Traballo (socioloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Traballo no Tahuantinsuyo. Desde a orixe da humanidade o traballo é unha actividade social.

O traballo, unha das categorías centrais da socioloxía (e da economía), pode definirse como a execución de tarefas que implican un esforzo físico ou mental e que teñen como obxectivo a produción de bens e servizos para atender as necesidades humanas.

O traballo é, por tanto, a actividade a través da cal o home obtén os seus medios de subsistencia, polo que, ou ben traballa para vivir ou vive do traballo dos demais.[1]

O concepto de traballo foise transformado e adquiriu relevancia desde a revolución francesa e a revolución industrial.[1]

Evolución do traballo[editar | editar a fonte]

A natureza colectiva do traballo humano e o sistema de relacións sociais que o conforma, fai do traballo un centro de atención constante para os sociólogos: Comte, o fundador da socioloxía, sostiña que a división do traballo leva á evolución social.

Cada formación social desenvolve un tipo específico de relacións sociais para atender a actividade laboral que *impacta decisivamente nas características de cada sociedade e na cultura e forma de vida dos seus habitantes. A constitución mesma da humanidade como especie social está vinculada ao desenvolvemento de relacións cooperativas no traballo. Por outra parte, o conflito social derivado das relacións laborais é unha das cuestións máis atendidas pola socioloxía.

Durante a maior parte da historia da civilización o traballo foi considerado como unha actividade desprezábel. Na Biblia, libro sagrado común ao xudaísmo e cristianismo, o traballo aparece como algo penoso despois de que Adán e Eva perderan o paraíso:

17. (E o Señor Deus) díxolle ao home: "porque lle fixeches caso á túa muller, comendo do froito da árbore que che prohibira comer, por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a túa mantenza mentres vivas.

18. Producirache silvas e abrollos, e terás que comer herbas silvestres.

19. Comera-lo pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito, ti es po e ó po tes que volver"
(Xénese, 3, 17-19)[2]
Traballador norteamericano de comezos do século XX.

Os gregos da antigüidade pensaban que só o lecer recreativo era digno do home libre. A escravitude foi considerada polas máis diversas civilizacións como a forma natural e máis adecuada de relación laboral. Desde mediados do século XIX,[3] vinculado ao desenvolvemento da democracia e o sindicalismo, a escravitude deixa de ser a forma predominante de traballo, para ser substituída polo traballo asalariado. Con el emerxe unha valoración social positiva do traballo por primeira vez na historia da humanidade.

En xeral os grandes sociólogos (Comte, Weber, Durkheim) concederon ao traballo un lugar central nas súas teorías. Pero só a partir da segunda guerra mundial foi cando se desenvolveu unha socioloxía do traballo. Conceptos claves da socioloxía como os de "división do traballo", "clase social", "estratificación social", "conflito", "poder", están intimamente relacionadas coas implicacións sociolóxicas do traballo.

Para a socioloxía do traballo o estudo do traballo vai máis alá das "relacións sociais de emprego" para centrarse no moito máis amplo e complexo concepto de "mundo do traballo", que abarca todas as formas de traballo e actividade, prestando atención tanto á actividade como á intención para a cal a actividade se leva a cabo, chegando até o concepto mesmo de "empresa" como esforzo colectivo do traballo.

A socioloxía presta atención e estuda as implicacións sociais da relación do traballo coa ferramenta (técnica e a tecnoloxía).

As profundas transformacións que derivan do paso do traballo con simples ferramentas individuais (artesanado), ao traballo industrial con grandes máquinas (maquinismo), ao traballo con computadores (sociedade da información), constitúen un permanente tema de estudo sociolóxico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Enric Sanchis, Trabajo y paro en la sociedad postindustrial, Tirant Lo Blanch, Valencia, 2011, ISBN 978-84-9004-105-5, páx. 17
  2. A Biblia, SEPT, 1992
  3. No curso do século XIX a maior parte dos países do mundo aboliron a escravitude.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Godio, Julio (2001): Sociología del trabajo y política, Buenos Aires: Corregidor.
  • Sanchis, Enric (2010): "Trabajo y paro en la sociedad postindustrial", in Tirant Lo Blanch, Valencia, ISBN 978-84-9004-105-5

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]