Pneumonía
Pneumonía | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Imaxe de raios X que mostra unha pulmonía bacteriana con forma de cuña no pulmón dereito. | |
DiseasesDB | 10166 |
MedlinePlus | 000145 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A pneumonía (do grego pneumon, 'pulmón', e este de pneuma, 'sopro, respiración'[1]), pulmonía[2] ou pneumonite[2] é unha inflamación dos pulmóns e das vías respiratorias en xeral, que causa efectos secundarios coma febre, mucosidade, tose etc. Consiste na inflamación dos espazos alveolares dos pulmóns.[3] A maioría das veces a pneumonía é infecciosa, pero non sempre é así. A pneumonía pode afectar a un lóbulo pulmonar completo (pneumonía lobular), a un segmento de lóbulo, aos alvéolos próximos aos bronquios (bronconeumonía) ou ao tecido intersticial (pneumonía intersticial). A pneumonía fai que o tecido que forma os pulmóns se vexa colorado, inchado e produza dor. Os pacientes non sempre ingresan no hospital e moitos son tratados polo médico de cabeceira. A pneumonía adquirida na comunidade (NAC) ou extrahospitalaria é a que se adquire fóra dos hospitais, mentres que a pneumonía nosocomial (NN) é a que se adquire durante a estancia hospitalaria transcorridas 48 horas ou dúas semanas despois de recibir a alta.
A pneumonía pode ser unha enfermidade grave se non se detecta a tempo, e pode chegar a ser mortal, especialmente entre persoas de idade avanzada e entre os immunodeprimidos. En particular os pacientes de SIDA contraen frecuentemente a pneumonía por Pneumocystis (un fungo). As persoas con fibrose quística teñen tamén un alto risco de padecer pneumonía debido a que continuamente se acumula fluído nos seus pulmóns.
Pode ser moi contaxiosa, xa que os xermes que a causan se diseminan rapidamente no aire, por medio de espirros, tose e mucosidade; un paciente que padeceu pneumonía pode quedar con secuelas desta no seu organismo por moito tempo, isto faino potencialmente contaxioso e as persoas máis propensas a contraela son as que están sufrindo unha gripe, ou un cadro asmático, entre outras doenzas do aparato respiratorio.
Clasificación[editar | editar a fonte]
Hai moitos tipos de pneumonías, que se poden clasificar de distintas maneiras:
- En función do axente causal:
- Pneumonía pneumocócica.
- Pneumonía estafilocócica.
- Pneumonía por Klebsiella.
- Pneumonía por Legionella, entre outras.
- Pola localización anatómica macroscópica:
- Pneumonía lobar.
- Pneumonía multifocal ou broncopneumonía.
- Pneumonía intersticial.
- En función da reacción do hóspede:
- Pneumonía supurada.
- Pneumonía fibrinosa.[4]
- En función do ámbito de adquisición:
- Pneumonías adquiridas na comunidade (ou extrahospitalarias). As máis típicas son a pneumonía pneumocócica, a pneumonía por Mycoplasma e a pneumonía por Chlamydia. Dáse en de 3 a 5 adultos por 1000/ano, cunha mortalidade de entre o 5 e o 15 %.
- Pneumonías hospitalarias ou nosocomiais. Adquírense durante unha estancia hospitalaria. Presentan maior mortalidade do que a pneumonía adquirida na comunidade. No hospital dáse a conxunción dunha poboación con alteración dos mecanismos de defensa, xunto á existencia de xermes moi resistentes aos antibióticos, o que crea dificultades no tratamento da infección.
Clasificación prognóstica[editar | editar a fonte]
Existen dúas clasificacións prognósticas da pneumonía:
- Clasificación de Fine (pneumonia severity index ou PSI).
- Clasificación FALTA.
Causas[editar | editar a fonte]

A pneumonía está causada principalmente por infeccións de bacterias ou virus e máis raramente por fungos e parasitos. Aínda que se identificaron máis de 100 cepas de axentes infecciosos que a poden causar, só uns poucos son os responsables da maioría dos casos. As infección mixtas con virus e bacterias poden tamén darse en ata o 45% das infeccións en nenos e o 15% das infeccións en adultos.[5] En aproximadamente a metade dos casos non se pode illar o axente causante, a pesar de que se fagan probas e exames coidadosos.[6]
O termo pneumonia é ás veces aplicado amplamente tamén a calquera condición non infecciosa que orixine inflamación nos pulmóns, como nas causadas por enfermidades autoinmunes, queimaduras químicas ou reaccións a drogas, tamén chamadas pneumonite.[7][8] Os axentes infecciosos foron divididos historicamente en "típicos" e "atípicos" baseándose na súa suposta presentación, pero a evidencia non apoia esta distinción, polo que xa non se enfatiza o seu uso.[9]
Entre as condicións e factores de risco que predispoñen á pneumonía están os seguintes: fumar, inmunodeficiencia, alcoholismo, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, enfermidade renal crónica, e enfermidade hepática.[10] O uso de medicamentos supresores de ácidos, como os inhibidores da bomba de protóns ou H2 bloqueantes, está asociado tamén cun incremento do risco.[11] A idade avanzada predispón á pneumonía.[10]
Bacterias[editar | editar a fonte]
As bacterias son a principal causa de pneumonía adquirida na comunidade, e o Streptococcus pneumoniae íllase en case o 50% dos casos.[12][13] Outras bacterias que se illan con frecuencia son: Haemophilus influenzae no 20% dos casos, Chlamydophila pneumoniae no 13%, e Mycoplasma pneumoniae no 3%;[12] Staphylococcus aureus; Moraxella catarrhalis; Legionella pneumophila e bacilos gramnegativos.[6] Son cada vez máis comúns varias cepas desas especies con resistencia a antibióticos, como o Streptococcus pneumoniae resistente ás drogas e o Staphylococcus aureus resistente á meticilina.[10]
Os factores de risco facilitan o espallamento destes microorganismos.[6] O alcoholismo está asociado con Streptococcus pneumoniae, organismos anaerobios e Mycobacterium tuberculosis; fumar facilita os efectos causados por Streptococcus pneumoniae, Haemophilus influenzae, Moraxella catarrhalis, e Legionella pneumophila. A exposición a aves está asociada con Chlamydia psittaci; e a animais de granxa con Coxiella burnetii; a aspiración de contidos estomacais está asociada con organismos anaerobios; e a fibrose quística con Pseudomonas aeruginosa e Staphylococcus aureus.[6] A especie Streptococcus pneumoniae é máis común en inverno,[6] e en persoas que aspiraron grandes cantidades de organismos anaerobios.[10]
Virus[editar | editar a fonte]
Nos adultos os virus supoñen aproximadamente un terzo[5] e nos nenos un 15% dos axentes causantes de casos de pneumonía.[14] Os máis comunmente implicados son os seguintes: rinovirus, coronavirus, virus da influenza, virus sincicial respiratorio (RSV), adenovirus, e virus da parainfluenza.[5][15] O virus herpes simplex raramente causa pneumonía, agás en grupos como: neonatos, persoas con cancro, receptores de transplantes, e persoas que sufriron queimaduras importantes.[16] As persoas que recibiron un transplante de órganos ou que por algunha razón están inmunocomprometidos presentan altas taxas de pneumonía por citomegalovirus.[14][16] Os que teñen infeccións virais poden ser infectados secundariamente coas bacterias Streptococcus pneumoniae, Staphylococcus aureus, ou Haemophilus influenzae, especialmente cando están presentes outros problemas de saúde.[10][14] Predominan diferentes virus en distintos períodos do ano, por exemplo durante o período de maíor incidencia da gripe poden orixinarse a metade dos casos de pneumonía vírica.[14] Pode haber ocasionalmente estalidos infecciosos doutros virus, como os hantavirus e coronavirus.[14]
Fungos[editar | editar a fonte]
A pneumonía fúnxica é pouco común, pero dáse máis comunmente en persoas con inmunodeficiencia debido á SIDA, ou ao uso de drogas inmunosupresoras, ou outros problemas médicos.[6][17] Están causadas xeralmente por Histoplasma capsulatum, Blastomyces, Cryptococcus neoformans, Pneumocystis jirovecii, e Coccidioides immitis.[17]
Parasitos[editar | editar a fonte]
Varios parasitos poden afectar aos pulmóns, e entre eles están: Toxoplasma gondii, Strongyloides stercoralis, Ascaris lumbricoides, e Plasmodium malariae.[18] Estes organismos normalmente entran no corpo por contacto directo coa pel, inxestión, ou por medio dun insecto vector.[18] Excepto no caso de Paragonimus westermani, a maior parte dos parasitos non afectan especificalmente aos pulmóns senón que os afectan secundariamente desde outras partes do corpo.[18] Algúns parasitos, especialmente os que pertencen aos xéneros Ascaris e Strongyloides, estimulan unha forte reacción eosinófila, que pode orixinar unha pneumonía eosinofílica.[18] Noutras infeccións, como a malaria, a afectación do pulmón débese principalmente a unha inflamación sistémica inducida por citocinas.[18] No conxunto do mundo estas infeccións son máis comúns entre os inmunodeficientes.[19]
Pneumonía idiopática[editar | editar a fonte]
A pneumonía idiopática intersticial ou pneumonía non infecciosa[20] é un tipo de enfermidade pulmonar difusa, que comprende cadros diversos de pneumonías intersticiais.[21]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Etimologías de Chile
- ↑ 2,0 2,1 Diccionario galego de Termos Médicos. 2002. Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Páxina 617. [1] Arquivado 10 de agosto de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ EMedicineDictionary pneumonia Arquivado 16 de outubro de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ Cotran, Kumar, Robbins (1995). "15". En Schoen, FJ. Patología Estructural y Funcional (en castelán) (5a ed.). p. 767. ISBN 84-486-0113-0.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Ruuskanen, O; Lahti, E; Jennings, LC; Murdoch, DR (2011-04-09). "Viral pneumonia". Lancet 377 (9773): 1264–75. doi:10.1016/S0140-6736(10)61459-6. PMID 21435708.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Ebby, Orin (Dec 2005). "Community-Acquired Pneumonia: From Common Pathogens To Emerging Resistance". Emergency Medicine Practice 7 (12). [2]
- ↑ Lowe, J. F.; Stevens, Alan (2000). Pathology (2nd ed.). St. Louis: Mosby. p. 197. ISBN 0-7234-3200-7.
- ↑ Snydman, editors, Raleigh A. Bowden, Per Ljungman, David R. (2010). Transplant infections (3rd ed.). Philadelphia: Wolters Kluwer Health/Lippincott Williams & Wilkins. p. 187. ISBN 978-1-58255-820-2.
- ↑ Murray and Nadel's textbook of respiratory medicine (5th ed.). Philadelphia, PA: Saunders/Elsevier. 2010. ISBN 1-4160-4710-7. Chapter 32.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Nair, GB; Niederman, MS (November 2011). "Community-acquired pneumonia: an unfinished battle". The Medical clinics of North America 95 (6): 1143–61. doi:10.1016/j.mcna.2011.08.007. PMID 22032432.
- ↑ Eom, CS; Jeon, CY; Lim, JW; Cho, EG; Park, SM; Lee, KS (22 February 2011). "Use of acid-suppressive drugs and risk of pneumonia: a systematic review and meta-analysis". CMAJ : Canadian Medical Association journal = journal de l'Association medicale canadienne 183 (3): 310–9. PMC 3042441. PMID 21173070. doi:10.1503/cmaj.092129.
- ↑ 12,0 12,1 Sharma, S; Maycher, B; Eschun, G (May 2007). "Radiological imaging in pneumonia: recent innovations". Current Opinion in Pulmonary Medicine 13 (3): 159–69. doi:10.1097/MCP.0b013e3280f3bff4. PMID 17414122.
- ↑ Anevlavis S; Bouros D (2010). "Community acquired bacterial pneumonia". Expert Opin Pharmacother 11 (3): 361–74. PMID 20085502. doi:10.1517/14656560903508770.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Murray and Nadel's textbook of respiratory medicine (5th ed.). Philadelphia, PA: Saunders/Elsevier. 2010. ISBN 1-4160-4710-7. Chapter 31.
- ↑ Figueiredo LT (September 2009). "Viral pneumonia: epidemiological, clinical, pathophysiological and therapeutic aspects". J Bras Pneumol 35 (9): 899–906. doi:10.1590/S1806-37132009000900012. PMID 19820817.
- ↑ 16,0 16,1 Behera, D. (2010). Textbook of pulmonary medicine (2nd ed.). New Delhi: Jaypee Brothers Medical Pub. pp. 391–394. ISBN 8184487495. Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2014. Consultado o 07 de agosto de 2013.
- ↑ 17,0 17,1 Maskell, Nick; Millar, Ann (2009). Oxford desk reference. Oxford: Oxford University Press. p. 196. ISBN 9780199239122.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 Murray and Nadel's textbook of respiratory medicine (5th ed.). Philadelphia, PA: Saunders/Elsevier. 2010. ISBN 1-4160-4710-7. Chapter 37.
- ↑ Vijayan, VK (2009 May). "Parasitic lung infections". Current opinion in pulmonary medicine 15 (3): 274–82. PMID 19276810. doi:10.1097/MCP.0b013e328326f3f8.
- ↑ Richard K. Root., Francis Waldvogel, ed. (1999). Clinical infectious diseases : a practical approach. New York, NY [u.a.]: Oxford Univ. Press. p. 833. ISBN 978-0-19-508103-9.
- ↑ Ulrich Costabel, ed. (2007). Diffuse parenchymal lung disease : ... 47 tables ([Online-Ausg.] ed.). Basel: Karger. p. 4. ISBN 978-3-8055-8153-0.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pneumonía ![]() |
Outros artigos[editar | editar a fonte]
- Pneumonía Asiática
- Pneumoloxía
- Pneumonía eosinofílica aguda
- Pneumonía eosinofílica crónica
- Eosinofilia pulmonar
- Pneumonite por hipersensibilidade
![]() |
Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |