Juan de Mariana
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de setembro de 1536 Talavera de la Reina, España |
Morte | 17 de febreiro de 1624 (87 anos) Toledo, España |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Lugar de traballo | Roma París Toledo |
Ocupación | historiador, profesor universitario, economista |
Orde relixiosa | Compañía de Xesús |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Obálky knih, The Nuttall Encyclopædia >>>:Mariana, Juan |
Juan de Mariana, coñecido como o padre Mariana, nado en Talavera de la Reina en 1536 e finado en Toledo o 16 de febreiro de 1624, foi un xesuíta, teólogo e historiador español. Xunto con Baltasar Gracián constitúe un exemplo representativo dos escritores da Compañía de Xesús no Século de Ouro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo natural do deán da colexiata de Talavera, Juan Martín, e de Bernardina Rodríguez, foi bautizado por iso na Pueblanueva o 2 de abril de 1536. Ao longo da súa vida houbo de soportar moitas afrontas a causa da súa humilde extracción.
Estudou Artes e Teoloxía en Alcalá de Henares, nunha atmosfera saturada de Humanismo. Alí tivo como mestre de noviciado a San Francisco de Borja. Profesou na Compañía de Xesús en 1554 en Simancas.
Acabou a súa formación sacerdotal no colexio xesuíta de Roma onde, a partir de 1561, foi un dos seus profesores, contando entre os seus alumnos ao futuro cardeal Belarmino, que sería protector de Francisco Suárez. Logo foi enviado como profesor a Palermo, en Sicilia, e despois a París, onde recibiu o grao de doutor e permaneceu cinco anos ensinando teoloxía sobre todo na Saint Barthélemy. Máis tarde estivo un tempo en Flandres.
Tras caer enfermo a regresou a Toledo en 1574 onde, semirretirado, consagrouse á redacción dos seus libros. En 1578 recibiu a encarga de informar sobre a presunta heterodoxia da Biblia políglota, cuxa edición dirixía en Anveres Benito Arias Montano, en particular na versión siríaca do Novo Testamento; o seu informe, que lle levou dous anos de estudo, foi favorábel. Isto valeulle tal reputación que, desde entón, se lle encomendaron outros traballos parecidos e igual de delicados, como a supervisión do Manual para a administración dos sacramentos, a reelaboración das Actas dos Concilios diocesanos de Toledo de 1582 e a redacción do Índice expurgatorio de 1584.
Mentres realizaba estas encargas e unha edición das Obras do polígrafo visigodo Isidoro de Sevilla, púxose a redactar unha monumental Historia de España en trinta libros, que comezou a aparecer en Toledo en 1592 co título de Historiae de rebus Hispaniae Libri XXX, cuxa edición ampliada se editou en Maguncia en 1605. No entanto imprimiuse en Toledo a súa propia tradución ao castelán co título Historia general de España (1601). A obra abarca até a morte de Fernando o Católico porque, segundo as súas palabras,
"no me atreví a pasar más adelante y relatar las cosas más modernas, por no lastimar a algunos si decía la verdad, ni faltar al deber si la disimulaba".
A morte sorprendeuno cando traballaba nuns Escolios ao Antigo e Novo Testamento, obra de exéxesis bíblica que se fundaba no texto da Vulgata.
Obra
[editar | editar a fonte]A independencia de xuízo dos seus escritos e o seu hipercriticismo ocasionáronlle graves desgustos co poderes civil e eclesiástico, aínda que só foi molestado en dúas ocasións.
En primeiro lugar foi pola súa De rege et regis institutione (Toledo, 1599), solemnemente queimado en 1610, por subversivo, polo parlamento de París tras o asasinato de Henrique IV de Francia e que escribiu a petición do preceptor de Filipe III de España, García Loaysa y Girón; segundo os seus acusadores, esta obra daba lexitimidade ao tiranicidio, porque a súa doutrina foi relacionada co anterior asasinato de Henrique III de Francia por frei Xacobe Clemente en 1589, aínda que Ravaillac, o asasino do rei francés Henrique IV declarou que non coñecía o libro.
Este tratado, escrito co fin de contravir o naturalismo político de Maquiavelo, como fixera catro anos antes Pedro de Rivadeneyra no seu Princeps christianus adversus Nicholaus Machiavelum (1595), expón en primeiro lugar como ten que ser unha monarquía, e os deberes do rei, que ten que subordinarse como calquera vasalo á lei moral e ao Estado, e despois expón a educación do príncipe cristián seguindo de cerca as teorías de Erasmo de Rotterdam no seu Enchiridion. Propón como máximo valor dun monarca a virtude cardinal da prudencia, no seu sentido aristotélico e sobre todo debe impedir que os impostos asfixien ás clases produtoras do país. Inspirándose en San Tomé de Aquino xustifica como este a revolución e a execución dun rei polo pobo se é un tirano.
A segunda molestia que sufriu foi cando estivo encarcerado durante un ano e medio en Madrid, en 1607, por orde do mesmo Filipe III e do seu valido o Duque de Lerma a causa do libro De monetae mutatione, cuarto dos seus Tractatus septem (Colonia, 1609), que foi denunciado polas alusións aos ministros que modificaran o peso da moeda.
O contido deste libro é o seguinte:
- I. De adventu Jacobi apostoli in Hispania (Da vinda do apóstolo Santiago a España).
- II. Pro editione Vulgatae (Sobre a edición da Vulgata).
- III. De spectaculis (Sobre os espectáculos).
- IV. De monetae mutatione (Acerca da alteración da moeda).
- V. De die mortis Christi (O día da morte de Cristo).
- VI. De annis arabum (Sobre os anos dos árabes).
- VII. De morte et inmortalitate (Da morte e a inmortalidade).
Como pode verse, fóra da historia, os seus intereses ían desde a cronoloxía á filoloxía, a economía ou a moral.
Menor importancia tiveron as friccións coa súa orde. Así, o seu Discurso de las cosas de la Compañía supúxolle a animadversión das xerarquías desta.
Home moi ocupado, fixo unha edición de santo Isidoro de Sevilla, e traballou ademais en obras de filoloxía oriental e como predicador, censor de exexeses, colaborador do Índice e consultor da Inquisición.
A súa obra principal son as Historiae de rebus Hispaniae libri XX (Toleti, typis P. Roderici, 1592). Unha edición posterior máis avanzada do propio recompilador é De rebus Hispaniae libri XXX, que se publicou en Maguncia en 1605. Durante este tempo o autor vertera a edición latina ao castelán, e esta apareceu completa en Toledo en 1601, contendo os trinta libros da edición latina. A obra esténdese desde a máis remota antigüidade até a época dos Reis Católicos.
Juan de Mariana foi un historiador obsesionado coa verdade e que apurou a crítica dos cronicóns anteriores até onde era posíbel no seu tempo. Aínda que escribe no latín moderno internacional da época, a raíz do seu pensamento é patriótica, pois pretende expoñer a grandeza do seu país narrando conxuntamente os feitos de todos os reinos hispánicos, pero en torno á súa nación, Castela.
A obra estableceu o modelo de prosa historiográfica española para os séculos seguintes, salientando vigorosamente todo o que pode cativar e atraer a atención do lector; coida especialmente as descricións dos lugares onde acaecen os feitos e o patetismo nas arengas e epístolas, así como as consideracións sobre as veleidades da fortuna, tomando por modelos a Tito Livio, Tácito e Tucídides. En España foi unha obra moitas veces reimpresa e durante cerca de dous séculos foi a obra histórica máis lida na Península. No resto de Europa a obra foi lida sobre todo en Alemaña e bastante menos noutros países. Foi traducida ao inglés en 1699 por John Stevens.
Ademais das obras mencionadas, da súa correspondencia e das súas notas á edición das obras de san Isidoro e dos seus informes como consultor do Santo Oficio, consérvanse dez tomos de manuscritos. Nas súas Scholia in Vetus ac Novum Testamentum (Anveres e París, 1620) están as súas versificacións en dísticos latinos de varios libros sagrados: Proverbios, Eclesiastés e Cantar dos cantares.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Juan de Mariana |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cirot, Georges (1905): Etudes sur l'Historiographie Espagnole. Mariana historien. Bordeaux: G. Gonnonilhou.
- Braun, Harald E. (2007): Juan de Mariana and Early Modern Spanish Political Thought. Farnham, Surrey (UK): Ashgate Publishing . ISBN 978-0-7546-3962-6.
- Guy, Alain (1985): Historia de la Filosofía Española. Barcelona: Anthropos. ISBN 84-85887-87-5.
- Zanotto, Paolo (2004): Liberalismo e tradizione cattolica. Osservazioni critiche su Juan de Mariana (1535-1624) Arquivado 26 de xaneiro de 2006 en Wayback Machine. Roma-Grand Rapids (USA)-Soveria Mannelli (CZ), Acton Institute-Rubbettino Editore (Quaderni dell'Istituto Acton, nº 16).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Google Books: numerosos tomos completos da Historia General de España e as súas adicións e continuacións posteriores
- Scholasticon. Entrada Juan de Mariana Arquivado 29 de setembro de 2015 en Wayback Machine. (en francés) Consultada o 30/4/2012.
- Retrato de Juan de Mariana cun epítome sobre a súa vida incluído no libro Retratos de Españoles ilustres, publicado o ano 1791. (en castelán)
- Instituto "Juan de Mariana". Pequena biografía de Juan de Mariana. (en castelán) Consultada o 30/4/2012.
- Artigo da Enciclopedia Católica sobre Juan de Mariana (en castelán) Consultada o 30/4/2012.
- Grandes economistas: Juan de Mariana (en castelán) Consultada o 30/4/2012.
- Instituto Acton Argentina. El padre Juan de Mariana, por Lucas Beltrán (Estudo introdutorio ao Tratado y discurso de la moneda de vellón del P. Juan de Mariana. Instituto de Estudios Fiscales, Madrid, 1987. Publicado orixinalmente en La Ilustración Liberal, nº 11, xuño 2002. (en castelán) Consultada o 30/4/2012.
- Juan de Mariana y los escolásticos españoles, por Jesús Huerta de Soto. Versión española do artigo "Juan de Mariana and the Spanish Scholastics", publicado como capítulo I do libro Fifteen Great Austrian Economists, Randall G. Holcombe (ed.), Ludwig von Mises Institute, Auburn, Alabama, 1999, pp. 1–11. (en castelán) Consultada o 30/4/2012.