Illa de San Simón
Coordenadas: 42°18′27.56″N 8°37′42.43″W / 42.3076556°N 8.6284528°W
A illa de San Simón pertence á parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, sendo un dos cinco lugares desta parroquia. Na actualidade atópase deshabitada. Preside a enseada de San Simón, no extremo interior da Ría de Vigo, delimitando cos concellos de Redondela, Soutomaior e Vilaboa. A illa está unida á illa de San Antón por unha ponte. O conxunto de ambas illas mide 250 metros de longo e 84 de largo. Ademais existen outros dous pequenos illotes, San Bartolomé e San Norberto.
Ao longo da súa historia a illa foi empregada como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos. O seu conxunto está catalogado como Ben de Interese Cultural dende 1999.
Índice |
Historia [editar]
Idade Media [editar]
A illa foi un antigo centro monástico cantado polo poeta Mendinho na Idade Media. Proba disto é o seu escrito, o único, por parte do autor que se coñece, e que se cre que era nativo da zona. Na súa honra realizouse un busto na illa, así como a Johan de Cangas e a Martín Codax.
Sediam'eu na ermida de San Simón- e cercaronm'as ondas, que grandes son,
- eu atendend'o meu amigo,
- eu atendendo'o meu amigo...

Entre os séculos XII e XIII estivo habitada polos templarios e despois polos franciscanos, a Orde dos Pascualinos de San Simón. Mais en 1370 esta orde relixosa sofre a excomulgación, véndose obrigada a abandonar a illa.
Despois de permanecer case un século abandonada, a diocese de Tui, que até o momento posuía o control político da illa, cédella a Isabel a Católica, nun acto de bondade e agradecemento pola súa fidelidade.[1]
En 1589 foi saqueada por piratas ingleses, entre os que se atopa o célebre Francis Drake.
Século XVIII ata a Guerra civil española [editar]
Foi escenario da batalla de Rande en 1702, cando navíos de Holanda e de Inglaterra unidos pola Guerra de Sucesión contra a coroa de Castela; trataron, de asaltar a Flota de Indias cargada coas mercadorías de case 3 anos[Cómpre referencia]. Os galeóns pertencentes á Coroa de Castela e escoltados por unha escadra francesa que proviñan de América, e que se saldou coa derrota das forzas franco-castelás. Unha gran parte do contido dos galeóns (que se cre que era ouro, prata, diamantes, especias coma o cacao e tamén madeiras nobres e tabaco) foron saqueados polos navíos ingleses da raíña de Inglaterra (Ana I de Estuardo), mais o intento de frustrar as expectativas de roubo, unha gran parte das riquezas dos barcos foron baleiradas ao mar, e unha gran porcentaxe do ouro e prata pertencente á coroa de Castela xa fora descargado en bois ata Madrid semanas antes do combate[Cómpre referencia]. Posteriormente, os integrantes das flotas anglosaxoas asaltaron as aldeas circundantes á Ría de Vigo, con especiais efectos devastadores en aldeas coma, Cangas, Redondela, Vigo, Soutomaior e Arcade; ás que queimaron e asolaron. A illa de San Simón tamén sufriu as consecuencias das tropas inglesas. A ermida de San Pedro quedou case totalmente derruída, ata a súa posterior restauración no século XIX. As elucubracón e testemuños elaborados sobre o paradeiro das riquezas dende o suceso son confusos, e numerosas inmersión realizadas en diferentes anos posteriores ao afundimento dos navíos revelaron a inexistencia de ouro e outros materiais preciosos nos arredores da illa.
En 1719 o Almirante Michells penetra na illa, e posteriormente existe unha nova ameaza por parte das tropas francesas de Napoleón na Guerra da Independencia, e a illa é abandonada e rehabitada en numerosas ocasións.
A continua ocupación por ordes monásticas debíase á súa boa situación xeográfica, xa que estaba illada, nun lugar tranquilo, e preto do monasterio de Poio, un dos máis importantes da época[2].
Todo este contexto de invasións e saqueos por parte de piratas e almirantes extranxeiros provoca un estado de inestabilidade na illa e na comarca en xeral. Ademais, simultaneamente sucedía un conflito a nivel galego, as Guerras Irmandiñas. O arquipélago de San Simón foi tamén testemuña destes conflitos, e o representante de Soutomaior Fernando Andrade resulta ferido de gravidade.
Dende mediados do século XVII a illa permaneceu abandonada. Posteriormente, por Real Ordenanza de 6 de xuño de 1830, e da man do comerciante rioxano Norberto Velázquez Moreno, procedeuse ao habilitamento e acondicionamento da illa para convertela nunha leprosería ou lazareto. Na illa de San Antón estaban os enfermos sen cura, mentres que na de San Simón albergábase ó resto. Dadas as frecuentes corentenas ás que estaban sometidos os navíos da ruta americana, viña ser un elemento indispensable para todo porto que quixese entrar nas vías marítimas de percorrido longo, o cal foi un feito diferencial e vital para a expansión do porto de Vigo e o establecenmento das conserveiras catalás que trouxeron consigo novas técnicas de organización empresarial e de manufacturas. Así, as numerosas epidemias de cólera e lepra prodecentes do exterior eran fradas. A leprosería clausurouse en 1927, e construíuse tamén a ponte que a une á illa de San Antón, xa que ata entón a único medio de comunicación entre as dúas illas era o marítimo.
Guerra Civil [editar]
A partir de 1936, coa chegada da Guerra Civil Española os edificios da illa foron empregados como campo de concentración e de exterminio para os presos políticos contrarios ao réxime ditatorial e autoritario, na súa maioría provintes das zonas próximas coma Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía de Arousa[3], aínda que tamén eran frecuentes os presos de Asturias, León ou do País Vasco. Estímanse que ao redor de 6.000 persoas foron encarceradas durante a Guerra Civil e a posguerra.[4] Foi calificada polos franquistas como colonia penitenciaria, aínda que a realidade era a dun campo de exterminio onde os presos políticos comunistas, republicanos ou socialistas eran asasinados. Mantívose en funcionamento ata o ano 1943.
A antiga leprosería quedou relegada a albergar aos militares que vixiaban a illa, así coma o persoal complementario (administrativos, intendencia ou enfermería). Construíronse ademais torres de vixiancia, melloráronse os muros e os accesos. As condicións ás que estaban sometidos os presos eran inhumanas e crueis, as condicións sanitarias eran deficientes e o amoreamento de presos era considerable. Estaban distribuídos en diferentes pabillóns ao longo da illa, e a miúdo producíanse fusilamentos masivos. Crese que centos de persoas morreron a causa dos seus ideais, a mans dos falanxistas. A illa era considerada un dos centros penitenciarios franquistas máis temibles.
A illa de San Simón foi escenario do final do filme O lapis do carpinteiro, onde trasladaban a Da Barca, un preso político, á Illa, un dos cárceres dos que se dicía que era case imposible saír vivo.
Posguerra [editar]
Foi en 1943 cando o arquipélago deixou de funcionar coma cárcere, sufrindo un paulatino abandono, só interrompido nas épocas estivais polos membros da Garda de Franco, co nome de Colonia de Educación e Descanso, que pasaban alí as súas vacacións. O 22 de agosto de 1950 sucedeu un tráxico incidente. Uns cincuenta pasaxeiros da Guardia de Franco voltaban da illa cara terra nunha embarcación, "A Monchiña", cando debido ás malas condicións do tempo e as correntes habituais da zona, a embarcación afundiu. Case ningún dos pasaxeiros sabía nadar, e corenta e tres tripulantes perderon a vida no accidente. Na illa de San Norberto, na cara sur do arquipélago, construíuse un pequeno cruceiro na honra dos falecidos no accidente d'A Monchiña.
A illa foi clausurada debido á traxedia mais reabriuse para ser empregada como Fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros, que funcionou entre 1955 e 1963.
Actualidade [editar]
No ano 1999 as illas de San Simón e San Antón foron declaradas Ben de Interese Cultural e comezou a reconstruírse procurando alcanzar unha harmonía entre a natureza (rescatando os xardíns ou o centenario Paseo dos buxos) e a remodelación dos edificios xa existentes sen deteriorar a contorna.
Na actualidade, a Illa de San Simón foi remodelada e convertida pola man de César Portela[5] consonte a súa declaración como centro de recuperación da memoria histórica, rehabilitada coma un espazo protexido, cunha completa rexeneración dos xardíns e das especies arbóreas. Ademais foi tamén redirixida cara unha función cultural da man da Fundación Illa de San Simón, xa que conta con auditorio, biblioteca, escola do mar, hotel, e restaurante. Entre as diferentes actividades culturais realizadas no lugar destaca a celebración de entrega dos Premios Xerais da lingua galega e do Premio Merlín.
No ano 2006 a Consellería de Cultura elixiu o arquipélago de San Simón como símbolo da represión no Ano da Memoria.
Actualmente o arquipélago pode ser visitado de balde durante dúas horas en grupos de 300 ou 400 persoas que saen en catamarán dende os peiraos de Cesantes e San Adrián.[6]
Acceso [editar]
- Dende o Porto de Cesantes, en barco ou catamarán. Conta ademais cun acceso para discapacitados.
- Dende o Porto de Santo Adrián (Vilaboa).
Edificios e instalacións [editar]
Instalacións [editar]
- Residencia Stella Maris.
- Casa dos Oficios do Mar e Escola de Vela.
- Acuario.
- Museo e Biblioteca.
- Edificio Multiusos.
Monumentos [editar]
- Ponte entre a illa de San Simón e a illa de San Antón: en 1991 foi incluída no catálogo de monumentos da provincia de Pontevedra.
- Miradoiro da boca da ría.
- Miradoiro do fondo da ría.
- Capela de San Pedro.
- Cemiterio.
- Paseo dos buxos: Paseo de árbores centenarias.
- Monumento na honra de Jules Verne.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes da Illa de San Simón.
-
Homeaxe a Jules Verne
Notas [editar]
- ↑ http://www.turismoredondela.net/es_n_illasansimon.php
- ↑ http://www.culturagalega.org/temadia_arquivo.php?id=6124
- ↑ http://www.anodamemoria.com/sansimon/ga/web/info.php?idc=2
- ↑ Varela ‘perde’ a memoria histórica en San Simón 29/05/10
- ↑ "Remake" de San Simón
- ↑ http://www.fundacionilladesansimon.org/index.php?sec=reservas
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
|
Illa do amor, illa da morte
Para Álvaro Xil Varela Empréstame, Meendinho, tua voce meioeval, aquela que o de Cangas e Martín tamén tiñan. A voz que na cantiga de San Simón illeiro, como cisne migrado do seu niñal luciras. [...] |
- GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, tomo 27. Editor: Silverio Cañado; Santiago. ISBN 84-7286-215-1
- Amoedo López, Gonzalo e Gil Moure, Roberto (2007). Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón. ISBN 978-84-9782-604-4.
- Caeiro, Antonio, González, Juan A. e de Saá, Clara Mª (1995). A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón. ISBN 84-7680-178-5.
- Fernández de la Cigoña, Estanislao (1991). Illas de Galicia. Cíes, Ons, Sálvora, Tambo, San Simón e Cortegada. ISBN 84-7507-582-7.
- Varios (1997). Estudio da Ensenada de San Simón. ISBN 84-89690-22-7.
- Varios (2002). Redondela. Enseada de San Simón / Val do Verdugo / Val do Oitavén. ISBN 84-453-3191-4.
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
- A Illa de San Simón, en culturagalega.org.
- Illa de San Simón, ano da memoria.
- A Illa de San Simón como presidio.
- Illas de San Simón e San Antonio. A recuperación dun sitio histórico, vídeo.
Lugares e parroquias [editar]
Lugares de Cesantes [editar]
| Lugares da parroquia de Cesantes no concello de Redondela (Pontevedra) | |
|---|---|
|
San Pedro | Outeiro das Penas | Carballiño | O Coto | San Simón |