Illa de Tambo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°24′41″N 8°42′31″O / 42.4114, -8.70861

Illa de Tambo
Illa de Tambo vista dende Marín, co faro da punta de Tenlo en primeiro termo.
Illa de Tambo en Pontevedra
Illa de Tambo
Illa de Tambo
Localización no mapa provincial.
Situación
PaísGalicia Galicia
ConcelloPoio
ProvinciaPontevedra
MarOcéano Atlántico
Xeografía
XeoloxíaIlla continental
Superficie0´280 km²
Perímetro4 km.
Punto máis alto80 m.
Distancia a terra1´1 km.
Demografía
PoboaciónDeshabitada

A illa de Tambo atópase no fondo da ría de Pontevedra, e pertence ao concello de Poio do que esta separado por unha canle de 1,1 km pero de pouca profundidade. A súa superficie é de 0,28 km², cunha altura máxima de 80 m, aínda que toda a súa parte central supera os 50 metros de altitude. O seu perímetro acada os 4 km.

Historia[editar | editar a fonte]

Entre os diversos restos prehistóricos da illa destaca un castro, que ocupa toda a parte central da illa e está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio co código GA36041043.

No século VI construíuse unha capela, fundada por Martiño de Dumio. Froitoso de Braga converteuna en mosteiro, vinculado ao convento de San Xoán de Poio. Despois transformouse en priorado, baixo a advocación de Santa María de Graza.

No século XII a illa de Tambo pertencía á raíña Dona Urraca e foi doada ao convento de San Xoán de Poio. Os veciños de Combarro usaron a illa durante séculos, onde traballaban as súas terras e celebraban romarías. En 1589 a capela foi vítima do saqueo do corsario Francis Drake, o cal botou a figura de Santa María de Graza ao mar.

En 1745, cando o Padre Sarmiento visitou Tambo, a illa estaba deshabitada.[1]

En 1846, coa desamortización de Mendizábal, deixou de pertencer aos monxes de Poio e anos despois foi mercada polo ministro de Xustiza, Eugenio Montero Ríos. Nese mesmo século construíuse un lazareto na illa, que entre 1865 e 1879 foi usado para poñer en corentena os mariñeiros que chegaban ao porto de Marín. Debido ás protestas dos cidadáns de Pontevedra, o lazareto foi trasladado á illa de San Simón, na ría de Vigo, e en 1889 a illa converteuse en penitenciaría militar.

Coa creación da Escola Naval Militar de Marín, en 1943 a illa militarizouse e pasou a ser utilizada como arsenal. Foi nese ano cando os herdeiros de Montero Ríos venderon a illa á Armada Española. Ata 2005, os herdeiros seguiron figurando como propietarios dunha quinta parte da illa.

A Armada deixou de cualificar a illa como enclave estratéxico en 2002, o que disparou as expectativas de que puidese ser cedida á Xunta de Galicia e incorporada ao Parque nacional das Illas Atlánticas, para o que antes debería ser declarada parque natural.[2] Porén, a illa continúa baixo xurisdición militar.[3]

O 14 de abril de 2013, un grupo de veciños e veciñas de Combarro fixeron unha declaración de independencia simbólica na illa como acto de denuncia polo estado de abandono que sufriu logo da desmilitarización.[4] En outubro de 2018, logo dun período de peche da illa que durou dous anos, a Escola Naval comezou de novo a permitir visitas organizadas á illa.[5]

En 2022 o Ministerio de Defensa realizou unha cesión demanial por 25 anos da illa a favor do Concello de Poio.[6]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Méndez Martínez, Gonzalo; Ovejero Campos, Aida (outubro de 2014). "A paisaxe e o patrimonio cultural. Axenda estratéxica para a illa de Tambo" (PDF). Universidade de Vigo. p. 14. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de febreiro de 2023. Consultado o 9 de febreiro de 2023. 
  2. "Tambo opta a parque natural al no poder integrarse en Illas Atlánticas". La Voz de Galicia. 1-09-2007. 
  3. "Se reanudan las visitas a la Illa de Tambo". Faro de Vigo. 29 de setembro de 2018. Consultado o 13 de decembro de 2018. 
  4. "Declaran "República Independente" a Illa de Tambo". Praza Pública. 16 de abril de 2013. Consultado o 13 de decembro de 2018. 
  5. "Primera visita guiada a Tambo tras la reapertura de la isla". Diario de Pontevedra. 29 de setembro de 2018. Consultado o 13 de decembro de 2018. 
  6. ""A cesión demanial de Tambo permitirá ao Concello asumir competencias na illa a partir do 1 de marzo de 2022"". Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2024. Consultado o 17 de xaneiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]