Vertumno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vertumno, nos xardíns do Palacio de Versalles.

Vertumno ou Vortumno (en latín Vertumnus ou Vortumnus) era unha divindade romana de orixe etrusca (Veltumna ou Voltumna) que personificaba a noción do cambio, da mutación da vexetación durante o transcurso das estacións. Presidía a maduración dos froitos durante o verán e atribuíaselle o don de transformarse en calquera forma ou cousa que lle antollase.

Representábase xunto á súa amada Pomona porque Vertumno era o protector da vexetación e especialmente das árbores froiteiras, das que tamén era protectora ela.

O Veltumna etrusco foi protector da cidade de Volsinia, e o seu santuario, Fanum Voltumnae, era sagrado para a liga das doce cidades etruscas (dodecápole etrusca). Tratábase en todo caso dun epíteto ou dun aspecto do deus etrusco Tinia (que se correspondía co Xúpiter romano).

En Roma, esta divindade tivo unha estatua de bronce no Vicus Tuscus, na entrada do Foro Romano. Esa estatua era obra de Mamurio Veturio, ferreiro dos tempos de Numa, e instalouse en substitución doutra de madeira.

Plano do Foro; o Vicus Tuscus, á dereita do Velabrum.

Logo da destrución de Volsinia no ano 264 a. C., o deus protector da cidade foi transferido ao novo templo que lle foi erixido no monte Aventino.

Sexto Propercio, nunha das súas elexías, refírese á estatua de Vertumno (Elexía 4.2.41-46) situada no Vicus Tuscus dicindo que era decorada de acordo aos cambios das estacións. A súa festa era a Vertumnalia, que se celebraba o 13 de agosto.

Sendo Vertumno o deus etrusco do cambio, do seu nome provén o verbo latino vertere (cambiar) coas súas derivacións: diversión, perversión, versión etc.

Vertumno e Pomona no Xardín do Palacio de Verán de Pedro I en San Petersburgo, por Francesco Penso, chamado "Cabianca", 1717.
Rodolfo II como Vertumno, por Giuseppe Arcimboldo. Pintura no Castelo Skokloster, ao lado do lago Mälar (Suecia).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]