Frida Kahlo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Frida Kahlo

Kahlo en 1932
Nome Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón
Nacemento 6 de xullo de 1907
Lugar de nacemento Coyoacán, Cidade de México Flag of Mexico.svg México
Morte 13 de xullo de 1954
Lugar de morte Coyoacán, Cidade de México, Flag of Mexico.svg México
Nacionalidade Mexicana
Eido Pintura, gravado
Movemento Realismo máximo, surrealismo, simbolismo
Traballos Diego e eu
O marxismo dará a saude os enfermos

Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón, nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xullo de 1907 e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana, asi como esposa do muralista Diego Rivera. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena, e polos feministas pola súa comprometida representación da forma e da experiencia feminina. A súa vida estivo cruzada polo infortunio dunha enfermidade infantil e por un grave accidente na súa mocidade que a mantivo prostrada durante longos periodos, chegando a someterse ata a 22 operacións quirúrxicas. Levou unha vida pouco convencional, foi bisexual e entre os seus amantes atopábase Lev Trotski. A súa obra pictórica xira temáticamente en torno á súa biografía e ao seu propio sufrimento.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Coyoacán, ao sur da Cidade de México. O seu pai, Guillermo Kahlo (Carl Wilhelm Kahlo), era un fotógrafo xudeu-alemán e a súa nai, Matilde Calderón González, unha indíxena, segunda esposa do pai. Frida sempre dixo que nacera no 1910, ano do comezo da Revolución Mexicana, pero o certo é que nese ano contraeu a poliomielite, que deixa unha lesión no seu pé dereito, quedando lixeiramente mais curto que o esquerdo. Esta enfermidade sería a primeira dunha larga serie de sufrimentos físicos que sempre son representados nas súa obra, de marcado carácter intimista.

Realiza os estudios primarios no Colexio Alemán de México en no 1922 ingresa na Escola Nacional Preparatoria para estudar medicina. Foi alí onde viu por primeira vez ao pintor Diego Rivera que está traballando no mural A Creación no auditorio da escola. Ademais comeza a recibir clases de gravado de Fernando Fernández.

No 17 de setembro de 1925 un tranvía choca co autobús no que ela viaxaba. A columna vertebral varias costelas e a pelve quedaron fracturadas, o seu pé dereito dislocouse, o ombreiro desencaixouse e un ferro atravesouna dende o estómago ata a pelve, e o seu útero quedaría danado para sempre. Este aparatoso accidente provocou unha peregrinación por diversos hospitais ademais de imposibilitar o seu movemento durante un ano, no que permaneceu escaiolada. A partir de este accidente e debido a non poder moverse practicamente, comeza a pintar activamente, o que posibilita unha certa evasión ao seu sufrimento. No 1928 asóciase ao Partido Comunista, e alí encóntrase de novo con Diego Rivera e xorde o amor entre eles. Casan no 1929 e instálanse na Cidade de México e despois en Cuernavaca.


A Casa Azul, Museo Frida Kahlo.

Desde pequena xa sobresaíu cunha forte personalidade, marcado sentido da independencia e ideas que exaltaban a súa procedencia indíxena, ideas que compartía co seu marido Diego Rivera e o círculo artístico no que eles se movían. Kahlo sempre viviu á sombra do seu marido, que no seu tempo era considerado un dos mellores e máis importantes pintores mexicanos, aínda que ela fixo varias exposicións non foi internacionalmente recoñecida ata anos despois da súa morte. Diego Rivera foi solicitado varias veces en Estados Unidos e Frida acompañábao nas súas viaxes. Sempre estiveron relacionados con intelectuais dos seu tempo de todas as partes do mundo. Sen embargo o seu matrimonio era de todo menos idílico. Os dous tiñan unha forte personalidade, sempre estivo marcado por episodios de celos. Ambos tiveron amantes, e aínda que tiñan unha relación liberal, o sufrimento de Frida foi enorme cando Diego Rivera iniciou unha relación coa súa irmá Cristina, o que causou o divorcio da parella. Neste período relaciónase a Frida con nomes como o escultor americano Isamu Noguchi, o fotógrafo Nickolas Muray ou Lev Trotski.

André Breton organiza unha exposición de Frida en París no 1939. Frida viaxa a Europa e coñece aos pintores surrealistas. No 1940 Frida e Diego volven casar e no 1942 comeza a ensinar na Escola de Arte La Esmeralda. Pero o empeoramento da súa saúde fai que as clases teñan que desenvolverse na súa casa. No 1946 recibe o Premio Nacional de Pintura. A súa saúde empeora nos sucesivos anos, tendo que ser intervida unha 8 veces da columna, e perde a súa perna dereita, o que causa nela una forte depresión. Os seus últimos anos non deberon de ser moi felices. Frida pensaba continuamente no suicidio e abusaba do alcohol e os analxésicos.

Morreu finalmente de pneumonía no 1954 aos 47 anos. A Casa Azul de Coyoacán onde reposan as súas cinzas foi convertida en museo.

Obra[editar | editar a fonte]

A obra de Frida Khalo está profundamente influída pola súa experiencia vital, que se reflicte nas súas diversas etapas, o sufrimento das enfermidades, o accidente e as operacións e os diferentes abortos que sufriu causados polos danos do accidente. O seu inicio no mundo da pintura prodúcese pouco despois do accidente que a deixou postrada na cama, é o seu período máis realista con algúns influxos da arte europea. Máis tarde, a obra de Diego Rivera vai facer que adopte un estilo máis sinxelo con cores máis brillantes e un certo relectindo o legado e inocencia das artes indíxenas, con certo toque naïf, representando ás súas obras as narracións da súa propia vida coa inclusión de símbolos e a exuberancia das flores, froitos e animais do país no espazo pictórico sen perspectiva, chegando pouco a pouco a un estilo relacionado co surrealismo, sen deixar nunca o realismo. Nos derradeiros anos da vida da artista a súa obra pasa a se converter nunha pintura con conceptos políticos. A súa arte convértese nun desafío constante contra a ideoloxía dominante. Sen dúbida a súa obra é a visión de si mesma, ela é o subxecto que pinta e o subxecto pintado e expresa todo o que sente.[1], e así todo está reflectido nos seus numerosos autorretratos, tema recorrente no seu traballo. A representación da súa propia dor é unha forma de fuxir e liberarse deses sentimentos. A súa pintura contén , e influenciada pola riqueza do seu simbolismo . A sensibilidade extrema da súa natureza repítese ao longo da súa obra, mentres que resignada pintaba as situacións de mais dor, tamén con resistencia expresa o seu valor en obras como Arbore da esperanza mantente firme.

“Desde nena, como se di comunmente, eu botara o ollo á caixa de cores. Non sabería explicar por que. Ao estar tanto tempo na cama, enferma, aproveitei a ocasión e pedinlla ao meu pai. Como un neno, a quen se lle quita un xoguete para darllo a un irmán enfermo, prestouma. Miña nai mandou facer un cabalete...se así pode chamárselle a un aparato especial que podía acoplarse á cama onde eu estaba, porque o corsé de xeso non me deixaba estar sentada. Así comecei a pintar o meu primeiro cadro.”[2]

Influencias na cultura posterior[editar | editar a fonte]

Recepción na literatura[editar | editar a fonte]

Sen dúbida, foi a literatura o espazo onde a obra de Frida Kahlo tivo o maior impacto, principalmente nas últimas dúas décadas, inspirando a escritores de variados xéneros. A escritora mexicana Elena Poniatowska na súa obra Las siete cabritas («Diego estoy sola. Diego ya no estoy sola»[3] inclúe un conto no que intenta poñerse no lugar de Frida, narrando os seus pesares en primeira persoa. No xénero poético hai exemplos tamén noutras linguas e continentes, como amosa o libro de poesía de Pascale Petit, publicada en Londres baixo o título de The Wounded Deer. Fourteen Poems After Frida Kahlo. En cada un destes poemas, Petit refírese a un cadro diferente de Frida Kahlo.

Por último, hai unha ampla serie de novelas inspiradas na vida de Frida Kahlo, así como tamén na parella Frida e Diego e variadas biografías noveladas en varias linguas, como por exemplo: Barbara Krause (2000) Diego ist der Name der Liebe : das Schicksal der Frida Kahlo, Diego é o nome do amor: o destino de Frida Kahlo,[4] Rauda Jamis (2000), Bárbara Mujica (2003), J.M.G. Le Clezio (2002).

Recepción no cine[editar | editar a fonte]

Frida Kahlo foi interpretada nos seguintes filmes:

Ano Filme Director Actriz
1984 Frida, naturaleza viva Paul Leduc Ofelia Medina
2002 Frida Julie Taymor Salma Hayek

Recepción na música[editar | editar a fonte]

O vocalista da banda estadounidense Red Hot Chili Peppers, Anthony Kiedis, dedicou a canción “Scar Tissue” a Frida.[5]

En 1994 aparece a canción Pobre Frida no álbum Transgresores de la Ley do grupo mexicano de rock e ska Tijuana No dedicada á pintora. Tamén en 1994 o artista multidisciplinario mexicano Sergio Arau, ex integrante naquel entón do conxunto de rock Botellita de Jerez edita o seu segundo álbum como solista, onde aparece parodiando a obra unha obra de Frida na portada do mesmo. O nome de dito álbum é Mi Frida... Sufrida

En 2007, a cantante galega Marta Sánchez, interpreta unha canción en homenaxe a ela titulada Frida y sus flores, que se inclúe no seu álbum Miss Sánchez.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bartra, Eli (1994) pàg.73-75
  2. Frida Kahlo: El diario de Frida Kahlo. Un íntimo autorretrato. Introdución de Carlos Fuentes, Editorial Debate, 2002. ISBN 84-7444-918-9
  3. Poniatowska, Elena (2000). Las siete cabritass. México. ISBN 968-411-498-2.
  4. Diego ist der Name der Liebe : das Schicksal der Frida Kahlo. 1992. ISBN 3-355-01350-1.
  5. Notimex. "Participa Anthony Kiedis en campaña para promover o voto". Periódico Digital. http://www.periodicodigital.com.mx/index.php?option=com_content&task=view&id=76126&Itemid=67. Consultado o 22 de outubro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Frida Kahlo

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barragán, Elisa.: Diego Rivera y los Escritores Mexicanos, Antología Tributaria, Universidad Nacional Autónoma de México, 1986.
  • Del Conde, Teresa: Frida Kahlo. La pintora y el mito, UNAM, Instituto de Investigaciones Estéticas, México, 1992.
  • Herrera, Hayden: Frida. Una biografía de Frida Kahlo, México, Editorial Diana, 1996.
  • Jamis, Rauda: Frida Kahlo. Autorretrato de una mujer, México, Editorial Diana, Edivisión, 1987

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]