Christian Gobrecht

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Christian Gobrecht
Retrato de Christian Gobrecht

Nacemento23 de decembro de 1785
 Hannover.
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
Falecemento23 de xullo de 1844 (58 anos)
  Filadelfia.
Pensilvania.
Estados Unidos de América Estados Unidos
ÁreaDeseño e gravado.
ObrasMoedas circulantes dos EEUU.
NacionalidadeEstadounidense
CónxuxeMary Hamilton Hewes (1818).
editar datos en Wikidata ]

Christian Gobrecht, nado o 23 de decembro de 1785 en Hannover, Pensilvania, e finado o 23 de xullo de 1844 en Filadelfia, foi un inventor e gravador estadounidense, o terceiro en ocupar o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, desde 1840 ata o seu falecemento.[1][2][3]

Gobrecht foi o responsable de deseños tan populares como os da serie "Liberdade sedente", que inspirou, pola súa vez, o "dólar de comercio". Outras das súas creacións máis sobranceiras son coñecido como "dólar Gobrecht", así como os anversos das moedas de un e de medio centavo tipo "cabelo trenzado" e da serie de ouro coñecida como "cabeza da Liberdade".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Gobrecht era fillo do reverendo John Christopher Gobrecht, que chegara aos Estados Unidos en 1755 procedente de Alemaña, e de Elizabeth Sands, cuxos devanceiros se remontan a 1642 na colonia de Plymouth.[3][4]

Logo de ser aprendiz en Manheim, Pensilvania, exerceu como gravador de traballos ornamentais de reloxaría en Baltimore, Maryland, ata que se instalou en Filadelfia en 1811, onde xunto cuns socios fundou a compañía de gravado Murray, Draper, Fairman and Company, cara a 1816.[5] En 1823, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos en Filadelfia, Robert Patterson, tratou de contratar a Gobrecht como axudante, mais este rexeitou a proposta. Porén, en decembro Gobrecht solicitou o posto de gravador xefe da ceca pública estadounidense, que quedara vacante polo falecemento de Robert Scot, a través dunha carta enviada ao presidente, James Monroe. O posto, finalmente, foille adxudicado a William Kneass.[3][6] O soldo fixado para Kneas era de 1.200 dólares anuais, e a Gobrecht ofrecéuselle o posto de gravador axudante, con soldo de 600 dólares, que el rexeitou.[4]

Ademais do seu labor profesional, Gobrecht foi tamén inventor, e entre as súas achegas salientan unha mellora da cámara lucida, unha boneca parlante, un instrumento musical similar ao harmonio e unha máquina para gravar medallas, que reproducía o relevo sobre superficies planas.[4][7]

Esbozo de Christian Gobrecht para a serie "Liberdade sedente".
Esbozo de Christian Gobrecht para a serie "cabelo trenzado".

Carreira na US Mint[editar | editar a fonte]

Marca de gravador de Christian Gobrecht nunha moeda.

Segundo consta na documentación conservada, Gobrecht xa traballara para a casa da moeda en 1823 inmediatamente despois do falecemento do seu primeiro gravador xefe, Robert Scot, mais aquela vinculación á institución fora unicamente temporal, ata que se contratou a William Kneass como novo gravador xefe en xaneiro de 1824. Coñécese tamén que Gobrecht lle vendeu á casa da moeda punzóns con letras e con números gravados por el, e mesmo unha proba de cuños en 1826, hoxe non conservada. En setembro de 1835 foi nomeado segundo gravador da ceca, como consecuencia do derramo cerebral sufrido por Kneass o 27 de agosto, que minguou as súas facultades. A partir dese momento, Gobrecht realizou a maioría das matrices e dos cuños, entre os que se atopan os do coñecido como "dólar Gobrecht", que se cuñou en pequenas cantidades (arredor dun milleiro de pezas) entre os anos 1836 e 1839. Algúns exemplares desta moeda amosan no anverso o nome completo do gravador (C.GOBRECHT.F, "Christian Gobrecht Fecit").[4][8]

Finalmente, pouco despois do falecemento de Kneass en 1840, Gobrecht foi nomeado gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos o 21 de decembro de 1840.[5] Tratábase dun momento en que a carga de traballo aumentara notablemente, logo da aprobación en 1835 de tres novas cecas dentro da estrutura da US Mint, á parte da de Filadelfia: as casas da moeda de Charlotte, de Dahlonega e de Nova Orleáns.[4]

Un dos traballos máis recoñecidos de Gobrecht durante o exercicio do seu cargo é o dólar coñecido como "Liberdade sedente", un concepto concibido polo director Patterson e baseado en esbozos anteriores de Thomas Sully e de Titian Peale. A idea era crear para o anverso unha especie de versión estadounidense do que supuña a Britannia como personificación nacional británica, en tanto que o reverso estaría ocupado por unha aguia heráldica con escudo, sostendo unhas frechas e unhas pólas de oliveira. O deseño final de Gobrecht e as primeiras probas estiveron finalizados en 1836 e o ano seguinte comezaron as primeiras cuñaxes desta serie, logo da preceptiva aprobación por parte do presidente, Andrew Jackson. Este deseño, con algunhas variantes, permaneceu na moeda estadounidense ata 1891.[4][9]

Outros dos seus deseños máis salientables foron o busto con cabelo trenzado para as moedas de cobre de medio centavo e dun centavo, que estiveron en produción entre 1840 e 1857, e tamén unha serie de moedas de ouro de 21/2, de 5 e de 10 dólares.[4]

Gobrecht finou en xullo de 1844 e o seu posto de gravador xefe foi ocupado por James B. Longacre.[4][10]

Escolma de traballos de Christian Gobrecht[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Christian Gobrecht". Find a Grave.
  2. Smith, P. (2012).
  3. 3,0 3,1 3,2 "Christian Gobrecht". USA Coin Book.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Taxay, D. (1966). Páxina 109.
  5. 5,0 5,1 Smith, P. (2012).
  6. Taxay, D. (1966). Páxina 109.
  7. "Christian Gobrecht, Artist and Inventor". En The Pennsylvania Magazine of History and Biography. University of Pennsylvania Press. Vol. 30. Nº 3 (1906). Páxinas 355-358.
  8. Julian, R. W. (2009). "New information on the Gobrecht dollars". En Numismatic News. 29 de setembro.
  9. "Christian Gobrecht". Uspatterns.com
  10. Taxay, D. (1966). Páxina 204.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
William Kneass

Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1840 - 1844
Sucesor:
James B. Longacre