María Antonieta de Austria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Antonieta, por Mme Vigée-Lebrun en 1783.
Sinatura de María Antonieta.

María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena, nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Luís XVI. Era a irmá de Xosé II de Austria e de Leopoldo II de Austria. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne e, máis tarde, Madame Déficit.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

En Viena[editar | editar a fonte]

María Antonieta por Jean-Etienne Liotard, 1762.

Filla do emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Francisco I, gran duque de Toscana, e de súa esposa María Tareixa I, arquiduquesa de Austria, raíña de Hungría e raíña de Bohemia, naceu o 2 de novembro de 1755. É a décimo quinta e penúltima filla da parella imperial. Dela encárganse as aias, gobernantas da familia real (Mme de Brandeiss e a severa Mme de Lerchenfeld), baixo a estrita supervisión da emperatirz, que ten ideas moi básicas sobre a educación dos seus fillos: hixiene rigorosa, réxime inflexíbel e fortalecemento do corpo. Pasa a súa máis tenra nenez entre os pazos de Hofburg e Schönbrunn, en Viena.

A emperatriz xa se esforza por casar súa filliña co maior dos netos de Luís XV que ten, máis ou menos, a mesma idade ca ela. Do mesmo xeito, María Tareixa I acariña a idea de unir a outra das súas fillas, Isabel, co vello rei Luís XV. Trátase de selar a alianza franco-austríaca nada da famosa caída das alianzas concretada en 1756 polo tratado de Versalles, co fin de neutralizar a ascensión de Prusia e a expansión de Inglaterra.

María Antonieta aos 7 anos por Martin van der Meytens.

Cando María Antonieta ten 13 anos, a emperatriz, vella dama e viúva, interésase máis pola súa educación coa esperanza de a casar. A arquiduquesa toma leccións de clave con Gluck e de baile (francés) con Noverre. Cando súa nai escolle, amais, a dous actores para lles dar clases de dicción e de canto, o embaixador francés protesta oficialmente (os actores pasan entón por seren personaxes pouco recomendábeis). María Tareixa I pídelle daquela que nomee a un preceptor aceptado pola coroa de Francia. Será o abade de Vermond, admirador do Século das Luces e afeccionado ás Belas Artes que, enviado á corte imperial, ía arranxar as lagoas na educación da nova arquiduquesa e comezar a a preparar para as súas futuras funcións.

O 13 de xuño de 1769, o marqués de Dufort, embaixador de Francia en Viena, realiza o pedimento de man para o Delfín. María Tareixa I acepta axiña. En Francia o partido devoto, hostil pola caída das alianzas levadas a cabo polo Duque de Choiseul para proveito do inimigo sempiterno, chama xa á futura Delfina a Austríaca, adeallo que lle fora dado polas fillas do rei Luís XV.

Delfina[editar | editar a fonte]

O 17 de abril de 1770, María Antonieta renuncia, oficialmente, aos seus dereitos sobre o trono arquiducal austríaco e o 16 de maio casa co Delfín en Versalles. O mesmo día da voda prodúcese un escándalo de protocolo: as princesas de Lorena, alegando o seu parentesco coa nova Delfina, permitíronse bailar antes que as duquesas, grandes damas da nobreza, que roxen contra "a Austríaca". E pola tarde 132 persoas morren asfixidas na rúa, no medio da ledicia pública.

María Antonieta entre 1769-70.

Nova, belida, intelixente, herdeira de Habsburgo e cunha árbore xenealóxica impresionante, a súa chegada aviventa tamén os celos do pequeno mundo da nobreza versallesca e das múltiples e dubidosas alianzas. Mais a nova Delfina trata de se acostumar á súa recente vida. O seu espírito dobrégase mal á complexidade e á astucia da "vella corte" e á libertinaxe do rei Luís XV e da súa amasia Madame du Barry. O seu marido evítaa (o matrimonio non se consuma até xullo de 1733, ela trata de se afacer ao protocolo e á cerimonia francesa e estoxa ter a súa corte). Por outra banda, María Antonieta é aconsellada, a través da voluminosa e segada correspondencia que mantén con súa nai e co conde de Mercy-Argenteau, embaixador de Austria en París -conde de Mercy, a única persoa coa cal pode contar, xa que Choiseul morreu uns meses após o seu matrimonio, vítima dunha conspiración provocada por Madame du Barry, a todopoderosa amasia de Luís XV. Esta famosa correspondencia secreta de Mercy Argenteau é unha fonte de información extraordinaria sobre todos os detalles da vida da María Antonieta despois do seu matrimonio en 1770 até o falecemento de María Tareixa I en 1780. Segundo o autor dun libro no que recolle a devandita correspondencia:

Estes documentos orixinais non só nos revelan a súa intimidade, senón tamén como María Antonieta, despoxada de experiencia e falta de cultura política, foi manipulada pola súa familia austríaca á cal ela sempre estivo vencellada.

Raíña de Francia[editar | editar a fonte]

María Antonieta 1778, Élisabeth Vigée Le Brun.

No 10 de maio de 1774, Luís XVI e María Antonieta convértense nos reis de Francia e de Navarra, mais o seu comportamento non muda moito. Dende o verán de 1777 as primeiras cancións hostís como pequena raíña de vinte anos comezan a circular. María Antonieta arrodéase dunha pequena corte de favoritos (a princesa de Lamballe, o barón de Besenval, o duque de Coigny, a condesa de Polignac) suscitando as envexas doutros cortesáns, multiplica o seu vestiario e as festas, organiza partidas de cartas nas que se realizan grandes apostas.

A súa vida na Corte[editar | editar a fonte]

María Antonieta tenta influír na política do rei nomeando e destituíndo ministros ás toas ou seguindo os consellos interesados dos seus amigos. Así mesmo, por unha lideira, inmiscúese no caso Guines (embaixador en Londres, acusado dunha conspiración para levar a Francia á guerra), que provoca a caída en desgraza de Turgot. O barón Pichler, secretario de María Tareixa I, resume con moito tino a opinión xeral e escribe:

Ela non quere ser gobernada, nin dirixida, nin sequera guiada polas persoas entendidas. Esta é a cuestión cara á cal todos os seus pensamentos parecen, deica o presente, estar concentrados. Fóra disto, non matina abondo, e o uso que fixo, deica o momento, da súa independencia é evidente, pois só se preocupou do diversorio e da frivolidade.
María Antonieta en 1787, por Élisabeth Vigée-Le Brun. Orixinalmente, no berce atopábase pintada Mme Sofía, derradeira filla da parella real, finada na idade de 11 meses. A Raíña após a terríbel perda de súa filliña, pide á pintora que retome o cadro e deixe o berce baleiro.

Unha verdadeira campaña de vil desdouro móntase contra ela dende o seu acceso ao trono. Circulan os panfletos, acúsaselle de ter amantes (o conde de Artois, seu cuñado ou o conde sueco Hans Axel de Fersen) e incluso de manter relacións con mulleres (coa condesa de Polignac ou a princesa de Lamballe); de desbaldir o diñeiro público en frivolidades ou nos seus favoritos; de lle seguir o xogo a Austria, dirixida por seu irmán Xosé II. Cómpre recoñecer, porén, que ela fixo todo o posíbel para favorecer ao partido anti-austríaco, depondo do seu cargo a D’Aiguillon e substituíndoo por Choiseul, mais todo fora en van. Versalles fica baleiro, foxen os cortesáns desprezados pola raíña e os que non posúen os medios abondos para sosteren os gastos da Corte.

O 19 de decembro de 1778, María Antonieta ten seu primeiro fillo: é unha rapaza, María Tareixa, alcumada Madame Royale. O 22 de outubro de 1781 nace o Delfín Luís Xosé (chamado Luís Xosé Xavier Francisco). Mais os libelos fixeron correr deseguida a noticia de que o neno non é fillo de Luís XVI. Tras os nacementos, María Antonieta troca un chisco a súa forma de vida, pero segue de preto a construción do Hameau en Versalles, unha vila en miniatura na que a raíña cre descubrir a vida campestre. Adícase á caridade. O 27 de marzo de 1785 nace seu terceiro fillo, Luís-Carlos (Luís XVII), duque de Normandía. O 9 de xuño de 1787 nace súa derradeira filla, Sofía Beatriz (María Sofía Helena Beatriz) que finou cun ano de vida de tuberculose (19 de xullo de 1788).

A meirande parte do que coñecemos deste período, débese ás Memorias de Madame Campan, a principal confidente da Raíña.

O caso do Colar[editar | editar a fonte]

Deseño do colar de diamantes.

En xullo de 1785 estoupa o Caso do colar da raíña: O xoieiro Bohmer reclama á raíña 1.5 millóns de libras por un colar de diamantes encargado en nome da soberana polo cardeal de Rohan. Ela non se fai responsábel. Insiste en apresar o cardeal, ao que acusa de a aldraxar ao lle ter aposto a compra do colar, e o escándalo é inevitábel. O rei confía o asunto ao Parlamento, que determina que a culpa corresponde a un par de aventureiros, Jeanne Valois de La Motte e seu marido, e desculpa o cardeal de Rohan, enganado mais inocente. A raíña, aínda que inocente, tamén é tratada con gran desconsideración polo pobo.

María Antonieta toma consciencia, por fin, da súa impopularidade e tenta rever os seus gastos, especialmente os da súa mansión, o que provoca novas rexoubas e outro escándalo na Corte cando os seus favoritos se ven privados dos seus cargos. Todo é inútil, xa que as críticas e rexoubas continúan e a raíña gáñase o alcume de Madame Déficit e bótaselle a culpa de todos os males. É acusada de estar na orixe da política anti-parlamentaria de Luís XVI e de nomear e destituír os ministros. No 1788 é ela a que induce ao rei a despedir o impopular Loménie de Brienne e substituílo por Jacques Necker. Mais xa é tarde dabondo, Luís XVI fora demasiado feble.

"Que coman pasteis!"[editar | editar a fonte]

Xa en proceso de se desatar a revolución francesa, disque a xente da vila, cando lles tiña falta a fariña e mailo trigo, foron directamente a Versalles a se arrostraren coa raíña, segundo se conta, a raíña tería respondido coa celebérrima frase: Que coman pasteis (a frase enteira que tería pronunciado en 1789 é: S’ils n’ont pas de pain, qu’ils mangent de la brioche! ou Se non teñen pan, que coman pasteis!), o que causou unha gran carraxe no pobo, algo que só axudou a estoxaren máis a María Antonieta.

Hai moitas versións que sinalan o por qué María Antonieta diría aquilo. Porén, o filosófo Jean-Jacques Rousseau di que a frase non proveu dela, senón doutra raíña María Tareixa de Austria (esposa de Luís XIV); a frase orixinal era S'il ait aucun pain, donnez-leur la croûte au loin du pâté (Se non teñen pan, que lles dean follado no lugar de paté. "Pâté en croûte"), pero para moitas persoas María Antonieta foi a que dixo estoutra frase, que en certo modo foi recoñecida e analizada por todo o mundo.

A revolución[editar | editar a fonte]

1789[editar | editar a fonte]

María Antonieta, en 1788.

No 1789 a situación da raíña é insostíbel. Corre o rumor de que Monsieur (futuro Luís XVIII) tería depositado na asemblea dos notábeis de 1787 un dossier que probaba a ilexitimidade dos príncipes reais. O rumor menciona un retiro da raíña no Val-de-Grâce. O abade Soulavie, nas súas Memorias históricas e políticas do reinado de Luís XVI, escribe que se pensaba que María Antonieta se levaría con ela todas as maldicións do pobo e que a autoridade real sería, por este mesmo motivo, total e subitamente rexenerada e restaurada.

O 4 de maio de 1789 ábrense os Estados Xerais. Logo da misa de apertura sobe ao púlpito monseñor "De la Fare" que, con duras palabras, ataca a María Antonieta denunciando o luxo desfreado da Corte e dos que, aborrecidos deste luxo, procuran o pracer n' "unha imitación pueril da natureza" (contado por Adrien Duquesnoy no Journal sur l'Assamblée constituante), alusión evidente ao Pequeno Trianon.

O 4 de xuño morre o pequeno Luís Xosé. Para evitaren gastos sacrifícase o cerimonial na basílica de Saint-Denis. A actualidade política non consente á familia imperial un sepelio solemne. Abraiada por este acontecemento e desnortada pola fasquía que toman os Estados Xerais, María Antonieta déixase convecer pola idea dunha contrarrevolución. En xullo, Luís XVI destitúe a Necker. A raíña queima os seus papeis e recolle os seus diamantes, trata de convencer o rei para deixaren Versalles e liscaren a unha praza forte segura, lonxe de París. Dende o 14 de xullo un rexistro de proscrición circula por París. Os favoritos da raíña están en primeiro lugar e a cabeza da raíña ten fixado o prezo. Acúsaselle de querer estourar o Parlamento cunha bomba e de mandar as tropas sobre París.

O 1 de outubro prodúcese un novo escándalo: após un banquete ofrecido aos gardas de corps da casa militar, un rexemento de Flandres que acaba de chegar a París, a raíña é aclamada, as escarapelas brancas son enarboradas e as tricolores luxadas. París está indignado por estas manifestacións monárquicas e polo banquete dado cando até o pan lle falta ao pobo. O 5 de outubro unha manifestación de mulleres diríxese cara a Versalles pedindo e dicindo que van na procura do panadeiro (o rei), a panadeira (a raíña) e o pequeno aprendiz (o Delfín). Ao día seguinte, pola mañá, os amotinados, armados con picos e coitelos, entran no pazo, matan a dous gardas de corps e ameazan a familia real, que se ve na obriga de volver a París escoltada polas tropas do Marques de la Fayette e os amotinados. Durante o traxecto lánzanse ameazas contra a raíña e incluso lle ensinan unha corda prometéndolle unha farola na capital para a enforcar.

A monarquía constitucional[editar | editar a fonte]

María Antonieta ao redor de 1791 por Kucharski.

O 10 de outubro Luís XVI está de novo en París. Ambos os dous deciden solicitar a axuda dos monarcas estranxeiros o rei de España Carlos IV e Xosé II, irmán da raíña. Mais o rei de España responde con evasivas e o 20 de febreiro de 1790 Xosé II falece. La Fayette suxírelle á raíña, con toda frialdade, que se divorcie. Outros falan, case con desvergoña, de emprenderen un proceso de adulterio e cacharen á raíña in flagranti delito co conde de Fersen.

Breteuil proponlles, a finais de 1790, un plan de evasión. A idea é que deixen Les Tulleries e se acubillen na praza forte de Montmédy, próxima á fronteira. A raíña está cada vez máis soa, sobre todo des que, en outubro de 1790 Mercy Argenteau marchou de Francia para ocupar o seu novo cargo na embaixada dos Países Baixos, e de que Leopoldo II, o novo emperador (outro dos seus irmáns) elude os seus pedimentos de axuda. Como monarca filósofo, aconséllalle a súa irmá que acepte os ditados da nova Constitución. O 7 de marzo, unha carta de Mercy-Argenteau dirixida á raíña é interceptada e entregada á Comuna. Outro contratempo para a raíña é unha proba que pon de manifesto a súa intención de vender a patria a Austria.

O 20 de xuño prodúcese a infortunada fuxida a Varennes. Decontino París decátase da fuxida, aínda que La Fayette tenta facer crer que o rei foi raptado por uns contrarrevolucionarios. A familia real, preto de París, non se sente moi segura. Desventuradamente, a súa berlina leva un retraso de máis de tres horas, e así, cando chegan ao primeiro lugar de encontro, o relevo Pont-de-Somme-Vesle, as tropas prometidas retiráronse matinando que o rei trocara de idea. Pouquiño antes do mediodía a berlina é detida en Varennes-en Argonne. O condutor do relevo procedente, en Sainte-Menechould, recoñeceu o rei. Prodúcense uns intres de nerviosismo, ninguén sabe que facer, e, durante este lapso, a multitude arriba a Varennes. Para rematar, a familia real ameazada e no medio dunha situación moi violenta, é devolta a París.

Após Varennes[editar | editar a fonte]

María Antonieta en 1793 por Alexandre Kucharski.

Interrogado en París, por unha delegación da Asemblea Constituínte, Luís XVI contesta con evasivas. As súas respostas, feitas públicas, suscitan a carraxe do pobo, que claman polo derrocamento do rei. María Antonieta entrevístase secretamente con Antoine Barnave, que quere convencer ao rei para que acepte o seu papel de monarca constitucional. O 13 de setembro, Luís XVI acepta a Constitución. O día 30 a Asemblea Constitucional disólvese e é substituída pola Asemblea Lexislativa, aínda que se fan patentes as murmuracións de guerra coas monarquías máis achegadas, no primeiro termo, Austria. O pobo revólvese contra María Antonieta, á que cualifican de monstro feminino e até de Madame Veto, acusándoa de arelar sumir á capital nun baño de sangue. O 3 de agosto de 1792, o manifesto de Brunswick, inspirado por Fersen, remata por inflamar o pobo.

O 10 de agosto ocorre a insurrección. Les Tulleries son asaltadas, o rei refúxiase na Convención, que vota a súa suspensión provisional, ambos os dous son internados no convento dos Feuillants. Ao día seguinte, a familia real é transferida á Prisión do Temple. Aló morrería, case dous anos máis tarde, seu segundo fillo, aos 10 anos de idade, coñecido coma Luís XVIII, malia que por suposto endexamais reinou. Durante as matanzas de setembro, a princesa de Lamballe, vítima símbólica, é salvaxemente asasinada e a súa cabeza amósase na punta dunha pica, paséandoa por diante das fiestras tras as que se achaba María Antonieta. Pouco despois, cando xa a guerra comezou, a familia real fica retida pola Convención. A principios de decembro, descóbrese o armario de ferro no cal Luís XVI gardaba os seus papeis secretos. O proceso, a partir deste momento, é inevitábel.

O 26 de decembro a Convención vota a favor da morte de Luís XVI, o cal é executado o 21 de xaneiro de 1793. O 27 de marzo Robespierre pregunta, por primeira vez, diante da Convención pola sorte da raíña. O 13 de xullo o Delfín é separado de súa nai e confiado ao zapateiro Antoine Simon. O 2 de agosto é María Antonieta a que é separada de súa filliña e conducida á Conciergerie para a súa reclusión. O seu interrogatorio comezará ao día seguinte.

A primeira cela de María Antonieta en La Conciergerie foi instalada na antiga sala de reunión dos carcereiros (unha cela moi humilde cun catre, unha cadeira de brazos de cana, dúas cadeiras e máis unha mesa). A cela tiña unha estreita e pequeneira xanela que daba cara ao xardín das mulleres. Logo dunha tentativa de fuga dirixida por Alexandre Gonsse de Rougeville, María Antonieta foi levada a unha segunda cela. Un biombo separábaa dos gardas que a custodiaban.

Posteriormente, Luís XVIII fixo fechar cunha parede esta segunda cela e construír unha capela. A metade oeste foi anexionada á capela real por medio dun local no que se asegura que Maximilien Robespierre pasou as súas derradeiras horas.

O proceso[editar | editar a fonte]

María Antonieta no Tribunal revolucionario cando dixo Apelo a todas as nais aquí presentes!
Gravado de Alphonse François e despois Paul Delaroche.

O 14 de agosto de 1793, María Antonieta é posta so disposición xudicial perante o Tribunal revolucionario. Se no xuízo de Luís XVI se intentara gardar as aparencias dunha certa equidade, non se fixo así co proceso de María Antonieta. O dossier preparouse a fume de carozo; é, a todas luces incompleto, xa que Fouquier-Tinville non deu atopado todos os documentos de Luís XVI.

Para esaxerar a acusación, Tinville fai declarar ao Delfín contra súa nai. Perante o tribunal, el mesmo acusa a súa nai e a súa tía de lle ter incitado á masturbación e lle ter obrigado a certos xogos sexuais. Indignada, María Antonieta pide ás mulleres do público que a defendan Apelo a todas as nais aquí presentes!. O motín é evitado por pouco.

Acúsaselle, así mesmo, de se tratar coas potencias estranxeiras inimigas dos ideais e mailo proxecto revolucionario. Como a raíña o nega, Herman, presidente do tribunal, sinálaa coma a "instigadora principal da traizón de Luís Capeto (nome sinxelo dado ao rei polos revolucionarios co que lle restrinxían facer vangloria dos títulos acostumados pola realeza. O apelido Capeto provén da antiga dinastía do mesmo nome: A dinastía dos Capeto)." esta acusación guindada á raíña presupón un proceso por alta traizón. O preámbulo da acta de acusación declara:

Examinados todos os documentos presentados polo acusador público resulta que, a semellanza das Mesalinas, Brunegilda, Fredegunda e Médicis, que foron cualificadas coma raíñas de Francia e cuxos nomes, para sempre odiosos, non figurarán nos anais da Historia, María Antonieta, viúva de Luís Capeto, foi, após o seu paso por Francia, a praga e a sambesuga dos franceses.

As declaracións das testemuñas do cargo resultaron pouco convincentes. María Antonieta contesta:

Non fun máis cá esposa de Luís XVI, foi el o que cometeu os erros e eu aceptei a súa vontade.

Fouquier-Tinville pide a pena de morte e declara á acusada: inimiga declarada da nación francesa. Os dous avogados de María Antonieta, Tronçon-Docoudray e Chauveau-Lagarde, novos e inexpertos, descoñecendo o dossier, só poden ler, en voz alta, algunhas notas que puideron redactar.

As catro preguntas[editar | editar a fonte]

María Antonieta perante o Tribunal Revolucionario.

Catro preguntas son guindadas ao xurado:

1.- Tense constancia de que existiron manobras e contactos coas potencias estranxeiras ou outros inimigos exteriores da República? As devanditas manobras e contactos; tiñan como obxectivo fornecer axudas monetarias, darlles entrada ao territorio francés e facilitarlles a compra de armas?

2.- Ten consciencia María Antonieta de Austria (...) de ter cooperado nestas manobras e contactos? 3.- Tense constancia de que existe un complot e unha conspiración para conducir a unha guerra civil no interior da República? 4.- Está convencida María Antonieta de ter participado neste complot e nesta conspiración?

A estas catro preguntas o xurado responde que si.

Cando o xurado pronunciou o seu veredicto, non había ningunha proba da acusación de alta traizón que se lle imputara á raíña. O expediente estaba baleiro de toda proba.

Tecnicamente, á vista das probas do proceso, é verdade que a condena non estaba baseada en feitos probados. Sóubose disto máis tarde, María Antonieta comunicara directivas militares confidenciais a Austria co fin de salvar a súa familia, mais tamén para que por fin se vingue de todas as ultraxes que recibe neste país (carta da Raíña a Mercy). Mais a proba disto non será descuberta até moito máis tarde.

En realidade, cumpría condenar a viúva de Capeto. Robespierre integrou ao xurado o médico quen atendía a raíña á Conciergerie, o cal indicou aos outros xurados que de todos os xeitos María Antonieta estaba medicamente condenada, xa que padecía fortes hemorraxias debidas a un fibroma uterino de vencemento breve.

A morte[editar | editar a fonte]

Execución[editar | editar a fonte]

María Antonieta no cadafalso.

A condena a morte, por alta traizón, é pronunciada o 16 de outubro de 1793 cara ás 4 da mañá sendo María Antonieta executada o mesmo día ao redor das doce. Tras o anuncio da sentenza, de madrugada, María Antonieta redacta o seu testamento, dirixido á Madame Sabela, irmá do finado rei Luís XVI:

Veño de ser condenada, non a unha morte honrosa, que se reserva para os criminais, mais voume reunir con voso irmán.
A execución de María Antonieta o 16 de outubro de 1793.

Ela remata o seu testamento con estas palabras:

Meu deus tende piedade de min! Os meus ollos xa non teñen bágoas para choraren polos meus pobres filliños. Adeus, Adeus!

Mais Madame Sabela non lerá endexamais este testamento.

Pola mañá do 16 de outubro, é levada de mans atadas nunha carreta (Luís XVI tivera dereito a unha carroza, da Conciergerie até a praza da Revolución, actualmente praza da Concordia). Segundo os historiadores, sofre con dignidade os sarcasmos e os insultos lanzados pola multitude agrupada ao seu redor (tardará unha hora en atravesar a praza e subir ao cadafalso). O pintor e revolucionario Jacques-Louis David, asistente do espectáculo, debuxa un bosquexo. Segundo estes mesmos historiadores, é con coraxe co que monta ao cadafalso. Ao pisar o pé do seu verdugo, pídelle perdón. Serán as súas derradeiras palabras.

Tras a execución de María Antonieta declarouse a guerra entre Francia e Austria, pondo fin á alianza estabelecida por Bernis e Choiseul, alianza que resistira até ese momento.

Inhumación[editar | editar a fonte]

Monumento adicado a Luís XVI e a María Antonieta de Austria na Basílica de Saint-Denis, Francia.

Ao igual que Luís XVI, ordenouse que as caixas que contiñan os membros da monarquía fosen recubertas con cal. María Antonieta é inhumada coa cabeza entre as pernas na foxa común de la Madeleine, na rúa d’Anjou-Saint-Honoré (Luís XVIII fará construír neste lugar a capela expiatoria sita nos nosos días na praza axardinada Luís XVI, único lugar de París que leva o nome do malfadado rei). Os seus restos e máis os de seu esposo foron exhumados o 18 de xaneiro de 1815 e transportados o 21 dese mesmo mes a Saint-Denis, onde descansan á súa vez unha inxente cantidade de antigos reis franceses, foron soterrados consonte o rito católico.

«O primeiro crime da Revolución foi a morte do Rei, pero o máis horríbel foi a morte da Raíña» dixo Chateaubriand.

Napoléon dixo pola súa banda: «A morte da Raíña foi un crime peor que o rexicidio»

O testamento de María Antonieta[editar | editar a fonte]

De volta na súa cela, á raíña de Francia só lle restaban unhas horas antes de comparecer perante o Altísimo, horas que María Antonieta empregou en deixar unha derradeira mensaxe de amor e de perdón aos seus seres queridos. Unha carta sublime, grave e conmovedora, dirixida á súa cuñada Madame Sabela, que a princesa real nunca recibirá, pois foi interceptada e entregada a Robespierre e estivo desaparecida até o ano 1816, no que saíu a luz con motivo da restauración borbónica en Francia da man de Luís XVIII. A carta dicía así:

É a vós, miña irmá, a quen escribo por derradeira vez. Veño de ser condenada, non a unha morte vergoñenta [...] senón a me reunir con voso irmán [...]. Cáusame un fondo pesadume abandonar os meus pobres filliños: vós sabedes que eran a miña única razón de existir [...]. Que meu filliño non esqueza nunca as derradeiras palabras de seu pai, que eu lle repito expresamente; que nunca tente vingar a nosa morte! [...] Debo falarvos de algo doloroso para o meu corazón. Sei canta pena debín de vos causar este meu fillo. Perdoádelle, cara irmá: pensade na súa idade e no doado que é facer dicir a un neno o que se quere, incluso aquilo que non comprende [...]. Pido perdón a todos cantos coñecín [...]. Perdoo a todos os meus inimigos o mal que me fixeron... Abrázovos de todo corazón, así como aos meus pobres e queridiños fillos. Meu deus, canto me esgaza o corazón deixalos para sempre! Adeus, adeus, xa non haberei de me ocupar senón dos meus deberes espirituais [...]

Frases relevantes nos seus últimos momentos[editar | editar a fonte]

  • Días denantes a súa morte, após que seu home fose executado, os seus fillos arrincados do seu carón, o Delfín manipulado para a acusar de estupro, e completamente soa, na súa prisión María Antonieta golpeouse a cabeza contra unha trabe do teito facéndose unha ferida que non cesaba de sangrar. A aínda raíña non se queixou. Ante a pregunta dun dos gardas: «Mancástesvos?», María Antonieta contestou: «Non, agora xa non hai ren que poida facermo.»
  • Paga a pena lembrar un dos seus momentos máis estarrecedores: cando soubo o descuartizamento cruel e sanguento da súa leal amiga María Luísa de Saboia-Larignac, princesa de Lamballe, quen fora salvaxemente asasinada na prisión de "La Force", o 3 de setembro de 1792, e a súa cabeza peiteada e empalada foi feita desfilar polas rúas entre risos e berros salvaxes.
  • O día da súa execución mentres o pobo enteiro a abouxaba e insultaba, María Antonieta tropezou subindo ao cadafalso e pisou o verdugo que estaba a piques de a guillotinar. A raíña díxolle: «Desculpe señor, non o fixen á mantenta.»

Matrimonio e descendencia[editar | editar a fonte]

Beatriz de Francia adurmiñada no seu berce, por Mme Vigée Le Brun, pertencente á colección do marqués de Lastic, castelo de Parentignat.

En maio de 1770 ela despósase con Luís Augusto de Francia Delfín de Francia , logo Luís XVI, co cal terá catro fillos:

Árbore da familia real dende a época de Luís XV até os fillos de Luís XVI e máis os de Carlos X.

Fontes[editar | editar a fonte]

  • No 1874, Alfred von Arneth fixo publicar, por primeira vez, a correspondencia secreta entre a emperatriz María Tareixa I e o conde de Mercy Argenteau
  • No 1877, foron publicados, por primeira vez, os papeis do conde de Fersen. Foron redescubertos no 1982, xa que os seus distantes herdeiros os puxeron á venda en Londres.
  • Correspondencia de María Antonieta, (1770-1793), editada por Évelyne Lever, Tallandier, París, 2005 (ISBN 2-84734-197-8). A editora elixiu os textos a partir dos orixinais conservados nos Arquivos do Estado de Viena.
  • Memorias del barón de Besenval, editadas por Ghislain de Diesbach, Mercure de France, col. "Le temps retrouvé", 1987 (ISBN 2-7152-1459-6).

Filmografía[editar | editar a fonte]

Ano Filme Director Actriz
1938 María Antonieta W.S. Van Dyke Norma Shearer
1956 María Antonieta, raíña de Francia Jean Delannoy Michèle Morgan
2001 The Affair of the Necklace Charles Shyer Joely Richardson
2006 Marie - Antoinette Francis Leclerc Karine Vanasse
2006 María Antonieta Sofia Coppola Kirsten Dunst


Tamén a obra de animación xaponesa A Rosa de Versalles ten certo contido adicado a María Antonieta.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: María Antonieta de Austria

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vincent Cronin, Louis and Antoinette, Collins, London, 1974 (ISBN 0-8095-9216-9).
  • Antonia Fraser, Marie-Antoinette, Flammarion, Paris, 2006 (ISBN 2-08-068915-0).
  • Claude Dufresne, Marie-Antoinette, Le scandale du plaisir, Bartillat, Paris, 2006 (ISBN 2-84100-381-7).
  • Simone Bertière, Marie-Antoinette l’insoumise, Les reines de France au temps des Bourbons, Éditions de Fallois, 2002.
  • Annie Duprat, Marie-Antoinette. Une reine brisée, Perrin, Paris, 2006 (ISBN 2-262-02409-X)
  • Bernadette de Boysson et Xavier Salmon, Marie-Antoinette à Versailles : Le goût d’une reine, catalogue de l’exposition au Musée des Arts décoratifs de Bordeaux, éd. Somogy, 2005 (ISBN 2-85056-909-7).
  • Michel de Decker et Michel Lafon, Marie-Antoinette : les dangereuses liaisons de la reine, Belfond, coll. 2005 (ISBN 2-7144-4141-6).
  • Philippe Delorme, Marie-Antoinette, Pygmalion, coll. 2001 (ISBN 2-85704-609-X).
  • Évelyne Lever, Marie-Antoinette, Fayard, Paris, 1991 (ISBN 2-213-02659-9).
  • Évelyne Lever, Marie-Antoinette : la dernière reine, Gallimard, coll. Paris, 2000 (ISBN 2-07-053522-3).
  • Léonard Autié, Journal de Léonard, coiffeur de Marie-Antoinette, Les éditeurs libres, Paris, 2007.
  • Stefan Zweig, Marie-Antoinette, Livre de Poche, 1999 (1 édition 1937).
  • Marie-Antoinette : le remords français, dossier du Point n°1757, 18/05/06.
  • Jean Chalon, Chère Marie Antoinette, 1988
  • Alain Sanders, La Désinformation autour de Marie-Antoinette, Atelier Fol’fer, 2006 (ISBN 2-9524214-6-3).
  • Jean-Claude Fauveau, Le Prince Louis cardinal de Rohan-Guéméné ou les diamants du roi, L'Harmattan, Paris, 2007.
  • Paul et Pierrette Girault de Coursac, Marie-Antoinette et le scandale de Guines, Gallimard, 1962.
  • Paul et Pierrette Girault de Coursac, Louis XVI et Marie-Antoinette : vie conjugale - vie politique, O.E.I.L., 1990.
  • Paul et Pierrette Girault de Coursac, La Dernière Année de Marie-Antoinette, F.X. de Guibert, 1993.
  • Paul et Pierrette Girault de Coursac, Le Secret de la Reine : la politique personnelle de Marie-Antoinette pendant la Révolution, F.X. de Guibert, 1996.
  • Marie-Antoinette - Correspondance (1770-1793), établie et présentée par Evelyne Lever, Tallandier, 2005. (ISBN 2-84734-197-8).
  • Mgr F. Genet, L’abbé de Vermond (1735-1806), lecteur de Marie-Antoinette (1770-1789), Niort, 1940.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
María Leszczynska
Raíña consorte de Francia
10 de maio de 1774 - 21 de xaneiro de 1793
COA french queen Marie-Antoinette.svg
Sucesor:
María Amalia de Borbón-Dúas Sicilias
Predecesor:
Luís XVI
Raíña Titular de Francia
21 de xaneiro de 1793 - 16 de outubro de 1793
Sucesor:
Luís XVII