Saltar ao contido

Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Depósito de Metais Preciosos
dos Estados Unidos
United States Bullion Depository
Fort Knox Bullion Depository


Logotipo do
Departamento do Tesouro



Edificio do
Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos


TipoUnidade do Departamento do Tesouro
Fundación1936
FundadorGoberno dos Estados Unidos.
IndustriaDepósito de metais preciosos e obxectos históricos e valiosos.
editar datos en Wikidata ]
Edificio de Fort Knox
Presentación
Localización Fort Knox, Kentucky
Estados Unidos de América Estados Unidos
Coordenadas37°52′59.88″N 85°57′55.08″O / 37.8833000, -85.9653000
EstruturaFormigón revestido de aceiro.
EstiloArt Déco.
PropietarioGoberno dos Estados Unidos.
DeclaraciónRexistro Nacional de Lugares Históricos Nº 88000056 (18 de febreiro de 1988.)[1]
Construción
Data da construción1936
Dimensións
Altura13 m.
Lonxitude32 m.
Pisos2.
Superficie17 hectáreas.
Equipo
Arquitecto(s)Louis A. Simon.
Enxeñeiro de servizosNeal A. Melick.
ContratistaGreat Lakes Construction

O Depósito de Metais Pramieciosos dos Estados Unidos (en inglés: United States Bullion Depository), coñecido tamén como Fort Knox, é un edificio acoirazado e fortificado situado xunto ao posto do Exército dos Estados Unidos de Fort Knox, Kentucky. Está xestionado polo Departamento do Tesouro estadounidense e funciona como unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos. A cámara acoirazada utilízase para almacenar unha gran parte das reservas de ouro do país, así como outros obxectos de particular valor económico ou histórico que pertencen ao Goberno federal ou están baixo a súa custodia. O edificio alberga aproximadamente 147 millóns de onzas troy (4.580 toneladas métricas) de lingotes e barras de ouro, algo máis da metade do total deste metal posuído polo Goberno federal.[2] A Policía da Casa da Moeda dos Estados Unidos protexe o depósito.

O Tesouro construíu estas instalacións en 1936 nuns terreos que lle transferiu o Exército. O seu propósito era albergar o ouro que ata daquela se estaba a almacenar en Nova York e na Casa da Moeda de Filadelfia, no marco dunha estratexia para arredar as reservas de ouro das cidades costeiras e situalas en zonas menos vulnerables a ataques militares estranxeiros. A primeira serie de envíos de ouro ao depósito produciuse durante o primeiro semestre de 1937, e en 1941 completouse unha segunda serie. Estes envíos, supervisados polo Servizo Postal dos Estados Unidos, totalizaron aproximadamente 417 millóns de onzas troy (12.960 toneladas), case dous terzos do total das reservas de ouro dos Estados Unidos.

Durante a segunda guerra mundial gardáronse na súa cámara acoirazada, para a súa protección, a Constitución orixinal asinada dos Estados Unidos, a Declaración de Independencia, os Artigos da Confederación, o segundo discurso inaugural de Abraham Lincoln e borradores do Discurso de Gettysburg de Lincoln, así como un exemplar da Biblia de Gutenberg e outro da Carta Magna. Despois da guerra, o depósito albergou tamén a Coroa de Santo Estevo, así como reservas de opio e morfina. A cámara garda tamén algunhas rarezas numismáticas como dez exemplares da mítica moeda de ouro de 20 dólares de 1933, un espécime do centavo de aluminio de 1974 e os doce exemplares cuñados en ouro do dólar Sacagawea que voaron no transbordador espacial Columbia en 1999.

O depósito é unha instalación extremadamente segura. Entre o seu perímetro cercado e a estrutura de formigón revestida de granito esténdense aneis de arame de espiño. O recinto está vixiado por cámaras de vídeo de visión nocturna de alta resolución e micrófonos. A cámara subterránea está feita de placas de aceiro, trabes con perfil dobre T e cilindros revestidos de formigón. A súa porta, resistente aos sopretes e aos trades, ten un grosor de 53 centímetros e pesa 18 toneladas. A porta da cámara acoirazada ten unha pechadura temporizada de 100 horas e só poden abrila os membros do persoal do depósito, que deben marcar combinacións independentes. Non se permite a entrada de visitantes. O seu nivel de seguridade é tal que nos Estados Unidos se fixo popular a expresión As safe as Fort Knox ("Tan seguro coma Fort Nox").

O edificio foi incluído no Rexistro Nacional de Lugares Históricos dos Estados Unidos en 1988 pola súa condición de "monumento ben coñecido ao que se fai referencia con frecuencia en contextos reais e ficticios" e a súa "importancia excepcional" na "historia económica da nación". Está situado na intersección entre Bullion Boulevard e Gold Vault Road, en Fort Knox.[3]

Planificación e finalización

[editar | editar a fonte]
Placa nos xardíns do edificio de Fort Knox.

En xuño de 1935, o Tesouro dos Estados Unidos anunciou a súa intención de construír o antes posible un depósito de ouro nos terreos de uso militar de Fort Knox, en Kentucky. O seu propósito era almacenar o ouro que daquela se gardaba na Oficina de Ensaios de Nova York e na Casa da Moeda de Filadelfia. Esta intención estaba en consonancia cunha política previamente anunciada de arredar as reservas de ouro das cidades costeiras e situalas en zonas menos vulnerables a unha hipotética invasión militar estranxeira. Esta política xa supuxera o envío de case 85,7 millóns de onzas troy (2.666 toneladas) de ouro da Casa da Moeda de San Francisco á Casa da Moeda de Denver. Os plans iniciais debían estar concluídos en agosto e prevían a construción un edificio de 930 m2 que non debía custar máis de 450.000 dólares da época —equivalentes a 7.500.000 dólares en 2022—.[4][5]

Tivéronse en conta varias vantaxes desa localización desde o punto de vista militar. Un exército que atacase desde a costa leste tería que loitar a través dos montes Apalaches, que se consideraban un impedimento razoable para as forzas militares da época. Tamén era unha zona illada de ferrocarrís e estradas, o que dificultaría aínda máis o ataque. Mesmo o transporte aéreo asa o lugar a través das montañas se consideraba perigoso para un piloto non familiarizado co territorio. Por último, a única unidade de cabalaría completamente mecanizada do exército estaba estacionada no forte adxacente e podía despregarse doadamente para defender o depósito.[5]

O Tesouro comezou a construción do depósito de Fort Knox en 1936 nos terreos que lle transferiu o exército. A bóveda do ouro completouse en decembro daquel ano cun custo de 560.000 dólares —equivalentes a 9.300.000 dólares en 2022—.[4][6]

Primeiros envíos de ouro

[editar | editar a fonte]
Vista frontal do Depósito de Fort Knox en 1939.[7]

A primeira xeira de envíos de ouro realizouse cunha periodicidade quincenal entre o 11 de xaneiro e o 17 de xuño de 1937, e foi supervisada polo Servizo Postal dos Estados Unidos.[8] O ouro transportábase desde a Oficina de Ensaios de Nova York e a Casa da Moeda de Filadelfia ata uns trens, utilizando camións postais escoltados pola policía municipal.[9] Nos vagóns blindados, os traballadores do Servizo de Correos ían acompañados de soldados, axentes do servizo secreto e gardas da Policía da Casa da Moeda.[8][10] Utilizáronse tamén trens reclamo, para dificultar a acción de hipotéticos asaltantes.[9] Á chegada a Fort Knox, o ouro trasladouse dos trens a camións do exército baixo a protección de soldados armados con balas perforantes e metralladoras. Os camións foron escoltados por carros de combate do primeiro rexemento de Cabalaría dos Estados Unidos ata o depósito.[11] O Departamento de Correos facturoulle ao Departamento do Tesouro o transporte do peso das caixas e do ouro utilizando a tarifa postal de cuarta clase, cos gastos de seguro engadidos.[8]

Un camión de correos cargado de ouro sae da Oficina de Ensaios de Nova York, en 1941.[8]

Nesta primeira xeira trasladouse ata Fort Knox un total de 157,82 millóns de onzas troy (4.909 toneladas).[9] Este envío representaba o 44,84 % do total das reservas de ouro estadounidenses, que naquel momento eran de 351,9 millóns de onzas troy (10.947 toneladas).[12] Tardouse máis de cinco meses e cumpriron 39 trens compostos por 215 vagóns.[9]

O 1 de marzo de 1941,[13] o secretario do Tesouro dos Estados Unidos Henry Morgenthau anunciou a finalización doutro envío por un total de 258,74 millóns de onzas troy (8.048 toneladas ) de ouro desde a Oficina de Ensaios de Nova York ao depósito. A cantidade total na cámara acoirazada logo da finalización do envío era de 416,56 millóns de onzas troy (12.956 toneladas ).[14] Esta cantidade representaba o 65,58 % das reservas totais de ouro dos Estados Unidos, que eran de 635,2 millóns de onzas troy (19.757 toneladas ) naquel momento.[15] Esta xeira de envíos comezou en xullo do ano anterior e tamén foi supervisada pola Oficina de Correos.[13] Tardou sete meses e requiriu 45 trens formados por 337 vagóns.[14]

Incremento das reservas de ouro nos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
Trens cargados de ouro preparándose para descargar en camións do Exército en Fort Knox, en 1941.[8]

A construción e o funcionamento inicial do depósito producíronse ao mesmo tempo que as reservas totais de ouro dos Estados Unidos experimentaban un crecemento sen precedentes. Estas reservas, que eran de 194 millóns de onzas troy (6.019 toneladas ) a finais de 1933, saltaron a 503 millóns de onzas troy (15.641 toneladas ) a finais de 1939. Os factores que impulsaron este crecemento foron a revalorización do prezo do ouro —desvalorización do dólar— en 1934, que provocou un aumento da produción mundial deste metal, e as incertezas políticas en Europa, que provocaron unha fuga de capitais aos Estados Unidos, así como os programas de rearmamento en Europa, que aumentaron as exportacións netas de mercadorías dos Etados Unidos.[16]

A maior parte do aumento, 277 millóns de onzas troy (8.620 toneladas ), debeuse ás importacións de ouro do estranxeiro. Trátase de 174 millóns de onzas troy (5.421 toneladas) procedentes de minas estranxeiras —principalmente de Suráfrica—, 89 millóns de onzas troy (2.755 toneladas ) procedentes das reservas de bancos centrais doutros países (sinaladamente Francia e o Reino Unido), e o resto doutras fontes —principalmente tenzas privadas na India—. Só seis millóns de onzas troy (178 toneladas) procedían do ouro adquirido en xaneiro de 1934 no marco do programa de compra de ouro da Orde executiva 6.102 —que exixía a particulares e institucións entregarlle ao Goberno todas as súas moedas e os lingotes de ouro, agás unha pequena cantidade—, e 26 millóns de onzas troy (800 toneladas) da produción nacional e a devolución de chatarra de ouro e moedas despois de xaneiro.[16]

A finais de 1940, as reservas totais do Tesouro almacenadas en todos os lugares ascendían a 628,4 millóns de onzas troy (19.546 toneladas),[17] o que representaba arredor do 80 % das reservas mundiais de ouro.[18] As reservas totais de ouro dos Estados Unidos almacenadas en todos os lugares alcanzaron o seu máximo en outubro de 1941 con 651,4 millóns de onzas troy (20.262 toneladas ) e terminaron o ano con 649,6 millóns de onzas troy (20.206 toneladas ).[19]

Custodia de documentos históricos

[editar | editar a fonte]
O bibliotecario Archibald Macleish saca da caixa a Declaración de Independencia e a Constitución dos Estados Unidos asinadas, á súa chegada á Biblioteca do Congreso en outubro de 1944, logo de estar almacenadas en Fort Knox.[20]

O bibliotecario do Congreso Archibald MacLeish expresou a súa preocupación pola seguridade dos valiosos obxectos da biblioteca nada máis tomar posesión do seu cargo en 1939.[21] En tanto que se libraba a Batalla de Inglaterra durante o verán e o outono de 1940, MacLeish preguntou ao Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos acerca da localización de almacéns subterráneos para "cadros e libros valiosos", e que estivesen "a unha distancia razoable de Washington".[22] En decembro de 1940, MacLeish ordenou ao seu persoal que crease un catálogo detallado dos bens máis "insubstituíbles" da Biblioteca do Congreso, e que determinase o espazo necesario para os almacenar. Prestouse unha especial atención aos documentos "considerados máis importantes para a historia da democracia".[23]

Cando quedou claro que o Congreso non financiaría a construción dunha instalación separada, Macleish procurou outras opcións.[24] O 30 de abril de 1941, solicitoulle ao secretario do Tesouro algunhas decenas de metros cúbicos en Fort Knox para os artigos máis sobranceiros da biblioteca, e o secretario respondeulle pondo ao seu dispor algo menos dun terzo de metro cúbico. En xullo, cando se completou o inventario e se determinou que cumpirían arredor de 1.100 metros cúbicos cúbicos para almacenar todos os materiais únicos e insubstituíbles da biblioteca, a oferta orixinal do secretario do Tesouro multiplicou por tres a súa oferta inicial, aínda que seguía estando moi lonxe das necesidades expostas por Macleish .[25]

Ante o exiguo do espazo concedido, en comparación co que se precisaría, MacLeish deu prioridade a determinados artigos para seren enviados a Fort Knox:[23] a Constitución dos Estados Unidos coas súas sinaturas orixinais; o orixinal, tamén asinado, da Declaración de Independencia; o segundo discurso inaugural de Abraham Lincoln, orixinal e autografado; o primeiro e o segundo borrador autografados do discurso de Gettysburg de Lincoln; unha copia da Biblia de Gutenberg; o orixinal asinado dos Artigos da Confederación; e un exemplar da copia oficial da Carta Magna da Catedral de Lincoln, Inglaterra,[26] que lle fora prestado aos Estados Unidos para a Exposición Universal de Nova York de 1939.[27] Os obxectos embaláronse en catro caixas e enviáronse por tren ao depósito o 26 de decembro de 1941.[26]

Malia estar a cámara acoirazada protexida contra os bombardeos, non estaba climatizada, polo que os documentos eran vulnerables aos cambios de temperatura e humidade, así como aos insectos,[25] de xeito que se tomaron precaucións especiais. Os documentos gardáronse en contedores de bronce quentados durante seis horas para eliminar a humidade. A seguir, os recipientes embutíronse en la mineral e colocáronse en caixas de madeira seladas hermeticamente con chumbo.[28] Na cámara acoirazada instaláronse secadores de cloruro cálcico e unha unidade de aire acondicionado. E ademais, realizáronse inspeccións frecuentes.[29]

En maio de 1942 leváronse a cabo labores de restauración na Declaración de Independencia.[30] En abril de 1943, a Declaración e a Constitución foron retiradas e logo devoltas ao depósito para poderen exhibirse na inauguración do Jefferson Memorial.[31] O 1 de outubro de 1944, todos os artigos foron devoltos á Biblioteca do Congreso,[32] e a copia da Carta Magna foi devolta a Inglaterra despois da guerra, en xaneiro de 1946.[33]

Outros obxectos custodiados

[editar | editar a fonte]
A coroa, a espada e o Globus Cruciger do Reino de Hungría.

Tras a segunda guerra mundial, o depósito gardaba a coroa de Santo Estevo, así como outras xoias da coroa húngara, entre elas un cetro e un orbe ou globus cruciger de ouro, e un manto con incrustacións de ouro, que lle foran entregados ás autoridades militares estadounidenses por membros da Garda Real dado Reino de Hungría, ao temeren que caesen en mans soviéticas. Os obxectos permaneceron en Alemaña baixo custodia estadounidense durante varios anos antes de seren trasladados a Fort Knox, e posteriormente devolvéronselle a Hungría, en 1978.[34]

En 1955, a Axencia Loxística de Defensa comezou a almacenar opio e morfina no depósito e na Casa da Moeda de West Point, coa intención de asegurar que os Estados Unidos tivesen unhas existencias adecuadas en caso de conflito armado ou dunha interrupción da subministración do limitado número de exportadores de papoula. As reservas alcanzaron os 30.966 quilogramos, suficientes para satisfacer as necesidades de analxésicos legais dos Estados Unidos durante un ano en caso de interrupción da subministración. Cando terminou a Guerra Fría e máis países empezaron a exportar palla de papoula concentrada, diminuíu a preocupación polas interrupcións da subministración, mais a axencia non podía vender legalmente as súas existencias de opio e morfina sen a aprobación do Congreso, polo que en 1993 converteu as reservas de opio que lle quedaban en sulfato de morfina. Isto facíase para prolongar a vida das existencias, xa que a morfina ten unha vida útil máis longa que o opio.[35][36] A partir dese momento, xa non se almacenou morfina no depósito.[37]

Moeda de 20 dólares de tipo Saint-Gaudens de 1933.[38]

Outros dos obxectos custodiados no Depósito de Metais Preciosos de Fort Knox son moedas estadounidenses de particular rareza e valor. O depósito alberga dez exemplates da moeda de oro de 20 dólares do tipo Saint-Gaudens de 1933,[39][40] un espécime da cuñaxe en proba da moeda dun centavo Lincoln de aluminio de 1974 e doce moedas de ouro do dólar Sacagawea que voaron no transbordador espacial Columbia, concretamente na misión STS-93, en 1999.[41][37]

Construción e medidas de seguridade

[editar | editar a fonte]

O edificio do Depósito de Metais Preciosos dos Estados Unidos de Fort Knox mide 32 por 37 metros e elévase 13 metros sobre o nivel do chan. Canto aos materiais utilizados para a súa construción, utilizáronse 470 m3 de granito —extraído no complexo de canteiras da North Carolina Granite Corporation—,[42] 3.200 m3 de formigón, 680 toneladas de aceiro reforzado e 610 toneladas métricas de aceiro estrutural. O muro exterior é de formigón revestido de granito. Hai garitas en cada unha das catro esquinas da estrutura e tamén na porta de entrada. Sobre a entrada frontal de mármore están inscritas as palabras United States Depository ("Depósito dos Estados Unidos"), e enriba da inscrición está o selo do Departamento do Tesouro, en dourado. Os despachos do oficial encargado e do capitán da garda dan ao vestíbulo. Na parte traseira do edificio hai outra entrada que se utiliza para recibir os metais preciosos e as subministracións.[6]

A Policía da Casa da US Mint é a encargada de protexer as instalacións de Fort Knox.

Debaixo da estrutura en forma de fortaleza áchase a bóveda do ouro, que está construída con placas de aceiro, trabes con perfil dobre T tamén de aceiro e cilindros desta mesma aliaxe atados con fitas metálicas e revestidos de formigón.[6] Ten menos de 370 m2 de superficie e dous andares de altura.[43] A empresa Mosler Safe Company, de John Mosler, encargouse da fabricación da bóveda.[44] Segundo un folleto desta compañía, tanto a porta da cámara acoirazada como a de emerxencia teñen un grosor de 53 cm e están fabricadas co material máis moderno da época, resistente ao lume e á corrosión. A porta principal da cámara acoirazada pesa 18 toneladas e a caixa da cámara acoirazada mide 64 centímetros.[45] A porta da cámara acoirazada ten unha pechadura cun retardo na apertura de 100 horas, e rara vez se abre.[43] Para abrir a cámara acoirazada, os membros do persoal do depósito deben marcar combinacións independentes que só eles coñecen.[6]

Existe un túnel de escape desde o nivel inferior da cámara acoirazada que pode utilizar alguén que quedase encerrado accidentalmente. Só se pode abrir desde o interior da cámara acoirazada e cando as portas estean pechadas e bloqueadas. O túnel conduce ao edificio principal.[46]

As instalacións están rodeadas de cercas e vixiadas pola Policía da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Entre o perímetro exterior e os muros do depósito hai aros de arame de espiño. Estes terreos están vixiados por cámaras de vídeo de visión nocturna de alta resolución e micrófonos.[43] O depósito está equipado cos seus propios sistemas de enerxía e auga de emerxencia.[47]

O secretario do Tesouro Mnuchin no interior da cámara acoirazada, en 2017.

Por motivos de seguridade, non se permite a entrada de visitantes ao recinto do depósito. Só se informou de tres ocasións en que algún invitado alleo ao Departamento do Tesouro realizara visitas de inspección á cámara acoirazada. A primeira delas foi realizada polo presidente Franklin Roosevelt en 1943. O 23 de setembro de 1974, membros do Congreso dos Estados Unidos e os medios de comunicación realizaron unha segunda inspección, dirixida pola directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Mary Brooks. A visita realizouse en resposta a unha teoría conspirativa, difundida polo xurista e financeiro Peter Beter, segundo a cal as elites retiraran en segredo o ouro do depósito e as cámaras acoirazadas estaban baleiras.[46] A terceira visita de inspección realizouse o 21 de agosto de 2017, cando o senador por Kentucky Mitch McConnell realizou unha visita cun pequeno grupo de funcionarios e persoal, incluído o secretario do Tesouro Steven Mnuchin.[37][48] Segundo un chío en Twitter de Mnuchin, e un correo electrónico interno do xefe da Policía da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Dennis O'Connor, foi o primeiro secretario do Tesouro en visitar o depósito desde John Wesley Snyder en 1948.[37][49]

Reservas de ouro actuais

[editar | editar a fonte]

En 2021, as reservas de ouro dos Estados Unidos ascendían a 8.134 toneladas métricas. O seguinte país con máis reservas é Alemaña, cuxas reservas de ouro ascenden a 3.364 toneladas.[2] O 31 de xullo de 2020, Fort Knox posuía 147,34 millóns de onzas troy (4.583 toneladas) de reservas de ouro cun valor de mercado de 290.900 millóns de dólares, o que representa o 56,35 % das reservas de ouro dos Estados Unidos.[50]

Vista aérea do Depósito de Fort Knox e os terreos adxacentes.

As barras de ouro depositadas miden aproximadamente 18 centímetros de longo, 9 de ancho e 4,45 de grosor. Aínda que cada unha destas barras contén o equivalente a unhas 400 onzas troy (12,4 quilogramos) de ouro puro, estes difiren na súa composición. As destinadas ao mercado grosista conteñen un mínimo do 99,5 % de ouro fino, en tanto que as coñecidas como "barras de moeda", procedentes da fundición de moedas, teñen a mesma composición que a das moedas de procedencia.[51]

A London Good Delivery List de 1934, publicada polo London Gold Market —precursor da London Bullion Market Association —, definía as barras de moeda como "barras cunha lei de 899 a 901 por mil ou de 915 ½ a 917 por mil e que conteñen entre 350 e 420 onzas de ouro fino".[52] Estes dous niveis diferentes de lei reflectían a composición das moedas de ouro da época. As moedas estadounidenses producidas desde 1838 ata 1933 fabricábanse cun 90 % de ouro aliado cun 10 % de cobre,[53] en tanto que as moedas de ouro do Reino Unido se cuñaban cunha proporción de ouro de 22 partes por 24 (91​2⁄3 %). Estas proporcións de ouro máis baixas contrastan coas de moitas moedas de investimento de ouro fino ao 99,9 % cuñadas nos tempos modernos, xa que as moedas máis antigas estaban destinadas á circulación, mentres que as máis recentes non.

En 2011, a Comisión de Servizos Financeiros da Cámara de Representantes dos Estados Unidos publicou as listaxes detalladas de barras de ouro do Tesouro dos Estados Unidos.[54] Desta listaxe despréndese que aproximadamente o 64 % das barras de ouro de Fort Knox teñen unha lei abranguida entre 899 e 901 milésimas; o 2 % entre 901,1 e 915,4; o 17 % entre 915,5 e 917; e o 17 % superior ou igual a 995. A lei media é de 916,7 milésimas.[55]

En virtude das reformas monetarias promulgadas por Roosevelt, o Goberno federal posúe o ouro e manteno como garantía de 11.000 millóns de dólares en certificados de ouro emitidos, en forma de anotacións en conta, aos Bancos da Reserva Federal.[56] Os Bancos da Reserva Federal utilizan estes certificados como unha pequena fracción da garantía das obrigas de pagamento da Reserva Federal.[57]

Notoriedade e prestixio

[editar | editar a fonte]
Fotografía do edificio do Depósito de Fort Knox tomada en 1968, catro anos despois da película Goldfinger.

A expresión en inglés Safe as Fort Knox ("seguro como Fort Knox") é moi popular nos Estados Unidos.[58][59][60] Por exemplo, a candidata ás primarias presidenciais do Partido Demócrata de 2020 Elizabeth Warren, ao facer un esbozo dun plan para facer seguras as máquinas de votación, afirmou: "As nosas eleccións deberían ser tan seguras como Fort Knox. Pero, en cambio, son menos seguras que a túa conta de Amazon".[61] Pola súa banda, o sistema de seguridade Samsung Knox, preinstalado na maior parte dos dispositivos de Samsung, recibiu a súa denominación a partir de Fort Knox, en alusión á sensación de seguridade.[62]

Dada a súa reputación na custodia segura de grandes cantidades de ouro, a irrupción no depósito apareceu en diversos libros, películas, xogos e programas de televisión populares.[59] Un exemplo moi coñecido é a novela de James Bond Goldfinger, de Ian Fleming, de 1959,[63] na que o vilán epónimo rouba o ouro, pero na adaptación cinematográfica de 1964 executa no seu lugar un enleado plan para irradiar todo o ouro da cámara acoirazada co fin de facer subir o seu prezo. A película de 1937 Behind the Headlines, estreada o mesmo ano que a primeira xeira de envíos de ouro a Fort Knox, trataba duns gánsters que roubaban ouro dun furgón blindado camiño do depósito. Na comedia de 1951 Comin' Round the Mountain, Abbott e Costello seguen o mapa dun tesouro e, sen o saber, escavan na cámara acoirazada de Fort Knox, onde son arrestados inmediatamente.[60] No debuxo animado de 1952 14 Carrot Rabbit, Bugs Bunny engana o seu inimigo para que cave na cámara acoirazada, onde tamén é arrestado de inmediato.[63]

  1. "US Bullion Depository, Fort Knox, Kentucky". National Register of Historic Places (Npgallery.nps.gov).
  2. 2,0 2,1 "Top 10 Countries With Largest Gold Reserves". U.S Global Investors.
  3. "US Bullion Depository, Fort Knox, Kentucky". National Register of Historic Places (Npgallery.nps.gov).
  4. 4,0 4,1 Johnston, L.; Williamson, S. H. (2023). "What Was the U.S. GDP Then?". MeasuringWorth.com
  5. 5,0 5,1 "U.S. Building Gold Vaults Far Inland: Rushes Work on One in Center of Kentucky Post: Billions Will Be Taken From Vulnerable Coast Cities". En The Washington Post. 29 de xuño de 1935. Páxina 1.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Fort Knox Bullion Depository". United States Mint (Usmint.gov).
  7. "Treasury Department, Procurement Division, Public Buildings Branch, Fort Knox - United States Bullion Depository". Library of Congress (LOC.gov).
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "Protected Shipments". Smithsonian National Postal Museum.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Ragsdale, W. B. (1938). "Moving Gold Bricks A Complicated Job: Postoffice Faced Dangerous Task in Convoying Metal to Safety of Fort Knox". En The Washington Post. 1 de maio. Páxina TT6.
  10. "First Gold Shipment en Route To New Strongbox at Ft. Knox: $2,000,000 in Gleaming Metal Expted at Bombproof Hideaway Today". En The Washington Post. 13 de xaneiro de 1937.
  11. "Cargo of Gold Stowed in Vault At Fort Knox: Armored Cars, Machine Guns Guard Transfer From Special Train". En The Washington Post. 14 de xaneiro de 1937.
  12. Federal Reserve Bulletin. Agosto de 1937. GPO, Washington. Páxina 740.
  13. 13,0 13,1 "141-2 Billions? Yes, But Why The 22 Cents?". En The Akron Beacon Journal. Nº 1. Marzo de 1941. Páxina 1.
  14. 14,0 14,1 "9 Billion in Gold Shifted by US". En The Washington Post. 5 de marzo de 1941. Páxina 23.
  15. Federal Reserve Bulletin. Abril de 1941. GPO, Washington. Páxina 328.
  16. 16,0 16,1 Goldenweiser, E. A. (1940). "The Gold Problem Today". En Federal Reserve Bulletin. Xaneiro. GPO, Washington. Páxina 11.
  17. Federal Reserve Bulletin. Febreiro de 1941.GPO, Washington. Páxina 188.
  18. "Gold Supply Of U.S. Passes 22-Billion Mark: Treasury Now Has About 80 Per Cent Of World's Stock". En The Washington Post. 7 de xaneiro de 1941. Páxina 21.
  19. Federal Reserve Bulletin. Febrero de 1942. GPO, Washington. Páxina 138.
  20. Life. 16 de outubro de 1944. Páxina 44.
  21. Aikin, J. (2007). Páxina 258.
  22. Aikin, J. (2007). Páxina 260.
  23. 23,0 23,1 Puleo, S. (2016). Páxina 11.
  24. Puleo, S. (2016). Páxina 79.
  25. 25,0 25,1 Warren, R. P. (1944). Páxina 65.
  26. 26,0 26,1 Puleo, S. (2016). Páxinas 179-180.
  27. Puleo, S. (2016). Páxina 88.
  28. Puleo, S. (2016). Páxina 185.
  29. Warren, R. P. (1944). Páxinas 65-66.
  30. Warren, R. P. (1944). Páxina 72.
  31. Warren, R. P. (1944). Páxinas 73-74.
  32. Warren, R. P. (1944). Páxinas 74-75.
  33. "Magna Carta on Way". En The Washington Post. 18 de xaneiro de 1946.
  34. Gwertzman, B. (1977). "U.S. to Return Hungary's Crown, Held Since End of World War II". En The New York Times. 4 de novembro.
  35. Harris, G. (1993). "Fort Knox Vaults Harbor Millions In Opium, Morphine. Stockpile Held For Emergencies". En The Seattle Times. 16 de setembro.
  36. Stolberg, V. B. (2016). Painkillers: History, Science, and Issues The Story of a Drug. ABC-CLIO. Páxina 105. ISBN 9781440835322
  37. 37,0 37,1 37,2 37,3 "FOIA Request #2017-09-205". Governmentattic.org. 6 de abril 2018.
  38. "20 Dollars Saint-Gaudens - Double Eagle". Numista.com
  39. Gilkes, P. (2018). "10 1933 gold double eagles safe from fed destruction". En Coin Week (Coinweek.com). 18 de maio.
  40. Bisognani, J. "Ten 1933 double eagle coins worth millions in Fort Knox but not yet for sale". Worth Point (Worthpoint.com).
  41. Gilkes, P. (2010). "Special 2000–W Sacagawea Dollars Travel on Space Shuttle". En Coin World. 8 de marzo. Páxina 122.
  42. Parham, D. W.; Sumner, J. (1979). "North Carolina Granite Corporation Quarry Complex". North Carolina State Historic Preservation Office (HPO.ncdcr.gov).
  43. 43,0 43,1 43,2 Diehl, P. N. (2023). "An Unclassified Peek Inside the Fort Knox Gold Depository". En Coin Week (Coinweek.com). 28 de novembro.
  44. "John Mosler, 79, Former Chief Of World's Largest Safe Maker". En The New York Times. 9 de xullo de 2002.
  45. "The Mosler Model". National Archives.
  46. 46,0 46,1 Ganz, D. (2009). "Gold all there when Ft. Knox opened doors". En Numismatic News. 15 de setembro.
  47. Puleo, S. (2016). Páxina 184.
  48. Gilkes, P. (2017). "Treasury secretary pays visit to Fort Knox gold". En Coin World (Coinworld.com). 25 de agosto
  49. "The Mnuchin M'neuver: Treasury Secretary's Recent Gaffes Part of Larger Story?". En Coin Week (Coinworld.com). 19 de setembro de 2017.
  50. "U.S. Treasury-Owned Gold". Fiscaldata.treasury.gov
  51. Brandes, T.; Shirley, J. (2017). "Fort Knox: Mystery Is Its History". United States Mint (USMint.gov). 28 de abril.
  52. Green, T.; Murray, S. (2010). The London Good Delivery List: Building a Global Brand, 1750-2010. London Bullion Market Association. ISBN 9780956690104
  53. Benvenuto, M. A. (2016). Metals and Alloys: Industrial Applications, De Gruyter Textbook. Walter de Gruyter GmbH & Co KG. Páxina 9. ISBN 9783110441857
  54. U.S. House of Representatives, Committee on Financial Services (2011). Investigating the Gold: H.R. 1495, the Gold Reserve Transparency Act of 2011 and the Oversight of United States Gold Holdings. US Government Printing Office, Washington. 23 de xuño
  55. Mint's Schedule of Inventory of Deep Storage Gold Reserves. 30 de setembro de 2010.
  56. "31 U.S.C. § 5117: Transferring gold and gold certificates". Cornell Law School (Law.cornel.edu).
  57. "Collateral Held against Federal Reserve Notes: Federal Reserve Agents' Accounts accessible".Credit and Liquidity Programs and the Balance Sheet. Federal Reserve System (Federalreserve.gov).
  58. "Fort Knox". Oxford Learner's Dictionaries.
  59. 59,0 59,1 Newton-Matza, M. (2016). Historic Sites and Landmarks that Shaped America: From Acoma Pueblo to Ground Zero. ABC-CLIO. Páxinas 196, 198. ISBN 9781610697507
  60. 60,0 60,1 Taylor, S. (2008). "Fort Knox, America's Gold Vault". En The Signal. 19 de abril..
  61. Vesoulis, A. (2019). "Elizabeth Warren Wants to Replace Every Single Voting Machine to Make Elections 'As Secure As Fort Knox'". En Time. 25 de xuño.
  62. Nguyen, H. (2013). "Samsung KNOX Provides Privacy To BYOD Users". UberGizmo.com. 25 de febreiro.
  63. 63,0 63,1 Whitman, D. (2023). "10 Fort Knox bullion depository facts". MoneyWise.com. 5 de xaneiro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]