Illas de Gres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


As Illas de Gres ou Ínsuas de Gres constitúen unha paraxe natural formada por seis ínsuas naturais localizadas no río Ulla entre a parroquia de Gres, no concello de Vila de Cruces ao que pertencen, e Ponte Ledesma. Cinco delas, as illas de San Ramón, dos Namorados, da Palleta, de Pachín e da Praia, están unidas entre si por pontellas que permiten o paso aos visitantes e cruzar o río a través duns pasais . A insua de San Ramón está limpa de mato e nela están instalados o campo da festa rodeado de árbores á beira da auga, un palco de cemento e unha escultura homenaxeando ó escritor de Gres Xosé Neira Vilas. Río arriba e pasando de insua en insua pódese chegar á "Insua dos namorados", chamada así por estar máis recollida. Todas as insuas están poboadas de carballos centenarios, ademais doutras moitas especies propias das zonas húmidas: ameneiros, freixos, sabugueiros, loureiros e outros vexetais diversos, como por exemplo os picamulos (xilbarbeira), acivros, abrótegas, prímulas e, no outono, cogumelos.

Existe unha discusión local permanente sobre a propiedade administrativa das insuas: mentres que para uns son de Gres, na provincia de Pontevedra, para outros son de Ponteledesma, da Coruña. Con todo, os dous lugares forman unha continuidade habitada (como en Budapest) onde o criterio de división usando o río semella artificial, pois os veciños das dúas bandas do río mestúranse adoito, como cando os mozos e mozas se xuntan para se bañaren en verán.