Coroa británica (moeda)
- Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).
Coroa británica (moeda) † | |
---|---|
Crown en Inglés | |
![]() | ![]() |
Ámbito: | ![]() ![]() |
Fracción: | Media coroa. |
Moedas: | Coroa. |
Emisor: | |
A coroa británica (en inglés: british crown), inicialmente coñecida como coroa inglesa (english crown) ou coroa da dobre rosa (crown of the double-rose), foi unha moeda introducida en Inglaterra en 1526 pola reforma monetaria de Henrique VIII (1509-1547), cun valor de 5 xilins ou, o que é o mesmo, a cuarta parte dunha libra esterlina. As derradeiras coroas cuñáronse en 1965.[1][2][3]
Historia[editar | editar a fonte]
Coroa inglesa[editar | editar a fonte]

As primeiras coroas foron cuñadas en ouro de 22 quilates a nome de Henrique VIII.[4] As máis tradicionais coroas de prata comezaron a emitirse en 1551, durante o curto reinado de Eduardo VI de Inglaterra (1547-1553), e conviviron na circulación coas coroas de ouro ata 1662.[3][5] Baixo o reinado de María I (1553-1558) non se cuñou este valor, aínda que a súa sucesora, Isabel I (1558-1603), retomou a súa produción en ambos os metais. Ata a época da Commonwealth de Inglaterra seguiu a ser habitual a cuñaxe de coroas tanto de ouro como de prata, polo que ambas as versións se poden atopar en tempos de Xacobe I (1603-1625) e de Carlos I (1625-1649).[1][2]
A existencia da coroa de prata encádrase nunha denominación común de varias moedas de prata de diversas nacións europeas aparecidas no século XVI, como o escudo francés ou o real de oito español, coa característica común de teren un diámetro aproximado de 38 milímetros e un peso de arredor dunha onza, o que favorecía o seu intercambio e o seu uso no comercio internacional. As coroas de prata inglesas foron cuñadas en todos os reinados a partir do de Isabel I.[1]
A composición da aliaxe das coroas de prata era a estándar da prata esterlina, cun 92,5 % de prata e un 7,5 % de cobre, establecida no século XII por Henrique II (1154-1189). Esta aliaxe, malia ser máis pobre que a prata pura, achegáballe máis dureza ás moedas, o que dificultaba en gran mediada o recorte ou a cisallaxe dos bordos, o que se tornou aínda máis complicado coa introdución dos cantos estriados.
Coa creación do Reino de Gran Bretaña (1707-1801), a coroa inglesa foi substituída pola coroa británica.[1][2]
Coroa británica[editar | editar a fonte]
A coroa británica, nada por mor da unión de Inglaterra e Escocia nun único reino en 1707, é, pois, sucesora da coroa inglesa e tamén do dólar escocés. O seu valor seguiu a ser equivalente a cinco xilins.[1][2]
Os cuños para as moedas dos dous primeiros soberanos de Gran Bretaña, Ana (1707-1714) e Xurxo I (1714-1727) foron obra de John Croker, un gravador proveniente de Dresden, no ducado de Saxonia.[6]
A partir de 1818 tomouse como deseño habitual dos reversos unha imaxe de San Xurxo e o Dragón creada polo italiano Benedetto Pistrucci (1784-1855), gravador da Royal Mint.[3][7] Levan estes motivo todas as coroas cuñadas durante os reinados de Xurxo III (1760-1801) e de Xurxo IV (1820-1830) cuñadas ata 1822, así como as de Vitoria (1837-1901) producidas entre 1887 e 1900, as de Eduardo VII (en 1902) e as de Xurxo VI (1936-1952) cuñadas en 1951.[8][9][10][11][12] Esta imaxe tamén se usou para os reversos dos soberanos a partir de 1817.[13]
A coroa británica tiña un tamaño habitual para as moedas de prata do século XIX, pero no século XX as súas dimensións supuñan xa un impedimento para a súa circulación. No entanto, mantívose a tradición de cuñalas no primeiro ano de coroación dun novo monarca, o que ocorreu desde Xurxo IV ata Isabel II (1953), coa única excepción de Xurxo V (1910-1936).[1]
Por mor do seu excesivo tamaño para a circulación moitas das coroas emitidas no século XX tiveron un carácter fundamentalmente conmemorativo.[3] En 1935 conmemorouse o 25 aniversario de reinado de Xurxo V;[14] a emisión de 1951 dedicouse á exposición nacional Festival of Britain e só se emitiu para os coleccionistas;[12] a de 1953 celebraba a coroación de Isabel II,[15] en tanto que a de 1960 conmemoraba a Exposición Británica de Nova York.[16] A emisión de 1965 levaba a imaxe de Winston Churchill, a primeira vez que unha moeda británica amosaba o busto dalquén alleo á familia real.[1][17]
A coroa como moeda de prata con valor de cinco xilins (e cada un deles composto de 12 peniques) mantivo a súa vixencia ata a decimalización do sistema monetario británico en 1971, aínda que a de 1965 foi a derradeira en emitirse.[1]
A coroa no sistema decimal[editar | editar a fonte]
No momento da decimalización, en febreiro de 1971, seguiu a utilizarse a deneminación de coroa para unha moeda de idéntico formato co valor reconvertido a 25 peniques (peniques do sistema decimal), e ás pezas cuñadas a partir de 1818 recoñecéuselles o curso legal por esa cantidade. A partir de aí, seguiron a cuñarse co novo valor de 25 peniques (aínda que non apareza expreso), dotadas de curso legal aínda que con carácter exclusivamente conmemorativo.[18][19][20]
En 1990, o valor nominal das coroas cuñadas a partir desa data subiuse a cinco libras, para harmonizar a relación entre o seu tamaño, o seu valor nominal, os custos de produción e os beneficios da Royal Mint pola súa comercialización.[1][19]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Chard, L. (2018). "The Story of the British Crown". Chards.co.uk
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Clayton, T. "Five Shillings, Quarter Guinea and Five and Six". Coins of England and Great Britain.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Crown Arquivado 03 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". The Royal Mint Museum.
- ↑ 4,0 4,1 "1 Crown - Henry VIII Crown of the double-rose". Numista.
- ↑ 5,0 5,1 "1 Crown - Edward VI 3rd period; Fine Silver issue". Numista.
- ↑ Wroth, W. W. (1885-1900). "Croker, John (1670-1741)". En Dictionary of National Biography. Vol. 13
- ↑ "Crown 1822, Coin from United Kingdom - detailed information". Online Coin Club.
- ↑ "1 Crown - George IV 1st portrait". Numista.
- ↑ "1 Crown - Victoria 2nd portrait". Numista.
- ↑ "1 Crown - Victoria 3rd portrait". Numista.
- ↑ "1 Crown - Edward VII". Numista.
- ↑ 12,0 12,1 "5 Shillings - George VI Festival of Britain". Numista.
- ↑ "1 Sovereign - George III". Numista.
- ↑ "1 Crown - George V Silver Jubilee". Numista.
- ↑ 15,0 15,1 "5 Shillings - Elizabeth II Coronation". Numista.
- ↑ 16,0 16,1 "5 Shillings - Elizabeth II British Exhibition". Numista.
- ↑ "1 Crown - Elizabeth II Churchil l". Numista.
- ↑ "How can I dispose of commemorative crowns? And why do some have a higher face value than others? Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
- ↑ 19,0 19,1 "Five Poun Coin". The Royal Mint.
- ↑ Clayton, T. "Decimal Crown-sized Coins (25 pence and Five Pounds)". Coins of England and Great Britain.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Coroa británica ![]() |