Primeira Guerra Mundial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "I Guerra Mundial")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Primeira Guerra Mundial
Gavrilo Princip captured in Sarajevo 1914.jpg
Gavrilo Princip detido en Saraxevo tras o asasinato de Francisco Fernando de Austria
Data 28 de xullo de 1914 - 11 de novembro de 1918
Lugar Europa, África e Oriente Medio (brevemente en China e as illas do Océano Pacífico)
Resultado Victoria aliada
Casus belli Asasinato do arquiduque Francisco Fernando de Austria (28 de xuño), declaración de guerra austríaca a Serbia (28 de xullo) e mobilización rusa contra Austria-Hungría (29 de xullo).
Cambios territoriais Disolución dos Imperios Alemán, Austrohúngaro, Otomán e Ruso.
Belixerantes
Potencias Centrais:
Imperio Austrohúngaro Imperio Austrohúngaro,
Bulgaria Bulgaria,
Imperio Alemán Imperio Alemán,
Imperio Otomán Imperio Otomán
Aliados:
Bandeira de Francia Francia,
Bandeira de Bélxica Bélxica,
Flag of the United Kingdom.svg Gran Bretaña,
Canadá Canadá,
British Raj Red Ensign.svg India Británica,
Bandeira de Nova Zelanda Nova Zelanda,
Red Ensign of South Africa 1910-1912.svg Sudáfrica,
Australia Australia,
Dominion of Newfoundland Red Ensign.svg Terranova,
State Flag of Serbia (1882-1918).svg Serbia,
Flag of Russia.svg Imperio ruso,
Reino de Italia Italia,
US flag 48 stars.svg Estados Unidos,
Flag of the Kingdom of Montenegro.svg Montenegro
Imperio do Xapón Xapón,
Bandeira de Romanía Romanía,
Flag of Greece (1822-1978).svg Grecia,
Bandeira de Portugal Portugal
Líderes
Imperio Austrohúngaro Francisco Xosé I,
Imperio Austrohúngaro Carlos I,
Imperio Austrohúngaro Franz Conrad von Hötzendorf,
Imperio Alemán Guillerme II de Alemaña,
Imperio Alemán Erich von Falkenhayn,
Imperio Alemán Paul von Hindenburg,
Imperio Alemán Reinhard Scheer,
Imperio Alemán Erich Ludendorff,
Imperio Otomán Mehmed V,
Imperio Otomán İsmail Enver,
Imperio Otomán Mustafa Kemal Atatürk,
Reino de Bulgaria Fernando I de Bulgaria
Flag of Russia.svg Nicolás II de Rusia,
Flag of Russia.svg Alexéi Alexéievich Brusílov,
Bandeira de Francia Philippe Pétain,
Bandeira de Francia Georges Clemenceau,
Bandeira de Francia Joseph Joffre,
Bandeira de Francia Ferdinand Foch,
Bandera de Francia Robert Nivelle,
Bandeira de Polonia Józef Piłsudski
Flag of the United Kingdom.svg Herbert Henry Asquith,
Flag of the United Kingdom.svg Douglas Haig,
Flag of the United Kingdom.svg John Jellicoe,
Reino de Italia Víctor Manuel III,
Reino de Italia Luigi Cadorna,
Reino de Italia Armando Diaz,
US flag 48 stars.svg Woodrow Wilson,
US flag 48 stars.svg John J. Pershing
Baixas
Soldados
Mortos: 4.386.000
Feridos: 8.388.000
Desaparecidos: 3.629.000[1]
Soldados
Mortos: 5.520.000
Feridos: 12.831.000
Desaparecidos: 4.121.000[1]

A Primeira Guerra Mundial foi o segundo maior conflito bélico do século XX. Durou do 1914 ó 1918 e puxo os primeiros cravos no ataúde da hexemonía de Europa no mundo. Durante catro anos, millóns de persoas morreron nun conflito que destacou pola súa dureza, polas longas e inamovibles trincheiras e polo uso de gas mostaza para acabar coa resistencia do inimigo.

Enfrontou inicialmente a Francia, Reino Unido e mais Rusia (os aliados) contra Alemaña (gobernada por Guillerme II de Alemaña), Austria-Hungría, Bulgaria e mais Turquía (as Potencias Centrais). O causante da guerra foi o asasinato do arquiduque de Austria en Saraxevo, pero xa houbera tensións durante os anos anteriores, especialmente na construción naval entre o Reino Unido e Alemaña. Máis tarde uniríanse á guerra outros países como os Estados Unidos, Italia ou o Xapón.

Os vencedores foron os aliados, grazas á axuda de Estados Unidos, que entrou polo afundimento do RMS Lusitania o 7 de maio de 1915 , e impuxeron fortes sancións económicas e territoriais a Alemaña, á vez que desmembraron os imperios de Austria-Hungría e Turquía a partir do Tratado de Versalles en 1919. Creáronse moitos novos estados en Europa: algúns dunha soa nación (como Polonia) e outros de varias (Iugoslavia, Checoslovaquia).

Durante a Primeira Guerra Mundial ocorreu tamén a Revolución Rusa, que fixo que Rusia pactase por separado a paz (Tratado de Brest-Litovsk) coas potencias centrais e non estivese representada no Tratado de Versalles ó atoparse en guerra civil.

As consecuencias da paz terían moito que ver nun futuro coas causas da Segunda Guerra Mundial.

Bandos[editar | editar a fonte]

Alianzas militares europeas en 1915. A Tripla Alianza está representada en castaño, a Tripla Entente en verde e as nacións neutrais en pexego

A formación de dous bloques opostos foise constituíndo durante as décadas anteriores ao inicio da guerra. A finais do século XIX, tras a guerra franco-prusiana, Otto von Bismarck, chanceler prusiano, conseguiu establecer unha serie de alianzas cuxo fin era o de illar Francia. Trala guerra entre Francia e Prusia, rematou a unificación de Alemaña e o establecemento do II Reich. Ademais da perda territorial, Francia foi humillada no tratado de paz, iniciando un espírito de vinganza semellante ao que ocorreu en Alemaña en 1918. Por outra banda, Alemaña firmou varios tratados militares e comerciais co Imperio Austro-Húngaro, para tratar de consolidar un bloque central conxunto que fixese fronte a Rusia, que pretendía conseguir unha saída ao Mediterráneo. Conseguiu acordos semellantes con Italia, formándose así a Tripla Alianza. Deste xeito, Bismarck conseguiu manter ao seu país en paz. Posteriormente, o káiser Guillerme II rexeitaría a política do chanceler e este dimite por falta de apoios. A partir de entón, o káiser amósase ávido de expansión territorial pola forza. En 1902 iníciase un ambicioso proxecto de modernización da mariña militar. Amplíase o exército de terra e mércanse novos equipos. Constitúense os corpos de reservistas. No tocante á política exterior, deixa a Francia ceibe, quen rapidamente firma acordos militares co Imperio Ruso, dirixido polo tsar Nicolao II.

Na primeira década do século XX consolídanse dous bandos: un central, formado por Italia, o Imperio Alemán e o Imperio Austro-Húngaro; e o outro, a Entente Cordiale, formado polo Imperio Ruso e por Francia. Posteriormente, únese ao segundo grupo o Imperio Británico, que vía no crecemento naval alemán unha ameaza seria. Ata 1914, todos os países organizan as tropas, mercan equipos e trazan diversos plans bélicos durante un periodo coñecido como Paz Armada, en especial o Imperio Ruso, que fora derrotado por Xapón en 1905 sufrindo unha dura derrota.

En agosto de 1914 estoupa a que sería a Primeira Guerra Mundial. Austria-Hungría invade Serbia, o Imperio Ruso decláralle a guerra aos austríacos. O Imperio Alemán declara a guerra a Francia e ao Imperio Ruso. Francia declara a guerra a Austria-Hungría. Os alemáns invaden Bélxica para chegar a Francia e o Imperio Británico, que garantira a independencia belga, decláralle a guerra ao II Reich.

Italia decide non intervir en 1914, rompendo os acordos coas outras potencias centrais. En 1915, a cambio de promesas de conquista territorial a expensas de Austria-Hungría, Italia involúcrase na guerra a favor dos aliados. En outubro de 1914, o Imperio Otomano, axudado polos alemáns, ataca Rusia e entra na guerra no bando das potencias centrais.

Xapón ataca os postos alemáns no Pacífico e entra na guerra no bando aliado. Os Estados Unidos, tras o afundimento do trasatlántico Lusitania, entra na guerra en favor dos aliados.

Debido a que a guerra precisaba de máis e máis homes, as potencias recorreron ás súas colonias. O Imperio Británico recibiu tropas canadenses, indias, australianas e neozelandesas. Francia obtivo soldados das súas colonias africanas. Alemaña e Austria apenas tiñan colonias relevantes das que obter novos soldados.

Cronoloxía da Guerra[editar | editar a fonte]

A guerra pasou por diferentes fases:

  • 1ª fase: durante a primeira fase os éxitos caeron do bando das potencias centrais. Austria-Hungría invade a Serbia e toma a maior parte do país. Non obstante, sofre moitas máis baixas do agardado. Na fronte occidental, Alemaña leva a iniciativa. Pon en marcha o plano Schlieffen, invadindo Bélxica para chegar a Francia. A invasión de Bélxica é exitosa, pero a un custo elevado. A pesar da oposición francesa e británica, os alemáns chegan a Francia. As tropas centrais primeiro diríxense cara a París, e logo viran ao oeste tratando de envolveren as tropas aliadas. Deste xeito pérdese un tempo valioso, permitindo a Francia reorganizar a defensa da capital. Cando os alemáns tentaron asaltar a cidade, foron repelidos contudentemente na Primeira Batalla do Marne. As ofensivas galas a través de Alsacia e Lorena foron un total fracaso e supuxeron elevadas perdas. Pola súa banda, o Corpo Expedicionario Británico non puido aguantar a embestida xermana e tivo que retirarse en varias ocasións. A finais de 1914 a fronte quedou estabilizada tras a batalla de Yser e apenas se movería ata 1918. A fronte oriental en cambio era moito máis móbil. En 1914 as tropas tsaristas invadiron Austria-Hungría e Prusia oriental. Avanzaron fondamente pero finalmente foron repelidas na batalla de Tannenberg. Tras as diversas batallas, desapareceron o I e II Exércitos rusos e morreron aproximadamente 1.000.000 de austríacos. Tamén en 1914, o Imperio Otomano atacou o Imperio Ruso a través de Armenia, con escaso éxito.
  • 2ª fase: tras a batalla de Yser estabilízase a fronte na Francia. Ambos os bandos comezan a construción dunha serie de trincheiras que iría desde Suíza ata a costa atlántica francesa. A partir de entón todas as batallas consistirían primeiro nun bombardeo masivo de artillaría que destruiría as defensas inimigas e aturdiría os soldados rivais, seguido dun asalto pola infantaría coa baioneta. Malia as grandes ofensivas, tanto alemás (batalla de Verdún) como aliadas (ofensiva do Somme), a liña da fronte apenas se movería ata 1918. O éxito de cada ataque medíase en relación á superficie gañada, ás veces custando miles de vidas cada metro conquistado. A fronte oriental sempre foi moito máis móbil cá occidental. A finais de 1917 o exército ruso estaba desfeito, carecía de alimentos e municións e o pobo ruso estaba ao bordo da sublevación. Isto favoreceu intensamente a chegada ao poder do comunismo, con Lenin á cabeza, que se retirou da guerra asinando o tratado de Brest-Litovsk. Tamén en 1917, os Estados Unidos declaran a guerra ao Imperio Alemán tras o afundimento do transatlántico Lusitania.
  • 3ª fase: a fase final da guerra comezou en 1918, tras a sinatura do tratado de Brest-Litovks, a través do cal a Rusia revolucionaria rendíase ao Imperio Alemán. Deste xeito, quedaban liberados medio millón de soldados alemáns, que agora serían destinados á fronte occidental. O Alto Mando alemán quería finalizar a guerra antes de que chegasen máis tropas estadounidenses e por iso enviou a todos os efectivos na ofensiva de San Miguel. Os resultados iniciais foron moi bos e axiña afondaron en Francia. Os británicos tiveron que repregarse perdendo case tantos homes coma na ofensiva do Somme de 1916. Os franceses tamén sufriron moitas baixas. Parecía que Alemaña estaba a punto de gañar a longa guerra pero, cara a mediados de 1918, esgotouse. A cidadanía alemá desexaba a conclusión da guerra debido ás penurias económicas e alimentarias que sufría e presiounou ao goberno para que o káiser fose deposto. A finais do verán, os aliados recuperáranse e contraatacaron en numerosos puntos durante a ofensiva dos cen días. Os aliados contaban coa vantaxe dun maior número de tropas (franceses, británicos, australianos, neozelandeses, canadenses, estadounidenses) e dunha superioridade tecnolóxica (maior número de avións e tanques). Durante meses hostigaron aos alemáns, ata que en outubro se fixo inevitable iniciar negociacións para un armisticio. As condicións que impuñan os aliados, sobre todo os franceses, eran tan duras que os alemáns non as aceptaron. Finalmente, ante a ameaza do colapso do país, o Imperio Alemán firmou a rendición incondicional. Os aliados aínda non romperan de todo as liñas alemás, pero o Imperio estaba ao bordo da revolución, e agora só, tras a rendición de Austria-Hungría, a Bulgaria e do Imperio Otomano. Ás 11 horas do 11 de novembro de 1918 cesaron todos os combates. O II Reich quedaba suprimido e instaurábase a República Alemá tras o exilio do káiser Guillerme II de Alemaña.

Frontes da guerra[editar | editar a fonte]

A Primeira Guerra Mundial implicou a numerosos estados en distintos continentes: Europa, Asia e África.

Fronte occidental[editar | editar a fonte]

Soldados franceses nas trincheiras, durante a batalla de Verdún, en 1916.

A fronte occidental foi iniciada en 1914 cando o Imperio Alemán atravesou Bélxica para invadir Francia. O máximo avance produciuse no outono do mesmo ano, cando foron repelidos tras a Primeira Batalla do Marne. A partir dese momento, a fronte estabilizouse ata 1918, construíndose unha serie de trincheiras dende a fronteira suíza ata a costa francesa. Desde ese período a guerra en occidente quedará determinada polos ataques de infantería de trincheira a trincheira, os continuos bombardeos da artillería e aviación, os aramados, as minas, metralladoras e francotiradores. A maior parte das batallas limítase a un ataque masivo da artillería, podendo ser axudada pola aviación, e despois un asalto coa baioneta. Ningún dos dous bandos conseguiu avanzar de forma significativa ata 1918. As trincheiras carecen da hixiene básica e son unha fonte de infeccións e diversas patoloxías. Os sucesivos intentos, tanto alemáns coma aliados, non conseguen abrir unha fenda en catro anos.

Fronte oriental[editar | editar a fonte]

A fronte oriental ábrese en 1914 cando o Imperio Alemán e Austria-Hungría mobilizan os seus exércitos contra o Imperio Ruso. Ao longo das fronteiras dispóñense 1.500.000 de austríacos e 1.000.000 de alemáns. A diferenza doutras frontes, a oriental é moito máis móbil e as liñas defensivas varían moito ao longo da guerra. O primeiro en atacar foi o Imperio Ruso que bombardeou Prusia oriental e o leste de Austria. O I e II Exércitos rusos invadiron o leste austríaco e prusiano con bastante sorpresa por parte das potencias centrais. O avance ruso foi detido polos xermanos en Polonia, na batalla de Tannenberg, tras a que ambos exércitos rusos foron esmagados. En 1915, Bulgaria declara a guerra aos aliados e destina os seus exércitos a dúas frontes: unha parte á fronte rusa e outra á fronte dos Balcáns. Ese mesmo ano, axudará a expulsar aos serbios do seu propio territorio. O Imperio Otomán ataca ao ruso en Armenia e entra na guerra en favor de Alemaña. En xuño de 1916, o xeneral ruso Brusilov organiza un ataque e consegue tomar parte de Austria, pero os alemáns contraatacan e recuperan os territorios no inverno do mesmo ano. En xuño de 1917, os rusos volven á carga, tras asumir o poder Kerenski pero as potencias centrais volven contraatacar e conquistan Riga. Despois desta derrota, Rusia perde a iniciativa e en novembro estoupa a revolución bolxevique. En 1918, Rusia réndese e a fronte oriental desaparece. Os soldados destinados nela son trasladados á occidental e á fronteira italiana.

Fronte italiana[editar | editar a fonte]

A fronte italiana instaurouse en 1915 coa entrada de Italia na guerra en favor dos aliados. Antes da guerra, Italia formaba parte da Triple Alianza, xunto con Austria-Hungría e o Imperio Alemán. A pesar da existencia destes acordos, Italia decidiu non axudar aos seus aliados cando se iniciou a guerra en 1914, considerando que os pactos acadados eran tan só defensivos e o conflito serbio-austríaco non era xustificación para involucrarse na contenda. En abril de 1915 deu por non válido este compromiso e en maio declaroulle a guerra a Austria-Hungría, ao Imperio Alemán e ao Imperio Otomán, coa promesa aliada de que obtería territorios austríacos. A fronte estabilizouse axiña en Gorizia e no río Isonzo, onde Austria estableceu unha liña densa de trincheiras e diversos fortes. As tropas italianas pretendían realizar unha ofensiva rápida e afondar en Austria pronto, pero os transportes eran escasos e o terreo a percorrer, angosto. Despois de numerosos ataques apenas se movera a liña. Durante dous anos, Italia lanzou diversos ataques contra as defensas austríacas, sen resultado agás pequenas vitorias parciais. En 1917 produciuse o avance aliado máis importante, debido á necesidade austríaca de enviar efectivos cara a fronte oriental durante a ofensiva de Brusilov. En 1918, os alemáns enviaron reforzos tras vencer aos rusos. Reforzaron as liñas defensivas e emprenderon novos ataques empregando tácticas distintas. As defensas italianas estiveron a punto de colapsarse pero aguantaron ata ao final da guerra.

Fronte balcánica[editar | editar a fonte]

A fronte balcánica foi a primeira fronte da guerra, xa que o casus belli para Austria-Hungría foi o asasinato en xullo de 1914 do arquiduque Francisco, que se produciu en Saraxevo, capital de Serbia. O mesmo mes, Austria declara a guerra a Serbia e o mecanismo das alianzas provoca que o conflito se globalice. En agosto comezan as hostilidades pero non é ata 1915 cando os austríacos rompen a fronte. Conquistan a maior parte do país e os serbios deben retirarse ao sur. En 1916 os austríacos conquistan Montenegro. O mesmo ano, Romanía declara a guerra ás potencias centrais e axiña é atacada por Austria. As tropas romanesas deben retirarse ata Moldavia onde resistirán coa axuda dos rusos. En 1917, Grecia entra na guerra no bando aliado e un ano despois organízase unha grande ofensiva que consegue a rendición búlgara e libera Serbia.

Fronte africana[editar | editar a fonte]

En 1914, case toda África estaba colonizada por un ou outro país. As maiores potencias coloniais africanas eran Francia e o Imperio Británico. O Imperio Alemán posuía certos territorios de menor importancia, que foron atacados xa en 1914. Togolandia e Camerún foron capturadas ese mesmo ano, mentres que a África do Suroeste alemá foi conquistada en 1915 por soldados sudafricanos. Non obstante, Tanganica permaneceu nas mans alemás ata ao final da contenda.

Fronte asiática[editar | editar a fonte]

En agosto de 1914, Xapón envía un ultimato ao Imperio Alemán para que lle ceda as súas posesións asiáticas. Alemaña negouse e Xapón declarou a guerra. Ese mesmo ano, atacou Qingdao, un porto chinés que empregaba a mariña alemá. Ocuparon as illas Marianas e as Carolinas. Nova Zelandia, aliada, ocupou a Nova Guinea alemá.

Guerra naval[editar | editar a fonte]

A gran guerra foi unha contenda que se iniciou e finalizou en terra, sendo protagonista a infantería e os equipos blindados. Non obstante, a mariña interviu ao longo de toda a guerra en distintas áreas.

  • Europa: nas augas europeas, a mariña real británica e a mariña de guerra francesa tentaron impor un bloqueo marítimo ás potencias centrais, limitando o abastecemento de Alemaña e Austria-Hungría. Pola súa parte, a flota de guerra do Imperio Alemán tentaría romper o bloqueo nunha serie de batallas que perdería. A maiores, desenvolveu unha nova arma, o submarino, que distribuirá polas distintas augas europeas cuxo obxectivo é o de afundir o maior número de barcos posibles dos aliados. Especialmente, interesaba cortar as liñas de subministros de municións e alimentos que proviñan de América (Estados Unidos, Arxentina, etc.). No Mediterráneo, Austria-Hungría despregou a súa flota e enfrontouse aos barcos aliados. A través deste mar, os británicos e franceses pretendían atacar e vencer ao Imperio Otomán. Aínda así, o desembarco realizado en Gallipolli non tivo éxito e tiveron que retirarse.
  • Asia: cando estoupou a guerra, atopábanse en Asia parte da flota rusa, a flota xaponesa, parte da británica e a alemá. As bases navais alemás foron bombardeadas e tomadas. A flota alemá foi derrotada pola británica.
  • África: ao igual que en Asia, polas costas africanas navegaban flotas das potencias coloniais. As naves británicas volveron a gañar a partida ás alemás, pero estas causaron danos aos transportes aliados.

Desenvolvemento tecnolóxico[editar | editar a fonte]

A partir de 1914 e ata a fin da guerra, ambos bandos investiron inxentes recursos na fabricación e evolución de todos os materiais bélicos. Os fusís foron mellorados no seu alcance e precisión. O fusil de francotirador popularizouse, acadando unha potencia e fiabilidade maior. A metralladora converteuse nunha arma estándar. Reduciuse o seu tamaño, aumentou a precisión e a potencia. Empregouse nas trincheiras, nos búnkeres e nos vehículos. Requiría dous homes, un que a manexase e un auxiliar de munición. A artillería foi tamén obxecto de mellora. Fabricáronse novos canóns, cuxo alcance era moi superior aos antecesores. Ao mesmo tempo, apareceron pezas de artillería pequenas, moi precisas, capaces de disparar un elevado número de proxectís en pouco tempo. Apareceron tamén pezas sen retroceso, polo que tras cada disparo non era preciso modificar a súa posición.

A guerra química experimentou un crecemento espectacular. O uso de gas iniciouse en Ypres polas tropas alemás. A partir de entón volvéronse habituais os ataques con gases asfixiantes por ambos bandos.

Un dos inventos máis salientables da guerra foi o tanque, unha unidade mecanizada blindada, capaz de resistir os disparos das metralladoras e de atravesar os terreos enlamados e irregulares. Serían os británicos os primeiros en empregalos en Cambrai. Os aliados confiaron neles e fabricaron varios milleiros de unidades. En cambio, os alemáns desconfiaron del e optaron por non fabricar máis que unhas decenas.

Outra nova arma foi o lanzachamas, que consistía nun depósito de combustible unido a unha mangueira cun chisqueiro. Cando se premía unha panca, o combustible saía pola manga e o chisqueiro incendiábaa. O primeiro bando en fabricalo foi o Imperio Alemán.

Batallas clave[editar | editar a fonte]

Condicións de paz[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tratado de Versalles.

Personaxes salientables[editar | editar a fonte]

Os tratados de paz impuxeron fortes condicións á Alemaña e os imperios coloniais redistribuíronse. A organización da paz foi difícil. Os países vencedores (EE.UU., Francia, Italia e a Gran Bretaña) impuxeron condicións excesivas nos tratados, xa que non permitiron que os vencidos estivesen na mesa de negociacións.

As negociacións de paz[editar | editar a fonte]

As negociacións de paz tiveron lugar en París, onde acudiron representantes duns 30 países. O presidente Wilson (EE.UU.) propuxo catorce puntos básicos para a paz, pero caben destacar o establecemento do principio das nacionalidades e a creación da Sociedade de Nacións. O francés Clemenceau tiña como obsesión debilitar a Alemaña.

A principios do 1919 reuniuse a conferencia de París, nela creouse a Sociedade de Nacións (misión: salvagardar a paz e solucionar conflitos mediante a negociación) pero o grave foi que ningunha das tres grandes potencias dos anos anteriores participaron.

No tratado de Versalles establecíanse as duras condicións impostas á Alemaña: amputacións territoriais, desmilitarización, pagos para compensar as perdas aliadas, etc. Esta paz foi a orixe de numerosos conflitos (como a 2ª guerra mundial), xa que non resultou satisfactoria nin para vencedores nin para vencidos.

Pegada da Gran Guerra[editar | editar a fonte]

Participación e perdas militares na Primeira Guerra Mundial
Países Aliados Mobilizados Mortos Feridos Prisioneiros de guerra
Rusia 18 100 000 1 800 000 4 950 000 2 500 000
Francia 7 891 000 1 735 800 4 266 000 537 000
Reino Unido 8 904 467 908 371 2 090 212 191 652
Italia 5 612 00 578 000 947 000 600 000
Estados Unidos 4 263 000 114 000 234 000 4 526
Xapón 800 000 300 907 3
Romanía 1 000 000 250 706 120 000 80 000
Serbia 750 000 278 000 133 148 15 958
Bélxica 365 000 38 716 44 686 34 659
Grecia 353 000 26 000 21 000 1 000
Portugal 100 000 7 000 13 751 12 318
Montenegro 50 000 3 000 10 000 7 000
Total 48 201 467 5 380 115 12 830 704 3 984 116
Potencias Centrais Mobilizados Mortos Feridos Prisioneiros de guerra
Alemaña 13 200 000 2 033 700 4 216 058 1 152 800
Austria-Hungría 9 000 000 1 100 000 3 620 000 2 200 000
Turquía 2 998 000 804 000 400 000 25 000
Bulgaria 400 000 87 500 152 390 27 029
Total 25 598 000 4 025 200 8 388 448 3 629 829
TOTAL dos 2 bloques 73 799 467 9 405 315 21 219 152 7 613 945
Fontes: J. Winter, The Great War and the British People, Londres, Macmillan, 1985, chap.3.

Nota: Na maior parte dos países belixerantes, os desaparecidos están contabilizados cos mortos
mais pódese tamén contabilizarse cos prisioneiros, como foi o caso de Rusia onde as estatísticas mesturan así varias categorías moi diferentes.

Consecuencias demográficas[editar | editar a fonte]

En 1919 as estatísticas amosaron aproximadamente o número de falecidos e feridos pola gran guerra, contándose máis de 14 millóns de mortos entre civís e militares. As xeracións máis novas foron as máis afectadas debido ao reclutamento obrigatorio en case todos os países que interviron. Ata ese momento, a gran guerra fora a contenda que máis vidas arrebatara. O modelo de batallas, a nova artillería precisa, os aramados, as metralladoras, as minas, o gas e os disparos incrementaron enormemente a mortalidade dos militares. Ata entón, a artillería non fora usada de forma masificada, nin as minas nin se empregara o gas. Os francotiradores tampouco foran tan usados e as metralladoras inda non foran estandarizadas. A trincheira converteuse no fogar de millóns de soldados. O déficit hixiénico que nelas reinaba provocou o espallamento de diversas enfermidades. A escaseza de auga e alimentos, sobre todo nas trincheiras das potencias centrais, incrementaba o número de mortes pouco a pouco. En 1915 a guerra converteuse nunha batalla de demografías. Nas grandes ofensivas coma a da Somme ou na batalla de Verdún, cada metro conquistado custou milleiros de vidas. Cara 1919 unha pandemia, a mal chamada gripe española produciría unha elevada mortalidade que acabaría con varios millóns de persoas. Parte dos falecidos eran soldados que volvían da fronte á casa e serviron de vectores para transmisión do virus responsable. Suxírese que a agresividade do patóxeno se debía en parte á inmunodepresión que afectaba aos militares en combate. A denominación de gripe española débese a que foi en España onde máis publicacións falaron da enfermidade. Nos países que participaran na contenda, a censura impediu a impresión de numerosa información sobre a pandemia.

Consecuencias económicas[editar | editar a fonte]

Catro anos de guerra necesitaron unha inxente cantidade de fondos. O Imperio Alemán, Austria-Hungría, o Imperio Otomán, Francia e o Imperio Británico acabaron con case todas as reservas económicas, mercando equipamento, municións, aviación, alimentos e investigación de novas armas. Francia e o Imperio Británico recorreron a préstamos estadounidenses, o que supuxo un grande estímulo económico. Ademais, a produción norteamericana incrementouse para satisfacer a demanda europea de material de diversa clase. Outros países coma Arxentina ou España tamén subministraron alimentos, armas e uniformes. Tras a guerra, as potencias europeas quedaron severamente endebedadas. A produción industrial quebrou, xa que de 1914 ao 1918 adicárase tan só a fabricar armamento e outro material bélico. Todas estas circunstancias produciron a perda da hexemonía económica de Europa, en favor dos Estados Unidos e Xapón. A partir de 1919, os créditos estadounidenses axudarían á recuperación dos contendentes, restablecendo pouco a pouco a normalidade económica ata a crise de 1929. No tocante a España, produciuse un aumento das exportacións de 1914 ata 1917. Non obstante, conforme se incrementaban as vendas, aumentaba espectacularmente a inflación, o que propiciou unha grave crise.

Consecuencias territoriais[editar | editar a fonte]

Alemaña tras a paz de Versalles
     Perdido por Alemaña tras a Primeira Guerra Mundial; Perdidos en favor doutros países      Perdido por Alemaña tras a Primeira Guerra Mundial; Administrado pola Liga de Nacións      Alemaña (1919–1935)

As consecuencias máis graves sufríronas os perdedores da contenda, o Imperio Austro-Húngaro, o Imperio Alemán e o Imperio Otomano. Os tres imperios desapareceron dando lugar a cadansúa república: Alemaña, Austria, Hungría e Turquía. Tamén desapareceu o Imperio Ruso e xurdiu a Rusia revolucionaria. A diferenza reside en que a desaparición dos tres primeiros imperios foi parte dos acordos de paz asinados coas potencias aliadas. En cambio, o Imperio Ruso desapareceu por mor dunha revolución interna iniciada durante a guerra, en 1917.

O Imperio Alemán deu lugar á república de Weimar, perdendo Alsacia e Lorena en favor de Francia. Ambas rexións xa sufriran cambios de nacionalidade. O último ocorrera tras a vitoria prusiana na guerra franco-prusiana. Tamén perdeu territorios en favor de Polonia (Polonia desaparecera coma estado no ano 1795, repartíndose o seu territorio entre Prusia e o Imperio Ruso) e en favor do novo estado de Checoslovaquia. A perda do acceso á cidade de Danzing para os alemáns sería un dos eixos da política expansionista de Adolf Hitler. A Segunda Guerra Mundial iniciouse nesta rexión, cando as tropas nazis invadiron Polonia. Outros territorios menores foron perdidos en favor de Lituania, Bélxica e Dinamarca.

O Imperio Austro-Húngaro tamén desapareceu, formándose os estados independentes de Austria, Hungría, Iugoslavia, Checoslovaquia, Eslovenia, Ucraína e Croacia. Tamén se redistribuíron rexións en favor de Italia e Polonia.

O Imperio Otomán desapareceu e os seus territorios reducíronse á actual Turquía.

O Imperio Ruso desapareceu no contexto dunha revolución comunista, que despois dará lugar á Unión Soviética. Parte dos territorios perdéronse dando lugar ás repúblicas de Estonia, Letonia e Lituania. Outras zonas pasaron ás mans polacas, ucraínas e bielorrusas.

Polonia reapareceu coma estado independente tras máis de 120 anos desaparecido. Parte do país compúxose con territorios historicamente polacos, alemáns, rusos e ucraínos. Francia recuperou Alsacia e Lorena e Bélxica conseguiu parte de Alemaña.

No tocante ás colonias, Alemaña perdeunas todas, que pasaron a ser administradas por Francia, polo Imperio Británico e por Xapón.

Consecuencias sociais[editar | editar a fonte]

A Primeira Guerra Mundial supuxo un cambio fundamental na sociedade do inicio do século XX. A gran guerra foi a primeira contenda que requiriu a mobilización masiva social. Todos os homes entre 18 e 50 anos foron recrutados nun momento ou outro, sempre que non desenvolvesen un traballo esencial. A contribución de homes de xeito continuado provocou a necesidade de buscar outra man de obra para a industria bélica. Recorreuse ás mulleres, que se incorporaron rapidamente ao mercado laboral. Tradicionalmente, as mulleres estaban ocupadas das tarefas domésticas e carecían de dereito ao voto. A partir de 1914, moitas delas comezaron a traballar e polo tanto agora posuían un salario e independencia. Isto ía ser un grande estímulo ao movemento feminista, que despois da guerra conseguiría o voto feminino en Gran Bretaña, Alemaña, Estados Unidos, Turquía e Rusia. En Francia inda terían que pasar varios anos para o seu establecemento. Outra das consecuencias foi o aumento das diferenzas sociais e un incremento da inflación. As persoas ligadas á industria do armamento elevaron os seus ingresos de xeito exponencial, mentres que a elevada inflación prexudicaba ás clases asalariadas. Ademais, milleiros de soldados quedaron irremediablemente mutilados pola guerra, sendo incapacitados para calquera actividade laboral.

Consecuencias políticas[editar | editar a fonte]

Tras a fin da contenda desapareceron os imperios centrais, tanto o alemán, coma austro-húngaro e o otomán. A derrota supuxo a fin das distintas dinastías que rexían os tres imperios, establecéndose as sucesoras repúblicas. Parte dos antigos estados herdárona os estados posteriores e outra foi redistribuída nos novos estados: Polonia, Ucraína, Estonia, Letonia, Lituania e Iugoslavia. Pero o maior problema foi a idea de que a guerra era útil para acadar obxectivos políticos. A guerra serviu para moitos estados dos anteriores de acadar a súa independencia pola forza.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Evans, David. Teach yourself, the First World War, Hodder Arnold, 2004, p. 188.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

P history.svg
A Galipedia ten un portal sobre:

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • En castelán, La Primera Guerra Mundial, de Hew Strachan, ano 2004.
  • En castelán, Breve historia da Primera Guerra Mundial, de Norman Stone, ano 2008.
  • En castelán, La gran guerra, una historia global (1914-1918), de Michael S. Neiberg, ano 2006.