Terceira Internacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "III Internacional")

A Terceira Internacional, coñecida normalmente só por Internacional Comunista, como tamén pola súa abreviatura en ruso Komintern (Коминтерн, abreviatura de Коммунистический интернационал, "Internacional Comunista") ou Comintern (abreviatura do inglés: Communist International) foi unha organización comunista internacional, fundada por iniciativa do Partido Comunista de Rusia (Bolxevique) en marzo de 1919 que agrupaba ós Partidos Comunistas do mundo co obxectivo de loitar pola superación do capitalismo, o establecemento da Ditadura do Proletariado e da República Internacional dos Soviets, a completa abolición das clases e a realización do socialismo, como primeiro paso cara á sociedade comunista, como aparecía nos seus primeiros estatutos.

Historia da Komintern[editar | editar a fonte]

Antecedentes históricos[editar | editar a fonte]

Segundo o preámbulo dos primeiros estatutos da Komintern, os seus antecedentes remontanse á Asociación Internacional de Traballadores fundada, entroutros, por Karl Marx e Friedrich Engels en Londres en 1864, e que pola primeira vez agrupaba traballadores de diferentes países. Após a desaparición desa Primeira Internacional en 1876, Engels promoveu a creación da Segunda Internacional en París en 1889, que agrupaba partidos socialistas, socialdemócratas e laboristas. O inicio da Primeira Guerra Mundial produciu unha fractura na organización cando o sector dos socialistas reformistas decidiu apoiar os gobernos na declaración da guerra e o sector dos socialistas revolucionarios se opuxeron totalmente a ela. Derivado diso, este sector revolucionario celebrou a Conferencia de Zimmerwald en 1915 e a Conferencia de Kienthal en 1916, que se converteron na base para a Komintern (a Terceira Internacional), creada en marzo de 1919 en Petrogrado como sistema para romper as relacións definitivamente cos sectores reformistas, ós que acusaban de teren traizoado a clase traballadora e de provocaren a destrución da Segunda Internacional.

Constitución e evolución[editar | editar a fonte]

A Komintern celebrou sete congresos mundiais, que inicialmente eran de carácter anual e que posteriormente se foron espaciando no tempo.

Do I ó IV Congreso[editar | editar a fonte]

O I Congreso Mundial da Internacional Comunista tivo lugar en Petrogrado entre o 2 de marzo e o 6 de marzo de 1919. Os temas fundamentais foron a democracia burguesa e a ditadura do proletariado, así como a necesidade de difundir o sistema de sovietes. Tamén se nomeou Grigori Zinoviev como Presidente do Comité Exectivo da Internacional Comunista (CEIC), a máxima autoridade da Komintern durante o período intercongresual. Estiveron presentes os Partidos Comunistas de Rusia, Alemaña, Austria, Hungría, Polonia, Finlandia, Ucraína, Letonia, Lituania, Biolorrusia, Estonia, Armenia e da Rexión do Volga; tamén grupos comunistas checos, búlgaros, iugoslavos, británicos, franceses e suízos, o Partido Social Democrático de Esquerda de Suecia, o Partido Socialista Laborista de América, a Liga de Propaganda Socialista dos Estados Unidos, o Partido dos Traballadores da China, a Unión de Traballadores de Corea, e seccións comunistas de Turquía, Azerbaixán, Xeorxia, Persia e Turquestán. O Partido Laborista noruegués tamén estivo presente (aínda que a abandonou en 1923). Pola súa banda, o Partido Socialista Italiano negouse a participar, o que provocou unha escisión interna en 1921 que deu orixe ó Partido Comunista Italiano, que si se integrou na Komintern.

O II Congreso Mundial da Internacional Comunista celebrouse en Moscova entre o 19 de xullo e o 7 de agosto de 1920. É o momento do fin da Guerra Civil Rusa e tamén o momento en que a axitación revolucionaria se estende rapidamente por Alemaña. Neste Congreso insístese na necesidade de adoptar e propagar o sistema de sovietes, e acórdanse as denominadas 21 Condicións para o ingreso na Komintern diante das numerosas organizacións socialdemócratas que solicitaran a adhesión.

O III Congreso Mundial da Internacional Comunista celebrouse entre o 22 de xuño e o 12 de xullo de 1921 novamente en Moscova. Nel combatéronse as posturas ultraesquerdistas dalgúns partidos comunistas como o Partido Comunista de Alemaña (KPD) alemán tras o fracaso do Levantamento Espartaquista e recoñeceuse que a situación mundial tiña mudado na medida en que as revolucións comunistas só triunfaran no Imperio Ruso e fracasaran en Alemaña e en Polonia. Ademais, tratouse especificamente a necesidade de incorporar as mulleres traballadoras ó movemento comunista.

O IV Congreso Mundial da Internacional Comunista celebrouse entre o 30 de novembro e o 5 de decembro de 1922 en Moscova, incidindo nas tácticas da chamada "fronte única" e tratándose a situación da raza negra e o traballo dos comunistas nos sindicatos. Ademais, trátase a situación dos comunistas en Asia e o Pacífico, e decrétase a incompatibilidade entre a pertenza á masonería e a pertenza a un partido comunista.[1]

Do V ó VII Congreso[editar | editar a fonte]

O V Congreso Mundial da Internacional Comunista celebrouse en Moscova entre xuño e xullo de 1924, despois da morte de Lenin e cando a Unión Soviética xa estaba conformada. Marcado polo fracaso da revolución alemana, apróvanse uns novos estatutos que inician a denominada "bolxevización" da Komintern ó insistir en que os partidos membros adopten o sistema organizacional do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) na medida en que aquel era o único membro da Internacional con funcións de goberno.

No verán de 1926, ademais, a Presidencia do CEIC é abolida e substituída pola Secretaría Xeral. Nikolai Bukharin substitúe Grigori Zinoviev á fronte da Komintern.

O VI Congreso Mundial da Internacional Comunista celebrouse en Moscova entre xullo e setembro de 1928, nun momento de grave crise económica que favorece a aprobación da consigna "clase contra clase" que oficializa o inicio do chamado "Terceiro Período". Apróbase tamén o Programa da Internacional Comunista, reiterando a necesidade da revolución armada como recurso último para a tomada de poder.

En abril de 1929, Nikolai Bukharin é obrigado a dimitir do cargo de Secretario Xeral da Komintern acusado de dereitista pola dirección do PCUS, no momento en que a ascensión de Iósiv Stalin se confirma imparábel. En substitución de Bujarin é escollido para a Secretaría Xeral o búlgaro Georgi Dimitrov, que dirixirá a Komintern desde 1934 até a súa disolución.

O VII Congreso Mundial da Internacional Comunista celebrouse en Moscova en agosto de 1935. Após o auxe dos fascismos e o fracaso do programa político aprobado no anterior Congreso, apróbase unha política de frontes populares auspiciada intensamente por Stalin, que xa é gobernante absoluto da URSS despois de ter eliminado os seus opositores no proceso coñecido como a Gran Purga. Fronte a esta política de frontes populares, os representantes do trotskismo avogan pola revolución mundial inmediata. A posición que se aproba é, finalmente, a do PCUS staliniano.

Disolución da Komintern[editar | editar a fonte]

A Segunda Guerra Mundial cortou o contacto do goberno da URSS con numerosos partidos comunistas no resto do mundo, considerando ademais que os países do eixo capitalista receaban do goberno soviético despois do Pacto Ribbentrop-Molotov celebrado co goberno nazi en agosto de 1939. A invasión da URSS por parte de tropas do III Reich en xuño de 1941 provocou que a URSS se vise como aliada de dúas potencias capitalistas: Gran Bretaña e os Estados Unidos. Nesa tesitura, o 15 de maio de 1943, antes da celebración da Conferencia de Teherán, o Presidium do Comité Executivo da Internacional Comunista decreta "a madurez dos partidos comunistas" nacionais e decide disolver a Komintern para evitar os receos das potencias capitalistas aliadas da URSS nese momento.

En 1947, a instancias de Stalin é creada a Kominform (Oficina de Información Comunista para substituír a Komintern. O novo organismo reúne os Partidos Comunistas de Bulgaria, Checoslovaquia, Francia, Hungría, Italia, Polonia, a Unión Soviética e Iugoslavia. Porén, disolveuna Nikita Khrushchev como medida de desestalinización e como consecuencia das críticas dos comunistas franceses e italianos (os máis influentes fora do Pacto de Varsovia) á intervención militar soviética na Revolución Húngara de 1956. Ademais, desde 1960, diversos acontecementos demostran innecesaria a existencia dun organismo de coordinación como a Kominform: en primeiro lugar, o enfrontamento entre a URSS e Iugoslavia; en segundo lugar, a pugna ideolóxica sostida entre a URSS e a China maoísta; e, en terceiro lugar, a primacía efectiva da URSS e do PCUS sobre calquera outra organización comunista.

Organización da Internacional Comunista[editar | editar a fonte]

Os órganos da Internacional Comunista foron definidos polos seus primeiros estatutos:

  • O Congreso Mundial. É o órgano que exerce a autoridade máxima da Komintern e que debe reunirse unha vez cada ano (aínda que desde o V Congreso a periodicidade foise espallando). Ten en exclusividade a capacidade modificar o Programa e os Estatutos da Internacional.
  • O Comité Executivo. É o órgano que detenta a autoridade máxima nos períodos intercongresuais e é escollido polo Congreso Mundial, que decide tanto a súa composición como a súa sede.
  • O Presidium. É o órgano que ten a máxima autoridade entre os plenos do Comité Executivo

Organizacións paralelas[editar | editar a fonte]

Varias organizacións foron creadas baixo o auspicio da Internacional Comunista. Entre elas, as máis importantes foron:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]