Illa de San Vicente
Coordenadas: 43°42′36.22″N 7°50′9.13″W / 43.7100611°N 7.8358694°W A illa de San Vicente (illa de San Vicenzo) é unha illa galega da provincia da Coruña, situada na ría de Ortigueira. Pertence á parroquia ortigueiresa de Luama, e ten 1,3 hectáreas de superficie.
É de forma oval e está cuberta por unha masa arbórea na súa cara sur, protexida dos embates do Atlántico, mentres a cara norte está cuberta de toxeiras e matogueiras propias do litoral. Cando baixa a marea, a illa queda unida a terra mediante un extenso banco de area. Está nunha paraxe de alto interese ecolóxico (sub-rías de Ladrido e Baleo), polo que a illa, xunto coas marismas que a rodean están protexidas. Segundo menciona Julio Dávila Díaz na súa obra Xeografía Descriptiva (1931), na Idade Media existiu na illa un pequeno mosteiro nun principio ocupado polos templarios e máis tarde polos franciscanos.