Buxo común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Buxo común
Illustration Buxus sempervirens0.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Buxales
Familia: Buxaceae
Xénero: 'Buxus'
Especie: B. sempervirens
Nome binomial
Buxus sempervirens
L.
O monumental 'Paseo dos buxos', na Illa de San Simón, Redondela.

O buxo común (Buxus sempervirens) é un arbusto ou arboriña sempreverde, orixinaria de Europa, onde medra brava dende as Illas Británicas até a beiramar mediterránea e o Mar Caspio. Común e bravo en Galiza, emprégase moito coma ornamental en xardinaxe formal, especialmente a xeito de sebes. A madeira, dura e rexa, emprégase en ebanistaría para tallas e na construción de instrumentos como a gaita.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo galego e portugués buxo vén do latín: buxus. Tamén existe en galego a variedade dialectal buxe. En inglés chámanlle box. O termo castelán boj entrou a través do catalán e aragonés: boix.

Descrición[editar | editar a fonte]

O buxo común adoita ter hábito arbustivo ou de arboriña, podendo acadar excepcionalmente os 12 m de altura. O talo ten moitas poliñas, a casca é lisa non exemplares máis novos, e gretada nos máis vellos, de cor parda cinsenta. As follas son perennes, lanceoladas ou ovadas elípticas, opostas, coriáceas, de cor verde escura pola face e máis claras polo envés, de até 30 mm, co bordo algo curvado cara abaixo.

As flores son monoicas, con masculinas e femininas presentes no mesmo exemplar; aparecen nos comezos da primavera, en inflorescencias miudiñas de varias flores masculinas e unha feminina nas axilas foliares. Miden uns 2 mm, de cor amarela, pouco vistosas, carentes de corola, sen recendo porén ricas en néctar, que atrae a himenópteros (abellas, avésporas...) e dípteros (moscas). O froito es una cápsula marrón ou cinsenta, coriácea, de arredor de 1 cm de lonrgo, que contén numerosas sementes.


Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Medra bravo en zonas de matos, outeiros e outros terreos máis ben secos e rochosos de Europa e Asia menor. Cultívase con frecuencia coma ornamental de xardinaxe, especialmente para formar sebes de topiaria. Medra moi amodo, polo que rara vez se produce de semente, preferíndose a reprodución por esgallos. Tamén en ambiente natural e bravo se reproduce por estolóns.

Prefire a media sombra, aínda que atura ben o sol se ten humidade de abondo. Prefire os solos ben drenados, ricos, mais nunca enchoupados, lixeiramente calcarios se non son neutros. Cómpre dun inverno fresco, resistindo ben as xeadas , o vento e a seca.

De crecemento moi amodo, pode acadar os 600 anos de idade. Dáse de preferencia nos terreos calcarios da zona norte e oriental da Península Ibérica. Atura moi ben a poda e non perde a follaxe polo inverno. Pode regromar de cepo tralos lumes.

Doenzas[editar | editar a fonte]

O buxo padece o ataque do fungo Pseudometria rousseliana, que produce o chamado cancro do buxo, caracterizado por manchas de cor rosada ou vermella en follas e pólas; diminúe marcadamente o vigor da planta e pode aínda chegar a matala. Utilízanse preparados de cobre para combatelo. Outros fungos que o afectan son o Mycosphaerella patouillardi, que provoca a caída das follas, manifestándose con pintas brancas persistentes. O Phyllosticta buxina produce síntomas similares á cancrose dos cítricos e o Phytophthora cinnamomi afecta a raíz de maneira incurábel.

Formacións senlleiras en Galiza[editar | editar a fonte]

Sebes de buxos no parque de Castrelos en Vigo.

O buxo é un arbusto que se cultiva como ornamental dende hai séculos, especialmente en xardíns urbanos e palacianos para crear labirintos de sebes e topiaria. Seis formacións galegas aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia na categoría de formacións senlleiras:

Outras:

Etnografría galega[editar | editar a fonte]

O buxo intégrase na cultura galega e atlántica como planta con propiedades máxicas e múltiples usos.

Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961) fala do buxo:

  • O buxo é un arbusto ou arboriña de follas coriáceas e persistentes; medra moi amodos; está dotado de gran lonxevidade; florea de febreiro a maio; cultívase dende tempos remotos coma planta de horta e xardín para bordear os carreiros, e antigamente se empregou con fins medicinais. É común en Galiza; a súa madeira dura, pesada, compacta, homoxénea, de cor amarela de limón, de corte limpo e capaz de belo pulido, empregárona moito os nosos artistas para algunhas pequenas estatuas ou esculturas e para os gravados ao buxo, nos que produciron obras mestras; é ademais moi usada polos torneiros, e con ela se fixeron e se fan no noso país buxainas, culleres, fusos, panillos para as sonadas puntillas de Camariñas, garfos e outros obxectos varios. En terapéutica usábase o buxo e algún dos seus principios activos coma purgante, drástico, vermífugo, febrífugo e sudorífico.

Ditos[editar | editar a fonte]

  • Forte coma un buxo ou San coma un buxo, o que é moi forte e san.

Literatura[editar | editar a fonte]

Rosalía de Castro, na súa obra Follas Novas ( p. 125, 2a edic.), fala dos buxos:

Buxos que xa contan sigros

e que xuntos verdeguean

formando de rama e troncos

vales que naide atravesa.

Usos[editar | editar a fonte]

Xardinaxe[editar | editar a fonte]

Como planta ornamental nun vaso.

Dende a época clásica, usouse en Grecia e Roma para demarcar xardíns formando sebes. Aínda despois da caída do Imperio Romano debeu perdurar o seu uso, posto que Alberto Magno documenta no século XIII que na actual Alemaña se conservaban exemplares a ese efecto, aínda que se ignora se moi extensamente. Con Claude Mollet gozou de grande aceptación nos elaborados xardíns renacentistas.

Madeira[editar | editar a fonte]

A dureza e fino gran da súa madeira fixo que se empregase coma prancha de greavados e imprentas, así coma para instrumentos de vento-madeira, especialmente en Galiza a gaita. O ton da madeira é amarelento e é moi densa. En ebanistaría úsase en traballos de torneado e pequenos trebellos caseiros, pola súa estrutura homoxénea e non fibrosa (culleres, cuncas, etc.). As follas foron usadas coma substituto do lúpulo na fabricación de cervexa.

Menciña[editar | editar a fonte]

As follas e froitos son tóxicos, mais non para algunhas aves que espallan as sementes. Contén varios alcaloides, en especial ciclobuxina D, que se concentra até nun 3% nas follas e na casca. A ciclobuxina ten unha dose media letal de 0,1 mg por quilo de peso. Porén, atribúenselle propiedades medicinais, contra a malaria e as infeccións intestinais especialmente. O seu uso é sumamente perigoso; unha sobredose lixeira pode producir vómitos, porén resulta fatal en concentracións máis elevadas. Os alcaloides esteroídicos confírenlle propiedades como sudorífico, laxantes-purgantes, segundo a dosificación, colagogo e cardiotónico. Topicamente tense usado como antiséptico. A casca tense usado como antihelmítico, as follas como sucedáneo da quinina en febres maláricas. A destilación dun óleo esencial eficaz en odontoloxía. En homeopatía como antirreumático. Indicado para disquinesias hepatobiliares, estrinximento, reumatismos (como depurativo). Feridas, alopecia, psoríase e dermatite seborreica do coiro cabeludo. Contraindicado con tratamentos con parasimpaticolíticos, hipotensión, convalecencia, embarazo, lactación e nenos menores de 15 anos, gastrite, ulcus gastroduodenal. Pode producir irritación das mucosas dixestivas. Non é recomendábel o seu uso coma purgante: pode causar dores cólicos por irritación gastrointestinal e, en doses maiores, trastornos nerviosos e respiratorios, pola súa acción sobre o sistema nervioso central. Cando se aplica topicamente, pode producir dermatite de contacto.

Úsase a casca da raíz e mailas follas. Apáñase durante todo o ano. Infusión de uso interno: unha cullerada de café por cunca. Repousar 10 minutos. Tomar tres veces ao día (lembrar que pode producir irritación gástrica). Infusión en uso externo ao 5% en forma de fretas e locións.

Principios activos
contén alcaloides esteroídicos: buxina, cloprotobuxina, parabuxina, buxinidina, parabuxinidina, buxinamina e outros alcaloides secundarios: beberina, bebuxina, buxalfina, buxamina, buxaminol; aceite esencial butiráceo, taninos.

Menciña tradicional galega[editar | editar a fonte]

Francisco Javier Rodríguez Gil escribía en 1854: Disque a súas cinsas fan nacer e medrar o cabelo. As súas follas cocida, son un moderado purgante; e os seus pos tomados en dose dunha oitava parte de onza, fan purgar ou causan dexeccións albinas ou cámaras albinas[1]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Buxus sempervirens foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 983. 1753.[2]

Sinonimia
  • Buxus angustifolia Mill.
  • Buxus arborescens Mill.
  • Buxus argentea Steud.
  • Buxus aurea Steud.
  • Buxus caucasica K.Koch
  • Buxus colchica Pojark.
  • Buxus crispa K.Koch
  • Buxus cucullata K.Koch
  • Buxus elegantissima K.Koch
  • Buxus fruticosa Borkh.
  • Buxus handsworthii K.Koch
  • Buxus macrophylla Dippel
  • Buxus marginata Steud.
  • Buxus mucronata Baill.
  • Buxus myrtifolia Lam.
  • Buxus rosmarinifolia Baill.
  • Buxus salicifolia K.Koch
  • Buxus suffruticosa Mill.
  • Buxus tenuifolia Baill.
  • Buxus variegata Steud.
  • Buxus vulgaris Bubani
  • Buxus hyrcana Pojark. [1947[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Francisco Javier Rodríguez (1854c): Diccionario gallego-castellano, transcrito do ms da RAG e traducido ao galego do castelán
  2. "Buxo común". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. http://www.tropicos.org/Name/4900002. Consultado o 7 de febreiro de 2013.
  3. Buxo común en PlantList
  4. "Buxus sempervirens". Tela Botánica. http://www.tela-botanica.org/eflore/BDNFF/4.02/nn/11691/synonymie. Consultado o 13 de novembro de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  1. Fernández Nava, R. 1994. "Buxaceae". 27: 1–6. In J. Rzedowski & G. Calderón de Rzedowski Fl. Bajío. Instituto de Ecología A.C., Pátzcuaro.
  2. Jørgensen, P. M. & S. León-Yánez. (eds.) 1999. Catalogue of the vascular plants of Ecuador. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 75: i–viii, 1–1181.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Buxo común
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Buxo común