Comunismo primitivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Por comunismo primitivo, comunidade primitiva, ou modo de produción primitivo, enténdese, na teoría marxista, unha etapa do desenvolvemento das formacións económico-sociais, caracterizadas polo baixo nivel de desenvolvemento das forzas produtivas, a propiedade colectiva dos instrumentos de produción (rudimentarios) e a distribución igualitaria dos produtos. É o primeiro dos modos de produción que Marx definiu como estadios da evolución da historia económica.

Os homes organizábanse en bandas, adicadas á caza, pesca e recolección, e a actividade laboral humana baseábase na cooperación sinxela. Para Marx, este tipo de produción colectiva ou cooperativa era, naturalmente, o resultado do desamparo no que se atopaba o individuo illado, e non da socialización dos medios de produción. Como consecuencia, o home primitivo non concibía a posibilidade dunha propiedade privada dos instrumentos de produción, só algúns destes, que lle servían tamén para defenderse das feras, pertencíanlle en propiedade persoal. Traballo tan primitivo non creaba excedente algún logo de cubrir as necesidades máis perentorias, e esa inexistencia impedía a explotación do home polo home. Nese réxime económico a produción estaría directamente determinada polas necesidades colectivas, e entre o acto substancial da creación e o creado non había ningunha mediación social e, xa que logo, ningunha ruptura epistemolóxica.

Esta forma de vida corresponde ao período que os prehistoriadores denominaron Paleolítico, e non foi senón co descubrimento da agricultura e a gandería, realizado durante o Neolítico que permitiu unha primeira especialización e división social do traballo, como describe o historiador Vere Gordon Childe cos seus conceptos de Revolución neolítica (na que as aldeas campesiñas aínda conservaban boa parte do igualitarismo social) e a posterior Revolución urbana (cando xa aparecen claramente as clases sociais e o poder político e relixioso).

No comunismo primitivo non había excedentes de produción, polo que non existía desigualdade de bens nin a necesidade dun Estado. Ao ser unha sociedade baseada no autoconsumo, todas as súas relacións sociais eran comunitarias.

Este modo de produción foi substituído, dependendo do lugar ou a época, ben polo modo de produción escravista ou ben polo modo de produción feudal.

Características[editar | editar a fonte]

  • Organización social considerada de moi baixo desenvolvemento.
  • Non existía propiedade privada, non existían clases sociais e todo era comunitario.
  • A división do traballo facíase de acordo á idade e ao sexo, o cal significa que os nenos e as mulleres realizaban traballos que o seu estado físico lles permitía.
  • A teoría do matriarcado (hoxe moi posta en cuestión e matizada pola antropoloxía moderna) consideraba que neste tipo de sociedade a autoridade do grupo representábana as mulleres. O mesmo acontecía coa práctica da poliandria (múltiples compañeiros sexuais para cada muller).
  • As ferramentas de traballo eran moi rudimentarias, pois estaban feitas de pedra, madeira ou óso.
  • Os tipos de familia que se identificaron son as seguintes:
  1. Consanguínea: Os grupos conxugais sepáranse por xeracións. Todos os membros dunha mesma xeración poden copular entre si, estando prohibido facelo cun membro da xeración anterior (pais, tíos) ou posterior (fillos, sobriños).
  2. Punalúa: Aparece a prohibición de encontros sexuais dentro da mesma xeración, primeiro entre irmáns uterinos e logo esténdese a máis grados (curmáns, curmáns segundos etc), formándose grupos de irmás ou curmás que copulan cun grupo de irmáns ou curmáns.
  3. Sindiásmica: No réxime de matrimonio por grupos, ou quizais antes, formábanse parellas conxugais por un tempo máis ou menos longo, na que eran mutuamente «cónxuxes principais» entre varias outras unións sexuais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]