Capitalismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Capitalista")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Adam Smith, considerado o pai do Capitalismo.
Fotografía de Lewis Hine dun obreiro traballando cunha máquina de vapor.

O capitalismo[1] é unha orde ou sistema social e económico que deriva do usufruto da propiedade privada sobre o capital como ferramenta de produción, que se atopa maiormente constituído por relacións empresariais vinculadas ás actividades de investimento e obtención de beneficios, así como de relacións laborais tanto autónomas como asalariadas subordinadas a fins mercantis.[2] Máis especificamente o capitalismo é un sistema económico dominado polo capital e non polo traballo.

O termo foi introducido pola economía marxista para referirse ós sistemas económicos modernos nos que os medios de produción pertencían ó capital, mentres os traballadores foran "expropiados" deles e non tiñan a súa propiedade. O sistema capitalista, segundo o marxismo, baséase na apropiación da plusvalía xerada polos traballadores por parte dos capitalistas, grazas precisamente ó seu control dos medios de produción. A plusvalía, na terminoloxía marxista, non debe ser confundida co beneficio. A plusvalía é o valor producido polos traballadores e que non se aplica á reprodución do sistema económica, isto é, a manter activos ós traballadores, a manter os procesos produtivos en marcha e a garantir a súa mellora no tempo. A plusvalía pertence ó traballador porque a "creou" co seu traballo. Porén, no capitalismo pasa ás mans dos empresarios.

Orixe[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia do capitalismo.

Tanto os mercadores como o comercio existen desde que existe a civilización, pero o capitalismo como sistema económico non apareceu ata o século XIII en Europa substituíndo ao feudalismo. Segundo Adam Smith, os seres humanos sempre tiveron unha forte tendencia a "realizar trocos, cambios e intercambios dunhas cousas por outras". Este impulso natural cara ao comercio e o intercambio foi acentuado e fomentado polas Cruzadas que se organizaron en Europa occidental desde o século XI ata o século XIII. As grandes travesías e expedicións dos séculos XV e XVI reforzaron estas tendencias e fomentaron o comercio, sobre todo tras o descubrimento do Novo Mundo e a entrada en Europa de inxentes cantidades de metais preciosos provenientes daquelas terras. A orde económica resultante destes acontecementos foi un sistema no que predominaba o comercial ou mercantil, é dicir, cuxo obxectivo principal consistía en intercambiar bens e non en producilos. A importancia da produción non se fixo patente ata a Revolución industrial que tivo lugar no século XIX.

Con todo, xa antes do inicio da industrialización aparecera unha das figuras máis características do capitalismo, o empresario, que é, segundo Schumpeter, o individuo que asume riscos económicos non persoais. Un elemento crave do capitalismo é a iniciación dunha actividade co fin de obter beneficios no futuro; posto que este é descoñecido, tanto a posibilidade de obter ganancias como o risco de incorrer en perdas son dous resultados posibles, polo que o papel do empresario consiste en asumir o risco de ter perdas ou ganancias.

O camiño cara ao capitalismo a partir do século XIII foi achandado grazas á filosofía do renacemento e da Reforma. Estes movementos cambiaron de forma drástica a sociedade, facilitando a aparición dos modernos Estados nacionais que proporcionaron as condicións necesarias para o crecemento e desenvolvemento do capitalismo nos países europeos. Este crecemento foi posible grazas á acumulación do excedente económico que xeraba o empresario privado e á reinversión deste excedente para xerar maior crecemento, o cal xerou industrialización nas rexións do norte.

Tipos de sistemas capitalistas[editar | editar a fonte]

Existen distintas variantes do capitalismo que se diferencian na relación entre o mercado, o Estado e a sociedade. Por suposto, todas comparten características como a produción de bens e servizos beneficio, a asignación de recursos baseada principalmente no mercado, e a estruturación arredor da acumulación de capital. Cómpre salientar que entre os círculos ligados á Escola austríaca de economía coñécese como «capitalismo» a súa variante máis pura, o laissez faire. Outros defensores do capitalismo adoptaron visións do capitalismo máis moderadas e máis matizadas con respecto á súa posta en práctica.

Algunhas das formas de capitalismo existentes ou propostas historicamente son:

En gran medida na maioría dos países modernos predominan formas do capitalismo máis próximas ás dúas últimas formas, a economía social de mercado e a economía mixta. O mercantilismo e o proteccionismo parecen case universalmente abandonados aínda que tiveron o seu esplendor durante os séculos XVIII e XIX.

Críticas ao capitalismo[editar | editar a fonte]

Pyramid of Capitalist System, póster do sindicato Industrial Workers of the World. Critica o capitalismo representándoo como unha estrutura xerárquica de clases sociais.
Artigo principal: Anticapitalismo.

Parte da crítica ao capitalismo é a opinión de que é un sistema caracterizado pola explotación da forza de traballo do home ao constituír o traballo como unha mercadoría máis. Esta condición sería a súa principal contradición: medios de produción privados con forza de traballo colectiva; deste xeito, mentres no capitalismo se produce de forma colectiva, o goce das riquezas xeradas é privado, xa que o sector privado "compra" o traballo dos obreiros co salario.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para capitalismo.
  2. Definición minimalista elaborada de forma que concorde coas principais definicións esencialistas, tanto posteriores (Sombart, 1902; Weber, 1904) como previas a invención do termo (Ricardo, 1817; Proudhon, 1840; Marx, 1848) e a elaboración do concepto (Smith, 1776) e concordante coa definición do dicionario da Enciclopedia Británica: «Capitalism», Merriam-Webster's Collegiate Dictionary

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Capitalismo
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Capitalismo

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Michel Beaud, Historia do capitalismo: de 1500 aos nosos días, tradución de Manuel Serrat ao castelán, Ariel, Barcelona, 1986.
  • Fernand Braudel, A dinámica do capitalismo, tradución de Rafael Tusón Calatayud ao castelán, Fondo de Cultura Económica, México, 1986.
  • John Chamberlain, As raíces do capitalismo, Unión Editorial, Madrid, 1994.
  • Joaquín Estefanía, Aquí non pode ocorrer. O novo espírito do capitalismo, Taurus, Madrid, 1997.
  • Milton Friedman, Capitalismo e liberdade, Ediciones Rialp, Madrid, 1966.
  • John Kenneth Galbraith, O capitalismo americano, tradución de Jaume Berenguer Amenós ao castelán, Ariel, Barcelona, 1968.
  • Jack Goody, Capitalismo e modernidade, tradución de Cecilia Belza ao castelán, Crítica, Barcelona, 2005.
  • Friedrich Hayek, Thomas Ashton, Louis Hacker, Ronald Hartwell, Bertrand de Jouvenel e William Hutt, O capitalismo e os historiadores, Unión Editorial, Madrid, 1997 (1963).
  • Rodney Hilton, A transición do feudalismo ao capitalismo, tradución de Doménec Bergada ao castelán, Crítica, Barcelona, 1987.
  • Joseph Lajugie, Os sistemas económicos, Eudeba, Buenos Aires, 1960 (1957).
  • Fernando Luengo Escamilla, Mercado de traballo e competitividade nos capitalismos emerxentes de Europa Central e Oriental, Editorial Complutense, Madrid, 2003.
  • Ludwig von Mises, Seis leccións sobre o capitalismo, Unión Editorial, Madrid, 1981 (1959, 1979).
  • Ayn Rand, Alan Greenspan, Robert Hessen e Nathaniel Branden, Capitalismo: o ideal descoñecido, Grito Sagrado, Bos Aires, 2007 (1946).
  • Joseph Schumpeter, Capitalismo, socialismo e democracia, Aguilar, México, 1952.
  • Arthur Seldon, Capitalismo, Unión Editorial, Madrid, 1994.
  • Jesus Seminario, O capitalismo peruano español, Editorial Bruño, Nova York, 2006.
  • Hernando de Soto, O misterio do capital, Península, Barcelona, 2001.
  • Gabriel Tortella, As orixes do capitalismo en España: banca, industria e ferrocarrís no século XIX, Tecnos, Madrid, 1973, reed. 1995.
  • Max Weber, A ética protestante e o espírito do capitalismo, Alianza Editorial, Madrid, 2001.

Outros artigos[editar | editar a fonte]