Aloysia Weber

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aloysia Weber
Aloysia Weber as Zemire.jpg
Aloysia Weber no papel de Zémire, na ópera Zémire et Azor, de André Grétry
Nacemento1760
 Zell im Wiesental
Falecemento8 de xuño de 1839
 Estado de Salzburgo
NacionalidadeAustria
Ocupacióncantante, cantante de ópera, actriz, compositora e actriz de teatro
PaiFranz Fridolin Weber
NaiCäcilia Weber
CónxuxeJoseph Lange
IrmánsSophie Haibel, Josepha Weber e Constanze Mozart
editar datos en Wikidata ]

Maria Aloysia Antonia Weber Lange, nada en en Zell im Wiesental arredor de 1760 e finada en Salzburgo o 8 de xuño de 1839, foi unha soprano de orixe alemá, coñecida principalmente pola súa relación co músico e compositor Wolfgang Amadeus Mozart.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nada en Zell im Wiesental, Aloysia Weber era unha das catro fillas da familia Weber. As súas tres irmás eran a soprano Josepha Weber (1758-1819), que protagonizou por primeira vez o papel da Raíña da Noite na ópera de Mozart, Die Zauberflöte; Constanze Weber, a esposa de Mozart; e Sophie Weber. O compositor Carl Maria von Weber era o seu primo segundo.

Pouco despois do seu nacemento, a familia trasladouse a Mannheim, onde Aloysia creceu. Trasladouse a Múnic en 1778, onde tivo lugar o seu debut operístico. O seu salario no teatro da corte ascendía a 1000 floríns ao ano, mentres que o do seu pai era de 600.[1] O ano seguinte, comezou a cantar no National Singspiel en Viena, un proxecto do emperador Xosé II do Sacro Imperio Romano Xermánico. A familia ao completo mudouse a Viena en setembro, onde o pai traballou brevemente como revisor de entradas, antes de morrer supetamente tan só un mes despois da súa chegada.

Aloysia proseguiu coa súa carreira con certo éxito en Viena durante as seguintes dúas décadas.

O 31 de outubro de 1780, casou con Joseph Lange, actor do teatro da corte, e tamén pintor afeccionado (posteriormente creou un coñecido retrato de Mozart).[2] Tratábase do segundo matrimonio de Lange, trala morte da súa primeira esposa en 1779. Dado que Aloysia era a principal fonte de ingresos da familia por aquel entón, Lange accedeu pagar á súa nai un adianto de 900 floríns e a suma anual de 700 floríns de xeito continuado.[3]

Trasladouse ao Burgtheater en 1782, cantando ópera italiana. Permaneceu en devandita posición durante só oito meses, dado que axiña se converteu en «persoa non grata debido a desacordos sobre o salario e a asignación de papeis, así como a non asistencia a algunhas funcións».[2] Continuou cantando, non obstante, no Kärntnertortheater, así como en papeis ocasionais no Burgtheater. En 1795, realizou unha xira de concertos xunto á súa irmá Constanze, entón xa viúva de Mozart. Ao redor da mesma data, deixou de vivir co seu marido Lange.[4]

Pasou os seus últimos anos en Salzburgo para estar preto das súas irmás Constanze e Sophie, que se trasladaran alí.

Relación con Mozart[editar | editar a fonte]

Wolfgang Amadeus Mozart estivo durante un tempo interesado en conseguir o amor de Aloysia. Arredor de 1777, Mozart, de vinte e un anos, pasou algún tempo en Mannheim, onde esperaba (en balde) atopar emprego como músico da corte. Mozart expresou o seu desexo de casar con Aloysia, aínda que non está claro exactamente a seriedade das súas intencións, ou se foron correspondidas.

Mozart abandonou Mannheim durante varios meses, trasladándose a París na súa procura incesante dun posto fixo como músico de corte. No seu regreso a Salzburgo, pasou por Múnic, onde Aloysia se atopaba entón traballando. De acordo aos feitos narrados no borrador da biografía de Mozart escrita por Georg Nikolaus von Nissen, Mozart e Aloysia tiveron un reencontro desagradable:

Cando entrou, ela fixo coma se non o coñecese, por quen previamente chorara. Entón, Mozart sentou ao piano e cantou en voz alta: «Leck mir das Mensch im Arsch, das mich nicht will» ("Aquel que non me queira pode lamber o meu cu").[5]

Mozart trasladouse a Viena en 1781, e máis tarde, ese mesmo ano, aloxouse na casa da familia Weber. O pai, Fridolin, morrera en 1779, e a nai de Aloysia, Cäcilia Weber estaba a alugar cuartos para chegar a fin de mes. Mozart entón namorouse da súa terceira filla, Constanze. Cando ambos casaron en 1782, Mozart converteuse no cuñado de Aloysia.[6] Aparentemente, non había malos sentimentos que perdurasen, xa que Mozart escribiu un bo número de obras para Aloysia.

Música escrita por Mozart para Aloysia Weber[editar | editar a fonte]

Retrato anónimo de Aloysia Weber.[7]

Durante a visita a Mannheim (1777-1778):

  • Recitativo e aria para soprano, «Alcandro, lo confesso», K. 294.
  • Recitativo e aria para soprano, «Popoli di Tessaglia!», K. 316/300b.[8]

Durante os anos en Viena (1781-1791):

  • Aria para soprano, «Nehmt meinen Dank, ihr holden Gönner!», K. 383.[8]
  • Escena e rondo «Mia speranza adorata – Ah, non sai, qual pena», K. 416, completada en Viena o 8 de xaneiro de 1783 e estreada por Aloysia o 11 de xaneiro nun concerto no Mehlgrube, o lugar da posterior estrea de moitos dos concertos para piano de Mozart.[9]
  • Mozart escribiu dúas arias para Aloysia, inseridas nunha produción realizada no Burgtheater en xuño de 1783 da ópera de Pasquale Anfossi Il curioso indiscreto.[2][10] Estas foron «Vorrei spiegarvi, oh Dio» K. 418 e «No, no, che non sei capace, non, che non sei capace» K. 419.
  • O papel de Mme. Herz no breve singspiel Der Schauspieldirektor K.486, que consiste nunha Da schlagt die Abschiedsstunde, un trío, e o vodevil final. Esta peza foi escrita para unha festa ofrecida polo emperador Xosé II en febreiro de 1786.
  • Aria para soprano, «Ah se in ciel», K. 538 (1788).

Papeis en óperas de Mozart interpretados por Aloysia Weber[editar | editar a fonte]

Valoración[editar | editar a fonte]

Joachim Daniel Preisler, actor e músico dinamarqués, foi enviado de xira polo Teatro Real de Copenhaguen para estudar a produción de ópera noutros países europeos. Mentres estaba en Viena foi convidado ao fogar do Lange, onde escoitou cantar a embarazada (e entón non actuando) Aloysia. No seu diario escribiu:

A voz é algo excepcional! mais (...) non en certo modo tan boa como a da nosa Müller;[12] aínda que o seu alto rango e a súa delicadez, a súa execución, gusto e coñecemento teórico non pode deixar de ser admirado por calquera crítico imparcial. (...) Pode cantar as partes máis longas e máis difíciles incomparablemente mellor que as cantantes [italianas] que aquí son mimadas pola "nobreza vienesa".[13]

O testemuño e Preisler tamén indica que Aloysia non era só unha boa cantante, senón en xeral unha destacada música:

O famoso Mozardt é o seu cuñado, e ensinoulle tan ben que se acompaña de música e toca interludios como un Kapellmeister.[13]

Aloysia Weber na ficción[editar | editar a fonte]

O fracasado romance entre Mozart e Aloysia foi trasladado á ficción na novela Mozart's Wife por Juliet Waldron (Hard Shell Books, 2000). Outra novela, con máis elementos de ficción, é Marrying Mozart por Stephanie Cowell (Nova York: Penguin, 2004).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Einstein 1962, 63.
  2. 2,0 2,1 2,2 New Grove online, "Weber" 2007.
  3. Joseph Lange, Biographie des Joseph Lange, k.k. Hofschauspielers, Viena 1808, p. 117.
  4. Deutsch, 503.
  5. Citado por Solomon 1995, 169. A versión publicada finalmente suavizou o texto, substituíndoo por: «Ich lass das Mädel gern, das mich nicht will» ("Alegremente abandonarei a moza que non me queira").
  6. New Grove online, "Mozart" 2007.
  7. Solomon (1995, 173). O retrato forma parte dunha colección privada.
  8. 8,0 8,1 Schirmer's Library of Musical Classics, Vol. 1751, introduction.
  9. Deutsch 1965, 212.
  10. Deutsch 1965, 217. Esta fue la «primera aparición de Aloysia en la ópera italiana», y fue recibida muy positivamente (Deutsch 218).
  11. Biographien
  12. Caterine Möller, prima donna do Teatro Real de Copenhaguen; Deutsch 1965, p. 324
  13. 13,0 13,1 Deutsch 1965, p. 324

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]