Pilar Lorengar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pilar Lorengar
Pilar Lorengar 1.jpg
Nome completoPilar Lorenza García Seta
AlcumePilar Lorengar
Nacemento16 de xaneiro de 1928
 Zaragoza
Falecemento2 de xuño de 1996
 Berlín
CausaCancro de pulmón
NacionalidadeEspaña
Alma máterMadrid Royal Conservatory
Ocupacióncantante e cantante de ópera
PremiosOrder of Merit of Berlin e Premio Príncipe de Asturias das Artes
editar datos en Wikidata ]

Pilar Lorenza García Seta, coñecida como Pilar Lorengar, nada en Zaragoza o 16 de xaneiro de 1928 e finada en Berlín o 2 de xuño de 1996, foi unha soprano española que realizou gran parte da súa carreira en Berlín con repertorio de zarzuela, Mozart, Puccini, Verdi e Wagner.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pilar Lorengar naceu en Zaragoza e viviu os seus primeiros anos nunha vivenda humilde da rúa Las Armas, 92, no barrio de El Gancho de Zaragoza. Asistiu en réxime de internado ao colexio Duquesa Villahermosa das Fillas da Caridade, onde participou no coro escolar. Afeccionouse á zarzuela escoitándoa na radio. Antes de iniciar os seus estudos musicais cantou zarzuela no programa "Ondas Infantiles" de Radio Zaragoza da Cadena SER.[2]

Recibiu as primeiras clases de canto da profesora Margarita Martínez Alfaro. As súas primeiras actuacións en Zaragoza foron nos cafés Avenida, Ambos Mundos e Alaska. Tamén actuou no teatro de variedades Oasis e no teatro Argensola.[2] Estudou oito anos con Ángeles Ottein e máis tarde en Berlín con Carl Ebert e Hertha Klust.

En 1949 trasladouse a Barcelona e matriculouse no conservatorio da cidade. Dous anos despois regresou a Madrid.

En 1952 debutou como solista en Barcelona na Novena Sinfonía de Beethoven e Ein deutsches Requiem de Brahms. O seu debut fora o 2 de maio de 1951 no Teatro Municipal de Orán, na Alxeria francesa, como "Rosa" na ópera Maruxa de Amadeo Vives. Como cantante de ópera debutou en 1955 como "Cherubino" no Festival Internacional de arte lírico de Aix-en-Provence e a continuación como "Violetta" en La traviata de Giuseppe Verdi na Royal Opera House do Covent Garden de Londres. Un ano máis tarde actuou no Festival de Glyndebourne e en 1958 no Teatro Colón de Buenos Aires como "Pamina" de Die Zauberflöte e como protagonista en La zapatera prodigiosa de Juan José Castro dirixida por Margarita Xirgu.

Entre 1952 e 1958, Pilar Lorengar gravou con Ataúlfo Argenta case unha vintena de zarzuelas, entre as que destacaron Los diamantes de la corona e Jugar con fuego, de Barbieri; El rey que rabió, El puñao de rosas, Las Bravías e La Tempestad, de Chapí; Chateau Margaux, de Fernández Caballero; La Alsaciana, de Guerrero; El Caserío, de Guridi, Los cadetes de la reina e Molinos de viento, de Luna; El maestro Campanone, de Lleó; La Dogaresa, de Millán; La canción del olvido e La reina mora, de Serrano; Las golondrinas, de Usandizaga; Maruxa, de Vives ou La rumbosa, de Moreno Torroba.[2]

En 1957 e tras numerosas colaboracións gravou en París o último concerto do director Ataúlfo Argenta, Ein deutsches Requiem de Brahms.[3] En 1958 debutou en Berlín con Carmina Burana, de Carl Orff, e foi contratada pola Deutsche Oper, onde permaneceu ata a fin da súa carreira como unha das artistas máis apreciadas do conxunto. Alí consagrouse na reapertura do teatro en 1961 en Don Giovanni xunto a Dietrich Fischer-Dieskau. En 1963 foille concedido o título de Kammersängerin (cantante de cámara). En 1961 actuou por primeira vez en Salzburgo con IIdomeneo, re di Creta. Na Metropolitan Opera de Nova York deboutou en 1966 como "Donna Elvira" en Don Giovanni, papel co que o mesmo ano regresou a Buenos Aires. Varias xiras tamén a levaron ao Xapón. Na Metropolitan cantou 16 personaxes ata 1982 en máis de 150 representacións.

Ademais destacou como "Elisabetta" en Don Carlos, Madama Butterfly, Manon Lescaut, Suor Angelica, Mignon, Liu, Euridice, Nedda, Regina, Mathis der Maler, "Alice" en Falstaff, "Marguerite" en Faust, "Mimi" en La Bohème, "Agata" en Der Freischütz, "Elisabeth" de Tannhäuser e "Elsa" de Lohengrin. Tamén como "Micaela" en Carmen, "Melisande" en Pelléas et Mélisande, "Marie" en Prodaná nevěsta, Jenůfa, "Tatiana" en Evgenii Onegin, "Eva" en Die Meistersinger von Nürnberg e obtivo grande éxito en 1969 con Tosca dirixida por Lorin Maazel e como "Desdemona" en Otello00.

Como cantante convidada actuou confrecuencia na ópera de Viena e en concertos da Filharmónica de Viena. O seu último éxito en Berlín foi "Valentin"e de Les Huguenots de Giacomo Meyerbeer, escenificada por John Dews, retirándose no Teatro Campoamor de Oviedo en 1991. A súa despedida en Berlin foi como Tosca, ese mesmo anmo. Tiña 63 anos e levaba corenta de carreira profesional.

Faleceu de cancro de pulmón en 1996 aos sesenta e oito anos no Park Sanitarium de Berlín. Segundo o seu desexo, as súas cinsas foron esparexidas no mar do Norte.[2]

Vida privada[editar | editar a fonte]

O 27 de xullo de 1960 casou co doutor Jurgen Schaff.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Kozinn, Allan (4 de xuño de 1996). "Pilar Lorengar Is Dead at 68; A Spanish Soprano in Berlin". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 16 de xaneiro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Santolaria, Miguel Ángel. "Pilar Lorengar". Consultado o 25 de maio de 2018. 
  3. Franco, Enrique (3 de xuño de 1996). El País, ed. "Muere en Berlín la soprano Pilar Lorengar" (en castelán). Consultado o 25 de maio de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castillo, Sergio; Martínez, Alejandro: Pilar Lorengar, una aragonesa de Berlín, Universidade de Zaragoza, 2016, ISBN 978-84-16723-15-7
  • Elsner, Werner; Busch, Max W.; Albrecht, Gerd, Pilar Lorengar: ein Portrait, Stapp, 1985, 152 páx.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]