Xuno (deusa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de Xuno no Museo do Louvre.
Xúpiter e Xuno de James Barry (1773).

Na mitoloxía romana, Xuno era unha deusa, equivalente á Hera grega, deusa do matrimonio e raíña dos deuses. Filla de Saturno e Ops, irmá e esposa de Xúpiter, co que tivo dous fillos, Marte e Vulcano e unha filla, Lucina. Xuno foi unha deidade maior da relixión romana e formou parte, xunto a Xúpiter e Minerva, da Tríade Capitolina, un importante culto romano. Na mitoloxía romana Xuno representa a maternidade.

Etimoloxía e orixe[editar | editar a fonte]

Hai unha probable etimoloxía para Xuno na raíz protoindoeuropa *yeu-, ‘forza vital’. Aínda que tal derivación podería ser consistente cunha orixe como Deusa Nai, é máis probable que esta raíz se usase no mesmo sentido que outras palabras latinas derivadas dela, como iuvenis (‘home novo’, con derivados tales como «xuvenil» ou «rexuvenecer»), o que implicaría que a natureza da mitoloxía grecorromana era máis próxima á Diana como deusa doncela dos nacementos ou a partería. Con todo, a absorción romana do mito grego substituíu características primitivas de Xuno con outras de Hera, estendendo o seu dominio do nacemento ao matrimonio e promocionándoa ao papel de esposa de Xúpiter e raíña dos deuses. Tamén podía botar raios como este[1].

Tamén existe a posibilidade, por inmediatez xeográfica, dunha influencia etrusca. A equivalente etrusca de Xuno era Uni. É probable que unha destas deusas se inspirase na outra, pero non está claro en que dirección. Aínda que actualmente hai máis apoio á teoría de que Uni derivou de Xuno, se fose ao revés, o nome de Xuno non podería ter un vínculo protoindoeuropeo con *yeu- e a súa raíz semántica permanecería ambigua. Hai algún apoio á teoría de que Uni fose a orixinal: Livio afirma que Xuno era unha deusa etrusca de Veies que foi ceremonialmente adoptada polo panteón romano cando a cidade foi saqueada no 396 a. C.[2].

Epítetos e funcións[editar | editar a fonte]

Mesmo máis que outras deidades romanas maiores, Xuno ostentou un gran número de epítetos significativos e variados, nome e títulos que representaban diversos aspectos e papeis da deusa.

De acordo co seu papel central como deusa do matrimonio, recibía os seguintes títulos:

  • Interduca, ‘a que leva á noiva ao matrimonio’
  • Domiduca, ‘a que leva á noiva ao seu novo fogar’
  • Cinxia, ‘a que perde a faixa da noiva’

Aínda que moitos outros dos seus epítetos teñen moita menos relación temática:

  • Regina (‘a raíña’), aspecto polo que foi nomeada no Templo de Xúpiter Óptimo Máximo como parte da Tríade Capitolina, salientando que o papel da deusa como esposa de Xúpiter e raíña dos deuses era o máis importante nese contexto. Tamén había templos a Xuno Regina no monte Aventino, no Circo Flaminio e na zona que se había converter no Porticus Octaviae.
  • Moneta, como protectora das riquezas do Imperio Romano. A etimoloxía deste epíteto é controvertida, podendo derivar de mons, ‘monte’, por estar un dos seus templos no monte Capitolino ou de monere, ‘avisar’, polo aviso que deu aos romanos para evitar o ataque dos galos.
  • Lucina (‘a que trae nenos á luz’) e Lucetia (‘a que trae luz’), cando axudaba nos partos.
  • Pomona (‘da froita’).
  • Pronuba (‘matrona de honra’).
  • Ossipagina (‘a que moldea os ósos’ ou ‘a que fortalece os ósos’)

Con todo, algúns destes títulos poden ser inventados como descricións poéticas e poida que realmente non sexan usados no culto a Xuno.

Culto[editar | editar a fonte]

O 1 de marzo de cada ano, as mulleres celebraban unhas festas en honra de Xuno chamadas Matronalia. Outras festas na súa honra, as Nonas Caprotinas, celebrábanse o 7 de xullo. Moitos consideraban o mes de xuño, que toma o seu nome de Xuno, patroa do matrimonio, o máis favorable para casar. Os Calendas de cada mes tamén estaban consagrados a esta deusa, que tiña festas o 1 de xullo e o 13 de setembro.

Xuno tiña en ocasións un carácter guerreiro que se facía aparente nas súas roupas. A miúdo aparecía armada e levando unha capa de pel de cabra, que era a peza preferida polos soldados romanos en campaña. Este aspecto guerreiro foi asimilado da deusa grega Atenea, cuxa pel de cabra recibía o nome de éxida.

Referencias literarias[editar | editar a fonte]

Quizais a máis prominente aparición de Xuno na literatura romana sexa como principal forza antagonista na Eneida de Virxilio, onde a presenta como unha cruel e salvaxe deusa determinada a axudar primeiro a Dido e logo a Turno e os rútulos contra o intento de Eneas de achar unha nova Troia en Italia. Houbo algunhas especulacións (como as de Mauro Honorato Servio, un antigo comentarista sobre a Eneida) de que quizais se trate dunha fusión de Hera coa deusa das tormentas cartaxinesa Tanit nalgúns dos aspectos do seu retrato na obra.

Xuno é mencionada en A tempestade de Shakespeare xunto con Ceres e Iris.

Odio de Xuno a Eneas[editar | editar a fonte]

Xuno odiaba aos troianos porque o seu marido o enganara con Ganímedes, un príncipe troiano, e converteuno no copeiro dos deuses. Tamén os odiaba polo Xuízo de Paris, un mozo troiano que elixiu a Venus como a máis fermosa no canto da ela.

Por iso quere impedir que Eneas funde unha nova Troia en Italia, despois da súa destrución. Para impedilo vai a Eolia e pídelle a Eolo, señor dos ventos, que os mova en contra de Eneas e fai que cheguen a Cartago. Daquela, Neptuno fai que as augas se acouguen por provocar ondas sen a súa indicación.

Mentres os troianos estaban en Cartago, terra onde reinaba Dido, Xuno fai un pacto con Venus dicindo que tiñan un obxectivo en común: que Eneas reinase en Cartago con Dido. Venus sabía que ese non era o destino de Eneas, pero engánaa. Venus xa fixera que Cupido namore a Dido de Eneas, para que ela non o traizoe. Así acepta o pacto con Xuno e deixa que esta organice unha tormenta onde Eneas e Dido deban durmir baixo o mesmo teito e contraian matrimonio.

Mercurio, enviado por Xúpiter, lémbralle que ese non é o seu destino, entón decide partir. Xuno, dándose conta de que se rompeu o seu pacto, envía a Iris a queimar a frota de Eneas. Finalmente, poden chegar ao Lacio e, enfurecida, Xuno, desexa desatar a guerra xa prevista entre latinos e troianos. Por iso enviou ás deidades do inferno para que convenzan a Amata de que por culpa de Eneas Turno non ía poder ser o seu xenro e a Turno invádeo a furia para que queira tomar vinganza. Xuno abre as portas da guerra e esta comeza. Daquela, Xuno e Xúpiter pactan que ela non intervirá máis, así como tampouco Venus para axudar a ningún dos heroes, que atrasará a morte de Turno pero non cambiará o destino da guerra. Con todo, Xuno pídelle a Xaturna, irmá de Turno, que rompa o pacto e axude ao seu irmán. Finalmente dáse conta de que non pode facer nada para impedir o destino marcado polos fados, entón pide que os latinos manteñan o seu nome, os seus traxes e o seu idioma e que desapareza o nome de Troia. Xúpiter concede o seu desexo para que deixe de molestar aos troianos e di que só agregará deuses e culto.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Puhvel, Jaan (1987). Comparative Mythology. Baltimore e Londres: katya University Press. pp. 151. ISBN 0-8018-3938-6. 
  2. Livio, Libro V Ab Urbe Condita