Georg Wilhelm Friedrich Hegel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Georg Wilhelm Friedrich Hegel
Hegel portrait by Schlesinger 1831.jpg
Retrato realizado en 1831 por Jakob Schlesinger.
Filosofía occidental - Século XIX
Nacemento 27 de agosto de 1770
Stuttgart, Baden-Württemberg, Alemaña Alemaña
Morte 14 de novembro de 1831
Berlín, Alemaña Alemaña
Filosofía Idealismo alemán
Historicismo
Fundador do hegelianismo
Intereses principais Lóxica, metafísica, estética, filosofía da historia, filosofía política
Ideas salientables Dialéctica hegeliana, idealismo absoluto, dialéctica do amo e o escravo, Aufheben, Geist, Sittlichkeit, alienación
Influencias Aristóteles, Platón, Descartes, Goethe, Spinoza, Leibniz, Rousseau, Böhme, Kant, Fichte, Hölderlin, Vico,
Influente en Adorno, Badiou, Bakunin, Barth, Bataille, Bauer, Baur, Bookchin, Bosanquet, Bradley, Brandom, Breton, Butler, Kojève, Koyré, Küng, Lacan, Lewes, Lenin, Lévi-Strauss, Lotze, Lukács, Marcuse, Malabou, Marx, Unger, Vygotsky, Zeller, Žižek, Schleicher, Singer, Stirner, David Strauss, Strauss
Hegel Unterschrift.svg

Georg Wilhelm Friedrich Hegel, nado en Stuttgart (Baden-Württemberg) o 27 de agosto de 1770 e finado o 14 de novembro de 1831 en Berlín, foi un filósofo alemán e un importante persoeiro do idealismo alemán. Acadou gran sona no seu tempo e, aínda que influíu principalmente na tradición continental da filosofía, volveuse tamén cada vez máis influente na tradición analítica[1]. Aínda que segue a ser unha figura divisiva, a súa importancia canónica dentro da filosofía occidental é recoñecida de xeito universal.

O seu principal logro é o desenvolvemento da distintiva articulación do idealismo, ás veces denominado «idealismo absoluto»[2], na que se superan os dualismos de, por exemplo, a mente e a natureza e o suxeito e obxecto. A súa filosofía do espírito integra conceptualmente a psicoloxía, o Estado, a historia, a arte, a relixión e a filosofía. A súa achega sobre a dialéctica do amo e do escravo influíu enormemente, especialmente na Francia do século XX. De salientábel importancia é o seu concepto de espírito (Geitst, ás veces traducido como «mente») como a manifestación histórica do concepto lóxico e a «sublimación» (Aufhebung 'integración sen unha eliminación ou redución') de factores aparentemente contraditorios ou opostos; exemplos inclúen a aparente oposición entre a natureza e a liberdade e entre a inmanencia e transcendencia. Hegel foi visto no século XX como o creador da tríade da tese-antítese-síntese[3]; porén, isto foi citado por primeira vez por Johan Gottlieb Fichte[4].

Hegel influíu unha chea de pensadores e escritores cuxas propias posicións varían notabelmente. Karl Barth describiu a Hegel como un «aquiniano protestante», mentres que Maurice Merleau-Ponty escribiu que: «Todas as grandes ideas filosóficas do século pasado —as filosofías de Marx e Nietzsche, a fenomenoloxía, o existencialismo alemán e a psicanálise— tiveron os seus comezos en Hegel».

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

A casa natal de Hegel en Stuttgart, a cal acolle o actual Museo de Hegel.

Infancia[editar | editar a fonte]

Hegel naceu o 27 de agosto de 1770 en Stuttgart, no ducado de Württemberg, suroeste de Alemaña. Bautizado Georg Wilhelm Friedrich, foi coñecido como Wilhelm para a súa familia. O seu pai, Georg Ludwig, era Rentkammersekretär (secretario da oficina de ingresos) na corte de Carlos Uxío de Württemberg[5]. A nai de Hegel, Maria Magdalena Louisa, era a filla dun avogado do Tribunal Superior de Xustiza da corte de Württemberg. Ela morreu dunha «febre biliosa» (Gallenfieber) cando Hegel tiña trece anos. Hegel e mailo seu pai tamén colleron a doenza, pero por pouco sobreviviron[6]. Hegel tiña unha irmá, Christiane Luise (1773-1832), e un irmán, Georg Ludwig (1776-1812), quen finou como oficial na campaña rusa de Napoleón de 1812[5].

Con tres anos Hegel asistiu á «escola alemá». Cando entrou á «escola latina» dous anos máis tarde, el xa sabía a primeira declinación grazas á súa nai.

En 1776, Hegel entrou no Eberhard-Ludwigs-Gymnasium. Ao longo da súa adolescencia Hegel leu de xeito voraz, copiando longos extractos no seu diario. Entre os autores que leu atópanse o poeta Klopstock e escritores asociados coa Ilustración, como Christian Garve e Gotthold Ephraim Lessing. Hegel rematou os seus estudos na escola co seu Abiturrede (discurso de graduación) titulado O estado abortivo da arte e a erudición en Turquía[5].

Tubinga (1788-1801)[editar | editar a fonte]

Con dezaoito anos acudiu ao seminario de Tubinga (un seminario protestante a cargo da Universidade de Tubinga), onde tivo como compañeiros de piso o poeta Friedrich Hölderlin e o filósofo Friedrich Wilhelm Joseph Schelling[7]. Compartindo un desgusto polo que eles consideraban un ambiente restritivo do seminario, os tres convertéronse en amigos íntimos e influíronse mutuamente nas ideas do outro. Todos admiraban moito a civilización helénica, e Hegel profundizou en Rousseau e Lessing durante este tempo[8]. Observaron o desprego da Revolución Francesa con entusiasmo compartido. Schelling e mais Hölderlin se introduciron nos debates teóricos da filosofía kantiana, nos que Hegel se mantivo á marxe. Hegel consideraba o seu futuro como o dun Popularphilosoph, isto é un home de letras que serve para facer accesíbeis a un amplo público as ideas abstrusas dos filósofos; a súa propia necesidade sentida de involucrarse criticamente coas ideas centrais do kantianismo non chegou ata 1800.

Berna (1793-96) e Frankfurt (1797-1801)[editar | editar a fonte]

Tras recibir o certifical teolóxico (Konsistorialexamen) do seminario de Tubinga, Hegel volveuse Hofmeister (titor do fogar) dunha familia aristocrática en Berna (1793-96). Durante este período compuxo o texto que se coñece como Das Leben Jesu (Vida de Xesús) e un manuscrito cunha lonxitude similar á dun libro titulado Die Positivität der christlichen Religion (A positividade da relixión cristiá). A súa relación cos seus xefes comezou a se volver cada vez máis tensa, polo que Hegel aceptou unha oferta mediada por Hölderlin para ocupar unha posición semellante coa familia dun comerciante de viño en Frankfurt, onde se mudou e 1797. Aquí Hölderlin exerceu unha influencia importante no pensamento de Hegel. Mentres en Frankfurt Hegel compuxo o ensaio Fragmentos sobre a relixión e o amor. En 1799, escribiu outro ensaio titulado Der Geist des Christentums und sein Schicksal (O espírito do cristianismo e o seu destino)[9], texto inédito durante a súa vida.

Tamén en 1797 escribiu o manuscrito inédito e sen asinar de Das älteste Systemprogramm des deutschen Idealismus (O programa sistemático máis antigo do idealismo alemán). Foi escrito da man de Hegel, mais se cre que a autoría pode pertencer tanto a Hegel, Schelling, Hölderlin ou unha cuarta persoa descoñecida[10].

Anos de profesión[editar | editar a fonte]

Jena, Bamberg e Nürnberg (1801-1816)[editar | editar a fonte]

En 1801, Hegel foi a Jena co estímulo do seu vello amigo Schelling, quen ocupaba o posto de profesor extraordinario na universidade de alí. Hegel asegurouse unha posición na universidade como Privatdozent (conferenciante sen soldo) despois de se someter a un Habilitationsschrift (disertación inaugural) sobre as órbitas dos planetas. Nese mesmo ano, máis tarde, publicou o seu primeiro libro Differenz des Fichteschen und Schellingschen Systems der Philosophie (A diferenza entre os sistemas filosóficos de Fichte e Schelling). Deu conferencias sobre a «Lóxica e a metafísica» amais de charlas conxuntas con Schelling sobre unha «Introdución á idea e límites da filosofía verdadeira» e celebrou un «Disputorium filosófico». En 1802, Schelling e Hegel fundaron un xornal, o Kritische Journal der Philosophie (Xornal crítico de filosofía), á cal cada un achegou artigos ata que a colaboración rematou cando Schelling marchou a Würzburg en 1803.

En 1805, a universidade ascendeu a Hegel á posición de profesor extraordinario (sen salario), despois Hegel escribiu unha carta ao poeta e ministro de cultura Johann Wolfgang von Goethe protestando sobre o ascenso do seu adversario filosófico Jakob Friedrich Fries sobre el. Hegel tentou obter a axuda do poeta e tradutor Johann Heinrich Voß para acadar un posto na universidade recentemente renacente de Heidelberg, mais fracasou. Para o seu desgusto, nese mesmo ano outórganlle a Fries a posición de profesor ordinario (con salario) nesa universidade.

Napoleón, o «espírito do mundo a cabalo», en Jena.

As súas finanzas estaban a se gastar rapidamente, Hegel estaba agora so unha gran presión para entregar o seu libro, a tan prometida introdución ao seu sistema. Hegel estaba dando os últimos retoques ao seu libro, Phänomenologie des Geistes (Fenomenoloxía do espírito), cando Napoleón enfrontouse con tropas prusianas o 14 de outubro de 1806 na batalla de Jena nunha meseta fóra da cidade. O día anterior á batalla, Napoleón entrou na cidade de Jena. Hegel narrou as súas impresións nunha carta dirixida ao seu amigo Friedrich Immanuel Niethammer:

Vin o emperador —este mundo-espírito— saíndo da cidade en recoñecemento. De feito, é unha sensación marabillosa ver a un individuo así, que, concentrado aquí nun só punto, montado a cabalo, estira o brazo ao mundo e domínao... este extraordinario home, a quen é imposíbel non admirar.

Inda que non optou por pechar a Universidade de Jena como fixera con outras, a cidade foi devastada e os estudantes abandonaron a universidade en masa, o que fixo que a economía de Hegel empeorase inda máis. O seguinte febreiro, Hegel tivo un fillo, Georg Ludwig Friedrich Fischer (1807-31), coa caseira Christiana Burkhardt (quen fora abandonada polo seu marido).

En marzo de 1807, aos 37 anos, Hegel trasladouse a Bamberg, onde Niethammer declinara unha oferta para se converter en editor dun periódico, o Bamberger Zeitung, e ofreceulla a Hegel. Este, incapaz de atopar un emprego máis adecuado, aceptou a repelo. Ludwig Fischer e maila súa nai (a quen Hegel puido ofrecer casar despois da morte do seu marido) ficaron en Jena.

Foi entón, en novembro de 1808, de novo grazas a Niethammer, nomeado director dunha escola en Nuremberg, un posto que ocupou ata 1816. Na súa estada en Nuremberg Hegel adaptou a súa recentemente publicada Phänomenologie des Geistes (Fenomenoloxía do espírito) para o seu uso na aula. Parta da súa misión era a de ensinar unha clase chamada «Introdución ao coñecemento da coherencia universal das ciencias», xurdindo deste xeito a idea de desenvolver unha enciclopedia das ciencias filosóficas, dividida en tres partes (lóxica, filosofía da natureza e filosofía do espírito).

Hegel casou con Marie Helena Susanna von Tucher (1791-1855), a filla maior do senador, en 1811. Este período viu a publicación da súa segunda obra máis importante, a Wissenschaft der Logik (Ciencia da lóxica), publicada en tres volumes (1812, 1813 e 1816), e o nacemento dos seus dous fillos lexítimos, Karl Friedrich Wilhelm (1813-1901) e Immanuel Thomas Christian (1814-1891).

Heidelberg e Berlín (1816-1831)[editar | editar a fonte]

Despois de recibir ofertas para postos nas universidades de Erlangen, Berlín e Heidelberg, Hegel elixiu Heidelberg, onde se mudou en 1816. Pouco despois, en abril de 1817, o seu fillo ilexítimo Ludwig Fischer (agora con dez anos) uniuse á familia de Hegel tras pasar a súa nenez nun orfanato (período no cal a súa nai faleceu).

Hegel publicou en 1817 Enzyklopädie der philosophischen Wissenschaften im Grundrisse (Enciclopedia das ciencias filosóficas) como sumario da súa filosofía para os estudantes que acoden ás súas conferencias en Heidelberg.

Hegel cos seus estudantes berlineses, bosquexo de Franz Kugler.

En 1818, Hegel aceptou a oferta renovada da cátedra de filosofía da Universidade de Berlín, que permanecera vacante dende a morte de Johann Gottlieb Fichte en 1814. Aquí publicou Grundlinien der Philosophie des Rechts (Fundamentos da filosofía do dereito) en 1820. Hegel dedicouse principalmente a dar as súas conferencias; as súas clases maxistrais sobre estética, filosofía da relixión, filosofía da historia e historia da filosofía que se publicaron postumamente a partir de notas de conferencias tomadas polos seus alumnos. A súa fama estendeuse e as súas conferencias atraeron a estudantes de toda Alemaña e de máis aló.

En 1819-27, realizou diversas viaxes a Weimar (dúas veces), onde coñeceu a Goethe, Bruxelas, o norte dos Países Baixos, Leipzig, Viena a través de Praga e París.

Hegel foi nomeado reitor da universidade en outubro de 1829, cando tiña 59 anos. O seu mandato como reitor rematou en setembro de 1830; sentiuse profundamente perturbado polos disturbios ocasionados pola reforma en Berlín nese ano. En 1831, Federico Guillerme III decorouno coa Orde da Aguia Vermella, 3ª clase polo seu servizo ao estado prusiano. En agosto de 1831 unha epidemia de cólera chegou a Berlín e Hegel abandonou a cidade, ficando en Kreuzberg. Agora, nun estado débil de saúde, Hegel rara vez saía. Cando o novo semestre comezou en outubro, Hegel regresou a Berlín, coa impresión (equivocada) de que a epidemia desaparecera en gran medida. Cara ao 14 de novembro, Hegel estaba morto. Os doutores declararon que a causa da morte era cólera, mais é probábel que morrese dunha enfermidade gastrointestinal diferente. Dise que as derradeiras palabras que pronunciou denantes de morrer foron «E el non me entendeu». De acordo cos seus desexos, Hegel foi soterrado o 16 de novembro no cemiterio de Dorotheenstadt xunta Fichte e Solger.

O seu fillo Ludwig Fischer morrera pouco antes mentres servía ao exército holandés en Batavia; a nova da súa morte nunca chegou ao seu pai. Ao ano seguinte, a irmá de Hegel, Christiane, suicidouse afogándose. Os dous fillos restantes de Hegel —Karl, quen se converteu nun historiador, e Immanuel, quen seguiu o camiño teolóxico— viviron moito tempo e salvagardaron o Nachlaß do seu pai, así como produciron edicións da súa obra.

Pensamento[editar | editar a fonte]

As orixes do sistema de Hegel remóntanse á filosofía grega clásica. O pensamento hegeliano está profundamente vinculado á concepción dialéctica de Heráclito, ao idealismo de Platón e ao edificio conceptual de Aristóteles.

Liberdade[editar | editar a fonte]

O pensamento de Hegel pode entenderse coma un desenvolvemento construtivo dentro da ampla tradición que inclúe a Platón e Immanuel Kant. A esta lista podemos engadir Proclo, Meister Eckhart, Gottfried Wilhelm Leibniz, Plotino, Jakob Böhme e Jean-Jacques Rousseau. O que todos estes pensadores comparten, o cal os distingue dos materialistas coma Epicuro, os estoicos e Thomas Hobbes, e dos empiristas coma David Hume, é que consideran a liberdade ou a autodeterminación tanto reais como con implicacións ontolóxicas importantes para a alma, a mente ou a divindade. Este enfoque da liberdade é o que xera a noción de Platón (en Fedón, A República e Timeo) da alma como unha realidade máis alta ou máis completa que a que posúen os obxectos inanimados. Aínda que Aristóteles critica as «formas» de Platón, preserva as pedras angulares deste das implicacións ontolóxicas para a autodeterminación: o razoamento ético, o cumio da alma na xerarquía da natureza, a orde do cosmos e unha aceptación con argumentos razoados para un motor primordial. Kant importa a alta estima de Platón da soberanía individual ás súas consideracións de liberdade moral e noumenal, así como a Deus. Os tres atopan un terreo común na posición única dos seres humanos no esquema das cousas, coñecido polas diferenzas categóricas analizadas entre animais e obxectos inanimados.

Na súa exposición sobre o «espírito» na súa Enzyklopädie, Hegel gaba a obra aristotélica Da alma como «por moit o máis admirábel, quizais o único traballo de valor filosófico sobre este tema». Nas súas Phänomenologie des Geistes (Fenomenoloxía do espírito) e Wissenschaft der Logik (Ciencia da lóxica), a preocupación de Hegel polos temas kantianos como a liberdade e a moral, e coas súas implicacións ontolóxicas, é omnipresente. En troques de simplemente rexeitar o dualismo de Kant da liberdade contra a natureza, Hegel aspira a subsumilo dentro do «infinito verdadeiro», o «concepto» (ou «noción»: Begriff), o «espírito» e a «vida ética» de tal maneira que a dualidade kantiana faise intelixíbel, no canto de ficar como un «dado» bruto.

A razón pola que esta subsunción ten lugar nunha serie de conceptos é que o método de Hegel, na súa Wissenschaft der Logik e Enzyklopädie, é comezar con conceptos básicos como o ser e a nada e desenvolvelos a través dunha longa secuencia de elaboracións, incluíndo aqueles xa mencionados. Deste xeito, unha solución que se acada, en principio, na explicación do «infinito verdadeiro» na Wissenschaft der Logik, repítese en novas formas en etapas posteriores, ata «espírito» e «vida ética», no terceiro volume da Enzyklopädie.

Deste xeito, Hegel pretende defender o xermolo da verdade no dualismo kantiano contra programas redutivos ou eliminativos como os do materialismo e o empirismo. Coma Platón, co seu dualismo da alma fronte aos apetitos corporais, Kant persegue a capacidade da mente para cuestionar as súas inclinacións ou apetitos sentidos e chegar a un estándar do «deber» (ou, no caso de Platón, o «bo») que transcende a restrición corporal. Hegel conserva esta preocupación esencial platónica e kantiana en forma de infinidade que vai máis aló do finito (un proceso que Hegel relaciona, de feito, coa «liberdade» e o «deber»), o universal que vai alén do particular (no concepto) e do espírito, incluso mái aló da natureza. Hegel fai estas dualidades intelixíbeis (en última instancia) polo seu argumento do capítulo «Calidade» da súa obra Wissenschaft der Logik. O finito ten que chegar a ser infinito para acadar a realidade. A idea do absoluto exclúe multiplicidade para que o suxeito e o obxectivo logren a síntese para chegar a ser enteiros. Isto débese a que, como Hegel suxire pola súa introdución do concepto de «realidade», o que se determina a si mesmo —en troques de depender das súas relacións con outras cousas polo seu carácter esencial— é máis plenamente «real» (seguindo a etimoloxía latina de «real», que significa 'cousa semellante') que o que non. As cousas finitas non se determinan a si mesmas, porque, como cousas «finitas», o seu carácter esencial está determinado polas súas fronteiras, fronte a outras cousas finitas. Así, para chegar a ser «reais», deben ir alén da súa finitude («a finitude é só como unha transcendencia de si mesma»).

O resultado deste argumento é que o finito e o infinito —e por extensión, o particular e o universal, a natureza e a liberdade— non se enfrontan como dúas realidades independentes, senón que no canto disto (en cada caso) é a autotranscendencia da primeira. En lugar de salientar a singularidade distintiva de cada factor que complementa e contradise cos outros —sen explicación— a relación entre finito e infinito (e particular e universal, natureza e liberdade) faise intelixíbe coma un todo en desenvolvemento progresivo e autoperfeccionamento.

Progreso[editar | editar a fonte]

Os textos místicos de Böhme influíron fortemente a Hegel. Böhme escribira que a caída do home era unha etapa necesaria na evolución do universo. Esta evolución foi, en si mesma, o resultado do desexo de Deus dunha completa autoconciencia. Hegel estaba fascinado polas obras de Kant, Rousseau e Johann Wolfgang von Goethe, así como coa Revolución Francesa. A filosofía moderna, a cultura e a sociedad parecíanlle a Hegel cargadas de contradicións e tensións, coma as do suxeito e o obxecto de coñecemento, a mente e a natureza, o eu e o outro, a liberdade e a autoridade, o coñecemento e a fe, a Ilustración e o Romanticismo. O principal proxecto filosófico de Hegel foi tomar estas contradicións e tensión e interpretalas como parte dunha unidade comprensiva, evolutiva e racional que, en contextos diferentes, el chamou «a idea absoluta» (Wissenschaft der Logik, seccións 1781-3) ou «coñecemento absoluto» (Phänomenologie des Geistes).

Segundo Hegel, a característica principal desta unidade era que evolucionou a través dela mesma e manifestouse en contradición e negación. A contradición e a negación teñen unha calidade dinámica que en cada punto de cada esfera da realidadeconciencia, historia, filosofía, arte, natureza e sociedade— conduce a un maior desenvolvemento ata acadar unha unidade racional que preserva as contradicións coma fases e subpartes elevándoos (Aufhebung) a unha unidade superior. Todo isto é mental porque é a mente a que pode comprender todas estas fases e subpartes como pasos no seu propio proceso de comprensión. É racional porque a mesma orde subxacente, lóxica e de desenvolvemento subxace a todos os dominios da realidade e é, en última instancia, a orde do pensamento racional autoconsciente, aínda que só nas últimas etapas do desenvolvemento chegar á plena conciencia de si mesmo. O todo racional, consciente de si mesmo, non é unha cousa ou un ser que está fóra doutras cousas ou mentes existentes. Máis ben, só chega á súa fin na comprensión filosófica das mentes individuais existentes que, a través da súa propia comprensión, levan este proceso de desenvolvemento a unha comprensión de si mesmo. O pensamento de Hegel é revolucionario na medida en que é unha filosofía de negación absoluta: mentres a negación absoluta estea no centro, a sistematización fica aberta e fai posíbel que os seres humanos se convertan en suxeitos.

«Mente» e «espírito» son as traducións galegas do uso de Hegel para o alemán Geist. Algúns autores argumentaron que estes termos «psicoloxizan» excesivamente a Hegel, implicando unha especie de conciencia incorpórea e solipsista coma a pantasma ou a «alma». Geist combina o significado de espírito —coma en deus, pantasma ou mente— cunha forza intencional. Na primeira filosofía da natureza de Hegel (borradores de manuscritos escritos durante a súa etapa na Universidade de Jena), a noción de Geist estaba estreitamente ligada á noción de «éter», da cal Hegel tamén derivou os conceptos de espazo e tempo; porén, nos seus traballos posteriores (despois de Jena) non empregou explicitamente a vella noción de «éter».

A concepción de Hegel do coñecemento e mente (e polo tanto tamén da realidade) era a noción fundamental de identidade na diferenza, é dicir, que a mente se exterioriza en varias formas e obxectos que están fóra dela ou se opoñen a ela, e que, ao se recoñecer neles, está consigo mesma nestas manifestacións externas, de xeito que son ao mesmo tempo mente e distintos de mente. Esta noción de identidade na diferenza, que está intimamente ligada á súa concepción de contradición e negatividade, é un trazo principal que diferencia o pensamento de Hegel do doutros filósofos.

Sociedade civil[editar | editar a fonte]

Hegel fixo a distinción entre sociedade civil e Estado en Grundlinien der Philosophie des Rechts (Elementos da filosofía do dereito). Nesta obra, a sociedade civil (Hegel empregou o termo bürgerliche Gesellschaft aínda que agora se coñece en alemán como Zivilgesellschaft para enfatizar unha comunidade máis inclusiva) foi unha etapa na relación dialéctica que se produce entre os opostos percibidos por Hegel, a macrocomunidade do Estado e a microcomunidade da familia. En termos xerais, o termo foi dividido, coma os seguidores de Hegel, en esquerda e dereita políticas. Na esquerda converteuse na base da sociedade civil de Karl Marx como base económica; na dereita converteuse nunha descrición para todos os aspectos non-estatais (e o Estado é o cumio do espírito obxectivo) da sociedade, incluíndo a cultura, a sociedade e a política. Esta distinción liberal entre sociedade política e sociedade civil seguiuna Alexis de Tocqueville. De feito, as distincións de Hegel en canto ao que entendía como sociedade civil adoito non están claras. Por exemplo, se ben parece que unha sociedade civil coma a alemá na que vivía era un movemento inevitábel da dialéctica, abriu o camiño para a colisión doutros tipos de sociedades «menos» e non plenamente realizadas, xa que estas sociedade non eran plenamente conscientes ou non estaban ben informadas, por así decilo, da falla de progreso nas súas sociedades. Polo tanto, era perfectamente lexítimo, aos ollos de Hegel, que un conquistador coma Napoleón, viñese e destruíse o que non estaba plenamente realizado.

Estado[editar | editar a fonte]

O Estado para Hegel é a culminación final da encarnación da liberdade ou do dereito (Rechte) en Grundlinien der Philosophie des Rechts. O Estado engloba a familia e a sociedade civil e satisfanos. Os tres xuntos chámanse «vida ética» (Sittlichkeit). O Estado participa en tres «momentos». Nun Estado Hegeliano, os cidadáns coñecen e elixen o seu lugar. Ambos coñecen as súas obrigas e elixen cumprilas. «O deber supremo dun individuo é ser membro do Estado» (Grundlinien der Philosophie des Rechts, sección 258). O individuo ten «liberdade substancial no Estado». O Estado é «espírito obxectivo» e «é só por ser membro do Estado que o individuo mesmo ten obxectividade, verdade e vida ética» (sección 258). Cada membro, ademais, ama o Estado con xenuíno patriotismo, mais transcendeu o mero «espírito de equipo» referendando a súa cidadanía. Os membros dun Estado hegeliano están felices incluso se teñen que sacrificar as súas vidas polo Estado.

Heráclito[editar | editar a fonte]

Segundo Hegel «Heráclito é o primeiro en declarar a natureza da natureza infinita e da primeira capturada como en si mesma infinita, é dicir, a súa esencia como proceso. A orixe da filosofía debe ser datada dende Heráclito. A súa é a idea persistente que é a mesma en todos os filósofos ata a actualidade, como o foi a idea de Platón e Aristóteles». Para Hegel, os grandes logros de Heráclito foron comprender a natureza do infinito, que para Hegel inclúe comprender a contradición e negatividade inherentes da realidade, e comprender que a realidade é devir ou proceso, e que o «ser» e a «nada» son mera abstracción baleira. Segundo Hegel, a escuridade de Heráclito provén de ser un verdadeiro filósofo (en termos de Hegel especulativo) que captaba a verdade filosófica última e polo tanto expresábase dun xeito que ía máis aló da natureza abstracta e limitada do senso común. Hegel afirmou que en Heráclito tiña un antecedente para a súa lóxica: «... non hai proposición de Heráclito que non adoptase na miña lóxica».

Hegel cita unha serie de fragmentos de Heráclito nas súas Vorlesungen über die Geschichte der Philosophie (Leccións sobre a historia da filosofía). Un ao cal atribúe grande importancia é o fragmento que traduce como «Ser non é máis que non ser», que na súa interpretación significa:

Sein und Nichts sei dasselbe (Ser e non ser son o mesmo).

Obra[editar | editar a fonte]

A primeira e máis importante das obras maiores de Hegel é a súa Fenomenoloxía do Espírito. Durante a súa vida publicáronse tamén a Enciclopedia das ciencias filosóficas, a Ciencia da lóxica e os (Elementos da) Filosofía do dereito. Varias obras máis sobre a filosofía da historia, relixión estética e a historia da filosofía recompiláronse a partir dos apuntes dos seus estudantes e publicáronse de xeito póstumo.

Teoría[editar | editar a fonte]

As obras de Hegel teñen fama de difíciles pola amplitude dos temas que pretenden abarcar. Hegel introduciu un sistema para entender a historia da filosofía e o mundo mesmo, chamado acotío "dialéctica": unha progresión na que cada movemento sucesivo xorde como solución das contradicións inherentes ao movemento anterior. Por exemplo, a Revolución Francesa constitúe para Hegel a introdución da verdadeira liberdade ás sociedades occidentais por vez primeira na historia escrita.

Non obstante, precisamente pola súa novidade absoluta, é tamén absolutamente radical: por unha parte, o aumento abrupto da violencia que fixo falta para realizar a revolución non pode deixar de ser o que é, e por outra parte, xa consumiu ao seu opoñente. A revolución, por conseguinte, xa non ten onde volver máis que ao seu propio resultado: a liberdade conquistada con tantas penurias é consumida por un brutal Reinado do Terror. A historia, non obstante, progresa aprendendo dos seus propios erros: só despois desta experiencia, e precisamente por ela, pode postularse a existencia dun Estado constitucional de cidadáns libres, que consagra tanto o poder organizador benévolo (supostamente) do goberno racional e os ideais revolucionarios da liberdade e da igualdade.

Nas explicacións contemporáneas do hegelianismo a dialéctica de Hegel a miúdo aparece fragmentada[Cómpre referencia], por comodidade, en tres momentos chamados "tese" (no noso exemplo, a revolución), "antítese" (o terror subseguinte) e "síntese" (o estado constitucional de cidadáns libres). Así e todo, Hegel non empregou persoalmente esta clasificación en absoluto; crearaa anteriormente Fichte na súa explicación máis ou menos análoga da relación entre o individuo e o mundo. Os estudosos serios de Hegel non recoñecen[Cómpre referencia], en xeral, a validez desta clasificación.

Hegel valeuse deste sistema para explicar toda a historia da filosofía, da ciencia, da arte, da política e da relixión, pero moitos críticos modernos sinalan que Hegel a miudo parece pasar por alto as realidades da historia a fin de facelas encaixar no seu molde dialéctico. Karl Popper, crítico de Hegel en A sociedade aberta e seus inimigos, opina que o sistema de Hegel constitúe unha xustificación tenuemente velada do goberno de Federico Guillerme III e que a idea hegeliana de que o obxectivo ulterior da historia é chegar a un Estado aproximado ó da Prusia do decenio de 1831. Esta visión de Hegel como apólogo do poder estatal e precursor do totalitarismo do século XX foi criticada minuciosamente por Herbert Marcuse en Razón e revolución: Hegel e o xurdimento da teoría social, argumentando que Hegel non foi apólogo de ningún Estado nin forma de autoridade simplemente porque estes existiran; para Hegel, o Estado debe ser sempre racional. Arthur Schopenhauer desprezou a Hegel polo historicismo deste e tachou a obra de Hegel de pseudofilosofía.

Seguidores[editar | editar a fonte]

Trala morte de Hegel, os seus seguidores dividíronse en dous campos principais e contrarios. Os hegelianos de dereita, discípulos directos de Hegel na Universidade de Berlín, defenderon a ortodoxia evanxélica e o conservadorismo político do período posterior á restauración napoleónica.

Os de esquerda viron a ser chamados hegelianos xoves e interpretaron a Hegel nun sentido revolucionario, o que os levou a aterse ao ateísmo na relixión e á democracia liberal na política. Entre os hegelianos de esquerda atópanse Bruno Bauer, Ludwig Feuerbach, David Friedrich Strauss, Max Stirner e, o máis famoso, Karl Marx. Os múltiples cismas nesta facción levaron finalmente á variedade anarquista do egoísmo de Stirner e á versión marxista do comunismo.

No século XX, a filosofía de Hegel tivo un gran renacemento: isto foi debido en parte ao seu redescubrimento e reavaliación como proxenitor filosófico do marxismo por marxistas de orientación filosófica, en parte a un rexurdimento da perspectiva histórica que Hegel achegou a todo, e en parte ao crecente recoñecemento da importancia do seu método dialéctico. Algunhas figuras que son relacionadas con este renacemento son Herbert Marcuse, Theodor Adorno, Ernst Bloch, Alexandre Kojève e Gotthard Günther. O renacemento de Hegel tamén puxo de relevo a importancia das súas primeiras obras, é dicir, as publicadas antes da Fenomenoloxía do espírito.

Obras principais[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Georg Wilhelm Friedrich Hegel". Stanford Encyclopedia of Philosophy. Consultado o 19 de decembro de 2016. 
  2. Este termo é bastante raro nos escritos de Hegel. Non se atopa en ningures en Wissenschaft der Logik (aínda que se achega nunha observación na páxina 124 da tradución do 2010 de Giovanni, GW 21.142). Na presentación da súa lóxica en Enzyklopädie der philosophischen Wissenschaften pódese atopar no §45R.
  3. Solomon, Robert C. (1985). In the Spirit of Hegel. Oxford University Press. ISBN 978-0195036503. 
  4. Gottlieb Fichte, Johann (1993). Fichte: Early Philosophical Writings. Cornell University Press. ISBN 978-0801481215. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Pinkard, Terry (2000). Hegel: A Biography (PDF). Cambridge University Press. ISBN 0-521-49679-9. 
  6. Pinkard, Hegel: A Biography, p. 3, dá incorrectamente a data do 20 de setembro de 1781, tendo Hegel once anos. Cf. o índice do libro de Pinkard e a súa «Chronology of Hegel's Life» («Cronoloxía da vida de Hegel»), onde aparece correctamente a data como 1783 (pp. 773, 745); véxase tamén a Wikipedia alemá.
  7. Frederick C., Beiser (1993). The Cambridge Companion to Hegel. Cambridge University Press. ISBN 1-13982495-3. 
  8. Harris, H. S. (1995). Phenomenology and System. Hackett Publishing. ISBN 978-0872202818. 
  9. "The Spirit of Christianity and Its Fate". Suny Press. Consultado o 22 de decembro de 2016. 
  10. Hammermeister, Kai (2002). The German Aesthetic Tradition. Cambridge University Press. ISBN 9780521785549. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pérez Rodríguez, Berta; Maraguat Idarraga, Edgar (2004). Hegel. Unha introdución. Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-59-0. 
  • Walker, J. E. (1991). Thought and faith in the philosophy of Hegel (en inglés). Springer. ISBN 978-0-7923-1234-5. 
  • Saña Alcón, Heleno (1983). La filosofía de Hegel (en español). Gredos. ISBN 978-8424908867. 
  • Frederick C., Beiser (1993). The Cambridge Companion to Hegel (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-38711-6. 
  • Frederick C., Beiser (2005). Hegel (en inglés). Routledge. ISBN 978-0415312073. 
  • Burbidge, John (2006). The Logic of Hegel's Logic: An Introduction (en inglés). Broadview Press. ISBN 1-55111-633-2. 
  • Francke, Kuno; William Guild, Howard; Schiller, Friedrich (1913-1914). The German classics of the nineteenth and twentieth centuries (en inglés) 7. German Publication Society. 
  • Harris, H. S. (1995). Hegel: Phenomenology and System (en inglés). Hackett. ISBN 978-0872202818. 
  • Houlgate, Stephen (2005). An Introduction to Hegel. Freedom, Truth and History (en inglés). Wiley-Blackwell. ISBN 978-0631230632. 
  • Houlgate, Stephen (2005). The Opening of Hegel's Logic: From Being to Infinity (en inglés). Purdue University Press. ISBN 1-55753-257-5. 
  • Hyppolite, Jean (1946). Genèse et structure de la Phénoménologie de l'esprit (en francés). Aubier. 
  • Inwood, Michael (1983). Hegel (en inglés). Routledge & Kegan Paul. 
  • Kojève, Alexandre (1947). Introduction à la lecture de Hegel (en francés). Éditions Gallimard. ISBN 2070236218. 
  • Kainz, Howard P. (1996). G. W. F. Hegel (en inglés). Ohio University Press. ISBN 0-8214-1231-0. 
  • Kaufmann, Walter (1965). Hegel: A Reinterpretation (en inglés). Doubleday. ISBN 978-0268010683. 
  • Losurdo, Domenico (2004). Hegel and the Freedom of Moderns (en inglés). Duke University Press Books. ISBN 978-0-8223-3291-6. 
  • Lukács, Georg (1948). Der junge Hegel (en alemán). Sprache. ISBN 978-3518276334. 
  • Mueller, Gustav Emil (1948). Hegel: the man, his vision, and work (en inglés). Pageant Press. 
  • Maker, William (1994). Philosophy Without Foundations: Rethinking Hegel (en inglés). State University of New York Press. ISBN 0-7914-2100-7. 
  • Marcuse, Helbert (1941). Reason and Revolution: Hegel and the Rise of Social Theory (en inglés). Humanity Books. ISBN 978-1573927185. 
  • Pinkard, Terry (1988). Hegel's Dialectic: The Explanation of Possibility (en inglés). Temple University Press. ISBN 978-0877225706. 
  • Pinkard, Terry (1994). Hegel's Phenomenology: The Sociality of Reason (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0521568340. 
  • Riedel, Manfred (1984). Between Tradition and Revolution: The Hegelian Transformation of Political Philosophy (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0521174886. 
  • Gillian, Rose (1981). Hegel Contra Sociology (en inglés). Athlone Press. ISBN 978-0485120363. 
  • Rosen, Stanley (2000). G.W.F Hegel: Introduction To Science Of Wisdom (en inglés). St. Augustines Press. ISBN 978-1-890318-48-2. 
  • Russon, John (2004). Reading Hegel's Phenomenology (en inglés). Indiana University Press. ISBN 0-253-21692-3. 
  • Pippin, Robert B. (1989). Hegel's Idealism: the Satisfactions of Self-Consciousness (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 0-521-37923-7. 
  • Rutter, Benjamin (2010). Hegel on the Modern Arts (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0521114011. 
  • Plant, Raymond (1983). Hegel: An Introduction (en inglés). Blackwell. 
  • Singer, Peter (2001). Hegel: A Very Short Introduction (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0192801975. 
  • Solomon, Robert C. (2001). In the Spirit of Hegel (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0195036503. 
  • Stern, Robert (2013). The Routledge guide book to Hegel's Phenomenology of spirit (en inglés). Routledge. ISBN 978-0-415-66445-5. 
  • Stewart, Jon (1996). The Hegel Myths and Legends (en inglés). Northwestern University Press. ISBN 978-0810113015. 
  • Stirling, James Hutchison (1865). The Secret of Hegel (en inglés). Edinburgh Oliver & Boyd. 
  • Stace, W. T. (1955). The Philosophy of Hegel (en inglés). Dover. 
  • Taylor, Charles (1975). Hegel (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 0-521-29199-2. 
  • Williams, Robert R. (2000). Hegel's Ethics of Recognition (en inglés). University of California Press. ISBN 978-0-520-22492-6. 
  • Wood, Allen W. (1990). Hegel's Ethical Thought (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-37782-9. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]