José Ángel Iribar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iribar
Información persoal
Nome José Ángel Iribar Kortajarena
Nacemento 1 de marzo de 1943
Lugar de nacemento Zarautz
Altura 182 centímetros
Posición gardameta
Carreira xuvenil
Salleco
Zarautz
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1961–1962 Basconia 24 (0)
1962–1980 Athletic de Bilbao 466 (0)
Selección nacional
1964–1976 España 49 (0)
1979 País Vasco 1 (0)
Adestrador
1983–1986 Bilbao Athletic
1986–1987 Athletic de Bilbao
1987 Bilbao Athletic
1988 País Vasco
1993–2010 País Vasco
Na rede
FIFA: 51280 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Ángel Iribar Kortajarena, nado en Zarautz o 1 de marzo de 1943, é un exfutbolista e ex adestrador vasco.

Porteiro histórico do Athletic Club, é un dos xogadores máis importantes da historia do club, así como o futbolista que máis partidos oficiais disputou coa súa camiseta (614). Gañou co Athletic dous campionatos de Copa (1969 e 1973) e un Trofeo Zamora nas 18 tempadas que ocupou a portería de San Mamés. Ademais, foi tres veces subcampións de Copa, unha vez subcampión de Liga e xogou a final da Copa da UEFA en 1977.[1][2][3][4]

Foi o gardameta indiscutible da selección española entre 1964 a 1976, e formou parte do once titular que gañou a Eurocopa de 1964 contra a Unión Soviética.

Retirouse ao final da tempada 1979/80,[5] aínda que foi o 12 de decembro de 1979 cando disputou o seu último partido como profesional.[6] Posteriormente, pasou a traballar como adestrador nas categorías inferiores do Athletic, e adestrou o primeiro equipo na tempada 1986/87. Posteriormente exerceu de adestrador de porteiros ata 2001.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Naceu o 1 de marzo de 1943 na localidade guipuscoana de Zarautz, nun baserri chamado Makatza.[7] Durante a súa infancia comezou a xogar ao fútbol na praia de Zarautz. Estudou no Colexio La Salle e, posteriormente, aprendeu o oficio de torneiro na Escola de Mestres Antonianos. Durante un tempo traballou no torno nunha pequena empresa.[8][9]

O primeiro equipo no que xogou, con 12 anos, foi o Salleko infantil. Pouco despois pasou a xogar no equipo dos Antonianos e máis tarde no xuvenil do CD Zarautz.[8][10]

Basconia[editar | editar a fonte]

En 1961, con 18 anos, pasou unha proba para fichar polo CD Basconia, que militaba en Segunda División, cando este equipo aínda non era filial do Athletic.[9] Debutou na categoría de prata na sétima xornada contra o Indautxu, aproveitando unha lesión de Arego e xa non volveu saír do once titular.[11]

Co Basconia xogou a Copa do Xeneralísimo 1961/62 e, para sorpresa de moitos, eliminou ao Atlético de Madrid, club que militaba en Primeira División e que gañara as dúas últimas edicións do torneo.[12][13] A grande actuación de Iribar nesa eliminatoria e ao longo da tempada chamou a atención de varios clubs de todo o país, como o FC Barcelona, o Valencia CF ou o Atlético de Madrid, que estaban interesados en adquirir os seus servizos.[14][5][11]

Finalmente, o Athletic Club pagoulle ao CD Basconia un traspaso dun millón de pesetas polo xogador, cifra récord para a época.[15][9]

Athletic Club[editar | editar a fonte]

A súa primeira tempada no Athletic non foi doada, xa que a portería estaba ocupada polo internacional Carmelo Cedrún, que fora o dono indiscutible da meta branca e vermella durante máis de dez anos. O 23 de setembro de 1962, debido á lesión de Carmelo, debutou como xogador do equipo vasco substituíndo ao porteiro biscaíño aos 61 minutos de xogo, nun partido contra o CD Málaga.[16] O 14 de abril de 1963 foi titular por primeira vez nunha derrota por 3-2 ante o Real Betis. O 21 de abril de 1963 xogou o seu primeiro partido en San Mamés, que acabou cunha derrota ante o Real Madrid (0–1) tras un gol de penalti de Puskás.[17][9]

Na seguinte tempada, con Carmelo lesionado, Iribar consolidouse como porteiro titular. As súas boas actuacións valéronlle a admiración da afección e, ademais, relegou definitivamente ao banco a Carmelo, que marchou ao Espanyol ao final da tempada.

En 1969 gañou o seu primeiro título co Athletic ao vencer ao Elche por 1-0 na final da Copa do Xeneralísimo. Na tempada 1969/70 estivo preto de gañar o campionato de liga, pero unha derrota en Valencia, na penúltima xornada de liga, deixou ao equipo como subcampión. Ese ano fíxose co trofeo Zamora, ao encaixar 20 goles en 30 partidos de liga.[18] Durante a tempada 1970/71 mantivo a portería a cero durante 1.018 minutos en San Mamés.[19] O seu momento máis delicado foi en 1973, cando estivo varios meses gravemente enfermo debido á febre tifoide.[20] O 29 de xuño do mesmo ano conquistou o seu segundo título ao vencer por 2-0 ao Castellón na final da Copa.[21]

Na tempada 1976/77 foi subcampión tanto da Copa da UEFA como da Copa do Rei, tras perder sendas finais contra a Juventus e o Real Betis respectivamente.[22] Na quenda de penaltis ante o Betis, Iribar tirou o vixésimo lanzamento, sendo detido polo gardameta contrario, o tamén vasco Esnaola, o que fixo que o título fose a parar ás vitrinas andaluzas.[23]

Foi porteiro do Athletic Club ata 1980, acadando as 18 tempadas e converténdose nun referente e nun símbolo do club. Titular indiscutible, a súa presenza relegou ao banco a todos os gardametas que coincidiron con el no equipo, como Javier Etxebarria, Juan Manuel Zamora, Juan Antonio Deusto, Víctor Marro, Juan Antonio Zaldua ou José Luis Burgueña.[24] Na tempada 1979/80, Helmut Senekowitsch deixouno no banco tralas primeiras xornadas, preferindo no seu lugar a Peio Aguirreoa.[25] Foi homenaxeado o 31 de maio de 1980 nun partido, disputado en San Mamés, ante a Real Sociedad.[26]

Trala súa retirada foi adestrador das categorías inferiores do Athletic Club (infantil e cadete). En 1983 colleu as rendas do Bilbao Athletic, na Segunda División, categoría na que se proclamou subcampión na súa primeira tempada. Na campaña 1986-87 pasou a ocupar o banco do primeiro equipo do Athletic Club, rematando terceiro na liga e semifinalista na Copa do Rei.[27] Foi adestrador de porteiros do primeiro equipo entre 1990 e 2001 e, posteriormente, foi designado polo presidente Javier Uría como representante institucional do club, acompañando habitualmente ao primeiro equipo nas súas viaxes.[28] Tamén foi adestrador da selección de Euskadi durante case vinte anos, deixando o posto en 2011 e sendo substituído por Javier Irureta.[29]

Selección española[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección española en 49 ocasións. O seu debut internacional foi o 11 de marzo de 1964, cando acababa de cumprir 21 anos, nunha goleada por 5-1 contra Irlanda, nun partido de clasificación para a Eurocopa de 1964.[9][30] Ese foi o inicio dunha longa carreira baixo os paus da selección, onde se convertería no titular indiscutible durante a seguinte década. Ese mesmo verán foi o porteiro titular de España na Eurocopa. Xogou as semifinais contra Hungría e tamén a final ante a Unión Soviética, capitaneada por outro histórico porteiro, Lev Iashin. O gol do dianteiro galego Marcelino deulle a Eurocopa a España, gañando así Iribar o primeiro título da súa carreira deportiva, no seu cuarto partido como internacional.[31]

Disputou o Mundial de Inglaterra de 1966, xogando tres partidos contra a Arxentina, Suíza e Alemaña Occidental. O seu último partido coa selección española foi o 24 de abril de 1976 contra Alemaña Occidental, con resultado de 1-1.

Selección vasca[editar | editar a fonte]

O 16 de agosto de 1979 capitaneou a selección do País Vasco no amigable disputado en San Mamés ante Irlanda.[32][33]

Xogou outros dous partidos co equipo de Euskadi, un deles de homenaxe a José María Lizarralde, ante o Real Valladolid, e outro de homenaxe a José Eulogio Gárate ante o Atlético de Madrid.

Implicación en política[editar | editar a fonte]

Iribar e Kortabarria saltan ao campo de Atocha vestindo a ikurriña no derbi Real-Athletic o 5 de decembro de 1976.

Durante a Transición española e coincidindo coa recta final da súa carreira deportiva, Iribar tivo unha importante implicación na política. O 5 de decembro de 1976, antes dun derbi ante a Real Sociedad no Estadio de Atocha, Iribar e o capitán realista Inaxio Kortabarria saltaron ao terreo de xogo portando unha ikurriña, que situaron ambos cerimoniosamente no círculo central do campo. Daquela esta bandeira era ilegal, xa que aínda non comezara o proceso autonomista en España. Foi a primeira exposición pública da bandeira que foi tolerada polas autoridades da época, xa que ambos os xogadores non foron detidos nin procesados nesa ocasión.[34]

Nos anos seguintes apoiou publicamente á esquerda abertzale. O 19 de outubro de 1978 presentouse como membro da primeira Mesa Nacional da coalición independentista Herri Batasuna, da que foi polo tanto un dos fundadores. Xunto a Telesforo Monzón, Patxi Zabaleta, Jon Idigoras ou Francisco Letamendía, entre outros, formou parte da coalición como independente.[35] Nese momento, a Mesa Nacional, máis que órgano de goberno da coalición, funcionaba como unha Xunta de apoio a HB. Nesa primeira Mesa Nacional, Iribar actuou como representante de Biscaia.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Athletic Club
Selección española
Individual

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Briones, M.; Velasco, J. M.; Lara, M. A. (1 de marzo de 2018). "Iríbar: la leyenda del Chopo". Marca (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  2. Corsi, Luca (2 de marzo de 2018). "Como Iribar no hay ninguno". El Diario Vasco (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  3. Rodrigálvarez, Eduardo (1 de marzo de 2018). "Iribar cumple 75 años: mitología de un hombre sencillo". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  4. Rivas, Jon (20 de maio de 2015). "Iribar, como símbolo rojiblanco". El Mundo (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  5. 5,0 5,1 Relaño, Alfredo (11 de maio de 1980). "Iríbar se marcha en silencio". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  6. Mallo, Juanma (1 de marzo de 2018). "«Txetxu, me retiro»". El Correo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2022. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  7. "«Siempre quisimos ser ejemplares»" (en castelán). 28 de novembro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2022. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  8. 8,0 8,1 García, Mario. "Cincuenta años después de aquel historico 10-1 del Barça al Basconia de Iribar - GARA". Gara (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Corazón Rural, Álvaro (9 de xaneiro de 2019). "José Ángel Iribar: «Cuando dejaron de llamarme a la selección entendí que era un mensaje»". Jot Down (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  10. "José Ángel Iribar, el Txopo que marcó una época | Kaiser Football" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 6 de febrero de 2018. Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  11. 11,0 11,1 Relaño, Alfredo (28 de agosto de 2016). "El Barça le mete diez a Iribar y quiere ficharlo". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  12. varios, EDICIONES EL PAIS, S.L.,Alfredo Relaño,. "Iríbar y el ‘alcorconazo’ del Basconia". Memorias en Blanco y Negro (en inglés). Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  13. AS, Diario (22 de marzo de 2016). "Se empieza a hablar de un tal Iribar (1962)". AS.com (en castelán). Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  14. Aguilar, Francesc (12 de febreiro de 2013). "El día que Iríbar pudo ser del Barça". Mundo Deportivo. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  15. "El Athletic rinde homenaje a la leyenda de José Ángel Iríbar". ABC (en castelán). 22 de setembro de 2012. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  16. Ugalde, Iñaki (23 de setembro de 2017). "Iribar debutó como portero del Athletic hoy hace 55 años en Málaga". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  17. "Athletic Club VS Real Madrid CF 21/4/1963". Athletic Club (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  18. Relaño, Alfredo (22 de febreiro de 2016). "La marcha triunfal de Ronnie Allen murió en Atocha". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  19. "Athletic Club - Liga 1970-71". athletic-club.eus (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2018. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  20. "Cuando Iribar le vio las barbas a San Pedro - GARA" (en castelán). Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  21. García, Diego (11 de decembro de 2017). "El Castellón de 1973: Un equipo que soñó con la Copa". Marca (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  22. Agiriano, Jon (1 de marzo de 2018). "Iribar es el Athletic". Athletic - El Correo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2022. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  23. Relaño, Alfredo (23 de febreiro de 2014). "Aquel duelo entre Esnaola e Iríbar". Memorias en Blanco y Negro (en inglés). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  24. Muñoz, Javier (1 de marzo de 2018). "Los secundarios del Chopo". elcorreo.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2022. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  25. "El Athletic sin Iríbar ante el Real Madrid" (en castelán). 30 de agosto de 2013. Consultado o 16 de diciembre de 2018. 
  26. Unzueta, Patxo (31 de maio de 1980). "Athlétic y Real se enfrentan hoy en homenaje a Iríbar". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  27. "José Ángel Iribar: “En la Supercopa de 2015, al mejor equipo del mundo le ganó un equipo único en el mundo”. Deia, Noticias de Bizkaia". deia.eus (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 8 de xaneiro de 2019. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  28. García, Alberto (16 de xuño de 2001). "¡Hasta siempre!". Mundo Deportivo (en castelán). p. 56. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  29. "Javier Irureta, nuevo seleccionador de la Euskal Selekzioa". El Mundo (en castelán). 1 de marzo de 2011. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  30. AS, Diario (19 de noviembre de 2017). "Iribar: "La gente me dice que disfrutó viéndome jugar"". AS.com (en castelán). Consultado o 19 de marzo de 2018. 
  31. Relaño, Alfredo (12 de xuño de 2016). "Iribar se quedó sin el partido número 50". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  32. Angulo, Javier (17 de agosto de 1979). "Victoria de Euskadi sobre Irlanda y gran fiesta en San Mamés". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  33. "La huella de la tricolor". noticiasdenavarra.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 4 de xaneiro de 2019. Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  34. Relaño, Alfredo (5 de decembro de 2016). "La ikurriña en manos de Iribar y Kortabarria (1976)". As (en castelán). Consultado o 3 de marzo de 2022. 
  35. "Una historia de 24 años". El País (en castelán). 27 de agosto de 2002. Consultado o 3 de marzo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]