Carmín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Mostra do pigmento carmín.
Fórmula estrutural do carmín.

Carmín é unha cor intensa, algo purpúrea,[1] semiescura, que é específico do pigmento homónimo.[1][2]

É un un sal alumínico do ácido carmínico (C22H20O13),[3] ou, menos frecuentemente, do ácido quermésico.

O pigmento prodúcese a partir dalgúns insectos hemípteros da superfamila dos cocoideos, sobre todo da cochinilla e tamén de certas especies do xénero Porphyrophora (como P. hamelii e P. polonica, a cochinilla de Armenia e a cochinilla polaca, respectivamente). O carmín utilízase na fabricación de flores artificiais, pinturas, tintas, coloretes e outros cosméticos, e dalgúns medicamentos.[4]

Ademais, engádese habitualmente a produtos alimenticios, como iogures, doces e a certas marcas de zumes, sendo os máis notábeis os da variedade "vermello rubí".

En cosmética, reciben o nome de carmín as pastas vermellas ou avermelladas coas que se fabrican os lapis de labios e os pos para o rostro (coloretes).[1][2][5]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo carmín provén do latín medieval carminium, que procede do árabe qirmiz, "carmesí", e este do sánscrito krimiga, "producido por insectos", de krmi, "verme, insecto". O vocábulo latino foi influído por minium, "minio", "cinabrio", supostamente de orixe ibérico.[6]

Carmín comenzou a usarse en castelán en 1571, por vía do francés carmin.[7] E destes idiomas pasou ao galego.

Variedades do pigmento carmín[editar | editar a fonte]

Carmín natural[editar | editar a fonte]

O carmín de quermes[editar | editar a fonte]

Uso do carmín en cosmeticoloxía para labios e na vestimenta.

O carmín de quermes é un dos pigmentos orgánicos máis antigos.[8] A primeira evidencia do seu uso atribúese aos sumerios,[9] e foi usado como tixidura para tinxir e como pigmento para a laca en tempos do Antigo Exipto, en Grecia e no Oriente Próximo.[8]

Obtíñase das femias de certas cochinillas, especialmente das da especie Kermes vermilio, que habita en Europa e no Medio Oriente.[9] Estes insectos viven da saiva de varias árbores, pero historicamente era colleitado principalmente no arbusto chamado carrasco (Quercus coccifera), propio da Conca do Mediterráneo.

A substancia colorante das cochinillas quermes —o ácido quermésico— está dentro dos seus pequenos ovos, que son numerosos e ocupan un bo volume do corpo das femias. Por iso recolectábanse só estas, realizando a recolección no momento do ano en que estaban cargadas de ovos. Durante ese proceso perdían dous terzos do seu peso, adquirindo o aspecto de pequenas sementes, de aí que a este produto se lle chamase «grana» (derivado de gran).[9]

Pulverizando estas quermes secas obtíñase un pigmento en forma de po vermello que, a partir da Idade Media, substituíu á escasa e custosísima púrpura de Tiro, usada na antigüidade clásica para tinguir teas.[9]

O chamado "Manto da Coroación" de Roger II de Sicilia é de seda tinxida con carmín de quermes e bordado con ouro, seda, pérolas, esmalte e pedras preciosas. Foi realizado nos Talleres Reais de Palermo entre os anos 1133 e 1134.

O quermes era utilizado tamén como cor para a pintura artística, extraéndose ás veces de recortes de panos de seda e de lá que foran tiguidos previamente con este pigmento, que se recuperaban nos talleres dos xastres. Para isto fervíanse os retallos en sosa cáustica e se lles agregaba alume. Cando se reducía o líquido, quedaba o pigmento baixo a forma dunha laca carmín de hidróxido de aluminio.[10] Aínda que a cor desta laca era moi admirada, o pintor protorrenacentista Cennino Cennini desconfiaba dela:

Faise a laca de tinguiduras de panos vermellos, que é fermosa de ver. Evítaa porque adoita conter graxa a causa do alume, e non dura nada nin con temple nin sen temple, e perde a cor decontado. Gárdate dela.[11]
Alabarelo (pote de boticario) francés (c. 1720) destinado a conter "xarope de Alquermes".[12]
Musée des arts décoratifs de Bordeaux

Este pigmento perdeu importancia e foi caendo en desuso ao introducirse en Europa o carmín da cochinilla americana, aínda que a recolección do quermes continuou durante varios séculos.

Jean Hellot, na súa obra A arte da tinguidura de lás e de teas de lá, publicada en 1750, relata que a produción francesa de quermes fora eclipsada pola tintura "escarlata de Holanda", de cor "vermella lume", que se elaboraba con cochinilla americana, e que a única tintura vermella de quermes que seguía en uso era unha escarlata «de cor de sangue de boi» que se fabricaba en Venecia. O mesmo Hellot, necesitando algo de grana de quermes para realizar experimentos de tintura, só fora capaz de conseguila na rexión francesa de Languedoc, onde os comerciantes parisinos facíana traer unicamente «para o uso da Medicina».[13]

Aínda a comezos do século XIX, Claude-Louis Berthollet e Amédée Berthollet, no seu popular tratado Elementos da arte da tintura, describen o proceso de recolección de quermes en Languedoc. Para a preparación das cochinillas recolectadas, mencionan que primeiro mergullábanse nuna solución de vinagre ou se exponían a vapores de vinagre a fin de que os ovos non eclosionaran, e logo se secaban sobre panos.[14]

En Europa usáronse de maneira similar ao quermes as cochinillas da especie Porphyrophora polonica e outras.

Denominacións no Índice internacional das cores[editar | editar a fonte]
  • Natural Red 3, NR 3
  • CI 75460.[15]
Indio que recoge la Cochinilla con una colita de Venado, ilustración de Memoria sobre la naturaleza, cultivo, y beneficio de la grana, de José Antonio de Alzate y Ramírez (1777)

De cochinilla[editar | editar a fonte]

O carmín de cochinilla, o simplemente carmín, obtense do ácido carmínico producido por cochinillas americanas, maiormente da especie Dactylopius coccus, que se crían sobre os nopais ou tunas (cactos do xénero Opuntia). Suxeriuse —aínda que non é seguro— que o cultivo de cochinillas en Mesoamérica se remonta ao período tolteca (século X).[16][17]

En México, os aztecas criaban estes insectos para elaboraren tinturas e pinturas, e tamén a modo de moeda coa que pagar impostos e trabucos.[16]

A forma de preparación do colorante era similar á utilizada para preparar o carmín de quermes: os insectos femia recolectábanse, lavábanse e despois secábanse ao sol.[8]

No século XVI os españois comezaron a exportar estas cochinillas a Europa, dando lugar a un frutífero comercio entre a Nova España e a metrópole que duraría 450 anos.[18] Á chegada da nova «grana» tintórea ao Vello continente comprobouse que a tintura carmín que producía era máis fermoso, permanente e rendíbel que o de quermes,[16] o cal progresivamente foi deixándose de usar.

A pesar de que os españois descubriron a cochinilla en México, a tintura de cochinillas de diversas especies, incluíndo o de Dactylopius coccus, detectouse en tecidos anteriores á era cristiá da rexión de Paracas, no Perú, polo que se propuxo que a especie puido ser orixinaria da rexión andina,[19] tendo sido introducida en Mesoamérica e Norteamérica en tempos antigos.[17]

Ao igual que co quermes, co carmín de cochinilla americana é posíbel pintar, pero dá unha cor inestábel ante a luz.[20]

Grupo de femias de Dactylopius coccus alimentándose sobre unha penca de nopal en La Palma (Canarias). Estes insectos usan o ácido carmínico como defensa.
Uso actual; outros usos[editar | editar a fonte]

O uso do carmín de cochinilla continúa a día de hoxe. Actualmente prepárase fervendo as cochinillas previamente secas e pulverizadas nunha solución amoniacal ou de carbonato de sodio, para extraer o ácido carmínico; as partículas insolúbeis elimínanse mediante filtrado, e a solución resultante trátase con alume para que o colorante precipite.

Este colorante úsase para dar cor vermella ou rosada a numerosos produtos (tinturas para teas, medicamentos, alimentos, bebidas, xabóns, cosméticos).[16] Na industria alimentaria desígnase co número E120.[21]

En 1858 o anatomista alemán e pioneiro da microfotografía anatómica Joseph von Gerlach introducíu o carmín como colorante para a tinguidura de neuronas; na década de 1870 o seu uso xa se estendera entre os seus colegas,[22] e aínda se utiliza con ese fin.

Tamén se indicaron usos medicinais para a cochinilla, e certamente na medicina popular americana ten varios usos, non só en México, senón tamén entre os quechuas do Perú.[16]

Como o carmín de cochinilla é custoso, adoita substituírse con colorantes sintéticos.

Denominacións no Índice internacional das cores[editar | editar a fonte]
  • Natural Red 4, NR 4.
  • CI 75470.[23]

Carmín sintético[editar | editar a fonte]

Un substituto do carmín de orixe animal amplamente utilizado é o vermello cochinilla A, Ponceau 4R ou escarlata Victoria 4R, un colorante co número E124. Trátase dun derivado azoico do petróleo, máis barato que o carmín natural.[21]

Como cor[editar | editar a fonte]

No cadro baixo estas liñas:

  • A primeira mostra da cor é un carmín específico das tinturas de quermes e de cochinilla americana. Tamén se denomina grana e quermes.
  • A segunda é carmín estándar, que se basea no aspecto do colorante homónimo (cochinilla de nopal pulverizada). Este carmín encóntrase normalizado en catálogos cromáticos, servindo de referente para a cor. A denominación de cor «carmín» inclúe ao conxunto das coloracións similares ao estándar, denominadas acarminadas.[24]
  • Na terceira móstrase o carmín que se usa en pintura artística, tamén chamado vermello carmín ou carmíneo. Este baséase na cor dos colorantes sintéticos denominados «carmín», cos que se elaboran tinturas e pinturas.[24]
  • A cuarta mostra é do colorante carmín natural, usado por exemplo en cosmética.
Grana
(específico da tintura)
Carmín
(estándar)
Carmín
(pictórico)
Carmín
(colorante)
HTML #C72744 #D31C4F #C82557 #960018
CMYK (20, 100, 70, 0) (0, 100, 50, 10) (20, 100, 50, 0) (0, 100, 55, 45)
RGB (199, 39, 68) (211, 28, 79) (200, 37, 87) (150, 0, 24)
HSV (349 °, 80 %, 78 %) (343 °, 87 %, 83 %) (342 °, 82 %, 78 %) (350°, 100 %, 59 %)
Referencias [24] [24] [24] [25]

Nun sentido amplo, por «carmín» enténdense unha variedade de vermellos, como o granate profundo, o carmesí intenso ou, simplemente, un vermello moi forte. Tamén chámanse «carmíns» aos colorantes vermellos ou vermello-purpúreos que se usan en pintura artística, tinturaría, confeitaría e cosmética.[2]

Nota. Para a cor carmín feito con tinturas da planta chamada rubia, véxase carmín de alizarina.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 carmín no Dicionario da RAG
  2. 2,0 2,1 2,2 Gallego, Rosa; Sanz, Juan Carlos (2001). Diccionario Akal del color. Madrid: Akal. ISBN 84-460-1083-6. 
  3. Allevi, P.; et al. (1991). "The 1st Total Synthesis of Carminic Acid". Journal of the Chemical Society – Chemical Communications (18): 1319–1320. 
  4. Greenhawt, Matthew; McMorris, Marc; Baldwin, James (2009). "Carmine hypersensitivity masquerading as azithromycin hypersensitivity". Allergy and Asthma Proceedings 30 (1): 95–101. PMID 19331724. doi:10.2500/aap.2009.30.3199. 
  5. colorete, 1ª acep. no Dicionario da RAG.
  6. carmine no Online Etymology Dictionary. Consultado o 27 de abril de 2012.
  7. carmín en Joan Corominas, (2011): Breve diccionario etimológico de la lengua castellana. Consultado o 27 de abril de 2020.
  8. 8,0 8,1 8,2 "Pigments through the Ages: History: Carmine lake". WebExhibits.org. Consultado o 27 de abril de 2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Barcat, Juan A. (1995). "Editorial: Mucicarmín, p53 e mesoteliomas". Revista Medicina (Buenos Aires: Fundación Revista Medicina) 55 (3): 267–269. ISSN 0025-7680. Consultado o 27 de abril de 2020. 
  10. Thompson, Daniel V. (1957). The materials and techniques of medieval painting. Nova York: Dover. ISBN 0-486-20327-1. 
  11. D'Andrea Cennini, Cennino. "XLIV: Da natureza dun vermello denominado laca". Il Libro dell'Arte. Notebook / Dover Publications / Yale University Press. Consultado o 28 de abri de 2020. 
  12. Esta bebida, en cuxa composición entraba o quermes, usábase como cordial, afrodisíaco e antiabortivo, e para "afastar a melancolía".
  13. Hellot, Jean (1750). "XII: De l'Ecarlatte de Graine, ou Ecarlatte de Venise". L' Art de la teinture des laines et des étoffes de laine, en grand et petit teint (en francés) (París ed.). pp. 244 e ss. Consultado o 28 de abril de 2020. 
  14. Berthollet, Claude-Louis; Berthollet, Amédée B. (1804). "VI: Du kermès". Éléments de l'art de la teinture, Tome 2, 2ª ed. (en francés). París: Firmin Didot. pp. 195 e ss. Consultado o 28 de narzo de 2020. 
  15. "CAMEO materials database: kermes" (en inglés). Museum of Fine Arts, Boston. 24 de xullo de 2013. Consultado o 7 de xuño de 2030. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 Pino Moreno, J.M.; Ramos-Elorduy, J. (2002). Stepp, J. R.; Wyndham, F. S. & Zarger, R. K., ed. "Pragmatic uses of Cochineal (Homoptera Dactylopiidae)". Ethnobiology and biocultural diversity: Proceedings of the Seventh International Congress on Ethnobiology (en inglés) (International Society of Ethnobiology): 353 e ss. ISBN 0-8203-2349-7. Consultado o 7 de xuño de 2020. 
  17. 17,0 17,1 Rodríguez, Luis C.; Niemeyer, Hermann M. (2000). "Evidencias indirectas sobre el origen de la Cochinilla, Dactylopius coccus (Hemiptera: Dactylopiidae)" (PDF). Revista Chilena de Entomología (Universidad de Chile) (27): 85–89. Consultado o 7 de xuño de 2020. 
  18. Cervantes,, Mayan (2004). La grana cochinilla del nopal: patrimonio cultural y propuesta económica. México: CONACULTA-INAH. 
  19. Portillo, Liberato (2005). Origen de Dactylopius coccus Costa (Hemiptera: Dactylopiidae): ¿Norte o Sudamérica?. Dugesiana. Volume 12, número 1. pp. 1–8. 
  20. Grall, P. (2000–2011). "Los pigmentos rojos". Atelier Saint–André. Consultado o 7 de xuño de 2020. 
  21. 21,0 21,1 Elmadfa, Ibrahim; Muskat, E.; Fritzsche, D. (2011). Tabla de aditivos. Los números E. Barcelona: Hispano Europea. pp. 16–17. ISBN 978-84-2551-968-0. 
  22. MacLean, Paul D. (1990). "18". The Triune Brain in Evolution: Role in Paleocerebral Functions (en inglés). Nova York: lenum Press. p. 269. ISBN 0-3064-3168-8. 
  23. "CAMEO materials database: cochineal" (en inglés). Museum of Fine Arts, Boston. 24 de xullo de 2013. Consultado o 7 de xuño de 2020. 
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Gallego, Rosa; Sanz, Juan Carlos (2005). Guía de coloraciones. Madrid: H. Blume. ISBN 84-8984-031-8. 
  25. carmin, pourpre dictionnaire 2018

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]