Dólar de ouro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de ouro de 1856, da Casa da Moeda de Filadelfia.

O dólar de ouro estadounidense é unha moeda de ouro que formou parte das emisións regulares da Casa da Moeda dos Estados Unidos (US Mint) en todas as súas cecas entre 1849 e 1889. Esta moeda foi deseñada polo gravador xefe da US Mint, James Barton Longacre, e tivo tres tipos durante as súas décadas de produción; o primeiro deles supón a moeda máis pequena de todas as emitidas nos EEUU.

Nas décadas de 1830 e de 1840 propúxose en diversas ocasións a emisión dunha moeda de ouro con valor facial dun dólar, aínda que non chegou a materializarse. Finalmente, o Congreso dos EEUU autorizou esta emisión en 1849 ante o aumento da cantidade de lingotes de ouro producido pola "febre do ouro" de California. Nos seus primeiros momentos, a nova moeda cubriu un espazo baleiro na circulación, dado que os dólares de prata estaban a atesourarse ou a exportarse. No entanto, a prata volveu á circulación a partir de 1853, cando o Congreso determinou unha redución do seu metal, e os dólares de ouro comezaron a ser cada vez máis raros no comercio, ata a súa desaparición da circulación durante a guerra civil estadounidense.

O dólar de ouro non retornou á circulación ata 1879, aínda que non chegou a utilizarse tanto como na primeira época. Nos seus derradeiros anos de produción as cantidades cuñadas foron moi pequenas, o que provocou a especulación, e mesmo pasou a ser demandada para a fabricación de xoias. A súa emisión regular finalizou en 1889 e o ano seguinte o Congreso decidiu formalmente o final da serie.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Na súa proposta de 1791 para o establecemento dunha casa de moeda e para a creación dun sistema monetario, o secretario do Tesouro dos EEUU, Alexander Hamilton, prevía a cuñaxe de moedas dun dólar tanto en prata como en ouro, que eran os dous metais que se propuña que tivesen curso legal.[1] Mais o Congreso seguiu a recomendación de Hamilton unicamente no relativo ás cuñaxes de prata, e inicialmente non se chegou a facer emisión ningunha en ouro.[2]

Cuñaxe privada de 5 dólares de ouro realizada por Christopher Bechtler.

En 1832 cuñouse un primeiro dólar de ouro en Carolina do Norte, no obradoiro privado de Christopher Bechtler, quen tamén cuñou moedas de 2,5 e de 5 dólares. Unha gran parte do ouro producido daquela nos Estados Unidos procedía das zonas montañosas de Carolina do Norte e de Xeorxia, e os dólares cuñados por Bechtler comezaron a circular por esa rexión e, nalgunhas ocasións, en zonas máis afatadas. Nos anos seguintes, tamén cuñou dólares de ouro de xeito privado August Bechtler, o fillo de Christopher.[3][4][5]

Pouco despois de que os Bechtler comezasen a facer as súas emisións privadas, o secretario do Tesouro, Levi Woodbury comezou a defender a idea de que a US Mint uñase moedas oficiais dun dólar de ouro. O daquela director da Casa da Moeda dos EEUU, Robert M. Patterson, no entanto, opúñase, aínda que Woodbury convenceu o presidente Andrew Jackson para producir unhas poucas moedas a modo de proba. En consecuencia, o director Patterson viuse obrigado a encargarlle ao daquela segundo gravador da ceca, Christian Gobrecht, que detivese o traballo que estaba a realizar para o novo dólar de prata e se dedicase ao deseño e á produción das probas do dólar de ouro. Esta primeira proposta de Gobrecht, de 1836, representaba un gorro da liberdade rodeado por raios nunha das súas faces e unha póla de palma disposta en círculo, co valor, a data e o nome do país na outra.[3][6]

Valorouse a posibilidade de incluír o dólar de ouro na reforma das emisións monetarias (Mint Act) de 1837. O xornal de Filadelfia Public Ledger apoiou o dólar de ouro baseándose no seu pequeno tamaño, que o faría máis manexable que o seu equivalente de prata.[7] No entanto, logo da comparecencia do director Patterson ante un comité do Congreso, a disposición que autorizaba a creación do dólar de ouro foi eliminada do proxecto de lei.[8]

Proceso de aprobación[editar | editar a fonte]

Robert M. Patterson, director da US Mint entre 1835 e 1851.

En xaneiro de 1844, o representante de Carolina do Norte James Iver McKay, presidente do Comité de Medios e Arbitrios, solicitou a opinión do director Patterson acerca do dólar de ouro. Patterson ordenou a cuñaxe de máis exemplares do modelo presentado por Gobrecht para llos amosar aos membros do comité e, novamente, desaconsellou a produción regular da moeda, por mor do seu reducido tamaño (soamente 13 milímetros). Patterson indicoulle ao secretario do Tesouro, John C. Spencer, que as únicas moedas de ouro dun tamaño similar que estaban en circulación, as de medio escudo españolas e colombianas, non gozaban de popularidade e xa non estiveran en produción nos últimos vinte anos. Este ditame pareceu convencer o comité, xa que non fixo nada máis polo momento e, cando a idea da creación do dólar de ouro se retomou en 1846, o comité presidido por McKay recomendou non cuñar esta moeda.[9]

Xa antes de 1848, chegaran ás cecas estadounidenses grandes cantidades de ouro para seren cuñadas, e o xurdimento da febre do ouro en California acrecentou enormemente estas cantidades.[10] Tal situación fixo que se renovase a petición de cuñar moedas dun dólar de ouro, así como algún valor superior aos 10 dólares, que era a única moeda dese metal que se estaba a producir. En xaneiro de 1849, McKay presentou un proxecto de lei para o dólar de ouro, que lle foi remitida ao seu comité. Na prensa do momento discutiuse moito acerca da nova proposta; un xornal publicou unha proposta de dólar de ouro de forma anular, é dicir, cun gran orificio central, para aumentar o seu pequeno diámetro mantendo o seu peso legal. McKay modificou a súa lexislación para prever unha nova moeda de ouro de 20 dólares e escribiulle a Patterson, quen lle contestou que o dólar de ouro anular non tería éxito.[11] Non obstante, o sucesor de Gobrecht como gravador xefe da US Mint, James B. Longacre, preparou novas probas, algunhas das cales incluían un orificio cadrado no medio.[12]

McKay conseguiu que o seu colega demócrata, o senador por New Hampshire Charles Atherton, presidente do Comité de Finanzas do Senado, presentase nesta cámara un proxecto de lei para autorizar o dólar de ouro e a moeda de 20 dólares o 1 de febreiro de 1849. McKay presentou unha versión no Senado o 20 de febreiro e os debates comezaron ese mesmo día. A idea da creación do novo dólar foi atacada polos representantes do partido Whig, daquela minoría na cámara, aducindo que sería demasiado pequeno, que se falsificaría e que se podería confundir coa xa existente moeda de 10 centavos, dun tamaño similar. A postura de McKay foi a de que, se non se vía unha clara reclamación popular deste novo valor en ouro, non se lle solicitaría á casa da moeda e non se cuñaría.[11]

O representante de Pensilvania Joseph Ingersoll, do partido Whig, amosouse contrario ao proxecto de lei, sinalando que Patterson se opuña aos novos valores en ouro (un e vinte dólares) e que a idea fora xa rexeitada en numerosas ocasións. Outro representante do partido Whig, Charles Hudson, de Massachusetts, indicou que Patterson enviara ao seu comité unha proba verdadeira do dólar de ouro e outra falsa e que a maioría dos membros do comité foran incapaces de apreciar a diferenza. McKay non respondeu a estes comentarios, pero outros si que o fixeron, como o congresista por Nova York Henry Nicoll, quen asegurou á cámara que as acusacións de falsificación eran moi esaxeradas. A cuestión era, segundo indicou, que as moedas de ouro de 20 dólares e dun dólar eran requiridas pola poboación e, no caso desta última, podía contribuír a que o diñeiro circulase en cantidades pequenas nos lugares onde non se aceptaba o papel moeda. O representante de Connecticut John A. Rockwell, do partido Whig, tratou de presentar o proxecto de lei, mais a súa moción foi rexeitada. Finalmente, o proxecto atopou unha oposición mínima no Senado e converteuse en lei o 3 de marzo de 1849.[13]

Preparación[editar | editar a fonte]

Autorretrato de James Barton Longacre, gravador xefe da US Mint, deseñador e gravador do dólar de ouro.

Os funcionarios da Casa da Moeda, entre eles o cuñador xefe, Franklin Peale, eran na súa maior parte familiares e amigos do director Patterson. O único que non tiña ligazón ningunha con el era o gravador xefe, James B. Longacre,[14] que sucedera neste posto a Gobrecht (falecido en 1844). Longacre, un antigo gravador de pranchas de cobre, fora nomeado no seu posto grazas á influencia política do senador por Carolina do Sur John C. Calhoun.[15]

Cando Longacre comezou a traballar nos deseños das novas moedas en 1849, non tiña axudante ningún. O ano seguinte, Longacre escribiu que fora informado por un empregado da ceca de que un dos seus altos funcionarios (sen dúbida Peale) planeaba socavar a súa posición como gravador xefe para facer que os traballos de deseño e de preparación dos cuños se subcontratasen fóra da casa da moeda. En consecuencia, Longacre informou o director Patterson de que estaba disposto a comezar a facer estes traballos inmediatamente; este amosouse conforme e, logo de ver un modelo da cabeza deseñada para o anverso do dólar de ouro, autorizou a Longacre para que comezase a produción dos cuños. Segundo Longacre:[16]

O gravado foi infrecuentemente minucioso e requiriu un traballo moi detallado e incesante durante varias semanas. Fixen os "cuños orixinais" e os "cubos" para facer os cuños de traballo dúas veces, para asegurar a súa perfecta adaptación á maquinaria de cuñaxe. Tiña o desexo de realizar este traballo cunha soa man, para poder responder silenciosamente aos que puxeran en dúbida a miña capacidade para o traballo. O resultado, creo, foi satisfactorio.

Deseños[editar | editar a fonte]

Deseño orixinal (dólar tipo 1)[editar | editar a fonte]

Tipo 1 [17]
Cabeza coroada da Liberdade. Arredor: 13 estrelas de seis puntas. Valor facial e data dentro de coroa. Arredor: UNITED STATES OF AMERICA
· Datas: 1849-1954

· Cecas: Filadelfia, Charlotte, Dahlonega, N. Orl., S. Fco.

· Gravador: J. B. Longacre.

· Aliaxe: ouro (90 %) e cobre (10 %).

· Diámetro: 13 mm.

· Peso: 1,672 g.

· Canto: estriado.

A primeira versión da moeda dun dólar, que se produciu entre 1849 e 1854 (coñecida como "tipo 1"), representa nos seus anversos a cabeza dunha personificación da Liberdade, co cabelo recollido nun moño, ollando cara á esquerda e cunha pequena coroa ou tiara coa inscrición LIBERTY. A cabeza está rodeada por trece estrelas que representan os estados orixinais da Unión. Nos seus reversos aparece a data de emisión e o valor facial dentro dunha coroa, coa inscrición UNITED STATES OF AMERICA preto do bordo.[18]

Os rexistros das cuñaxes indican que os primeiros dólares foron cuñados o día 7 de maio de 1849: Porén, os apuntamentos no diario de Longacre apuntan ao día seguinte. En calquera caso, o primeiro día cuñouse unha pequena cantidade de pezas cun tratamento especial (proof), xunto con aproximadamente un milleiro destinadas á circulación.[19][20]

Hai ata cinco variantes apreciables nos cuños deste primeiro dólar de 1849 (tipo 1) saído da Casa da Moeda de Filadelfia, producidas á medida que Longacre ía afinando os cuños logo das primeiras cuñaxes. O Departamento de Gravado, dirixido por Longacre, enviou cuños coas súas respectivas marcas de ceca ás respectivas casas de moeda sucursais da de Filadelfia: Charlotte (marca C), Dahlonega (D) e Nova Orleáns (O). Dos dólares de ouro cuñados nestas sucursais en 1849, só existen variantes nos exemplares cuñados en Charlotte (1849-C): os máis habituais amosan a "coroa pechada" e coñécense cinco espécimes coa "coroa aberta" (un deles, nunha conservación excelente, adxudicouse en poxa pública en 2004 en 690.000 dólares,[21] o que supuxo un récord para os dólares de ouro que se mantivo, polo menos, ata 2013).[22] Todas as moedas cuñadas a partir de 1850 son do tipo "coroa pechada".[23]

O acollemento deste primeiro modelo da moeda dun dólar de ouro foi moi favorable. O xornal New York Weekly Tribune do 19 de maio de 1849 describiu o novo dólar como "sen dúbida, a moeda máis limpa, pequena e lixeira deste país [...] demasiado delicada e fermosa para pagar as patacas, o chucrut e o porco salgado. Oberón podería terlle pagado ao seu servente con ela por traer a flor de embruxou a Titania".[24] En Willis' Bank Note List afirmábase que "non hai probabilidade ningunha de que cheguen á circulación xeral; son demasiado pequenos". O North Carolina Standard amosaba o seu desexo de que tamén se cuñasen na Casa da Moeda de Charlotte e que circulasen localmente, para eliminar o problema dos billetes de valores pequenos procedentes de fóra daquel Estado.[25] O numismático Quentin David Bowers sinala que a cabeza da Liberdade deste dólar tipo 1 é unha versión reducida da moeda de 20 dólares e opina que "un dólar de ouro nun bo estado de conservación é algo fermoso de contemplar".[26]

Variantes do dólar de 1849
Coroa aberta
Coroa pechada

O continuo fluxo de ouro desde California fixo que a prata se encarecese en relación con el, co que os dólares de prata comezaron a saír do país en 1849, para seren fundidos. Esta exportación incrementouse aínda máis os anos seguintes, á medida que o prezo da prata ía subindo. En 1853, mil dólares en prata contiñan metal precioso por valor de 1.042 dólares. Ao saíren da circulación as moedas de prata, o dólar de ouro pasou a ser a única moeda federal en circulación entre a dun centavo (de bronce) e os 2,5 dólares (de ouro); isto motivou que fose cuñada en grandes cantidades e que circulase con grande amplitude. Segundo Bowers, "o período entre 1850 e 1853 foi o punto álxido do dólar de ouro, os anos de gloria deste valor, cando as pequenas moedas de ouro pasaron a ocupar o lugar dos medios dólares e dos dólares de prata nas transaccións cotiás".[27] Esta época chegou á súa fin en 1853, cando o Congreso aprobou unha lei que reducía o peso da maioría das moedas de prata, o que permitiría a libre circulación das posteriores emisións.[28]

Xa en 1851 o congresista de Nova York William Duer alegara que Patterson creara un dólar de ouro cun diámetro demasiado pequeno a propósito para provocar críticas. Patterson retirouse ese ano logo de 16 anos no seu cargo, e foi baixo o seu sucesor, George N. Eckert, cando se cuñaron novas probas de forma anular de moedas dun dólar e de medio dólar de ouro. O Public Ledger informou de que, aínda que os dólares de ouro non se cuñarían en forma de aro, si que o farían as futuras moedas de medio dólar. Coa nova Administración de Pierce, Thomas M. Pettit asumiu o cargo de novo director da Casa da Moeda dos Estados Unidos o 31 de marzo de 1853.[29]

Proba de dólar de ouro de forma anular (1842).[30]

En abril, o secretario do Tesouro, James Guthrie, escribiulle a Pettit e comunicoulle que había queixas polo tamaño excesivamente pequeno da moeda dun dólar de ouro, que con frecuencia se perdía ou se confundía con outras moedas, e preguntoulle sobre os informes que falaban de ensaios de moedas de forma anular na casa da moeda. Pettit respondeulle dicíndolle que non se conservara ningún destes ensaios, mais xuntou unha peza de prata de tamaño equivalente. Indicou que, malia existiren dificultades técnicas para a produción do dólar de forma anular, estas poderían arranxarse. Nunha carta datada o 10 de maio, Pettit propuxera a creación dunha moeda perforada de forma ovalada, ou ben unha moeda de forma angular, o que diminuiría os problemas de produción. Pettit morreu de súpeto o 31 de maio; Guthrie non deixou caer a emisión, mais consultou sobre esta cuestión o substituto de Pettit na dirección da ceca, James Ross Snowden, o 7 de xuño. Como as moedas dos EEUU deberían, por lei, levar algún motivo alusivo á liberdade, o secretario esperaba que se puidesen atopar arestas para introducir algún deseño deste tipo nunha moeda con deseño anular.[29]

Un pequeno cambio introducido no modelo durante a produción deste primeiro modelo foi a inclusión da inicial "L" de Longacre no truncamento do pescozo da Liberdade, no anverso,[31] a primeira vez que unha moeda estadounidense producida a grande escala para a circulación amosa a identificación do seu creador.[32]

No derradeiro ano de produción deste primeiro tipo (1854) o dólar de ouro comezou a cuñarse tamén na Casa da Moeda de San Francisco.[33]

O dólar tipo 2 e tipo 3[editar | editar a fonte]

Tipo 2 [34]
Cabeza (pequena) da Liberdade representada como princesa india con toucado. Arredor: UNITED STATES OF AMERICA Valor facial e data dentro de coroa de loureiro.
· Datas: 1854-1956

· Cecas: Filadelfia, Charlotte, Dahlonega, N. Orl., S. Fco.

· Gravador: J. B. Longacre.

· Aliaxe: ouro (90 %) e cobre (10 %).

· Diámetro: 15 mm.

· Peso: 1,672 g.

· Canto: estriado.

A Lei do 21 de febreiro de 1853, pola que se alixeiraban as moedas de prata, tamén autorizaba a creación dunha moeda de ouro de tres dólares, que comezou a producirse en 1854. Para que esta nova peza non se confundise con outras moedas de ouro fíxose máis delgada e cun diámetro superior ás demais, e Longacre púxolle como elemento distintivo a cabeza dunha princesa india como motivo principal dos anversos. Longacre adaptou tanto a técnica como o deseño para o dólar de ouro, para o facer máis ancho e delgado. Entón proxectouse tamén tomar unha adaptación desta cabeza india para os anversos das moedas dun dólar, xunto cunha coroa vexetal nos reversos. A idea destes cambios fora defendida Por Pettit no Congreso, mais o desexo do secretario do Tesouro, Guthrie, de facer unha moeda anular freou este proxecto.[20][35] En maio de 1854, Snowden envioulle a Guthrie unha carta na que lle manifestaba que as dificultades técnicas para a cuñaxe dunha moeda anular eran moi salientables.[36]

Tipo 3 [34]
Cabeza (grande) da Liberdade representada como princesa india con toucado. Arredor: UNITED STATES OF AMERICA Valor facial e data dentro de coroa de loureiro.
· Datas: 1856-1889

· Cecas: Filadelfia, Charlotte, Dahlonega, N. Orl., S. Fco.

· Gravador: J. B. Longacre.

· Aliaxe: ouro (90 %) e cobre (10 %).

· Diámetro: 15 mm.

· Peso: 1,672 g.

· Canto: estriado.

Este novo tipo de dólar de ouro (tipo 2) amosou axiña ter importantes carencias na súa cuñaxe. As casas de moeda que se ocupaban da súa produción (sinaladamente as do Sur) tiveron dificultades para a cuñar de xeito que se apreciasen todos os seus detalles, por mor do altorrelevo do seu deseño. Moitas destas moedas do tipo 2 pasaron a estar ilexibles en pouco tempo e foron enviadas novamente a Filadelfia para a súa fundición e a súa recuñaxe.[37] Na maioría dos espécimes que se conservan, o "85" da data non amosa todos os seus detalles.[38] O tipo 2 só se cuñou na Ceca de Filadelfia en 1854 e 1855, nas tres cecas do Sur neste último ano e en San Francisco en 1956, antes de que se decidise a modificación do deseño.[37]

Para arranxar os problemas introducíronse cambios en 1956 que deron lugar ao que coñecemos como tipo 3. Longacre agrandou a cabeza do anverso, converténdoa nunha versión reducida da que figuraba na moeda de tres dólares, e trasladou as letras desta face a unha posición máis próxima ao bordo. Isto provocou tanto a fluidez do metal como a nitidez do deseño. Canto aos reversos, estes non sufriron modificación ningunha con respecto aos do tipo 1.[36][38]

Os novos deseños[editar | editar a fonte]

Tanto os dólares do tipo 2 como os do tipo 3, xa que logo, amosan nos anversos a cabeza da Liberdade representada como unha princesa nativa americana, cun extravagante toucado de plumas no cabelo que non se corresponde con ningún dos coñecidos utilizadas polas tribos norteamericanas. Trátase dunha das numerosas versións que Longacre creou da Afrodita en crequenas, unha escultura clásica que daquela se expuña no Museo de Filadelfia. Para os reversos, Longacre adoptou a "coroa agrícola" que el mesmo creara para o reverso da peza de tres dólares, composta por algodón, millo, tabaco e trigo, mesturando os produtos típicos do Norte e do Sur. Esta coroa aparecería máis tarde, na década de 1850, na moeda dun centavo coñecida como Flying Eagle.[37][39]

O historiador da arte Cornelius Vermeule criticou o deseño da princesa nativa de Longacre, nos seguintes termos: "a 'princesa' das moedas de ouro é unha versión elegante dun gravador de billetes da arte folk da década de 1850; as plumas ou penachos parécense máis á cimeira do helmo do Príncipe de Gales que a calquera outra cousa vista nas fronteiras de Occidente, agás, quizais, unha beleza de music-hall".[39]

Os anos da guerra[editar | editar a fonte]

Dólar de ouro de 1861, da ceca de Dahlonega (marca: D).

O dólar de ouro seguiu a emitirse ata finais da década de 1850, aínda que a cuñaxe diminuíu moito con respecto aos dous millóns ou máis anuais entre 1850 e 1854. En 1860 soamente se produciron 51.000 destas moedas, máis de dous terzos destes na Ceca de Filadelfia, algo menos dun terzo en San Francisco e 1.566 en Dahlonega.[40] Destas últimas coñécese aproximadamente un cento de exemplares unicamente, o que constitúe unha das rarezas da ceca de Dahlonega dentro desta serie.[41]

Outra das grandes rarezas desta ceca é o dólar de 1861-D, cunha cantidade cuñada de 1.000 espécimes, dos que se coñecen arredor de 50.[42] O 10 de decembro de 1860 enviáronse dous pares de cuños desde Filadelfia a Dahlonega e chegaron alí o 7 de xaneiro de 1861, dúas semanas antes de que Xeorxia votase a favor da secesión da Unión, ao comezo da guerra civil estadounidense.[43] Baixo as ordes do gobernador Joseph E. Brown, a milicia estatal fíxose cargo da seguridade da ceca, e sábese que nalgún momento se cuñaron pequenas cantidades de dólares de ouro, aínda que non se conservan rexistros que testemuñen as cantidades producidas nin o seu momento exacto. Como os cuños fenden co tempo e todas as cecas se abastecían deles desde a de Filadelfia, a actividade de cuñaxe non puido continuar e, en maio de 1961, as moedas e as subministracións que quedaban en Dahlonega foron entregadas ao Tesouro dos Estados Confederados de América, aos que Xeorxia se unira daquela. As moedas de ouro, cun valor nominal superior ao seu valor facial, apartáronse para o seu ensaio. Normalmente teríanse enviado a Filadelfia á espera de que tivese lugar a xuntanza da Comisión de Ensaios dos EEUU o ano seguinte, cando estarían dispoñibles para o seu ensaio. No canto disto, enviáronse á capital confederada inicial, Montgomery, en Alabama, aínda que se descoñece que se fixo alí con estas moedas. Pola súa rareza, o dólar de Dahlonega de 1861 é particularmente apreciado.[44]

Dahlonega, do mesmo xeito que as outras dúas cecas do Sur, cesou a súa actividade logo das cuñaxes de 1861. Estas cecas e a de Charlotte non se reabriron nunca; a Ceca de Nova Orleáns realizou cuñaxes novamente entre 1879 e 1909,[45] aínda que non retomou a produción de dólares de ouro. Despois de 1861, as únicas emisións de dólares de ouro fóra da sede central de Filadelfia producíronse na Casa da Moeda de San Francisco, en 1870.[46]

O estoupido da guerra civil supuxo un cuestionamento da confianza da poboación na Unión, polo que comezaron a producirse acumulacións de moedas de ouro e de prata. A finais de decembro de 1861, primeiro os bancos e despois o Departamento do Tesouro federal deixaron de pagar o ouro ao seu valor nominal. A mediados de 1862 todas as moedas federais, mesmo o centavo de metal común, desapareceran da circulación en grandes zonas do país, coa excepción do Vello Oeste, onde só se aceptaban os pagamentos en ouro e en prata, e o papel moeda se negociaba con desconto. No resto do país, as moedas de ouro e de prata podían adquirirse nos bancos, en axencias de cambio e no Tesouro, a cambio dunha prima nos novos billetes verdes que o Goberno comezou a emitir para encher o baleiro de circulante que había no comercio e para financiar a guerra.[47]

Derradeiros anos, cesamento e coleccionismo[editar | editar a fonte]

Dólar de ouro de 1888, da ceca de Filadelfia, penúltima data de cuñación.

Dado que o ouro non circulaba nos Estados Unidos na posguerra (coa excepción do Oeste), unha gran parte das cuñaxes neste metal eran moedas de 20 dólares, que se dedicaban á exportación.[48] Consecuentemente, aínda que en 1862 se cuñaron 1.361.355 dólares de ouro (a derradeira vez que se superou o millón de espécimes), a tiraxe reduciuse a soamente 6.200 en 1863 e seguiu a ser moi baixa durante o resto da existencia desta moeda, coa excepción de 1873 e de 1874. A Casa da Moeda dos EEUU considerou inadecuado suspender a emisión do dólar de ouro, dado que fora autorizada polo Congreso, e emitiu pequenas tiraxes de proba cun acabamento especial (proof), dedicadas ao coleccionismo numismático, xunto con algunhas tamén destinadas á circulación, para que as primeiras non resultasen moi caras. En 1873 e en 1874, os vellos e desgastados dólares de ouro que posuía o Goberno fundíronse e volvéronse cuñar, o que xerou novamente tiraxes importantes desta moeda. Isto levouse a cabo en previsión de que se retomasen os pagamentos en especie, o que non se produciu ata 1878. Despois de que a moeda volveu circular ao seu valor facial, o dólar de ouro non atopou un lugar no comercio no medio de grandes cantidades de moedas de prata, algunhas das cales estiveran ata entón atesouradas pola poboación e outras acabadas de cuñar na casa da moeda.[49][50] O Goberno esperaba que o rexurdimento dos pagamentos en especie faría circular novamente o dólar e as demais moedas de ouro de valores pequenos, mais a poboación, á que se lle permitía trocar o papel moeda, seguiu utilizando este por consideralo máis conveniente que as moedas.[51]

Nas décadas de 1870 e de 1880 medrou o interese da poboación cara aos dólares de ouro, cuxas tiraxes eran moi baixas. O coleccionismo de moedas fixérase moi popular e tanto numismáticos como investidores reservaban exemplares desta moeda á espera de que aumentase o seu valor no mercado. O máis probable é que a casa da moeda canalizase a distribución desta moeda a través de comerciantes de Filadelfia, aínda que tamén se podían adquirir na propia ceca por un prezo de 1,25 dólares. Os bancos tamén cargaban unha prima polas moedas en circulación. O dólar de ouro fíxose moi popular na xoiaría, montado en artigos diversos, e con este fin exportáronse adoito a países como a China ou Xapón. As moedas sufrían danos neste proceso e a casa da moeda non participaba neste tipo de comercio, senón que máis ben trataba de obstaculizalo. A cuñaxe con acabamento especial (proof) superou o milleiro de exemplares en 1884 e mantívose por riba desa marca durante o mantemento da produción da serie.[52] Outro uso habitual do dólar de ouro nesta época era como agasallo de Nadal.[53]

James Pollock, no seu derradeiro informe como director da Casa da Moeda dos EEUU en 1873, avogou por limitar a cuñaxe de dólares de ouro á cantidade exacta que se solicitara especificamente por adiantado: "o dólar de ouro non é unha moeda conveniente, por mor do seu pequeno tamaño, e sofre máis o desgaste en comparación con outras moedas".[54] Os seus sucesores pediron que cesase a súa produción e James P. Kimball, antes de deixar o cargo en 1889, escribiu ao Congreso: "agás como xoia, atopouse escaso uso práctico para esta moeda".[55] Ese mesmo ano, o novo director, Edward O. Leech, emitiu un informe no que afirmaba que o dólar de ouro era "demasiado pequeno para a circulación utilizado case exclusivamente con fins ornamentais.[55] O derradeiro ano en que esta moeda saíu das prensas foi 1889.[50]

Mediante a Lei do 26 de setembro de 1890, o Congreso aboliu o dólar de ouro, xunto coa moeda de tres centavos de níquel e a de tres dólares de ouro.[56]

Segundo un anuncio publicado no número de febreiro de 1899 da revista The Numismatist, os dólares de ouro custaban daquela 1,80 euros cada un e seguían a ser demandados como agasallo de aniversario e para o seu uso en xoiaría. A mesma publicación en 1905 publicou a noticia dun cliente que depositou 100 dólares de ouro nun banco e o caixeiro, consciente do valor, aboou na conta 1,60 dólares por moeda. En 1908, un comerciante ofrecía dous dólares por unidade.[57]

Ao se xeneralizar o coleccionismo numismático nos Estados Unidos a principios do século XX, os dólares de ouro constituíron un obxecto popular de colección, un status que aínda seguen a conservar.[58] A edición de 2014 do catálogo A Guide Book of United States Coins, de R. S. Yeoman, valora as máis comúns destas moedas (as de Filadelfia do tipo 1, cuñadas entre 1849 e 1853), nun estado de conservación medio, en 300 dólares.[59]

Exemplares cuñados[editar | editar a fonte]

Estas son as cantidades cuñadas de dólares de ouro de cada un dos tres tipos e en cada ceca nas que esta moeda se produciu:[60]

Filadelfia Charlotte Dahlonega Nova Orleáns San Francisco
Tipo 1 [17] 11.465.107 80.816 55.730 949.000 14.632
Tipo 2 [34] 1.661.022 9.803 1.811 55.000 24.600
Tipo 3 [34] 5.263.164 18.515 29.976 51.000

Dólares de ouro conmemorativos[editar | editar a fonte]

O dólar de ouro tivo unha breve resurrección no período de florecemento das primeiras emisións conmemorativas dos Estados Unidos. Entre 1903 e 1922 producíronse varias emisións, cunha tiraxe total de 99.799 exemplares, en ningún caso seguindo os clásicos deseños de Longacre. Todas elas conmemoraban grandes eventos públicos e exposicións internacionais, e non estiveron destinadas á circulación.[61]

O dólar de ouro Sacagawea[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dólar Sacagawea.

En 1999, a Casa da Moeda de Filadelfia cuñou 39 moedas da popular serie do dólar Sacagawea (con data 2000 e marca de ceca "W", correspondente á Casa da Moeda de West Point) en ouro de 22 quilates.[72] O obxectivo da casa da moeda era vender estas moedas aos coleccionistas, mais este plan tivo que deterse logo de que o Congreso cuestionase a autoridade da ceca pública para cuñar eses dólares cunha aliaxe diferente da autorizada (88,5% Cu, 6% Zn, 3,5% Mn e 2% Ni).[73][74] Vinte e sete destas moedas foron destruídas ao pouco de seren cuñadas e as doce restantes voaron no transbordador espacial Columbia durante a misión STS-93.[75] Posteriormente, estas moedas foron expostas en diferentes actos privados, antes de seren trasladadas ao depósito de metais preciosos dos Estados Unidos en Fort Knox, en Kentucky.[76][77]

Estas moedas foron tamén obxecto dunha exposición pública por primeira vez na Feira Mundial do Diñeiro organizada pola American Numismatic Association en Milwakee, Wisconsin, en 2007, despois do cal foron devoltas a Fort Knox.[78]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Taxay, Don (1983). Páxina 50.
  2. Taxay, Don (1983). Páxina 66.
  3. 3,0 3,1 Bowers, Q. D. (2011). Páxina 1.
  4. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 377-378.
  5. "North Carolina Gold and Christopher Bechtler’s Private Mint". Blue Ridge National Heritage Area (https://blueridgeheritagetrail.com)
  6. "1 Dollar "Gold Dollar" Pattern". Numista.com
  7. Taxay, Don (1983). Páxinas 200-201.
  8. Taxay, Don (1983). Páxina 200.
  9. Taxay, Don (1983). Páxina 201.
  10. Bowers, Q. D. (2001). Páxina 77.
  11. 11,0 11,1 Taxay, Don (1983). Páxina 203.
  12. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 3.
  13. Taxay, Don (1983). Páxina 204.
  14. Taxay, Don (1983). Páxinas 205-206.
  15. Bowers, Q. D. (2006). Páxina 56.
  16. Taxay, Don (1983). Páxina 206.
  17. 17,0 17,1 "1 Dollar "Liberty Head" Type 1". Numista.com
  18. Bowers, Q. D. (2004). Páxina 25.
  19. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 4.
  20. 20,0 20,1 Breen, W. (1988). Páxina 476.
  21. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 62-75.
  22. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 427-428.
  23. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 240.
  24. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 4-5.
  25. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 5.
  26. Bowers, Q. D. (2011). Páxina viii.
  27. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 5-6.
  28. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 6.
  29. 29,0 29,1 Taxay, Don (1983). Páxinas 209-210.
  30. "1 Dollar "1852 Gold Dollar" Pattern; gold". Numista.com
  31. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 63-64.
  32. Snow, R. (2009). Páxina 223.
  33. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 241.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 "1 Dollar "Large Indian Head" Type 3". Numista.com
  35. Taxay, Don (1983). Páxinas 210-211.
  36. 36,0 36,1 Taxay, Don (1983). Páxina 211.
  37. 37,0 37,1 37,2 Breen, W. (1988). Páxina 479.
  38. 38,0 38,1 Bowers, Q. D. (2011). Páxina 7.
  39. 39,0 39,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 55.
  40. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 241-242.
  41. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 170.
  42. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 176.
  43. Breen, W. (1988). Páxina 482.
  44. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 13, 177.
  45. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 12-14.
  46. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 242.
  47. Taxay, Don (1983). Páxina 227, 231.
  48. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 7-8.
  49. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 7-9, 214, 222.
  50. 50,0 50,1 Yeoman, R. S. (2013). Páxina 242.
  51. Bowers, Q. D. (2001). Páxinas 90-91.
  52. Bowers, Q. D. (2011). Páxinas 8, 21.
  53. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 25.
  54. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 221.
  55. 55,0 55,1 Bowers, Q. D. (2011). Páxina 9.
  56. Taxay, Don (1983). Páxinas 387-389.
  57. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 26.
  58. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 28-31.
  59. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 240-242.
  60. Bowers, Q. D. (2011). Páxina 10.
  61. "Commemorative Coins from 1892-1954". United States Mint.
  62. "1 Dollar Thomas Jefferson". Numista.com
  63. "Louisiana Purchase Exposition Gold Dollar (Jefferson)". United States Mint.
  64. "1 Dollar Lewis and Clark". Numista.com
  65. "Lewis and Clark Exposition Gold Dollar". United States Mint.
  66. "1 Dollar Panama–Pacific Exposition". Numista.com
  67. "Panama-Pacific Exposition Gold Dollar". United States Mint.
  68. "1 Dollar McKinley Birthplace Memorial". Numista.com
  69. "McKinley Memorial Gold Dollar". United States Mint.
  70. "1 Dollar Grant Memorial". Numista.com
  71. "Grant Memorial Gold Dollar". United States Mint.
  72. Hernandez, J. (2011). "22kt Gold Proof Sacagawea Dollars". En Professional Coin Grading Service. 15 de agosto.
  73. Gilkes, Paul (2010). "Special 2000-W Sacagawea Dollars Travel on Space Shuttle". En Coin World. 8 de marzo. Nº 122.
  74. "Coin Specifications". United States Mint.
  75. "US Mint to show unseen gold space coins". www.collectspace.com
  76. "United States Mint Displays Never–Before–Seen Gold Space Coins in Milwaukee". United States Mint. 10 de agosto de 2007.
  77. "2000-W 22-karat Gold Proof Sacagawea Dollar". www.smalldollars.com
  78. "United States Mint Displays Never–Before–Seen Gold Space Coins in Milwaukee". United States Mint. 10 de agosto de 2007.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]