Lev Trotski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Trotsky")
Lev Trotski.

Lev Trotski (tamén transliterado Leon, León, Leo, Trotskii, Trotsky, Trotskij, Trockij e Trotzky), nado en Ianovka (Ucraína) o 7 de novembro de 1879 e finado en Coyacán (México) o 21 de agosto de 1940, foi un intelectual marxista e revolucionario bolxevique.

O seu nome en ucraíno é Лев Давидович Троцький, que pode ser transliterado como Lev Davidóvitch Trótskii. Mais o seu verdadeiro apelido de familia era Bronstein (Бронштейн). Polo calendario xuliano, empregado nos países de tradición ortodoxa, naceu o 26 de outubro de 1879.

Nos primeiros tempos da Unión Soviética desempeñou un importante papel político, primeiro como Comisario do Pobo para os Asuntos Exteriores, posteriormente como creador e comandante do Exército Vermello, e fundador e membro do Politburó do Partido Comunista da Unión Soviética. Afastado por Stalin do control do partido, Trotski foi expulsado deste e expulsado da Unión Soviética, refuxiándose en México, onde vai ser asasinado por un axente catalán ás ordes de Stalin. As súas ideas políticas, expostas nunha obra escrita de grande extensión, darán orixe ó trotskismo, corrente aínda hoxe importante no marxismo.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Trotski de rapaz no ano 1897.

Trotski naceu nunha pequena localidade do óblast de Kherson na actual Ucraína, sendo o quinto fillo de David Bronstein e Anna Bronstein, humildes labregos de orixe xudaica, aínda que non relixiosos, que aproveitaran os esquemas de colonización tsarista na Crimea para abandonaren a área tradicional de residencia autorizada ós xudeus (o "palio") e converterse o pai nun próspero facendeiro. Cando Trotski tiña 9 anos, o seu pai enviouno a Odessa para educarse. Aínda que era bo estudante, incluso de mozo mostraba a súa tendencia á rebelión, organizando unha protesta contra unha impopular profesora en 2º curso. Con todo el non expresou un interese especial pola política ou o socialismo ata 1896, cando se traslada a Nikolaiev (agora Mykolaiv). Xa alá, estudará matemáticas. A súa irmá casaría posteriormente con Lev Kamenev, un dos principais líderes bolxeviques e membro do triunvirato liderado por Stalin que afastaría ó propio Trotski do poder.

O mozo revolucionario[editar | editar a fonte]

Lev Trotski, cara o ano 1900, no seu exilio siberiano

Trotski contactou por primeira vez co marxismo en 1896, sendo aínda estudante en Nikolaiev. Participou dende novo na oposición clandestina ó réxime autocrático dos zares, organizando no ano 1897 a Liga Obreira do Sur de Rusia, polo que foi preso por primeira vez en 1898 e condenado a dous anos de detención. Nese período casou coa súa primeira muller, Alexandra Sokolovskaia. En 1900 foi novamente condenado a catro anos de exilio en Siberia, onde nacerán as súas primeiras dúas fillas, Nina e Zina, a primeira delas morrería de tuberculose no final da década de 1920 e a segunda suicidaríase na emigración forzada por Stalin, en 1933. En 1902, asumindo o nome Trotski dun garda carcerario dos tempos de Odessa, conseguiu fuxir de Siberia rumbo a Londres, onde se aproximou á figura que entón xa destacaba como líder da oposición socialdemócrata no exilio: Vladimir Lenin, cando este era editor do Iskra, xornal do Partido Socialdemócrata dos Traballadores de Rusia (PSDTR).

En 1903 participa no 2º congreso dese partido. Malia discordar da concepción autoritaria que tiña Lenin do partido, a quen censuraba os métodos ditatoriais e o xacobinismo, colaborou con el e procurou en van reconciliar a facción bolxevique de Lenin coa facción menxevique. Acabou por se aliñar cos menxeviques, o que afectou negativamente á súa relación con Lenin durante os 14 anos seguintes, a pesar da fugacidade do aliñamento, pois en 1905 rachou cos menxeviques e tornouse un socialista independente. É no decorrer deste primeiro exilio cando coñece á súa segunda esposa, a revolucionaria Natalia Sedova, quen sería a súa compañeira constante no resto da súa vida e coa que tivo dous fillos.

Trotski coa súa filla Nina en Francia, no ano 1915

Dous anos despois regresa a Rusia para participar na revolución de 1905, chegando a presidente do primeiro consello revolucionario, o soviet de San Petersburgo. Fracasada a revolución, a súa implicación nunha folga xeral en outubro e apoio á rebelión armada que dela seguiu supuxeron a condena ó exilio perpetuo, novamente en Siberia. Mais en xaneiro de 1907 consegue novamente escapar e regresar a Londres para participar no 5º congreso do PSDTR. En outubro dese ano múdase para Viena, onde edita o xornal Pravda (A Verdade) até o 23 de abril de 1912. Distribuído clandestinamente en Rusia, este xornal foi unha das publicacións revolucionarias máis populares da época, sendo o seu nome apropiado polos bolxeviques de Lenin, que crearán así o futuro Pravda, xornal oficial do PCUS. Na súa Pravda vienense, Trotski defendeu a unión de tódalas correntes socialdemócratas, o que orixinou na época vivas polémicas con Lenin.

Durante as Guerras Balcánicas de 1912-1913, Trotski, esgotado polas loitas faccionarias da emigración rusa, trasládase para a Serbia, Bulgaria e Romanía como correspondente do xornal liberal ucraíno Pensamento de Kiev. Ali denuncia atrocidades de guerra cometidas polas forzas serbias e búlgaras contra as poboacións turca e albanesa, e participa nas actividades políticas da socialdemocracia romanesa. Máis tarde, en 1914, perante a ameaza de ser internado como cidadán dun país inimigo durante a eclosión da I Guerra Mundial, Trotski múdase de Austria para Suíza e posteriormente para Francia, onde editará a publicación Nashe Slovo (A Nosa Palabra), cuxo apoio á liña antimilitarista adoptada por parte do movemento socialista na conferencia de Zimmervald acabará por indispoñelo co goberno francés, que, por instigación do embaixador ruso en París, remata por deportar a Trotski en setembro de 1916 para Irun, en Euskadi, onde é novamente detido pola policía e forzado a embarcar para os EUA. Estabelécese en Nova York, onde colabora no xornal Novy Mir. Alí atópase cando, de súpeto, co derrube do Tsar Nicolao II, estoura a Revolución Rusa de 1917, levándoo a regresar ó seu país en maio.

Os días da revolución[editar | editar a fonte]

Saudando na rúa, en outubro de 1917

No decorrer da revolución, Trotski deixa de crer na unificación de tódalas faccións socialdemócratas, abandona a súa traxectoria anterior de socialista independente e xúntase ó partido bolxevique de Lenin. Destacando polo seu talento como organizador e axitador, é elixido presidente do soviet de Petrogrado, participa activamente na loita para derrubar o Goberno Provisorio de Alexander Kerenski, e lidera o Comité Militar Revolucionario que planea e concretiza o asalto ó Palacio de Inverno, consumando a Revolución de Outubro.

Despois da conquista do poder polos bolxeviques, Trotski tórnase Comisario do Pobo para os Asuntos Exteriores, coa misión de negociar o armisticio militar con Alemaña e os seus aliados. A posición de Trotski nas negociacións do armisticio foi oposta á de Lenin - que achaba que debería ser asinado un tratado con Alemaña en calquera condición - mais tamén oposta á dos comunistas de esquerda, que propuñan a guerra revolucionaria; para el, a posición a tomar sería de "nin paz, nin guerra"; o goberno soviético debería retirarse das conversacións e esperar pola axitación revolucionaria no exército alemán. A través dunha combinación previa con Lenin, que aceptara testar a súa proposta ("para estar de boas con Trotski, paga a pena até perder Letonia e Estonia", diría Lenin), Trotski acaba por retirarse das conversas o 10 de febreiro de 1918, respondendo a Alemaña cun novo ataque, que obrigou o goberno soviético a asinar por fin a 3 de marzo o desvantaxoso Tratado de Brest-Litovsk, que retirou ó país da I Guerra Mundial para responder ós desexos de paz das masas e concentrarse na consolidación da Revolución.

Cartaz do Exército Branco presentando a Trotski coma o diaño

Trotski abandona o cargo, mais no mesmo mes é nomeado Comisario do Pobo para os Asuntos Militares (até 1925) e, en setembro, líder do Comité Militar Revolucionario do réxime soviético. É neste contexto cando lidera de forma decisiva a creación e organización do Exército Vermello, que acaba por vencer a longa e violenta guerra civil (1918 - 1920) contra o Exército Branco (contrarrevolucionarios) e ós seus aliados estranxeiros, garantindo a supervivencia do réxime soviético. O seu prestixio público sofre, mentres, abalos importantes: cando se produce a represión da revolta de Kronstadt, na que tivo un papel importante, e cando propón abertamente o combate ó desemprego decorrente da desmobilización e a rápida recuperación económica da Rusia Soviética pola abolición da independencia, mesmo nominal, dos sindicatos e pola xeneralización do traballo coercitivo a través da formación de "exércitos do traballo" que mobilizarán forzosamente os traballadores ociosos. Sumándose á desconfianza dos veteranos bolxeviques pola súa adhesión tardía ó Partido, estas posicións daranlle unha fama de bonapartista e ditador militar en potencia, o que o debilitará diante de Stalin; Lenin, no seu Testamento Político, falará de Trotski coma "o home máis capaz do presente Comité Central", mais deplorará as súas tendencias autoritarias (nas palabras de Lenin, "a súa tendencia a abordar as cuestións a penas polo lado administrativo"), o que o mesmo Lenin xa comentara acedamente nun encontro dos seus partidarios no ano 1920: "Trotski é un home temperamental con experiencia militar. El apaixonouse polo aparello (burocrático) pero de política non entende nada".

Derrota diante de Stalin[editar | editar a fonte]

Trotski e Lenin en Petrogrado, rodeado de soldados

A morte de Lenin en 1924 crea un baleiro de poder que Stalin acaba por encher, aproveitando a basta influencia da que xa dispuña na burocracia partidaria. Nese momento, Trotski non quixo ou non puido oporse activamente a Stalin, manténdose discreto no 12º Congreso do Partido en 1923 (especialmente na polémica cuestión do testamento ocultado de Lenin, que condenaba a un Stalin demasiado poderoso e apelaba directamente á súa destitución) onde acaba por perder o control deste para un triunvirato constituído por Stalin, Lev Kamenev e Grigori Zinoviev, que posteriormente Stalin disolvería con purgas ós seus propios camaradas, até concentrar en si todo o poder. Trotski e os seus apoios organízanse na Oposición de Esquerda, facción que nos anos seguintes loita no interior do partido contra Stalin.

Había, porén, unha asimetría fundamental nesta loita faccionaria: a Oposición de Esquerda, por máis implantada que estivese no interior da militancia común do Partido, non tiña poder no interior das instancias decisorias do Partido Bolxevique xa totalmente burocratizado. Trotski, pola súa entrada tardía no Partido e por non ter asumido responsabilidade nos nomeamentos burocráticos como Stalin, non posuía a capacidade de influenciar coas súas posicións polo exercicio do clientelismo. Aínda máis, dende o seu Décimo Congreso, no ano 1920, o Partido Bolxevique adoptou - co apoio de Trotski - un novo rexemento administrativo que prohibía a existencia de faccións permanentemente organizadas no partido, o que facía posíbel que calquera contestación ós líderes do Partido puidera ser caracterizada como "faccionaria".


Durante a preparación polo Comintern dun levantamento revolucionario en Alemaña a finais de 1923 (con Lenin aínda vivo, pero incapacitado), Trotski solicita ó Partido permiso para atender un convite feito pelo líder comunista alemán Heinrich Brandler e dirixir o levantamento proxectado in situ como combatente revolucionario internacional (un proxecto que de certa forma anticipaba a aventura boliviana do Che Guevara). O permiso foi negado, pois Stalin temía que Trotski caese prisioneiro ou morto, pola situación embarazosa que iso provocaría ó goberno soviético, e temía máis aínda a posibilidade de que el regresase de Alemaña vitorioso, o que faría aumentar o seu poder e influencia. O levantamento alemán, mal preparado e executado, foi un fracaso, e fortaleceu a tendencia stalinista de abandonar a revolución socialista internacional polo "socialismo nun só país".

No decorrer das loitas confusas que seguiron, Trotski procurou unha axuda - así como un aumento da súa influencia - na concentración no traballo teórico e intelectual. Trotski xa formulara, durante a Revolución de 1905, a Teoría da Revolución Permanente (a proposición de que a revolución liberal-burguesa, nas condicións dun país capitalista atrasado como Rusia non se detería na constitución dunha república democrática, senón que avanzaría cara unha revolución socialista, nun proceso sen solución de continuidade) contraria ó entendemento evolucionista do marxismo predominante na época, segundo o cal a revolución socialista é un produto do esgotamento previo das posibilidades de desenvolvemento capitalista nacional. Despois da Revolución de 1917, pasou a defender tamén que a revolución socialista era un proceso mundial e que a Revolución Rusa necesitaba continuar a se desenvolver nunha arena mundial, no ámbito dunha perspectiva internacionalista que contrastaba claramente ca política stalinista do "socialismo nun só país". Defendeu a rápida industrialización da economía e o abandono da Nova Política Económica de Lenin, cando Stalin e o teórico Bukharin defendían a industrialización gradual e a manutención daquela política.

A disidencia no interior do Partido chegou á poboación cando Trotski publica, en 1924, un prefacio á edición dos seus escritos de 1917, As Leccións de Outubro, criticando a falta de estratexia revolucionaria de Stalin e da Dirección do Comintern na dirección do levantamento alemán de 1923, e compara as súas actitudes coa indecisión demostrada por Kamenev e Zinoviev nas vésperas da Revolución de Outubro. Estas abertas discordancias afastan politicamente a Trotski de Stalin, culminando na súa expulsión do partido a 12 de novembro de 1927, ó exilio en Alma Ata (hoxe Almaty), na entón República Socialista Soviética de Casaquistán, o 31 de xaneiro de 1928, e finalmente a expulsión da Unión Soviética no ano 1929. En xullo dese ano, comeza a publicar un boletín mensual da oposición, que continuará a ser publicado e contrabandeado para o territorio soviético durante todo o seu exilio.

Ironicamente, afastado Trotski, Stalin vírase contra Bukharin e acaba por apropiarse de moita da política económica de Trotski, implementándoa e sendo criticada por tódalas partes como esaxeradamente violenta e autoritaria. Tal "viraxe á Esquerda" de Stalin fai moito por privar á Oposición de Esquerda de grande parte dos seus partidarios na URSS, que acabarán por se adherir a Stalin. A inmensa maioría dos antigos trotskistas, haberían de perecer nas Grandes Purgas dos anos 30.

Exilio e morte[editar | editar a fonte]

Lev Trotski con Harry De Boer e James H. Bartlett e cadansúas esposas en México no ano 1940

Despois da deportación, Trotski pasou por Turquía, Francia (Xullo de 1933 a Xuño de 1935) e Noruega (Xuño de 1935 a Setembro de 1936), fixándose finalmente en México, a convite do pintor Diego Rivera, vivindo temporalmente en casa deste e máis tarde en casa da esposa de Rivera, a pintora Frida Kahlo. A partir deste momento aumenta considerabelmente a súa produción escrita, escribindo importantes obras como a súa autobiografía, A Miña Vida (1930), a Historia da Revolución Rusa (en 2 volumes., 1930 e 1932), A Revolución Permanente (1930) e A Revolución Traizoada (1936), unha crítica violenta ó stalinismo. Apoiándose sobre un panfleto de Rakovski, Os Perigos profesionais do poder, Trotski consideraba n’A Revolución Traizoada que a Unión Soviética se tornara nun Estado de traballadores deformado, controlado por unha burocracia antidemocrática (derivada da propia clase obreira) que tería eventualmente que ser derrubada por unha 2ª revolución política que restaurase o carácter democrático da revolución socialista, ou, entón, dexenerar ata o punto de regresar ó capitalismo. Considerando á URSS stalinista como nun estado de transición entre o capitalismo e o socialismo, e non considerando que ela se trocase nun capitalismo de Estado, Trotski oponse no inicio da II Guerra Mundial a aqueles seguidores que propuñan retirarlle o apoio á URSS en caso de ataque externo, lanzando a consigna de "defensa incondicional da Unión Soviética".

Derradeiro despacho de Trotski, onde foi asasinado

A 3 de setembro de 1938, nunha reunión con 25 delegados de 11 países, Trotski e os seus seguidores fundan a IV Internacional, como alternativa á III Internacional stalinista. Trotski entrara namentres en conflito con Diego Rivera (nunha disputa que tiña tanto que ver tanto coas pretensións políticas de Rivera no movemento trotskista, que Trotski desfavorecía, coma co breve romance de Trotski con Frida Kahlo) e mudarase en 1939 para unha casa propia no barrio de Coyoacán, na Cidade de México. A 24 de maio de 1940 sobrevive a un ataque na súa casa por asasinos ó mando de Stalin, o pintor mexicano stalinista David Alfaro Siqueiros e Vittorio Vidale. Non sobrevivirá, porén, ó segundo ataque de Stalin: a 20 de agosto de 1940, o axente da policía política soviética (GPU) Ramón Mercader, nado en Barcelona, consegue entrar pacificamente na súa sala para un encontro, onde lle entrega un artigo feito por el para que lle dera a súa opinión. Mentres Trotski, sentado no seu despacho o lía, Mercader arremete cunha piqueta un golpe fatal dende atrás no seu cranio. Ó ouvir o ruído, os gardacostas de Trotski precipítanse para a sala e case matan Mercader, pero Trotski os detén, exclamando: "Non o maten! Ese home ten unha historia para contar!". Faleceu ó día seguinte.

Epitafio de Trotski, en México

A casa de Trotski en Coyocán, preservada no mesmo estado en que se encontraba naquel día, é hoxe un museo. Nos terreos exteriores encóntrase o epitafio de Trotski, coa fouce e martelo tallados sobre o seu nome.

Trotski nunca foi formalmente rehabilitado polo goberno soviético, for durante a "desestalinización" de Nikita Khrushchev, for durante o "Glasnost" de Mikhail Gorbachev, a pesares da rehabilitación, durante estes dous episodios, da maioría da vella garda bolxevique morta durante as grandes purgas de Stalin.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lev Trotski
Galifontes
A Galifontes ten escritos orixinais de: Lev Trotski

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]