Mozart e a varíola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Wolfgang Amadeus Mozart en 1771, catro anos despois de ter padecido a varíola.

O compositor austríaco Wolfgang Amadeus Mozart enfermou de varíola en 1767, cando tiña 11 anos de idade. Como todos os enfermos de varíola, correu un grave perigo de morrer, mais sobreviviu a enfermidade. Este artigo trata sobre como era a varíola na época de Mozart, a decisión tomada polo seu pai Leopold en 1764 de non inocular ao neno contra a enfermidade, o padecemento da mesma e as súas secuelas.

A varíola en tempos de Mozart[editar | editar a fonte]

A varíola foi unha enfermidade devastadora na Europa do século XVIII.
Artigo principal: Varíola.

A varíola foi unha enfermidade devastadora na Europa do século XVIII, que se estendía en forma de epidemia matando e desfigurando a millóns de persoas. É probable que o século XVIII fora unha época especialmente terrible debido á presenza da varíola en Europa: a taxa de poboación medrou de xeito desmesurado, facendo máis doada a propagación da enfermidade[1] e ata finais do século non sería descuberta unha protección efectiva contra esta enfermidade.

A enfermidade era terrible para as súas vítimas. Ian e Jenifer Glynn escriben:

Que como era? Cando eramos nenos, dixéronnos que se parecía á varicela, mais peor. De feito non está relacionada coa varicela e era inimaxinablemente peor. Nunha poboación que non estivera vacinada, estimábase que entre o 10 e o 30 por cento de todos os pacientes con varíola poderían morrer. E a morte era dolorosa; a varíola era, segundo escribiu Thomas Macaulay, "a máis terrible de todas as mortes".[2]

Os que sobrevivían á varíola non estaban exentos de secuelas e con frecuencia sufrían cegueira. A taxa de supervivencia era particularmente baixa para os nenos. O aspecto físico da enfermidade era espantoso para os pacientes e os seus coidadores: a pel do paciente cubríase con grandes e avultadas pústulas que frecuentemente deixaban un chamativo oco sobre a pel dos pacientes que sobrevivían á enfermidade.

A decisión de Leopold[editar | editar a fonte]

Na época de Mozart, arredor da segunda década do século XVIII,[3] a medicina realizara pequenos avances na loita contra a enfermidade. O método de inoculación, que proviña de Asia, chegara aos países europeos. A inoculación non era o mesmo que a vacinación que máis tarde tivo éxito na erradicación da enfermidade, senón que unha persoa inoculada era tratada co virus da varíola vivo, tomado das pústulas da variedade máis suave de varíola que puidera ser atopada. A inoculación ofrecía inmunidade á varíola, mais o proceso entrañaba o risco de que unha persoa inoculada podería morrer a causa da enfermidade. Por elo, moitos parentes sentían que non debían facer nada, arriscándose a un posible contaxio no futuro en lugar de tomar un risco deliberado que podería causar a morte dos seus fillos inmediatamente.[4]

Segundo indica a biógrafa de Mozart Ruth Halliwell, neste contexto débese interpretar unha carta enviada por Leopold Mozart o 22 de febreiro de 1764 ao seu patrón e amigo Lorenz Hagenauer referíndose á varíola:

Tratan de convencerme de que inocule ao neno con varíola. Mais como lles expresei claramente a mña aversión a esta impertinencia deixáronme en paz. Aquí a inoculación é unha moda. Mais pola miña parte deixarei o asunto en mans de Deus. Depende da Súa graza se El desexa manter o prodixio da natureza neste mundo no que El o situou ou levalo Consigo.[5]

Dende unha perspectiva moderna (na que moitos nenos sálvanse de terribles enfermidades grazas á vacinación) é doado facer unha interpretación superficial sobre a decisión de Leopold, que estaba a actuar parvamente, confiando na divina providencia cando podía actuar directamente para axudar ao seu fillo. Con todo, dado que no tempo de Leopold non se establecera que a inoculación fora fora beneficiosa,[6] os seus comentarios poden ser vistos máis como unha petición a Deus para resolver os seus problemas sobre algo que podía parecer un dilema imposible de resolver.[7]

Mozart enferma de varíola[editar | editar a fonte]

A arquiduquesa María Xosefa de Austria faleceu o 15 de outubro de 1767 a causa da varíola.

A familia Mozart (Wolfgang, seu pai Leopold, súa nai Anna Maria e súa irmá maior Nannerl) marcharon de Salzburgo a Viena o 11 de setembro de 1767.[8] Estiveran aló en 1762, exhibindo o talento dos nenos;[9] por esa época completaran a súa "gran viaxe" por Europa, actuando en Inglaterra, Francia e outros lugares coa esperanza de gañarse unha gran reputación, recoñecemento e ingresos na capital Imperial. O próximo matrimonio da arquiduquesa María Xosefa de Austria, de 16 anos de idade e filla da emperatriz María Teresa, programado para o 14 de outubro, prometía moitos actos festivos e as consecuentes oportunidades para os músicos visitantes.[8]

Lamentablemente, houbo un brote de varíola en Viena naquela época. O 28 de maio, o emperador Xosé II perdeu a súa segunda esposa, María Xosefa de Baviera, pola enfermidade e a súa nai, a emperatriz María Teresa, tamén enfermou aínda que sobreviviu.[10] A futura noiva, María Xosefa, enfermou en outubro e faleceu o día 15, un días despois do que tería sido o día da súa voda.[8]

A familia Mozart alugara unhas habitación na casa do orfebre Johann Schmalecker,[a] e horrorizouse cando os tres fillos do seu caseiro enfermaron de varíola.[12] Alarmado, Leopold marchou o primeiro da casa de Schmalecker o 17 de outubro, levándose consigo unicamente a Wolfgang Amadeus.[b] Seis días despois, o 23, a familia ao completo abandonou a cidade.[8]

Dirixíronse ao norte cara á actual República Checa, chegando en primeiro lugar a Brno (daquela chamada polo seu nome alemán, Brünn), onde chamaron ao conde Franz Anton Schrattenbach, irmán do patrón de Leopold en Salzburgo, o príncipe-arcebispo Sigismund Schrattenbach. O conde Schrattenbach convidounos a dar un concerto, mais Leopold, obrigado por un "impulso interior", quería marchar máis lonxe e a familia continuou rumbo ao norte ata chegar a Olomouc dous días despois.[11] Foi alí onde, o 26 de outubro, Wolfgang mostrou os primeiros síntomas da varíola. Considerando o período de incubación da enfermidade (aproximadamente 12 días), puido tela contraído mentres aínda estaba en Viena.[13][14]

Leopold consultou a un coñecido, o conde Leopold Anton Podstatsky, que era deán da Catedral e reitor da Universidade Palacký en Olomouc.[11] Leopold coñecera a Podstatsky cando o conde traballara anteriormente en Salzburgo. O conde, sabendo que os síntomas que tiña Wolfgang eran de varíola, insistiu aos Mozart para que volveran a casa e que deixaran a Wolfgang baixo os coidados do seu excelente médico persoal, o doutor Joseph Wolff.[15][11]

Leopold escribiu despois:

{{Cita centrada|Wolfgang estábase queixando dos seus ollos. Notei que a súa cabeza estaba quente, que as súas meixelas estaban tamén quentes e moi vermellas, mais as súas mans estaban frías coma o xeo. Ademais, o seu pulso non era normal. Entón démoslle un po negro e puxémolo nunha cama.[c] Durante a noite Wolfgang estivo moi axitado e pola mañá aínda tiña febre.[d]

Un síntoma espantoso da enfermidade de Wolfgang, non explicado por Leopold na súa carta, foi a perda de visión- Nunha carta escrita moito despois (1800), a súa irmá Nannerl afirmaba:

Colleu a varíola, polo que estivo tan enfermo que non puido ver nada durante nove días e tivo que coidar os seus ollos varias semanas despois de recuperarse.[17]

Aínda que a cegueira era certamente un resultado común da varíola, o oftalmólogo Richard H. C. Zegers suxire que os síntomas de Mozart non presentaban en realidade cegueira, senón que máis ben foi o resultado dunha pústula da enfermidade que lle afectou ás pálpebras.[18]

Contra o 10 de novembro Wolfgang sentíase mellor, mais entón Nannerl tamén contraeu a varíola e estivo enferma durante tres semanas.[17] Os nenos estiveron a partir de entón a salvo da enfermidade, grazas á inmunidade que lles confería esta aos supervivintes. Segundo Leopold, ambos nenos tiveron picaduras na posición das antigas pústulas, mais ningunha seria.[13][19]

Durante a súa recuperación, Wolfgang, que precisou coidar os seus ollos, pasou o tempo aprendendo trucos de cartas e esgrima.[19]

Para superar a enfermidade de ambos nenos, os Mozart pasaron un período de catro meses lonxe de Viena.[17] Finalmente regresaron alí e foron recibidos na corte imperial o 19 de xaneiro de 1768. A Emperatriz, que ata ese momento perdera a tres dos seus fillos pola varíola, conversou coa señora Mozart acerca da enfermidade.

O resto da viaxe non foi especialmente exitosa.[20] Leopold aparentemente malinterpretou unha boa oportunidade do Emperador como unha invitación en firme para que Wolfgang compuxera unha ópera; como resultado Wolfgang escribió La finta semplice. Con todo, a ópera non foi representada en Viena; aos cantantes e instrumentistas non lles gustaba, e as intrigas impediron que a obra chegara aos escenarios.[21] La finta semplice foi finalmente estreada en Salzburgo,[22] a onde volveron os Mozart o 5 de xaneiro de 1769.[23]

Historia posterior[editar | editar a fonte]

A experiencia de perder tres dos seus fillos pola varíola fixo que a emperatriz María Teresa convencérase de inocularse. En 1768 contratou ao médico neerlandés Jan Ingenhousz para levar a cabo o programa de inoculación. O programa de Ingenhousz foi desenvolvido primeiro entre xente pobre, co obxectivo de desenvolver unha cepa feble da enfermidade; os pais pobres de Viena eran pagados con ducados por permitir que os seus fillos foran inoculados. A inoculación cunha cepa feble foi levada con éxito na familia imperial e produciu unha maior aceptación pública deste procedemento.[24][25]

A varíola golpeou de novo á familia Mozart na seguinte xeración: o fillo maior de Nannerl, Leopold, e dous dos seus fillastros sufriron a enfermidade durante unha epidemia na zona de Salzburgo en 1787. Os tres nenos sobreviviron.[26]

En 1796, o descubrimento da vacina (o uso do cowpox virus para inmunizar contra a varíola) por Edward Jenner revolucionou a capacidade da medicina para loitar contra a enfermidade. A vacinación chegou a Viena arredor de 1800, cando outra epidemia local propiciou a adopción deste novo descubrimento. Un dos doutores que levaron a cabo a campaña de Viena, chamado Doutrepout, tamén levou despois a vacinación a Salzburgo, cidade natal de Mozart. Segundo Halliwell, "a resistencia popular era feroz" e tanto o goberno como a Igrexa católica (que anteriormente eran detractores desta medida) tomaron medidas severas para promover a vacinación.[27] A primeira vacinación relativa á familia Mozart que se coñece foi a Johanna Berchtold von Sonnenberg, chamada "Jeannette" (17891805), filla menor de Nannerl;[28] que foi vacinada en 1802 durante unha campaña en Salzburgo.[26]

A vacinación supuxo un gran progreso en reducir a incidencia da enfermidade e finalmente foi erradicada en 1979.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O enderezo era Weihburggasse n.º 3; o edificio xa non existe.[11]
  2. A implicación de Leopold valorando máis a supervivencia de Wolfgang en detrimento de Nannerl non é necesariamente correcta; de acordo con Sadie e Zaslaw (2006, 132), os pais "sospeitaban, erroneamente, que Nannerl xa padecera a varíola sendo nena e non corría tanto perigo"; ver tamén Halliwell, p. 125
  3. "O po negro ao que se refire Leopold era pulvis epilecticus niger, que reducía os efectos da febre e eran algo imprescindible na equipaxe da familia"[16]
  4. Carta do 10 de novembro de 1767.[17]
Referencias
  1. Hopkins 2002, p. 62.
  2. Glynn & Glynn 2004, p. 2.
  3. Halliwell 1998, p. 70.
  4. Halliwell 1998, pp. 71–72.
  5. Tradución ao inglés de Jenkins, p. 410, que cita a Anderson.
  6. Hopkins, p. 62 observa que a inoculación era unha práctica moi polémica en París na época da visita de Mozart. O médico de familia italiano Angelo Gatti afirmou en 1761 que en París había "máis folletos a favor e en contra da inoculación que inoculacións".
  7. A fonte principal desta sección é Halliwell, pp. 70–72, que analiza en detalle o dilema de Leopold.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Halliwell 1998, p. 120.
  9. Solomon 1995, pp. 40–42.
  10. Halliwell 1998, p. 122.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Deutsch 1965, p. 77.
  12. Halliwell 1998, p. 123.
  13. 13,0 13,1 Hopkins 2002, p. 63.
  14. Halliwell 1998, p. 124.
  15. Halliwell 1998, pp. 124–125.
  16. Halliwell 1998, p. 294.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Solomon 1995, p. 70.
  18. Zegers 2007, p. 372.
  19. 19,0 19,1 Gutman 1999, p. 233.
  20. Para discusión, ver Solomon, pp. 73–74
  21. Solomon 1995, p. 71.
  22. Deutsch 1965, p. 89.
  23. Deutsch 1965, p. 86.
  24. Halliwell 1998, p. 126.
  25. Glynn & Glynn 2004, pp. 82–83.
  26. 26,0 26,1 Halliwell 1998, p. 573.
  27. Halliwell 1998, p. 617.
  28. Halliwell 1998, p. 685.
  29. "Smallpox: Historical significance" (en inglés). Organización Mundial da Saúde. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2012. Consultado o 21 de setembro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]