Coxiella burnetii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coxiella burnetii
Fractura en seco dunha célula Vero expoñendo os contidos dun vacúolo onde crece Coxiella burnetii.
Fractura en seco dunha célula Vero expoñendo os contidos dun vacúolo onde crece Coxiella burnetii.
Clasificación científica
Reino: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Legionellales
Familia: Coxiellaceae
Xénero: Coxiella
Especie: C. burnetii
Nome binomial
'Coxiella burnetii'
(Derrick 1939)
Philip 1948
C. burnetii, o axente causante da febre Q.

Coxiella burnetii[1] é unha especie de bacteria patóxena intracelular obrigada, que é o axente causante da febre Q[2], que afecta ao ser humano e outros animais. É a única especie do xénero Coxiella, o cal é morfoloxicamente similar a Rickettsia, pero con varias diferenzas xenéticas e fisiolóxicas. C. burnetii é unha pequena bacteria gramnegativa que é moi resistente aos estreses ambientais como as altas temperaturas, presión osmótica, e luz ultravioleta. Estas características de grande resistencia atribúense a unha forma variante de célula pequena do organismo que é parte dun ciclo de dúas fases, no que tamén hai unha forma variante de célula grande máis activa metabólica e replicativamente.[3] Coxiella pode sobrevivir aos desinfectantes normais, e é resistente a moitos outros cambios ambientais, como os que se dan dentro dos fagolisosomas.[4]

Historia e nome[editar | editar a fonte]

En investigacións realizadas nas décadas de 1920 e 1930 identificouse o que parecía ser un novo tipo de Rickettsia, illado de carrachas, que podía atravesar os filtros. A primeira descrición do que probablemente era Coxiella burnetii publicouna en 1925 Hideyo Noguchi, pero, como as súas mostras non sobreviviron, non está claro se se trataba deste organismo. As descricións definitivas publicáronse a finais da década de 1930 como parte dunhas investigacións sobre a causa da febre Q, feitas por Edward Holbrook Derrick e Macfarlane Burnet en Australia, e Herald Rea Cox e Gordon Davis no Laboratorio das Montañas Rochosas (RML, Rocky Mountain Laboratory) de Estados Unidos.[5]

O equipo do RML propuxo para ela o nome Rickettsia diaporica, facendo referencia (diaporica) a que podía atravesar os poros dos filtros, e evitaron darlle o nome de Cox ou Davis por se a descrición de Noguchi tiña prioridade. Aproximadamente por aquel tempo, Derrick propuxo o nome Rickettsia burneti (acabado en i)[1], en recoñecemento da contribución de Burnet na identificación do organismo como unha Rickettsia. Como despois quedou claro que a especie difería bastante das outras Rickettsia, foi elevada primeiro á categoría de subxénero nomeado en honor a Cox como Coxiella, e despois, en 1948, pasou a ter o seu propio xénero, Coxiella, proposto por Cornelius B. Philip, outro investigador do RML,[5] e a especie tomou o nome de Coxiella burnetii (acabado en ii).[1]

Coxiella era difícil de estudar porque non podía reproducirse fóra do seu hóspede. Con todo, en 2009, descubriuse unha técnica que permitía cultivar as bacterias nun cultivo axénico e suxeriuse que esta técnica podía ser útil para o estudo doutros patóxenos.[6]

Patoxénese[editar | editar a fonte]

Detección inmunoquímica de Coxiella burnetii nunha válvula cardíaca reseccionada dun home de 60 anos con endocardite por febre Q, Cayena, Guaiana francesa. Na tinguidura utilizouse un anticorpo monoclonal contra C. burnetii e hematoxilina. Aumento orixinal de 50×.

O ID50 (a dose necesaria para infectar o 50% dos suxeitos experimentais) é 1 vía inhalación; é dicir, a inhalación dun organismo producirá enfermidade no 50% da poboación estudada. Esta é unha dose infecciosa extremadamente baixa (só cómpren de 1 a 10 organismos), o que fai a C. burnetii un dos organismos máis infecciosos coñecidos.[7][8] A enfermidade aparece en dúas fases: unha fase aguda que se presenta con dores de cabeza, calafríos e síntomas respiratorios, e unha fase crónica insidiosa.

Aínda que a maioría das infeccións pasan espontaneamente, o tratamento con tetraciclina ou doxiciclina parece reducir a duración sintomática e reducir a probabilidade de infección crónica. Unha combinación de eritromicina e rifampicina é moi efectiva para curar a doenza, e a vacinación coa vacina Q-vax (Q-VAX® CSL) é efectiva para a prevención, pero pode ter algúns efectos secundarios en individuos preexpostos.[9]

A bacteria utiliza un sistema de secreción de tipo IVB chamado Icm/Dot para inxectar proteínas efectoras chamadas proteínas Ank no seu hóspede. Estes efectores incrementan a capacidade da bacteria de sobrevivir dentro da célula hóspede. En Legionella pneumophila, que usa o mesmo sistema de secreción e tamén inxecta proteínas Ank, a supervivencia aumenta porque ditas proteínas interfiren coa fusión do vacúolo que contén a bacteria cos endosomas degradativos do hóspede.[10]

Arma biolóxica[editar | editar a fonte]

C. burnetii era un dos sete axentes preparados para a guerra biolóxica en Estados Unidos, cando este país acabou oficialmente o seu programa de guerra biolóxica en 1969.[11]

Xenómica[editar | editar a fonte]

Actualmente hai polo menos 5 xenomas completamente secuenciados de Coxiella burnetti,[12] cada un dos cales contén uns 2,1 Mbp de ADN e codifica uns 2.100 marcos abertos de lectura. Destes xenes , non se coñece a función de 746 (aproximadamente o 35%).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 LPSN Coxiella
  2. Q é a inicial de query (~"interrogante" en inglés), que se lle deu inicialmalte cando non se coñecía o axente causante.
  3. Voth, D. E. & Heinzen (2007). "Lounging in a lysosome: The intracellular lifestyle of Coxiella burnetii". Cellular Microbiology 9 (4): 1829–840. PMID 17381428. doi:10.1111/j.1462-5822.2007.00901.x. 
  4. Sankaran, Neeraja (2000). "Coxiella burnetii". Microbes and people : an A-Z of microorganisms in our lives. Phoenix, Arizona: The Oryx Press. p. 72. ISBN 1-57356-217-3.  "A diferenza doutras rickettsias, que son moi sensibles e fáciles de matar con desinfectantes químicos e cambios na súa contorna, C. burnetii é moi resistente" & "Q fever". Centers for Disease Control and Prevention; National Center for Infectious Diseases; Division of Viral and Rickettsial Diseases; Viral and Rickettsial Zoonoses Branch. 2003-02-13. Consultado o 2006-05-24.  "Os organismos son resistentes á calor, desecamento, e moitos desinfectantes comúns."
  5. 5,0 5,1 McDade, Joseph E. (1990). "Historical Aspects of Q Fever". En Marrie, Thomas J. Q Fever, Volume I: The Disease. CRC Press. pp. 5–22. ISBN 0-8493-5984-8. 
  6. Omsland, Anders; Cockrell, Diane C.; Howe, Dale; Fischer, Elizabeth R.; Virtaneva, Kimmo; Sturdevant, Daniel E.; Porcella; Heinzen, Robert A. (2009). "Host cell-free growth of the Q fever bacterium Coxiella burnetii". PNAS 106 (11): 4430–4434. PMC 2657411. PMID 19246385. doi:10.1073/pnas.0812074106. 
  7. "Airborne Q fever" 25. September 1961: 285–93. PMC 441106. PMID 13921201. 
  8. "Q fever caused by Coxiella burnetii". 
  9. ADVISORY COMMITTEE ON DANGEROUS PATHOGENS STATUS OF Q FEVER VACCINATION FOR HUMANS [1]
  10. Pan, X.; Lührmann, A.; Satoh, A.; Laskowski-Arce, M. A. & Roy, C. R. (2008). "Ankyrin repeat proteins comprise a diverse family of bacterial type IV effectors". Science 320 (5883): 1651–1654. PMC 2514061. PMID 18566289. doi:10.1126/science.1158160. 
  11. Croddy, Eric C. and Hart, C. Perez-Armendariz J., Chemical and Biological Warfare, (Google Books), Springer, 2002, pp. 30-31, (ISBN 0-387-95076-1), accessed October 24, 2008.
  12. "Coxiella genomes in the PATRIC database". Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2014. Consultado o 1 October 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]