Fernando Fernán Gómez
Fernando Fernán Gómez, nado en Lima (Perú), o 28 de agosto de 1921 e finado en Madrid o 21 de novembro de 2007, foi un escritor, actor, guionista, director de cine e de teatro español. Foi membro da Real Academia Española, da que ocupou a cadeira B.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Malia que a súa partida de nacemento indica que o fixo en Buenos Aires, segundo el mesmo comenta nas súas memorias[1] o máis probable é que nacese en Lima. A razón é que súa nai, a actriz de teatro Carola Fernán Gómez, estaba de xira por Suramérica, e se ben naceu en Lima, a súa partida de nacemento foi expedida días despois na Arxentina. Conservou esa nacionalidade ata que lle foi outorgada a española en 1984. Fillo extramarital, seu pai foi o tamén actor Luis Fernando Díaz de Mendoza y Guerrero, fillo de María Guerrero, que impediu o matrimonio entre os pais de Fernando Fernán-Gómez.[2]
Tras algún traballo escolar como actor, estudou Filosofía e Letras na Madrid, pero a súa verdadeira vocación levouno ó teatro. Durante a guerra civil recibiu clases na Escola de Actores da CNT, debutando como profesional en 1938 na compañía de Laura Pinillos. Alí descubriuno Enrique Jardiel Poncela, que lle deu a súa primeira oportunidade ó ofrecerlle en 1940 un papel como actor secundario na súa obra Los ladrones somos gente honrada. Tres anos despois contratouno a produtora cinematográfica Cifesa, irrompendo así no cine coa película Cristina Guzmán, dirixida por Gonzalo Delgrás. Ó ano seguinte ofrecéronlle o seu primeiro papel protagonista en Empezó en boda, de Raffaello Matarazzo. Malia a incursión no cine, non descoidou a súa vocación de autor de teatro e director de escena, e foi escritor e guionista asiduo da tertulia do Café Gijón.
A partir de 1984 dedicou a súa cada vez máis intensa vocación literaria á escritura de artigos moi persoais en Diario 16 e no suplemento dominical de El País, producindo ademais varios volumes de ensaios e once novelas, fortemente autobiográficas unhas e históricas outras. Foi un grande éxito a súa autobiografía en dous volumes, El tiempo amarillo, da que hai dúas edicións, a segunda algo máis ampliada. Pero o seu éxito máis clamoroso obtívoo cunha peza teatral prontamente levada ó cine, Las bicicletas son para el verano, sobre os seus recordos infantís da guerra civil.
En 1947 casou coa cantante María Dolores Pradera, divorciándose en 1959, coa que tivo unha filla, a actriz Helena Fernán Gómez, e un fillo, Fernando, relacionado tamén co mundo da cultura. Volveu casar en 2000 coa actriz Emma Cohen, coa que mantiña unha relación desde os anos 70 tras participar nun episodio dunha serie de TVE onde Emma era protagonista (Tres eran tres, 1973) xunto a Lola Gaos.
Da súa man entrou o cine na Real Academia Española, da que foi elixido membro en 1998[3] e tomou posesión da cadeira B o 30 de xaneiro de 2000. Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Artes en 1995. Polifacético, querido e respectado polos profesionais da industria e por varias xeracións de espectadores, encontrou a popularidade como actor case ó principio da súa carreira cinematográfica co clásico da comedia negra Domingo de carnaval (do célebre realizador Edgar Neville), que protagonizou xunto a Conchita Montes en 1945. Dous anos antes aparecera como secundario noutro notable título do cine español dos corenta con Cristina Guzmán. Ese mesmo ano acompañou á xa consagrada Imperio Argentina e ó recordado galán Alfredo Mayo na exótica comedia Bambú e participou tamén nun pequeno clásico da comedia fantástica con El destino se disculpa, de José Luis Sáenz de Heredia, seguindo o estilo do subxénero norteamericano en voga durante eses anos (como I Married a Witch, de René Clair, ou A Guy Named Joe, de Victor Fleming). A partir de entón encadeou títulos de éxito considerados pola crítica actual como indispensables, traballando con Gonzalo Delgrás (Los habitantes de la casa deshabitada), Carlos Serrano de Osma (Embrujo, xunto a Lola Flores e Manolo Caracol), Sáenz de Heredia (La mies es mucha, Los ojos dejan huellas), Ramón Torrado (Botón de áncora), José Antonio Nieves Conde (Balarrasa, El inquilino), ou Luis Marquina (El capitán Veneno). Naquela época tamén traballou en Barcelona como actor de dobraxe.
Na década de 1950 consolidouse como actor principal en toda serie de comedias (El fenómeno), dramas (La gran mentira) e cine relixioso Balarrasa, Molokai, ou folclórico (Morena clara) propagandísticos ou directamente escapistas (o que en moitos sentidos tamén é considerado propaganda polos historiadores), ó tempo que interviña nunha das primeiras avanzadas do que posteriormente sería o «Novo cine español»: Esa pareja feliz de Bardem e Berlanga. Tamén participou nalgunhas coproducións de interese como La conciencia acusa (do xenial Georg Wilhelm Pabst) o Lo scapolo (de Antonio Pietrangeli) xunto a Alberto Sordi, e por último, inicia unha incipiente carreira como director, con obras de encargo de desigual fortuna: neste sentido, sobresae a súa versión da novela de Wenceslao Fernández Flórez El malvado Carabel e dúas excelentes comedias nas que compartiu química e cartel coa deliciosa Analía Gadé, unha das súas parellas artísticas máis recorrentes, como son La vida por delante e La vida alrededor.
Ó fío do cine español dos sesenta, a súa filmografía como actor e director encheuse de comedias de todo tipo (La venganza de Don Mendo, Adiós, Mimí Pompón, Ninette y un señor de Murcia ou Crimen imperfecto), excepción á parte dos seus traballos de dirección en El mundo sigue (1963), un duro drama naturalista, inspirado na novela homónima de Juan Antonio Zunzunegui, onde se enfrontan dúas irmás de concepcións vitais opostas en plena sociedade de posguerra española. Ese foi o seu primeiro éxito como director. A outra película que dirixiu daquela foi El extraño viaje (1964), onde retrata, case con maior profundidade que o propio Berlanga, o clima cicateiro e opresivo da sociedade española do franquismo. A obra permanece como un dos cumios do cine español de tódolos tempos.
Ambas producións tiveron tremendos encontróns coa censura. Por outra parte, é entón cando inicia relación profesional con outra das súas parellas máis emblemáticas, Concha Velasco, coa comedia negra Crimen para recién casados.
Nos setenta Fernán Gómez converteuse nun dos actores máis solicitados da chamada transición española, con títulos dourados como El espíritu de la colmena, El amor del capitán Brando, Pim, pam, pum, fuego, Mi hija Hildegart, Los restos del naufragio, Mamá cumple cien años ou ¡Arriba Azaña!. Iniciou así unha exitosa colaboración xunto ó notable director Jaime de Armiñán, e unha tamén estreita relación profesional con Carlos Saura, gañándose así un xusto prestixio como actor e director, ademais do recoñecemento pola súa xa longa traxectoria. En 1976 interveu nun título de indubidable valor, se ben non tivo éxito entre o gran público, como El anacoreta, premiada no Festival de cine de Berlín. Tamén dirixiu e interpretou dúas exitosas series para TVE (Juan soldado e sobre todo El pícaro) que si triunfan entre o gran público.
Trala morte de Francisco Franco e a legalización da CNT, tivo unha militancia activa no Sindicato de Espéctaculos de Barcelona.
En 1981 protagonizou o memorable Maravillas de Gutiérrez Aragón, e comezou a encadear éxitos de crítica e público (La colmena, Stico, Los zancos, Réquiem por un campesino español, La corte del faraón, La mitad del cielo e El viaje a ninguna parte). Termina a década con excelentes traballos en películas non moi ben acollidas pero de calidade: Esquilache e El río que nos lleva. En 1986 rodou na Arxentina Pobre mariposa, de Raúl de la Torre, xunto a un elenco internacional con Bibi Andersson, Vittorio Gassman, Fernando Rey e Graciela Borges. Nesta década está moi activo nos seus traballos para TVE (Ramón y Cajal, Fortunata y Jacinta, Las pícaras ou Cuentos imposibles).
A década dos 90 presencia o inicio dun período de menor actividade profesional derivada dalgúns problemas de saúde e, seguramente, de falta de papeis de envergadura para un actor como el. Agás Belle Époque e o Oscar á mellor película estranxeira que consegue a cinta, non é ata 1998 cando volve aparecer en obras tan distintas como importantes (cada unha ó seu xeito) como son El abuelo (nomeada ó Oscar e de grande éxito de portelo) e Pepe Guindo (homenaxe-ficción ó gran actor por parte dun director infravalorado pero nada mediocre como Manuel Iborra). Entre medias, estivo varias tempadas na serie de TV Los ladrones van a la oficina, que o devolvería a popularidade xunto a grandes nomes da interpretación como Agustín González, Manuel Alexandre ou José Luis López Vázquez. Despois recupera folgos con tres grandes películas (Todo sobre mi madre, Plenilunio e o éxito popular A lingua das bolboretas).
Máis recentemente rodou a incomprendida Visionarios, de Gutiérrez Aragón, El embrujo de Shangai, con Fernando Trueba, Para que no me olvides, e a súa última grande interpretación, en En la ciudad sin límites, de Antonio Hernández.
En 1995, recibiu o Premio Princesa de Asturias das Artes.[4]
Marisa Paredes, presidenta da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, na entrega da décima Medalla de Ouro, describiuno á perfección: «Por anarquista, por poeta, por cómico, por articulista, por académico, por novelista, por dramaturgo, por único y por consecuente».[5]
O 19 de novembro de 2007 foi ingresado na área de Oncoloxía do madrileño Hospital Universitario La Paz para ser tratado dunha pneumonía. Faleceu en Madrid, o 21 de novembro de 2007, con 86 anos de idade.[6] Tras anuncialo o presidente do Executivo, José Luis Rodríguez Zapatero na capela ardente do actor, o Goberno de España concedeulle o día 23 de novembro, a título póstumo, a Gran Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio.[7] Tamén o alcalde de Madrid Alberto Ruiz-Gallardón anunciou que como homenaxe o Centro Cultural da Vila de Madrid pasaría a chamarse Teatro Fernando Fernán Gómez.[8] Na capela ardente o seu féretro foi recuberto cunha bandeira negrivermella anarquista, sendo posteriormente incinerado.
Obra literaria
[editar | editar a fonte]Novela
[editar | editar a fonte]- El vendedor de naranjas. Madrid, Tebas, 1961; Madrid, Espasa-Calpe, 1986.
- El viaje a ninguna parte. Madrid, Debate, 1985.
- El mal amor. Barcelona, Planeta, 1987; novela histórica.
- El mar y el tiempo. Barcelona, Planeta, 1988.
- El ascensor de los borrachos. Madrid, Espasa-Calpe, 1993.
- La Puerta del Sol. Madrid, Espasa-Calpe, 1995.
- ¡Stop! novela de amor. Madrid, Espasa-Calpe, 1997.
- La cruz y el lirio dorado. Madrid, Espasa-Calpe, 1998; novela histórica.
- Oro y hambre. Barcelona, Muchnik, 1999, novela histórica.
- Capa y espada. Madrid, Espasa-Calpe, 2001; novela histórica.
- El tiempo de los trenes. Madrid, Espasa-Calpe, 2004.
Teatro
[editar | editar a fonte]- Pareja para la eternidad. Madrid, Acanto, 1947.
- Las bicicletas son para el verano. Madrid, Espasa-Calpe, 1984.
- La coartada. Los domingos, bacanal. Madrid, Espasa-Calpe, 1985; Madrid, Antonio Machado, 1987.
- Lazarillo de Tormes. Adaptación. Valladolid, Castilla Eds., 1994.
- Marido y medio. Comedia estreada o 7 de xuño de 1959 no Teatro Gran Vía de Madrid, inédita.
- Del Rey Ordás y su infamia. Comedia estreada o 22 de agosto de 1983 no Teatro Palacio del Progreso de Madrid, inédita.
- Ojos de bosque. Comedia estreada o 9 de xullo de 1986 na Praza da Almudena de Madrid, dentro da programación de «Los veranos de la Villa», inédita.
- El Pícaro. Aventuras y desventuras de Lucas Maraña. Estrenada no Teatro Central Hispano de Sevilla o 8 de setembro de 1992, inédita.
- Los invasores del palacio. Madrid, Fundación Autor, 2000.
- Defensa de Sancho Panza. Estreada no XXV Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro o 19 de xullo de 2002, inédita.
- Morir cuerdo y vivir loco. Estreada no Teatro Principal de Zaragoza o 13 de xaneiro de 2004, inédita.
Memorias
[editar | editar a fonte]- Diario de Cinecittà. Revista Internacional del Cine, núm. 6, novembro de 1952; núm. 7, decembro de 1952.
- El olvido y la memoria. Autobiografía de Fernando Fernán Gómez. Triunfo, núm. 3, 6ª época, xaneiro de 1981.
- El tiempo amarillo. Memorias. I (1921–1943) e II (1943–1987). Madrid, Debate, 1990.
- El tiempo amarillo: memorias ampliadas (1921–1997). Madrid, Debate, 1998.
Poesía
[editar | editar a fonte]- A Roma por algo. Madrid, Separata de Poesía Española (1954); Madrid, Fernán Gómez Arte y Ediciones, 1982.
- El canto es vuelo, 2002 (poesía completa).
Artigos e ensaios
[editar | editar a fonte]- El actor y los demás. Barcelona, Laia, 1987.
- Impresiones y depresiones. Barcelona, Planeta, 1987.
- Historias de la picaresca. Barcelona, Planeta, 1989.
- El arte de desear. Madrid, Temas de Hoy, 1992.
- Imagen de Madrid. Madrid, El País-Aguilar, 1992.
- Tejados de Madrid. Madrid, Telefónica de España, 1992.
- Desde la última fila: cien años de cine. Madrid, Espasa-Calpe, 1995.
- Nosotros, los mayores, 1999.
- Puro teatro y algo más, 2002.
Literatura infantil
[editar | editar a fonte]- Los ladrones. Madrid, Anaya, 1986.
- Retal. Madrid, Anaya, 1988.
Varios
[editar | editar a fonte]- Mi querido general, 1986 (guión de cine).
- La escena, la calle y las nubes, 1999 (relatos).
- Historias de la picaresca, 1989.
- La intrusa, 1986 (guión de TV sobre un conto de Jorge Luis Borges).
- Fuera de juego, 1991 (guión de cine).
- Las anécdotas del teatro: ¡aquí sale hasta el apuntador!, 1997.
- Conversaciones con Fernando Fernán Gómez, (libro-entrevista a cargo de Enrique Brasó), Madrid, Espasa-Calpé, 2002.
Filmografía como director
[editar | editar a fonte]Cine
[editar | editar a fonte]
|
|
|
Televisión
[editar | editar a fonte]- Juan soldado (1973)
- El pícaro (serie) (1974)
- Fortunata y Jacinta (serie) (1980)
- La mujer de tu vida 2: Las mujeres de mi vida (1992)
Filmografía como actor
[editar | editar a fonte]Cine
[editar | editar a fonte]
|
|
Televisión
[editar | editar a fonte]
|
|
Premios
[editar | editar a fonte]Ano | Categoría | Película | Resultado |
---|---|---|---|
2001 | Premio Goya ó mejor guión adaptado | Lázaro de Tormes | Gañador |
2000 | Premio Goya á mellor interpretación masculina protagonista | A lingua das bolboretas | Candidato |
1999 | Premio Goya á mellor interpretación masculina protagonista | El abuelo | Gañador |
1993 | Premio Goya á mellor interpretación masculina secundaria | Belle Époque | Gañador |
1990 | Premio Goya á mellor dirección | El mar y el tiempo | Candidato |
1990 | Premio Goya á mellor interpretación masculina protagonista | El mar y el tiempo | Candidato |
1990 | Premio Goya á mellor interpretación masculina protagonista | Esquilache | Candidato |
1990 | Premio Goya ó mellor guión adaptado | El mar y el tiempo | Candidato |
1987 | Premio Goya ó mellor guión orixinal | El viaje a ninguna parte | Gañador |
1987 | Premio Goya á mellor interpretación masculina protagonista | Mambrú se fue a la guerra | Gañador |
1987 | Premio Goya á mellor dirección | El viaje a ninguna parte | Gañador |
Festivais de cine
[editar | editar a fonte]Ano | Premio | Festival | Película |
---|---|---|---|
2005 | Oso de Honra | Festival Internacional de Cine de Berlín | Toda a súa traxectoria |
1999 | Premio Donostia | Festival Internacional de Cine de Donostia | Toda a súa traxectoria |
1989 | Premio especial do xurado | Festival Internacional de Cine de Donostia | El mar y el tiempo |
1985 | Oso de Prata á mellor interpretación masculina | Festival Internacional de Cine de Berlín | Stico |
1984 | Premio Pasinetti | Festival Internacional de Cine de Venecia | Los zancos |
1977 | Oso de Prata á mellor interpretación masculina | Festival Internacional de Cine de Berlín | El anacoreta |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fernán Gómez, Fernando (1998). El tiempo amarillo: memorias ampliadas (1921–1997). Barcelona: Debate. pp. 33–35. ISBN 84-8306-139-2.
- ↑ "La feroz María Guerrero y la saga familiar del cómico". El País. 23 de novembro de 2007.
- ↑ (xornal El Mundo, 18 de decembro de 1998) (ed.). "«"Este año es el colofón de mi carrera", dice Fernán-Gómez»". Consultado o 22 de novembro de 2007.
- ↑ Cuartas, Javier (13 de maio de 1995). "Fernán-Gómez gana el Príncipe de Asturias de las Artes por su "testimonio crítico"". elpais.com (en castelán). Consultado o 8 de xuño de 2021.
- ↑ Rojo y Negro (ed.). "«Nos ha dejado Fernando Fernán Gómez, un obrero de la Cultura»". Consultado o 22 de novembro de 2007.
- ↑ «Fallece Fernando Fernán Gómez» (diario El País, 21 de novembro de 2007).
- ↑ "Fernando Fernán-Gómez, condecorado con la Gran Cruz de la Orden Civil de Alfonso X El Sabio". www.europapress.es. 2007-11-23. Consultado o 2022-04-10.
- ↑ «El Centro Cultural de la Villa se llamará Teatro Fernando Fernán-Gómez» (diario El País, 22 de novembro de 2007).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Tese sobre Fernando Fernán Gómez (en castelán)
- Biografía, filmografía e fotos (en castelán)
- Artigos sobre Fernando Fernán-Gómez (xornal El País) (en castelán)
- Actores de España
- Directores de cine de España
- Escritores en lingua castelá
- Escritores de España
- Académicos da Real Academia Española
- Anarquistas de España
- Nados en Lima
- Nados en 1921
- Finados en 2007
- Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes
- Premios Princesa de Asturias das Artes
- Premio Fastenrath
- Novelistas de España