Nun pequeno lugar de Castela, en plena posguerra a mediados dos anos corenta, Isabel (Isabel Tellería) e Ana (Ana Torrent), dúas irmás de oito e seis anos respectivamente, ven un domingo a película Frankenstein. Á pequena a visión do filme cáusalle tal impresión que non deixa de facer preguntas á súa irmá máis vella, que lle asegura que o monstro está vivo e que se oculta cerca da vila.
Os actores que interpretan os 4 protagonistas chámanse coma eles na vida real. Segundo contou Erice máis dunha ocasión, isto non é casualidade, senón que é debido a que Ana Torrent, a nena protagonista non entendía por que os actores se chamaban dun xeito e de súpeto, ao comezar a gravar, cambiaban de nome. Este feito motivou que o director decidise cambiarlles os nomes a todos os protagonistas polos seus propios nomes.
O título do filme está sacado dun libro de Maurice Maeterlinck, no que este utliliza a expresión "o espírito da colmea" para describir ese "espírito todopoderoso, enigmático e paradoxal ao que as abellas parecen obedecer, e que a razón dos homes xamais chegou a comprender".[1] O filme foi estreado de novo no ano 2004.
1973 - Premios do Círculo de Escritores Cinematográficos: Medallas á mellor película, mellor director (Víctor Erice), mellor actor (Fernando Fernán Gómez), mellor fotografía (Luís Cuadrado) e mellor música (Luís de Pablo).[2]