chámase migración animal a cada un dos desprazamentos periódicos, estacionais ou permanentes, de especies animais dun hábitat a outro.

Son moitos os animais que realizan migracións. O tipo de migración que efectúan é moi distinto en mamíferos, aves, peixes como os salmóns e as anguías, os invertebrados como as lagostas (Locusta migratoria) ou as bolboretas monarca (Danaus plexippus), ou os microorganismos do zooplancto. O caso dos movementos masivos non periódicos dalgúns animais que se produza nun intervalo de poucos anos adoita chamarse emigración ou invasión.

Toda migración animal implica un movemento activo por parte do individuo migrante, a miúdo durante moitos días. Porén, os animais máis pequenos, como os do plancto,[1] os anfibios e as lagostas, aproveitan as correntes de auga ou aire, mentres que as aves aproveitan os ventos alisios e as correntes de aire ascendentes.

A migración cumpre distintas finalidades. Hai especies que o fan para afastarse do seu hábitat en inverno, cando este é extremadamente rigoroso, ou en verán, nas zonas tórridas; outros fano buscando un lugar apropiado para a súa reprodución, ou para fuxir dos seus depredadores; outras especies fano para procurarse alimentos.

Padróns migratorios dos animais[editar | editar a fonte]

En xeral, para as especies animais migratorias, os padróns migratorios, aínda que cun risco indubidábel, representan uns mecanismos de supervivencia que xeraron admiración nos seres humanos ao longo dos séculos. (Un artigo da universidade de Utah (Estados Unidos) sobre a migración animal fai referencia a estes patróns migratorios).[2]

Momento da migración[editar | editar a fonte]

Os condutistas estudaron controis hormonais e mecanismos de navegación relacionados coa migración grazas ao estudo do zugunruhe (axitación migratoria). A migración dos animais parece ser un fenómeno instintivo, onde intervirían mecanismos neurofisiolóxicos heredábeis e adquiridos nun longo proceso de selección natural. Moitas veces as migracións están relacionadas con determinados acontecementos, como as estacións ou as fases da lúa. Por exemplo, antes de emprender unha migración, as aves engordan e están inquietas. O momento exacto da partida depende de condicións ambientais, como os cambios de temperatura ou a diminución de alimentos dispoñíbeis.

Orientación e navegación[editar | editar a fonte]

Aínda segue a ser un misterio como se orientan os animais na migración. Numerosos insectos, peixes e aves usan o sol como compás, mantendo a mesma dirección. Crese que tamén usan as estrelas para orientarse e, tanto aves como abellas usan o campo magnético da Terra. No caso do salmón, este peixe é capaz de recoñecer o olor do río onde nacer e, igualmente, os mamíferos poden seguir pegadas olorosas.

Mamíferos[editar | editar a fonte]

Cebras e ñus no cráter de Ngorongoro.
  • Os ñus e as cebras migran cada ano en gran número de individuos a través das planicies abertas (sabanas) da África oriental en busca de auga e herba fresca. No seu camiño moitas veces deben cruzar ríos caudalosos, onde moitos perecen afogados. Atravesan as chairas do Serengueti en Tanzania por motivos alimentarios. Desprázanse en movementos circulares seguindo as chuvias estacionais. Antes de partir, os pequenos rabaños vanse reunindo até chegar a formar unha xigantesca manda composta por miles de individuos.
  • As cebras, antílopes e elefantes percorren as planicies do leste de África, reuníndose en grandes mandas en torno aos pozos de auga na estación seca, e formando pequenos rabaños na estación húmida.
  • As focas e a balea franca austral regresan cada ano ao mesmo lugar para reproducirse, e é deste xeito como diferentes clases de mamíferos fan o seu percorrido polo mundo para acoplar os seus organismos ao medio ambiente.

Aves[editar | editar a fonte]

Dúas parellas de periquitos (Melopsittacus undulatus) nun día de néboa nun parque de Majadahonda (Madrid). Os papagaios e demais psittaciformes son aves relativamente sedentarias: voan en parellas, moi xuntas entre si, pero só se desprazan do seu niño aos sitios onde comen e pasan o día, polo xeral a uns poucos quilómetros de distancia. Neste caso, porén, a imaxe representa a unha especie exótica invasora introducida polo ser humano.

As aves son os animais que, polo xeral, percorren maiores distancias nunha migración.

Entre as especies de aves que máis distancia percorren durante a súa migración podemos citar:

Estas aves fan cada ano a viaxe desde os lugares en que se reproducen en verán até os sitios onde pasan o inverno, e adoitan regresar ao mesmo lugar de onde partiron.

Entre as aves da Península Ibérica pódense recoñecer varios tipos, baseándose no seu comportamento migratorio:

  • Aves sedentarias: aquelas que se encontran na península ao longo de todo o ano como, por exemplo, o pardal común (Passer domesticus).
  • Aves invernantes: son as que foxen do frío do norte de Europa e pasan o inverno na península como, por exemplo, o grou común (Grus grus).
  • Aves estivais: abandonan as súas localidades en África durante o verán acudindo á Península Ibérica para reproducirse como, por exemplo, a andoriña común (Hirundo rustica) ou o gaio azul (Coracias garrulus).
  • Aves de paso: son as especies que se poden observar na península só nas épocas de paso prenupcial ou posnupcial como, por exemplo, o Phyllocopus trochilus.

Moitas das aves da Península Ibérica na súa migración cara á ou/e desde África concéntranse no coñecido paso do estreito. A Sociedade Española de Ornitoloxía desde o seu programa Migres realiza un seguimento periódico da evolución da migración por este lugar.

Peixes[editar | editar a fonte]

Moitos tipos de peixes levan a cabo migracións regularmente, en períodos que van do día a día até anuais, e con distancias percorridas que van desde uns poucos metros até miles de quilómetros. A finalidade detas migracións case sempre ten que ver coa alimentación ou a reprodución; porén, nalgúns casos a razón para a migración segue a ser descoñecida.

Clasificación dos peixes migratorios[editar | editar a fonte]

  • Diádromos, viaxan entre a auga salgada e a doce. (Do grego διά diá, "a través de", "entre", e δρόμoς drómos, "carreira", "percorrido").
    • Anádromos, viven principalmente en auga salgada e aparéanse en auga doce. (Do grego ανά aná, "arriba", "cara a arriba" + ´-dromo).
    • Catádromos, viven en auga doce e aparéanse en auga salgada. (Do grego κατά katá, "abaixo", "cara a abaixo" + ´-dromo).
    • Anfídromos, móvense entre auga doce e salgada durante o seu ciclo de vida, pero non por mor do apareamento. (Do grego ααμφί amphí, "aos dous lados", "ambos" + ´-dromo)
  • Potádromos, migran só en augas doces. (Do grego ποταμός potamós, "río" + ´-dromo).
  • Oceanódromos, migran só en augas salgadas. (Do grego ωκεανός okeanós, "océano" + ´-dromo).
Reo (Salmo trutta trutta).
Anguía (Anguilla anguilla).
Bonito (Thunnus alalunga).

Os peixes anádromos máis coñecidos son o salmón (Salmo salar) e o reo (Salmo trutta trutta), especies nas que os ovos eclosionan en pequenas correntes de auga doce, baixan ao mar e viven alí varios anos; despois volven aos mesmos ríos onde naceron, desovan, e pouco despois morren case doso (no caso dos salmóns), ou volven ao mar para volver ao río ao ano seguinte ou ao cabo dalgúns anos (caso do reo); o salmón, como especie, é iterópara, pero a súa mortalidade durante a migración é moi alta, e por iso se cría que era emélpara, é dicir, que se reproduce e morre.

O peixe máis notábel dentro dos catádromos é a anguía europea, que de adulta vive nos ríos, pero se reproduce nas profundidades do mar dos Argazos, ao sueste das Bermudas; as súas larvas (leptocéfalos) flotan á deriva no océano aberto ás veces durante meses ou anos, antes de viaxar miles de quilómetros, e despois dre sufrir metamorfoses, até os seus ríos orixinarios, onde se desenvolven até alcanzar o estado adulto, para regresaren ao océano a desovar.

As migracións de moitos peixes de auga doce (potádromos) son habitualmente máis curtas, polo xeral desde un lago a un río ou viceversa, ou desde o curso alto ao baixo do río ou viceversa, por motivos de desove. A estes peixes tamén se lles aplican os cualificativos de anádromos ou catádromos segundo suban ou baixen (para desovar).

A migración vertical diaria é un comportamento común nos peixes; moitas especies mariñas soben á superficie de noite para alimentárense; logo volven ás profundidades durante o día.

Un gran número de peixes mariños, como o atún (Thunnus thynnus) e o bonito (Thunnus alalunga) migran anualmente, seguindo as variacións de temperatura no océano. Isto é de grande importancia para a súa pesca comercial.

Tamén moitos outros peixes, como os arenques, moitos pleuronectiformes e os bacallaus, realizan migracións anuais.

Réptiles e anfibios[editar | editar a fonte]

  • A tartaruga verde (Chelonia mydas) vive e aliméntase fronte ás costas do Brasil, pero migra miles de quilómetros para desovar nas praias da illa de Ascensión. Ao naceren, as crías baixan da praia para o mar e aparecen despois dun ano nos lugares onde se alimentan os adultos.
  • As salamántigas, ras e sapos migran cada ano, percorrendo poucos quilómetros desde o lugar onde hibernan até os estanques ou ríos onde se reproducen.

Invertebrados[editar | editar a fonte]

Bolboreta monarca macho.
Mapa de distribución de Danaus plexippus. Véxase como poden chegar até os arquipélagos do Atlántico nororiental e mesmo até o Mediterráneo occidental.

Durante a noite o zooplancto habita en augas superficiais para alimentarse e polo día descende até 1.200 m para aforrar enerxía, porque o seu metabolismo redúcese co descenso de temperatura e, ademais, así líbrase dos peixes predadores diúrnos.

Os cangrexos terrícolas poden percorrer até 240 km para poñer os seus ovos nunha zona de auga salgada.

As lagostas teñen hábitos migratorios que prexudican moitos cultivos. Normalmente son animais solitarios pero, cando escasean os alimentos, reúnense formando vastos enxames. Desprázanse empuxados polo vento cara zonas húmidas con vexetación fresca.

As bolboretas monarca (Danaus plexippus) efectúan viaxes cuxa duración excede á da vida de calquera bolboreta (vive 4 días como ovo, 2 semanas como eiruga, 10 días como crisálide e de 2 a 6 semanas como imago ou bolboreta adulta).

A maneira na que a especie é capaz de volver aos mesmos sitios de invernada tras varias xeracións aínda se investiga; os patróns de voo son herdados, baseados nunha mestura de ritmos circadianos e a posición do sol no ceo. É un dos poucos insectos que logra realizar travesías transatlánticas. Unhas poucas monarca chegan ao suroeste da Gran Bretaña e a España en anos de ventos favorábeis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De considerarmos a todos os integrantes do zooplancto como animais.
  2. Animal Migration en Utah Education Network. (en inglés)
  3. Great Shearwater Puffinus gravis Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine. en BirfLife International. (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Aidley, D. J. (1981): Animal migration. Nova York: Cambridge University Press. ISBN 0-2512-9888-0. Lectura parcial.
  • Baker, R. R. (1978): The Evolutionary Ecology of Animal Migration. Holmes & Meier Publishers.
  • Dingle, H. (1996): Migration: The Biology of Life on the Move. Oxford University Press.
  • Gauthreaux, S. A. (1980): Animal Migration, Orientation, and Navigation. Academic Press.
  • Milner-Gulland, E. J., J. M. Fryxell & A. R. E. Sinclair (2011): Animal Migration: A Synthesis. Oxford University Press.
  • Berthold, P. (2003): Avian migration. Springer.
  • Briggs, Phillip (2006): Northern Tanzania: The Bradt Safari Guide with Kilimanjaro and Zanzibar. Bradt Travel Guides. ISBN 978-1-84162-146-3.
  • Drake, V. A. & Gatehouse, A. G. (1995): Insect migration: tracking resources through space and time. Cambridge University Press.
  • Elphick, J. (1995): The atlas of bird migration: tracing the great journeys of the world's birds. Random House.
  • Greenberg, R. & Marra, P. P. (2005): Birds of Two Worlds: The Ecology and Evolution of Migration. Johns Hopkins University Press.
  • Harden Jones, F. R. (1968): Fish migration. St. Martin’s Press.
  • Lucas, M. C. & Baras, E. (2001): Migration of freshwater fishes. Blackwell Science.
  • McKeown, B. A. (1984): Fish migration. Timber Press.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]