Saltar ao contido

Petanca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Deportistas no Internacional Concello de Vigo 2019

A petanca é un deporte popular tipicamente provenzal, aínda que xa amplamente distribuído por Europa Occidental.

Os deportes populares con bólas están amplamente difundidos por todo o planeta, con regulamento oficial para o deporte da petanca internacional, e existen evidencias históricas que remontan ao Antigo Exipto, a Grecia ou a Roma. A idade de ouro dos xogos de bóla é sen dúbida o Renacemento, onde a nobreza comeza a xogar ao bilboqué ou ao jeu de paume. No século XVIII e XIX en Francia e particularmente na súa metade sur, había distintas modalidades de xogos de bólas tradicionais, entre eles o xogo provenzal que é o antecedente directo da petanca.

O 13 de xullo de 1907 o campión de xogo provenzal Jules Hugues, limitado nas súas capacidades polo reumatismo, decide inventar unha variante que obrigue a xogar cos pés xuntos (sen carreira), e nun campo restrinxido. O xogo, coas novas regras, comeza a desputarse na beirarrúa que está enfronte do café La boule étoilée (a bóla estrelada), na vila mariñeira de La Ciutat, no departamento occitano de Bocas do Ródano.

O primeiro campionato oficial do deporte ten lugar na mesma vila de La Ciutat en 1910 onde recibe o seu nome, procedente do occitano pès-tancats (pés xuntos).

A partida

[editar | editar a fonte]

A petanca[1] consiste en lanzar unha serie de bólas metálicas co propósito de achegarse o máis posible ó boliche de madeira que foi lanzada anteriormente por un dos deportistas. O boliche debe estar a 1m de calquera obxecto achegado. Quen se achegue máis ao remate da quenda de lanzamentos, obtén tantos puntos como bólas teña máis cerca que a bóla máis achegada do adversario do boliche. O primeiro que consiga trece puntos gaña.

Cada deportista que lanza, tres bólas na modalidade individual e Dupletas (dous deportistas por equipo) e dúas se se xoga en tripletas (tres deportistas por equipo). Os lanzamentos poden ser de dous tipos: de tiro; para intentar afastar unha bóla dun deportista contrario batendo nela; e de amine facendo rodar a bóla para achegar máis ao boliche.

Materiais

[editar | editar a fonte]

As bólas teñen que ser metálicas (non deben conter chumbo nin area no seu interior) poden ter estrías ao redor. O diámetro debe estar entre 7,05 cm e 8 cm, mentres que o seu peso oscila entre os 650 g. e os 800 g. O boliche é de madeira cun diámetro de 3,0 cm.

Pistas de petanca

[editar | editar a fonte]

A petanca xógase en espazos abertos, limitados ou non, fundamentalmente chás e de poder ser cun pouco de area. Para os campionatos nacionais e as competicións internacionais as pistas deben ter as dimensións mínimas de 4 m. de anchura e 15 m. de lonxitude

Institucións e difusión

[editar | editar a fonte]

Existe unha Federación Internacional de Petanca; A pesar de ter a súa orixe en Francia, é xa un deporte moi difundido, con 596.000 practicantes federados en 69 países do mundo (datos de 2006).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]