Saltar ao contido

Drago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dracaena draco»)
Froitos do D. draco.
Dragoeiro en Vila Nova Sintra, ilha Brava, Cabo Verde.

O drago[2] ou dragoeiro (Dracaena draco L.), é unha planta da clase Liliopsida, orde Asparagales, familia das Ruscaceae (Dracaenaceae) orixinaria da rexión bioxeográfica atlántica da Macaronesia, onde é nativa dos arquipélagos das Canarias, Madeira e Azores, aparecndo localmente na costa africana veciña e en Cabo Verde.[3] Pode atinxir varios centos de anos de idade, producindo árbores de grandes dimensións. A pesar de ser común e moi apreciado como planta ornamental en xardíns destes arquipélagos, o dragoeiro encóntrase vulnerábel no estado salvaxe debido á destrución do seu hábitat. A súa abundancia varía entre relativamente común nas Canarias a raro na illa de Madeira e na maioría das illas azorianas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Árbore que pode superar os 15 m de altura, de tronco robusto de material fibroso facilmente putrescíbel, de contorno irregular con até 5 m de diámetro, con ramificación umbeliforme. Ritidoma de cor cincenta, marcado por cicatrices foliares e en xeral fortemente fendado e con extensas porcións secas e soltas.[4] Ramificación dicotómica despois do xurdimento da inflorescencia terminal, producindo unha copa ampla en forma de umbela de contorno circular.

Follas coriáceas simples, verde cinsentas, acastañadas na base, ensiformes de ápice agudo, dispostas en roseta terminal. O limbo das follas mide 40-90 (110) x 2-4 (5) cm.

Inflorescencia longa, con 60–120 cm de longo, glabra, bipinnada, de flores numerosas en panícula terminal larga.

Flores odoríferas, hermafroditas e actinomórficas, con perianto con 7–10 mm, verde abrancazado, composto por 6 pezas unidas na base en tubo curto e campanulado. 6 estames, non excedendo en lonxitude ao perianto. Ovario súpero.

O froito é unha baga globosa, con 14–17 mm de diámetro, xeralmente monospérmico, inicialmente amarelo averdado, tornándose laranxa brillante cando está maduro. Sementes con 7–10 mm, globosas, case perfectamente esféricas, moi duras, dun branco leitoso a anacarado.

O zume forma unha resina translúcida, de cor vermella sangue cando oxidada, solúbel en etanol e en éteres, fusíbel a 76 °C. É constituída maioritariamente por éteres, mais contén unha grande diversidade de substancias, entre as cales salienta a dracenina.

Distribución e etnobotánica

[editar | editar a fonte]

O dragoeiro debe o seu nome á cor do seu zume, que despois de oxidado por exposición ao ar forma unha substancia pastosa de cor vermella viva que foi comercializada en Europa co nome do sangue de dragón ou drago. O sangue de dragón atinxía elevados prezos, e na súa orixe gardouse en segredo por moito tempo. Utilizábase en fármacos (baixo o nome de sanguis draconis) e en tinturaría, constituíndo nos tempos iniciais de poboamento europeo da Macaronesia, en especial das Canarias, un importante produto de exportación.

Nas Canarias o dragoeiro era considerado unha árbore sagrada polos pobos guanches, servindo algúns exemplares de punto de referencia e sinalando locais de reunión e de significado relixioso. É senlleiro o drago de Icod de los Vinos, árbore sagrada das poboacións guanches de Tenerife.

Nos Azores os dragoeiros medran a baixa altitude, existindo algúns exemplares famosos; os existentes na zona da Praia de Água de Alto foron clasificados por decreto do parlamento azoriano coma árbores protexidas. No Museo do Pico (pólo do Museu do Vinho, Madalena) existe un bosque de dragoeiros centenarios. No entanto, algunhas dúbidas permanecen sobre se estes exemplares serán descendentes de exemplares nativos ou se esta especie foi introducida polo ser humano.[5]

No arquipélago de Madeira esta especie, malia ser moi cultivada como ornamental en xardíns, atópase extinta silvestre na illa do Porto Santo; na illa de Madeira sobrevive apenas un exemplar considerado salvaxe nunha escarpa sobranceira na vila da Ribeira Brava. Un segundo exemplar preto deste primeiro foi derrubado polos fortes temporais que asolaron a illa en febreiro de 2010; o Xardín Botánico de Madeira recolleu os trocos para unha tentativa de propagación vexetativa. Un terceiro exemplar brevi existente nunha escarpa da Ponta do Garajau ao leste de Funchal caeu ao mar no outono de 1982 durante unha tempestade.[5] Existe aínda algunha polémica sobre se o núcleo de dragoeiros das Neves, local na periferia da cidade de Funchal onde se sitúa a sede do Parque Natural de Madeira, será ou non salvaxe, a pesar da maioría das opinións seren de que se trata un conxunto aí plantado por man humana. A utilización desta planta na fabricación de sangue de dragón e especialmente a destrución e ocupación do seu hábitat por motivos agrícolas e urbanos, son os principais responsábeis por esta situación.

Existe un terceiro drago na Quinta do Jardim en Oeiras.[6] No xardín coñecido como Tapada das Necessidades, en Lisboa, existen 5 exemplares.[7]

En Cabo Verde, o dragoeiro existe case exclusivamente na illa de São Nicolau, sendo unha árbore característica da illa, e na Illa Brava. Existen tamén algúns exemplares na costa sur de Marrocos, en locais pouco acesíbeis e de maior humidade.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. "Dracaena draco". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 1998. 
  2. Nome vulgar galego en Fonte Diccionario Cumio da lingua galega Vigo, Ed. do Cumio, 1999; e Termos Esenciais de Botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004
  3. João Paulo Constância, "Dracaene draco (Agavaceae)", in Dragoeiros do Museu do Vinho (Pico - Açores), Direcção Regional da Cultura, Angra do Heroísmo, 2005 (ISBN 972-647-193-1).
  4. Ibídem, pp. 10-11.
  5. 5,0 5,1 J.R., Short, M.J., 1994. Flora of Madeira. HMSO. London
  6. "Dragoeiro - Quinta do Jardim, Oeiras". www2.icnf.pt (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2020. Consultado o 2020-02-07. 
  7. Grupo dos Amigos da Tapada das Necessidades. "As Árvores da Tapada - O Dragoeiro". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2014. Consultado o 7 de xuño de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]