Così fan tutte, ossia La scuola degli amanti (en galegoAsí fan todas, ou A escola dos amantes) é a antepenúltima ópera de Wolfgang Amadeus Mozart. Trátase dunha ópera en dous actos con libreto en italiano de Lorenzo da Ponte. Foi estreada no Burgtheater de Viena o 26 de xaneiro de 1790 baixo a batuta do propio compositor. Così Fan Tutte é a terceira e última ópera de Mozart con libreto de da Ponte (as outras dúas colaboracións foran Le nozze di Figaro e Don Giovanni). A composición de ópera foi suxerida polo emperador austríaco Xosé II de Habsburgo, mais recentes investigacións non apoian esta idea.[1] O libreto foi orixinalmente destinado a Antonio Salieri, compositor contemporáneo de Mozart, mais o compositor italiano só escribiu algunhas partes do 1º acto e, de seguida, desistiu no traballo. En 1994, John Rice descubriu dous terzetti de Salieri na Biblioteca Nacional de Austria.[2]
A tradución literal do título é "Así fan todas (as mulleres)", e menos literalmente: "o mesmo fan todas" ou "As mulleres son así". Estas palabras son cantadas polos tres homes cando falan do voluble amor feminino, no segundo acto, cadro III, xusto antes do finale. Da Ponte empregara o verso "Così fan tutte le belle" antes en Le nozze di Figaro (no acto I, escena 7). Algúns viron no título e o argumento da ópera un deixe de misoxinia por parte de Mozart e da Ponte.
Na época de Mozart, a definición das voces era máis xeral: Fiordiligi (soprano), Dorabella (soprano), Guglielmo (baixo), Ferrando (tenor), Despina (soprano), Don Alfonso (baixo).[4]
Ocasionalmente as categorías de voces sinaladas aquí varían na práctica das representacións. Don Alfonso é interpretado con frecuencia por barítonos como Thomas Allen e Bo Skovhus, e Despina é decotío interpretada por unha mezzosoprano, como Cecilia Bartoli, Frederica von Stade ou Agnes Baltsa. A música de Guglielmo queda máis abaixo que a de Alfonso, e de conformidade con iso ten sido representado por baixos como James Morris ou Wladimiro Ganzarolli, e Dorabella é ocasionalmente (aínda que con moita menos frecuencia que as outras dúas circunstancias aquí citadas) interpretada por unha soprano. Ferrando e Fiordiligi, porén, só poden ser cantados por un tenor e unha soprano debido á exixente tesitura alta das súas voces.