Modulación (música)
A modulación en música tonal é o cambio dunha tonalidade a outra durante o desenvolvemento dunha obra, sen indicalo con dobre barra. Requírese unha cadencia que confirma univocamente a transición cara á nova tonalidade, se non trataríase simplemente dunha desviación pasaxeira.[1][2] As modulacións poden ser estables ou pasaxeiras, así como diatónicas, cromáticas ou enharmónicas.[3] Con frecuencia modúlase cara aos tons veciños, pero tamén pode ser por cambio de modo[3] ou por terceiras (cromáticas e enharmónicas).
Historia
[editar | editar a fonte]No século XVI Adrian Willaert foi o primeiro compositor en aplicar modulacións no sentido en que as entendemos na actualidade.[4] Existe unha terminoloxía que aparece en manuais antigos de música na que se denomina:
- Tonulación: ao proceso de cambio de ton dunha obra musical.
- Modulación: ao proceso de cambio de modo dunha obra musical.
Tipos
[editar | editar a fonte]Existen cinco formas de modular:
- Por acorde pivote: utilízase un acorde común entre a tonalidade de orixe e a de destino.[1]
- En dominante: de re maior a sol maior un acorde pivote pode ser re maior ou mi menor, xa que son acordes coa mesma interválica e cor en ambas as tonalidades.
- Por instalacións: modúlase por un cambio brusco desde unha tonalidade á de orixe.
- Por traspase: de sol maior á maior a progresión pode ser sol maior - dó maior - re maior - mi maior (acorde por instalación) - la maior (nova tónica)
- Por traspase pivote: de sol maior a fa maior, manténdose primeiro en do. Por exemplo, sol maior, mi menor, la menor, sol maior ou en sétima e dó maior; e deste, dó maior, la menor, re menor, la menor, do en sétima, fa.
As tonalidades veciñas son as que máis cerca están da tonalidade principal e son aquelas para as que son necesarias menos alteracións para o cambio:
- A tonalidade relativa.
- A tonalidade homónima (por cambio de modo).
- As tonalidades veciñas coa diferenza dunha única alteración.
- A tonalidade da dominante e o seu relativo.
- A tonalidade da subdominante e o seu relativo.
Actualmente considéranse tres formas de modular, referíndose este termo tanto ao cambio de ton como de modo:
Modulación por acorde pivote
[editar | editar a fonte]Sucede entre tonalidades veciñas, é dicir, con poucas alteracións de diferenza. Pode ir desde ningunha diferenza (por exemplo ir ao relativo), até aquel ton e modo no que só exista un acorde común. O normal é empregar a cadencia completa (subdominante, dominante e tónica) da nova tonalidade, estas funcións aparecen con acordes que son ambiguos de ambas as tonalidades, até a dominante onde adoita aparecer a sensible. Como exemplo podemos ver que dó maior comparte todos os seus acordes co relativo, comparte os acordes sobre os graos I, III, V e VI se modulamos cara á dominante (unha diferenza), igualmente se tratamos dunha diferenza en menos, é dicir, imos a fa maior co si bemol, atoparemos igual número de acordes en común pero agora sobre os graos I, II, IV, VI. Se queremos ir a unha tonalidade con dúas diferenzas (por exemplo a re maior), atopamos acordes comúns sobre os graos III e V. Tamén só dous acordes cando imos ao campo dos bemois (si bemol maior). Por último, non existen acordes pontes para tres diferenzas. É por tanto unha forma de modulación limitada pola existencia de acordes comúns chamados acordes pontes.
Modulación cromática
[editar | editar a fonte]Sucede cando se emprega un mesmo acorde, cambiando só unha nota que se eleva ou se baixa un semitón. É por tanto mediante a alteración desta nota que pasa normalmente a actuar como sensible da nova tonalidade como se establece un novo centro tonal. Moitas veces é utilizada como simple adorno (enfatización ou tonalización), e en ocasións xoga coas expectativas chegando a non resolver en tónica (normalmente facendo cadencia rota na tónica esperada). Do mesmo xeito que a modulación por acordes pontes, prodúcese ben entre certas tonalidades e non tan ben entre outras, con todo non presenta tantas limitacións como esta ou a enharmónica.
Modulación enharmónica
[editar | editar a fonte]Sucede cando enharmonizamos algún son, é dicir cando un mesmo son cambia na súa escritura, isto leva implicacións funcionais, é dicir, a nova escritura corresponde cunha forma nova de ordenar os sons de acordo a un novo centro tonal e xerarquía entre os sons (lembremos que na tonalidade en sentido clásico, existe esta xerarquización tendo preponderancia a tónica e a dominante (séculos XVII-XVIII) e tamén a subdominante (séculos XV-XX). Este tipo de modulación dáse entre tonalidades moi afastadas.
Modulacións ao terceiro círculo ascendente de quintas
[editar | editar a fonte]As modulacións máis sinxelas ao terceiro e cuarto círculo ascendentes son aquelas que se obteñen polo aproveitamento da afinidade das tonalidades homónimas (la menor/la maior e mi menor/mi maior), similitude baseada na igualdade da tónica de ambos os modos e do acorde de dominante.
Se o acorde de dominante aparecese só pode ser seguido tanto do acorde do I grao de calquera dos dous modos, pero se procede da tonalidade menor, é necesario facer retroceder as condicións do modo menor para liquidalas e presentar o acorde de maneira que posúa a liberdade suficiente para inclinarse cara ao modo menor ou o modo maior.
O proceso de modulación presenta tres pasos a seguir:
1 – Introdución do V grao da tonalidade de arribada primeiramente como V da tonalidade menor homónima. Neutralización dos sons sen alterar.
2 – Transformación desta dominante dunha tonalidade menor en dominante dunha tonalidade maior, preparación da conversión.
3 – Paso á tonalidade maior e eventualmente despois ao relativo menor
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Grabner, Hermann: Teoría general de la música. Akal, 2001, pp. 121-124.
- ↑ Randel, Don Michael: The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press, 2003, pp. 522-524.
- ↑ 3,0 3,1 Pérez Gutiérrez, Mariano: Diccionario de la música y los músicos. Akal, 1985, vol. 2 p. 343.
- ↑ De Candé, Roland: Nuevo diccionario de la música. Grasindo, 2002, pp. 168-171.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- De Candé, Roland: Nuevo diccionario de la música vol. I e II. Grasindo, 2002.
- De Pedro, Dionisio: Teoría completa de la música. Real musical, 1990.
- Grabner, Hermann: Teoría general de la música. Akal, 2001.
- Michels, Ulrich: Atlas de música. Alianza, 2009 [1985].
- Pérez Gutiérrez, Mariano: Diccionario de la música y los músicos vol. 1 2 e 3. Akal, 1985.
- Randel, Don Michael: The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press, 2003.
- Zamacois, Joaquín: Teoría de la música. Idea, 2002 [1949].
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- La modulación: emisión do 19 de xaneiro de 2020 de El rincón de la teoría, programa de Radio Clásica.