Eosinófilo (tinguidura)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para certas células do sangue que se tinguen con eosina ver eosinófilo.
Granulocito eosinófilo nun frotis de sangue periférico visto a 400 aumentos cun citoplasma fortemente eosinófilo, rodeado de eritrocitos máis debilmente eosinófilos.

Eosinófilo (do grego amante da eosina) é un termo utilizado en histoloxía para indicar que unha célula, unha parte da célula ou un tecido se tingue co colorante eosina, que é un colorante de carácter ácido. Como a eosina é ácida, tingue estruturas que son básicas (ou acidófilas). A eosina é un colorante rosa brillante que tingue o citoplasma das células, e proteínas extracelulares como o coláxeno.[1] As estruturas eosinófilas están xeralmente compostas de proteínas.

Xeralmente o colorante eosina aplícase en combinación con outro colorante chamado hematoxilina (que é básico), polo que en realidade o que se fai é unha tinguidura con hematoxilina-eosina ou tinguidura HE (ou H+E ou H&E). Esta é a tinguidura máis utilizada nas preparacións histolóxicas para o diagnóstico médico; por exemplo, cando un patólogo examina unha biopsia dun tecido sospeitoso de cancro.

Algunhas estruturas do interior da célula descríbense como eosinófilas ou eosinofílicas, como por exemplo, os corpos de Lewy, e os corpos de Mallory.[2] Algunhas células tamén se describen como eosinófilas, como algúns leucocitos, como os granulocitos eosinófilos tamén chamados, simplemente, eosinófilos.[3]

O adxectivo eosinofílico utilízase ás veces para designar as estruturas eosinófilas, pero tamén pode facer referencia á acumulación de granulocitos eosinófilos en certas doenzas, como nas chamadas eosinofilias; por exemplo, a eosinofilia pulmonar. Igualmente, o propio termo eosinofilia pode ser utilizado tamén para referirse ao carácter das tinguiduras eosinófilas.

Véxase tamén: Eosina e Tinguidura HE.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. About Eosinophilic Disorders. Children's Hospital of Philadelphia. Accessed March 2nd, 2012
  2. Eosinophilic. Medline Plus. Accessed March 2nd, 2012.
  3. Dixon, Frank J. (1986). Advances in Immunology, Volume 39. Academic Press. p. 323. ISBN 9780120224395. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]