Volcán submarino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema dunha erupción submarina.
1. Nube de vapor de auga
2. Auga
3. Estrato
4. Fluxo de lava
5. Conduto de magma
6. Cámara de magma
7. Dique
8. Lava almofadada
Lava almofadada formada por un volcán submarino
Vídeo dunha exploración da NOAA que mostra os restos de volcáns submarinos de brea.

Os volcáns submarinos son as aberturas ou fisuras na superficie do leito oceánico polas que pode facer erupción o magma e o edificio volcánico que se orixina. Moitos volcáns submarinos están localizados preto das áreas onde as placas tectónicas están en movemento, especialmente en dorsais oceánicas ou foron orixinados por puntos quentes. Só os volcáns das dorsais oceánicas estímase que emiten o 75% do magma que fai erupción na Terra.[1] Aínda que a maioría dos volcáns submarinos están localizados en zonas profundas do mar, hai tamén algúns en zonas pouco profundas, e estes poden descargar material á atmosfera durante unha erupción. O número total de volcáns submarinos estímase que é de arredor dun millón, dos cales uns 75 000 se elevan polo menos 1 km sobre o leito do mar.[1]

As fontes hidrotermais submarinas, son sitios con abundante actividade biolóxica que adoitan encontrarse preto dos volcáns submarinos.

Efecto da auga sobre os volcáns[editar | editar a fonte]

A presenza de auga pode alterar moito as características dunha erupción volcánica e as explosións dos volcáns submarinos en comparación coas que se producen en terra. Por exemplo, a auga fai que o magma arrefríe e solidifique máis rapidamente que nas erupcións terrestres, a miúdo converténdoo en cristal volcánico. A lava formada polos volcáns submarinos é bastante diferente da lava terrestre. En contacto coa auga, fórmase unha codia sólida arredor da lava. A lava que avanza flúe sobre esa codia, formando unhas formacións arredondadas chamadas lava almofadada.

A profundidades oceánicas de máis de 2 200 m, onde a presión excede unha presión crítica (22,06 MPa ou unhas 218 atmosferas en auga pura), a aug xa non pode ferver, senón que se converte nun fluído supercrítico. Ao non producírense sons de ebulición, os volcáns de grandes profuncidades son difíciles de detectar a grandes distancias con hidrófonos.

Os valores da temperatura e presión crítica increméntanse en solucións salinas, como é a auga do mar. A composición real dunha solución acuosa na veciñanza de basalto quente, ou que circula nos condutos de rocha quente, espérase que difira da do resto da masa de auga oceánica (é dicir, da auga que está lonxe desas superficies quentes). Unha estimación é que o punto crítico é de 407 °C e 29,9 MPa, mentres que a composición da solución corresponde aproximadamente á dun 3,2% de NaCl.[2]

Investigación topográfica[editar | editar a fonte]

Aínda hai moito que aprender sobre a localización e actividade dos volcáns submarinos. O volcán submarino Kolumbo do mar Exeo descubriuse en 1650 cando explotou no mar e fixo erupción, matando a 70 persoas na illa veciña de Santorini. Máis recentemente, a Oficina de Exploración Oceánica da NOAA financiou a exploración de volcáns submarinos, e unha das misións máis salientables foi a do arco das illas Marianas no cinto de fogo do Pacífico. Usando vehículos por control remoto (ROV, Remote Operated Vehicles), os científicos estudaron as explosións submarinas, lagos de xofre fundido, chemineas negras e a vida mariña adaptada a ese ambiente profundo e quente.

As investigacións do ROV KAIKO na costa de Hawai indican que a lava de tipo pahoehoe flúe tamén baixo a auga, e o grao da pendente do terreo submarino e a velocidade da subministración da lava determinan a forma dos lobos de lava resultantes.[3]

Moitos volcáns submarinos orixinaron montes submarinos, normalmente volcáns extinguidos que se elevan abruptamente do leito do mar desde uns 1 000 a 4 000 metros de profundidade. Os oceanógrafos defínenos como formacións independentes que se elevan polo menos 1 000 metros sobre o fondo do mar. Os seus picos normalmente están centos ou miles de metros baixo a superficie do mar, polo que se considera que están no océano profundo.[4] Estímase que hai uns 30 000 montes submarinos en todo o globo, pero só foron estudados uns poucos. Porén, algúns montes submarinos sáense do corrente. Por exemplo, mentres que os cumes dos montes submarinos están normalmente a centos de metros baixo a superfice do mar, o monte submarino Bowie nas augas do Pacífico do Canadá elévase desde unha profundidade duns 3 000 metros ata chegar a só 24 metros da superficie mariña.

Identificación do tipo de erupción por medio de sons[editar | editar a fonte]

O volcán submarino máis profundo filmado, o West Mata, preto de Samoa, maio de 2009.[5]

Hai dous tipos de erupcións submarinas: Unha orixínase pola liberación lenta e explosión de grandes burbullas de lava, e a outra prodúcese por unha rápida explosión de burbullas de gas. A lava pode afectar aos animais e ecosistemas mariños de forma diferente que o gas, polo que é importante distinguir entre as dúas.

Os científicos conseguiron establecer unha conexións entre os sons e o observado visualmente en ambos os tipos de erupcións. En 2009, deixáronse flotando a 1 200 metros de profundidade unha cámara de vídeo e un hidrófono no océano Pacífico preto de Samoa, para observar e escoitar os distintos tipos de erupción do volcán West Mata. Considerando en conxunto os audios e vídeos gravados os investigadores poden aprender como son os sons que fai a lava lenta ao estoupar e os diferentes ruídos que fan as burbullas de gas.[6][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Martin R. Speight, Peter A. Henderson, "Marine Ecology: Concepts and Applications", John Wiley & Sons, 2013. ISBN 978-1-4051-2699-1.
  2. Michael E. Q. Pilson, "An Introduction to the Chemistry of the Sea", 2nd edition. Cambridge University Press, 2013.
  3. Umino, Susumu; Lipman, Peter W.; Obata, Sumie (2000-06-01). "Subaqueous lava flow lobes, observed on ROV KAIKO dives off Hawaii". Geology (en inglés) 28 (6): 503–506. ISSN 0091-7613. doi:10.1130/0091-7613(2000)282.0.CO;2. 
  4. Nybakken, James W. and Bertness, Mark D., 2005. Marine Biology: An Ecological Approach. Sixth Edition. Benjamin Cummings, San Francisco
  5. "Scientists Discover and Image Explosive Deep-Ocean Volcano". NOAA. 2009-12-17. Consultado o 2009-12-19. 
  6. Scientificamerican.com 2015-04-22 Undersea Volcano Explodes as Scientists Watch
  7. Dziak, R. P.; Bohnenstiehl, D. R.; Baker, E. T; Matsumoto, H.; Caplan-Auerbach, J.; Embley, R. W.; Merle, S. G.; Walker, S. L.; Lau, T.-K.; Chadwick, W. W. (2015). "Long-term explosive degassing and debris flow activity at West Mata submarine volcano". Geophysical Research Letters 42 (5): 1480–1487. doi:10.1002/2014GL062603. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]