Rafael Franco
Rafael Franco | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Rafael Franco Reyes | ||
Nacemento | 17 de xuño de 1923 | ||
Lugar de nacemento | Rosario | ||
Falecemento | 25 de outubro de 1997 | ||
Lugar de falecemento | A Coruña | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1939–1943 | Newell’s Old Boys | 46 | (13) |
1941 | → River Plate cedido | 1 | (0) |
1942 | Nacional | 5 | (5) |
1944 | Chacarita Juniors | 7 | (2) |
1945–1948 | Marte | (21) | |
1948–1951 | Deportivo da Coruña | 74 | (42) |
1951–1952 | Valladolid | 6 | (0) |
1952–1953 | Estoril | ||
1955 | Fabril | ||
1955–1957 | Racing de Ferrol | 24 | (4) |
1959 | La Salle | ||
Adestrador | |||
1954–1955 | Deportivo da Coruña Xuvenil | ||
1954–1955 | Español SD | ||
1955 | Fabril | ||
1957 | Catalonia | ||
1959 | La Salle | ||
1961–? | Deportivo Galicia | ||
Litoral FC | |||
UD Canarias | |||
Portuguesa | |||
1961–1971 | Venezuela | ||
1971–1973 | Racing de Ferrol | ||
1973–1974 | Atlètic de Ciutadella | ||
1975–1976 | Manresa | ||
1976–1977 | Arousa | ||
1978–1979 | Turista | ||
1980–1982 | Lemos | ||
1972–1983 | Atlético de Riveira | ||
1983–1984 | Eume Deportivo | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Rafael Franco Reyes, nado en Rosario o 17 de xuño de 1923 e finado na Coruña o 25 de outubro de 1997, foi un futbolista e adestrador de fútbol arxentino, que xogaba de dianteiro.
Tras xogar no seu país natal, no Uruguai e en México aterrou en Galicia, onde pasaría a maior parte do resto da súa vida. Triunfou no Deportivo da Coruña, onde foi un dos cinco membros da Orquestra Canaro, a famosa dianteira que completaban Tino, Oswaldo, Corcuera e Moll.
Tivo unha ampla carreira como adestrador, destacando a súa etapa en Venezuela, onde dirixiu entre outros ao Deportivo Galicia e durante unha década á selección venezolana.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Inicios en América (1923-1948)[editar | editar a fonte]
Comezou a súa carreira futbolística no Newell’s Old Boys, debutando co primeiro equipo aos 16 anos. Xogou co equipo rosarino nas tempadas 1939 e 1940, tendo tamén un breve paso polo Nacional de Montevideo, co que disputou un par de amigables en 1939.
En 1941 foi cedido ao River Plate, co que gañou ese ano o Campionato de Primeira División, aínda que só disputou un partido en toda a tempada, fronte a Estudiantes, pois a súa posición ocupábaa no equipo o Charro Moreno, un dos mellores xogadores do mundo.[1]
En 1942 volveu ao Nacional, co que debutou oficialmente na sétima xornada do Torneo Competencia. Estreou a súa conta goleadora no Uruguai o 12 de xullo, na segunda xornada do campionato de Primeira División, anotando 4 dos 10 goles que o seu equipo lle fixo a Defensor. Con todo, pouco despois sufriu unha lesión que o afastou un tempo dos terreos de xogo, nunha tempada na que o equipo acabou campión. Volveu a continuación ao Newell’s Old Boys, co que disputou a tempada 1943.
En 1944 fichou por Chacarita Juniors, co que disputou 7 partidos antes de marchar a México para xogar no Marte. Xogou tres anos na liga mexicana, ata 1948.[2][3]
Deportivo da Coruña (1948-1951)[editar | editar a fonte]
En xullo de 1948 aterrou na Coruña xunto ao tamén arxentino José Gómez, procedente do Atlante.[4] Gómez marchou para o Celta de Vigo, mentres que Franco asinou polo Deportivo da Coruña o mesmo día que outro arxentino, Rafael Ponce.[5] Debutou na primeira xornada da liga de Primeira División fronte ao Alcoyano no Collao e unha semana despois anotou os seus tres primeiros goles, na vitoria por 5-2 contra o Sabadell en Riazor.[6] No primeiro partido da segunda volta marcoulle catro goles ao Alcoyano en Riazor, nun partido que acabou 6-1.[7] A pesar das goleadas o equipo acabou un só punto por riba dos postos de descenso. Rafael Franco foi o máximo goleador do equipo con 14 goles, empatado con Manuel Marquínez.
Todo cambiou na tempada seguinte (1949/50) coa chegada ao banco de Alejandro Scopelli e da incorporación de xogadores como Tino ou Moll. O equipo conseguiu goleadas fronte ao Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Valencia entre outros e acabou subcampión de liga, a un só punto do Atlético. Franco foi o máximo goleador do equipo, de novo con 14 goles.
Ao ano seguinte chegou outro técnico arxentino, Oso Díaz, e novas fichaxes. Formouse entón o que a prensa chamou a Orquestra Canaro, unha dianteira que pasou á historia polo seu espectacular xogo e as súas cifras goleadoras. Os cinco integrantes da dianteira eran o propio Rafael Franco, Tino, Corcuera, Oswaldo e Moll. Entre os cinco anotaron esa tempada 59 goles. A orquestra desfíxose ao ano seguinte, coa marcha de Franco ao Valladolid e de Tino ao Zaragoza.
Valladolid e Estoril (1951-1953)[editar | editar a fonte]
A súa etapa no Valladolid foi pouco frutífera, debido a unha lesión muscular que só lle permitiu xogar 6 partidos. Ao remate da campaña volveu á Coruña, onde xogou co Deportivo un amigable fronte ao Estoril, en homenaxe a Millán.[8] Co club portugués asinou pouco despois un contrato para xogar unha tempada na Primeira División de Portugal.[9]
Volta a Galicia (1953-1957)[editar | editar a fonte]
Ao remate desta regresou de novo á Coruña, onde adestrou o equipo xuvenil do Deportivo da Coruña primeiro e logo ao Español SD.[10] Na tempada 1955/56 comezou como xogador-adestrador no Fabril en Terceira División pero en outubro chegou a un acordo co Racing de Ferrol para a súa incorporación.[11] Xogou no equipo ferrolán dúas tempada ata que rescindiu o seu contrato en 1957, cando aínda lle quedaba un ano, para marchar a Colombia a adestrar o Independiente de Santa Fe, en Colombia.[12]
Adestrador en Venezuela (1957-1971)[editar | editar a fonte]
Camiño de Colombia, fixo escala en Caracas e xa non continuou a viaxe, pois alí recibiu unha oferta para adestrar o Catalonia Fútbol Club. Dirixiu o equipo durante tres partidos da nova Primeira División Venezolana pero tivo que deixalo polas protestas dos demais clubs que consideraban que o seu pase da Federación Española era para Colombia e non servía para Venezuela.[12] Instalou entón unha zapataría na cidade, un negocio que lle saíu mal e co que perdeu todos os seus aforros.
En 1959 foi contratado como profesor de educación física e adestrador de fútbol do colexio Fray Luis de León, e levou o equipo a proclamarse campión da Liga Menor durante tres anos consecutivos con números de récord (45 goles a favor e 1 só en contra na terceira delas).[12] Tamén en 1959 foi xogador-adestrador do La Salle Fútbol Club, logo foi adestrador durante anos do Deportivo Galicia e a continuación do Litoral, a UD Canarias e o Portuguesa.[13][12][14] En 1960 foi contratado ademais polo Instituto Nacional de Deportes de Venezuela como profesor na Escola de Preparadores. Foi tamén fundador e presidente da Asociación de Adestradores de Venezuela.[14]
Entre 1961 e 1971 estivo á fronte da selección venezolana, e disputou a Copa América 1967, a primeira na que participou o país caribeño.[15] Volveu a Galicia en 1971.
Adestrador en España (1971-1984)[editar | editar a fonte]
Na novena xornada da tempada 1971–72 foi contratado polo Racing de Ferrol, en Segunda División, en substitución de Saturnino Grech, que só conseguira un punto en oito partidos. Debutou con vitoria o 14 de novembro de 1971 fronte ao Pontevedra CF (0–1). Ao final da campaña o equipo descendeu a Terceira División, como 18º clasificado. Continuou unha tempada máis no cadro ferrolán e en xullo de 1973 fichou polo Atlètic de Ciutadella, en Ciutadella de Menorca.[16]
Na 1975/76 adestrou ao Manresa e na seguinte volveu a Galicia para dirixir o Arousa en Terceira.[17] Con todo, non rematou a campaña, deixando o club en marzo de 1977 polos malos resultados.[18] Na tempada 1978/79 foi o adestrador do Turista de Vigo, e na entre 1980 e 1982 do Lemos. Posteriormente dirixiu o Atlético de Riveira e o Eume Deportivo en Terceira.
Últimos anos (1984-1997)[editar | editar a fonte]
Nos seus últimos anos de vida coordinou as Escolas Deportivas Municipais da Coruña.[19][20] Faleceu na cidade herculina o 25 de outubro de 1997.[21]
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou coa coruñesa Lara Victoria Iglesias López, e tiveron unha filla, Lis Franco. Esta seguiu os pasos do pai, pois foi futbolista, xogando de dianteira no Karbo Deportivo e na selección española.[22]
Palmarés[editar | editar a fonte]
River Plate[editar | editar a fonte]
- Primeira División da Arxentina (1): 1941.
Nacional[editar | editar a fonte]
- Primeira División do Uruguai (1): 1942.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Uría, Rubén (28 de maio de 2015). "El único Franco que recordaba Alfredo Di Stéfano" (en castelán). Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ "Liga mexicana 1945/46". rsssf.com (en inglés). Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ "Liga mexicana 1947/48". rsssf.com (en inglés). Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ "Rafael Franco, en La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xullo de 1948. p. 3.
- ↑ "Franco Reyes y Rafael firmaron ayer por el Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de agosto de 1948. p. 3.
- ↑ "La primera victoria del Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de setembro de 1948. p. 3.
- ↑ "Otra goleada que refleja el buen momento deportivista". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de decembro de 1948. p. 3.
- ↑ "El Deportivo venció al Estoril por 2 a 1 en el homenaje a Millán". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 1952. p. 5.
- ↑ "Dobaño regresa a Portugal". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xullo de 1952. p. 5.
- ↑ "El equipo juvenil del Deportivo sale hoy para Gijón". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de maio de 1954. p. 5.
- ↑ "Rafael Franco, Lexo y Antelo, nuevos jugadores del Club Ferrol". La Noche (en castelán). 26 de outubro de 1955. p. 4. Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 "Rafael Franco siente nostalgias coruñesas". La Voz de Galicia. 15 de xullo de 1962. p. 4.
- ↑ "Rafael Franco, antaño jugador del Deportivo, hogaño seleccionador de Venezuela". El Pueblo Gallego (en castelán). 10 de maio de 1963. p. 7. Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ 14,0 14,1 "5 minutos de charla con Rafael Franco". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 1970. p. 13.
- ↑ "Copa América 1967". rsssf.com (en inglés). Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ "Rafael Franco, entrenador del Atlético Ciudadela". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de xullo de 1973. p. 22.
- ↑ "Rafael Franco, suevo entrenador del Arosa". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de xullo de 1976. p. 45.
- ↑ "Rafael Franco deja al Arosa". La Voz de Galicia. 26 de marzo de 1977. p. 38.
- ↑ "Rafael Franco: «Las escuelas de fútbol siempre son rentables para los clubs»". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de agosto de 1985. p. 36.
- ↑ "Crece el interés entre los aficionados al aproximarse las fechas del Teresa Herrera". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de agosto de 1988. p. 35.
- ↑ Fernández, C. (26 de outubro de 1997). "El ex deportivista Rafael Franco falleció ayer". La Voz de Galicia (en castelán). p. 69.
- ↑ "Entrevista a Lis Franco" (en castelán). 30 de xaneiro de 2020. Consultado o 25 de marzo de 2021.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Nados en 1923
- Finados en 1997
- Nados en Rosario
- Futbolistas da Arxentina
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do CA Newell's Old Boys
- Xogadores do Chacarita Juniors
- Xogadores do CA River Plate
- Xogadores do Club Nacional de Football
- Xogadores do Club Deportivo Marte
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Real Valladolid
- Xogadores do GD Estoril Praia
- Xogadores do Deportivo Fabril
- Xogadores do Racing de Ferrol
- Adestradores de fútbol da Arxentina
- Adestradores do Deportivo Fabril
- Adestradores do Deportivo Galicia
- Adestradores da selección de fútbol de Venezuela
- Adestradores do Racing de Ferrol
- Adestradores do Arosa SC
- Adestradores do Celta de Vigo B
- Adestradores do Atlético de Riveira