Escravitude

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Escravo")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Para o artigo referido ao lugar do concello de Padrón chamado A Escravitude, véxase A Escravitude, Cruces, Padrón.
Un neno escravo en Zanzíbar.

O termo escravitude designa a condición social do escravo, un traballador non libre e, polo xeral, non remunerado, que é xuridicamente a propiedade doutra persoa e, en consecuencia, negociábel, como un obxecto. En sentido lato, a escravitude ou escravismo é o sistema socio-económico fundado sobre o mantemento e a explotación de persoas en ditas condicións.

Os escravos están obrigado a obedecer todas as ordes do seu amo desde o momento en que adquiren tal condición (sexa desde o nacemento ou noutro calquera momento da súa vida no que se efectuase o paso ao estado de escravo) ata o cesamento de tal status (por morte ou por ser liberado).

En tanto que propiedade, o escravo pode ser obxecto das transferencias inherentes á noción de propiedade: pode ser comprado, vendido e aínda alugado.

O escravo distínguese do cativo ou do forzado, condicións próximas polo estado de explotación, e da besta de carga, por un status xurídico propio, determinado polas regras e as leis en vigor no país e época considerada.

Definicións[editar | editar a fonte]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo "moderno" escravitude ven do latín medieval sclavus deformación de slavus (eslavo), do grego sklabos. A palabra «escravo» aparecería na Alta Idade Media en Venecia, onde a maioría dos escravos eran eslavos procedentes dos Balcáns (rexión que por longo tempo foi chamada «Esclavonia» e da que parte, denominada aínda Eslovenia, accedeu recentemente á independencia).

En Roma onde se practicaba a escravitude, o latín dispuña evidentemente dun termo para designar o escravo: servus, de onde proceden os vocábulos servil e servilismo (relativos ao escravo e a súa condición), así como servo, tan difundido na Idade Media e os modernos servizo, servidor, etc., con cambios de sentidos na súa evolución. O termo servidume úsase actualmente en sentido especializado, restrinxíndose para as formas medievais e outras similares en diferentes épocas, e diferénciase da escravitude, por canto se entende que os servos tiñan certos dereitos.

Definición da R.A.G.[editar | editar a fonte]

O Diccionario da Real Academia Galega define escravitude como condición ou estado de escravo. E define o escravo así: persoa que non goza de liberdade cívica, que está baixo a dependencia total dun xefe ou dun Estado. Engade outras definicións figuradas.

Definicións xurídicas[editar | editar a fonte]

Varios documentos internacionais propoñen definicións da escravitude:

  • A Convención relativa á escravitude (1926) da Sociedade de Nacións dispón no seu primeiro artigo que "A escravitude é o estado ou condición dun individuo sobre do cal se exercen as atribucións do dereito de propiedade ou algunhas de entre elas". O artigo define tamén a trata de escravos como "todo acto de captura, adquisición ou cesión dun individuo con vistas a reducilo á escravitude; todo acto de adquisición dun escravo con vistas a vendelo ou trocalo; todo acto de cesión por venda ou troca dun escravo adquirido con vistas a ser vendido ou trocado, así como, en xeral, todo acto de comercio ou transporte de escravos".
  • A Organización Internacional do traballo adoptou en 1930 unha definición de traballo forzado que se pode achegar á de escravitude: "o termo traballo forzado ou obrigatorio designará todo traballo ou servizo esixido a un individuo so a ameaza dunha pena calquera e para o cal o dito individuo non se ofrecera de grao pleno".
  • A Convención sobre a abolición da Escravitude (1956) da ONU remite á definición de 1929, engadindo ao artigo primeiro a lista de varias "institucións e prácticas análogas á escravitude", así: servidume por débedas, servidume, matrimonio forzado, etc.

Historia da escravitude[editar | editar a fonte]

Ver artigo principal Historia da escravitude

Desde o Neolítico pode fundamentarse teoricamente a escravitude de seres humanos. Difícil de constatar no simple rexistro arqueolóxico, aparece, porén, nos textos escritos máis antigos, como nos primeiros documentos das civilizacións exipcia e mesopotámica (p.ex. o Código de Hammurabi) ou na Grecia antiga na Ilíada ou na Odisea, que describen sociedades da Idade do bronce.

Mentres as Altas Culturas orientais ou americanas, non foron propiamente sociedades escravistas, debido a que favoreceron o traballo obrigatorio dos seus súbditos, a civilización grecorromana, e especialmente Roma, estivo baseada no traballo escravista nunha alta proporción, tanto no espazo doméstico como, sobre todo na explotación intensiva dos latifundios e das minas. A guerra convértese no principal medio de aprovisionamento dunha man de obra servil, maioritariamente de raza branca, que apenas se deixa reproducir, pero que ademais é liberada (manumisión) con frecuencia. As duras condicións de traballo impostas no campo ou nas minas, conduciron a levantamentos dos escravos, dos que o máis coñecido foi a rebelión liderada por Espartaco. As dificultades de fornecemento de novos escravos durante o Baixo Imperio, conduciu á transformación paulatina do réxime escravista nun sistema de servidume.

Porén, a escravitude non desapareceu nunca ao longo da Idade media europea, aínda que tivese un carácter residual. A pesar da prohibición da Igrexa para escravizar cristiáns, as sociedades medievais conseguen facerse con árabes ou ben con eslavos, termo que orixina o moderno termo occidental escravo. Tamén noutras culturas, como en diversas sociedades islámicas ou nas orientais, durante esta época, continuou a escravitude humana.

Os descubrimentos deron un novo impulso ao escravismo en sociedades que prolongan a Europa medieval. Desde finais do século XV, son levados a Portugal africanos escravizados. Desde 1505, ante o afundimento demográfico das sociedades amerindias das Antillas, transpórtanse para aló os primeiros escravos africanos. Tanto na minería como, especialmente, nas plantacións a man de obra escrava faise imperativa. A trata de negros inaugura un intenso tráfico atlántico entre África e América até fins do século XIX. Varios países americanos como o Sur dos Estados Unidos, Cuba, Xamaica, Haití, as Pequenas Antillas, a Güiana holandesa ou Brasil, adquiren os trazos das sociedades escravistas clásicas. O ano 1886 para Cuba, e 1888 para Brasil, marcan as datas máis tardías de abolición da escravitude nos países occidentais.

Con todo a escravitude continuou, en formas sobre todo domésticas, en países orientais. Aínda hoxe é relativamente corrente en países do Sahel norteafricano, como Mauritania ou o Sudán.

Abolicionismo e abolicións[editar | editar a fonte]

Medallón do abolicionista británico (1795)

Aínda que hai precedentes antigos de abolicionismo do escravismo, os intentos só lograrán éxito a partir de fins do século XVIII e comezos do XIX. De modo, que algúns estudosos, ligan este éxito á difusión do maquinismo como consecuencia da Revolución industrial.

Un dos primeiros intentos é o do Imperio de Mali, que prohibe a escravitude no século XIII, so o goberno de Sundiata Keita, mais é restabelecida polo paxá marroquí Djuder en 1591 (sería de novo abolida en 1891 logo da ocupación colonial polos franceses).

En Europa foi Portugal o primeiro país que aboliu a escravitude, para o seu territorio continental, illas atlánticas de Azores e Madeira e factorías indias de Goa e Diu, por un decreto de 12 de febreiro de 1761 emitido polo Marqués de Pombal. Porén sería mantida nas súas colonias africanas e americanas.

En Francia, o 16 de pluvioso do ano II (14 de febreiro de 1794), a Convención votou a abolición do escravismo nas colonias francesas (ou nas que aínda quedaba). Esta medida será anulada por Napoleón Bonaparte.

En 1833 é abolida pola Gran Bretaña e en 1847 polo Imperio Otomano. De novo na Francia en 1848 se emite un novo decreto de abolición (27 de abril de 1848), que é definitivo para o seu territorio europeo.

Ao longo do século XIX os países hispanoamericanos, antigas colonias españolas, foron proclamando a abolición da escravitude nos seus respectivos territorios. A abolición total non tería lugar en Cuba ata 1886. Brasil será o último dos países latinoamericanos en abolila, aínda en 1888.

En 1865 os Estados Unidos de América adoptan a Emenda 13ª que prohibe o escravismo. Como é sabido, antes, a elección presidencial de Abraham Lincoln, que prometera dita abolición se era elixido, conduciu ao estados do sur a proclamar a secesión o que conduciu a unha cruenta guerra civil.

En dereito positivo a prohibición da escravitude está contida no artigo 4 da Convención europea de dereitos humanos na Declaración universal de dereitos humanos, no artigo 8 do Pacto de dereitos civís e políticos, ambas dúas da ONU, na Convención de Xenebra de 1926, na de Nova York de 1956, na da OIT de 1930 e 1936.

Memoria da escravitude[editar | editar a fonte]

Primeira edición de Oroonoko (1688).

Literatura[editar | editar a fonte]

Filmes[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Escravitude