Chlamydophila psittaci

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chlamydophila psittaci

Marcaxe con anticorpo fluorescente directo dun frotis de cerebro de rato no que se mostra C. psittaci.
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Chlamydiae
Orde: Chlamydiales
Familia: Chlamydiaceae
Xénero: 'Chlamydophila'
Especie: ''C. psittaci''
Nome binomial
'Chlamydophila psittaci[1]

Chlamydophila psittaci (antes chamada Chlamydia psitacci) é unha especie bacteriana intracelular que pode causar a psittacose respiratoria en humanos, a clamidíase aviaria endémica, e estalidos infecciosos epizoóticos en mamíferos. Entre os hóspedes potenciais están as aves silvestres e domésticas e o gando vacún, porcos, ovellas e cabalos. Chlamydophila psittaci transmítese por inhalación, contacto ou inxestión entre as aves e a mamíferos. A psittacose en aves e humanos adoita comezar con síntomas semellantes aos dun arrefriado e despois convértese nunha pneumonía que pode ser mortal. Moitas cepas permanecen quiescentes en aves ata que se activan polo estrés. As aves son excelentes vectores, pola súa grande mobilidade, para a distribución das infeccións clamidiais, e porque se alimentan ou teñen acceso a detritos de animais infectados de todas clases.

Chlamydophila psittaci clasificábase anteriormente como Chlamydia psittaci. As antigas cepas aborto, felina e de cobaias de Chlamydia psittaci "de mamíferos" foron reclasificadas en tres novas especies, que son: Chlamydophila abortus, Chlamydophila felis, e Chlamydophila caviae. Agora hai unha corrente de opinión entre os expertos de que se debe restablecer o antigo xénero Chlamydia como xénero único para estas bacterias, polo que propoñen que se volva a chamar Chlamydia psittaci.[2]

C. psittaci en aves pode ser sistémica con infeccións non aparentes, grave, aguda ou crónica con intermitencia.[3][4][5][6] As cepas de C. psittaci de aves infectan a células epiteliais mucosas e a macrófagos do tracto respiratorio. Xeralmente acaba por desenvolverse unha septicemia e a bacteria queda localizada nas células epiteliais e macrófagos da maioría dos órganos, conxuntiva, e tracto gastrointestinal. Pode tamén transmitirse aos ovos. O estrés pode activar o comezo dos síntomas graves, que dan lugar a unha deterioración rápida e á morte. As cepas de C. psittaci son similares en virulencia, crecen rapidamente en cultivo celular, os seus xenes do ARNr 16S difiren <0,8%, e pertencen a oito serovares. Todas se consideran doadamente transmisibles aos humanos.

C. psittaci serovar A é endémico entre as aves psittacinas (papagaios) e ten causado doenzas zoonóticas esporádicas en humanos, outros mamíferos e tartarugas. O serovar B é endémico entre os pombos, e foi illado dos pavos, e identificado como causa de abortos en vacas leiteiras. Os serovares C e D poden causar enfermidades profesionais aos traballadores de matadoiros e ás persoas que están en contacto con aves. Os illados do serovar E (chamados Cal-10, MP ou MN) obtivéronse de diversos hóspedes aviares en todo o mundo e, aínda que foron asociados cun estalido infeccioso en humanos nas décadas de 1920–1930, non se identificou un resevorio específico para o serovar E. Os serovares M56 e WC foron illados durante estalidos infecciosos en mamíferos. Moitas capas de C. psittaci son susceptibles aos virus bacteriófagos.

Ciclo de vida e método de infección[editar | editar a fonte]

Ciclo de vida de Chlamydophila psittaci.

Chlamydophila psittaci é unha pequena bacteria de 0,5 micrómetros, que sofre varias transformacións durante o seu ciclo de vida. Está en forma de corpo elemental fóra dos hóspedes, o cal non é biolóxicamente activo, pero é moi resistente aos estreses do ambiente natural e así pode sobrevivir fóra do hóspede. O corpo elemental viaxa desde unha ave infectada aos pulmóns dunha ave ou persoa non infectadas en pequenas gotas, e é responsable da infección. Unha vez nos pulmóns, o corpo elemental é captado pola célula nunha vesícula chamada endosoma por un proceso chamado fagocitose. Porén, o corpo elemental non se destrúe pola fusión de lisosomas, como é típico noutros materiais fagocitados, senón que se transforma nun corpo reticulado e empeza a replicarse dentro do endosoma. Os corpos reticulados deben utilizar parte da maqueinaria celular do hóspede para completaren a súa replicación. Os corpos reticulados despois volven a converterse en corpos elementais, e son liberados nos pulmóns, xeralmente despois de causar a morte da célula hóspede. Os corpos elementais poden así infectar novas células, no mesmo organismo ou nun hóspede novo. Deste xeito, o ciclo de vida de C. psittaci está dividido entre a fase de corpo elemental, que pode infectar a novos hóspedes pero non se pode replicar, e o corpo reticulado, que se replica pero non pode causar novas infeccións.

Historia[editar | editar a fonte]

A enfermidade causada por C. psittaci, chamada psittacose, identificouse por primeira vez en 1879 cando sete persoas en Suíza contraeron pneumonía despois de ter estado expostas a aves tropicais que tiñan como mascotas. No inverno de 1929-1930, espallouse por Europa e os Estados Unidos unha psitacose pandémica. A súa taxa de mortalidade foi do 20% e chegou ao 80% nas mulleres preñadas. O espallamento da enfermidade foi atribuída á exposición a papagaios do Amazonas importados da Arxentina. Aínda que C. psittaci foi identificada en 1930 como o axente responsable da psittacose, non se descubriu que era unha bacteria ata que se examinou con microscopio electrónico na década de 1960 (antes moitas clamídias considerábanse virus).[7]

Confirmación do diagnóstico e tratamento[editar | editar a fonte]

Ademais dos síntomas, poden utilizarse para confirmar o diagnóstico probas de fixación do complemento, de microinmunofluorescencia e PCR.

Para o tratamento desta condición poden utilizarse a tetraciclina ou os macrólidos. Estes fármacos adminístranse por vía intravenosa ou oral durante 10–14 días ata que a febre cede. En nenos e mulleres preñadas, non se debería usar a tetraciclina.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Everett, K. D. E.; Bush, R. M.; Andersen, A. A. (1999). "Emended description of the order Chlamydiales, proposal of Parachlamydiaceae fam. nov. and Simkaniaceae fam. nov., each containing one monotypic genus, revised taxonomy of the family Chlamydiaceae, including a new genus and five new species, and standards for the identification of organisms". International Journal of Systematic Bacteriology 49 (2): 415–440. ISSN 0020-7713. PMID 10319462. doi:10.1099/00207713-49-2-415. 
  2. Stephens RS, Myers G, Eppinger M, Bavoil PM (2009). "Divergence without difference: phylogenetics and taxonomy of Chlamydia resolved". FEMS Immunol. Med. Microbiol. 55 (2): 115–9. PMID 19281563. doi:10.1111/j.1574-695X.2008.00516.x. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2006. Consultado o 24 de abril de 2014. 
  4. Andersen AA (September 2005). "Serotyping of US isolates of Chlamydophila psittaci from domestic and wild birds". J. Vet. Diagn. Invest. 17 (5): 479–82. PMID 16312243. doi:10.1177/104063870501700514. Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2014. Consultado o 24 de abril de 2014. 
  5. Dorrestein GM, Wiegman LJ (December 1989). "[Inventory of the shedding of Chlamydia psittaci by parakeets in the Utrecht area using ELISA]". Tijdschr Diergeneeskd (en Dutch; Flemish) 114 (24): 1227–36. PMID 2617495. 
  6. Sareyyupoglu B, Cantekin Z, Bas B (2007). "Chlamydophila psittaci DNA detection in the faeces of cage birds". Zoonoses Public Health 54 (6–7): 237–42. PMID 17803512. doi:10.1111/j.1863-2378.2007.01060.x. 
  7. Harkinezhad, Taher; Geens, Tom; Vanrompay, Daisy (1 March 2009). "Chlamydophila psittaci infections in birds: A review with emphasis on zoonotic consequences". Veterinary Microbiology 135 (1-2): 68–77. doi:10.1016/j.vetmic.2008.09.046. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]