Illa da Creba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°46′29″N 8°57′50″W / 42.77472°N 8.96389°W / 42.77472; -8.96389

A Illa da Creba é unha illa galega da ría de Muros e Noia, situada a 240 metros da costa da parroquia de Esteiro (Muros). Ten unha característica forma de teta e unha extensión de 7,5 hectáreas. É de propiedade privada, coroada por un caserón. Posúe dous embarcadoiros que forman unha pequena dársena.

Historia[editar | editar a fonte]

Desde a Idade Media existiu unha ermida dedicada a Santa María e custodiada por un ermitán onde se celebraba unha concorrida romaría con xentes vindas en barcos dos pobos veciños; hoxe está desaparecida. Hai multitude de lendas relacionadas con esta illa, a máis coñecida é a que explica a construción da ermida nesa illa. Vicente Risco deixou escrito o seguinte: Na Creba había mouros que tiñan un templo do seu falso deus. Os cristiáns matáronos deixando só á filla do xefe. Esta invocou ao demo, quen levantou unha tempestade, afogou aos cristiáns e separou a illa da terra. A moura converteuse nunha gran serpe rodeada de feras que afundían aos barcos. Os cristiáns foron onde un santo home que lles aconsellou bendicir a illa e erguer a igresiña da nosa Señora da Creba.