Christopher Bechtler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Christopher Bechtler
Nacemento29 de novembro de 1782
Lugar de nacementoWappen Pforzheim.svg Pforzheim
Wappen Baden, Markgrafschaft.svg Margraviato de Baden.
Banner of the Holy Roman Emperor with haloes (1400-1806).svg Sacro Imperio Romano Xermánico.
Falecemento1843
Lugar de falecementoRutherfordton.
Flag of North Carolina.svg Carolina do Norte.
Estados Unidos de América Estados Unidos
NacionalidadeAlemaña e Estados Unidos de América
OcupaciónOurive, reloxeiro e cuñador de moeda.
Coñecido porProdución dos primeriros dólares de ouro dos EEUU.
editar datos en Wikidata ]

Christopher Bechtler (orixinariamente Christian Bechtler), nado en Pforzheim, Alemaña, o 29 de novembro de 1782, e finado en Rutherfordton, Carolina do Norte, en 1843, foi un ourive, reloxerio e produtor de moeda estadounidense de ascendencia alemá.[1][2]

A Bechtler débeseselle a serie de moedas dun dólar de ouro e os seus múltiplos, coñecida como "dólares Bechtler", cuñadas de xeito privado nos seus talleres durante as décadas de 1830 e de 1840, antes do inicio das cuñaxes federais en 1849. O lugar desta ceca ten a condición de Parque Histórico en Carolina do Norte,[3] e en 1997 foi incluído na listaxe do Rexistro Nacional de Lugares Históricos.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xuventude en Europa[editar | editar a fonte]

Bechtler naceu o 29 de novembro de 1782 en Brötzingen, hoxe un barrio da cidade alemá de Pforzheim, daquela parte do Margraviato de Baden, no Sacro Imperio Romano Xermánico. Era fillo de Rosina Barbara Eberle e de Jacob Bechtler, e pertencía a unha familia vinculada á industria metalúrxica.[5]

En 1767, Carlos Federico, gran duque de Baden, autorizou a fabricación de reloxos en Pforzheim e estableceu alí unha escola técnica, na que Bechtler se formou, que foi o xerme da actual Escola de Xoieiros e Reloxeiros de Pforzheim. Cara a 1820, Bechtler atopou algunhas trazas de ouro na formación litoestratigráfica de Stubensand, na localidade veciña de Sternenfels, un ano despois de acadar unha patente ducal para a súa lavadora de ouro. En 1823 solicitou unha concesión mineira e probou a extracción de ouro fluvial, aínda que a cantidade de metal lograda non foi satisfactoria.[6]

Bechtler casou con Sophia Dorothea Dreher e, logo do falecemento desta en 1806, casou en segundas nupcias con Augusta Christina Dietz, con quen tivo dous fillos, Sebastian Augustus e Carl Christoph. Tras a morte desta segunda esposa en 1819, volveu contraer matrimonio, esta vez con Wilhelmina Catherina Vierordt, con quen tivo polo menos dúas fillas.[5]

Bechtler e Wilhelm Lentz, o seu cuñado do primeiro matrimonio, eran socios nun negocio en Pforzheim e, cando Bechtler decidiu emigrar a América, vendeulle a Lentz a súa parte do negocio a cambio dunha renda vitalicia para a súa terceira esposa, que permaneceu en Pforzheim coas súas fillas.[5]

Emigración aos EEUU[editar | editar a fonte]

En 1829, Bechtler partiu cara aos Estados Unidos de América desde o porto francés de Le Havre, xunto cos seus fillos Augustus e Charles, e un sobriño, Carl Christ Bechtler. En 1830 estableceu unha reloxaría en Filadelfia, sede da primeira Casa da Moeda dos EEUU. Nesa cidade, Bechler solicitou a cidadanía (concedida en xullo de 1832), cambiou o seu nome orixinal, Christian, polo de Christopher,[6] e casou por cuarta vez, con Sophia Fleck, tamén de orixe alemá, coa que tivo catro fillos e dúas fillas.[5]

Atraído polas primeiras "febres do ouro" no país, Bechtler trasladouse a Carolina do Norte en 1830 e estableceu alí inicialmente un negocio de reloxaría, xoiaría e armaría, na cidade de Rutherfordton, que finalmente acabaría converténdose unha ceca privada, para transformar en dólares as grandes cantidades de ouro producidas na zona.[4][5][6]

Bechtler morreu en Rutherfordton, a principios de 1843. Un ano antes, transferíralle a xestión da ceca ao seu fillo August.[5][6]

A ceca de Bechtler[editar | editar a fonte]

Moeda de 5 dólares cuñada por Christopher Bechtler (184 grans; 21 quilates).

A ceca privada de Bechtler e dos seus sucesores no condado de Rutherford, en Carolina do Norte, estivo en funcionamento desde 1831 ata a década de 1850 e chegou a producir máis dun millón de moedas de ouro na súa primeira década de existencia.[6]

Aínda que a Constitución dos EEUU prohibía aos estados cuñaren moeda propia, ata 1864 a cuñaxe privada de ouro non era ilegal, sempre que as moedas producidas non imitasen a moeda federal. Ata o establecemento das casas de moeda federais en Xeorxia (Ceca de Dahlonega) e en Carolina do Norte (Ceca de Charlotte) en 1838, e a cuñaxe das primeiras moedas oficiais de ouro en dólares na Ceca de Filadelfia en 1849, Bechtler chegou a posuír case o monopolio sobre as moedas de dólares co padrón ouro. A precisión e a fiabilidade do contido de ouro das súas cuñaxes permitíronlle imporse a outros produtores e obter unha gran fortuna.[5]

Bechtler obtivo unha licenza para transformar o po e as pebidas de ouro en moedas con valores de 5, de 2,5 e dun dólar de ouro,[4][7] dotadas dun peso e dun contido en metal precioso claramente expresados (20 quilates, 21 quilates ou 22 quilates), a cambio dunha tarifa.[5]

Produción da ceca de Bechtler (1831-1840)[5][8]
Desde Ata Cuñado ($) Fundido ($) Total ($) Cuñ./día ($) Fund./día ($)
Xan. 1831 Dec. 1834 109.732,50 316,643,20 426.375,70 90 258
Dec. 1834 Dec. 1835 695.896,00 569.266,40 1.265.162,40 2.223 1.819
Dec. 1835 Ago. 1836 471.322,50 317.928,00 789.250,50 2.277 1.314
Ago. 1836 Mai. 1838 770.239,50 160.912,89 931.152,30 1.408 294
Mai. 1838 Feb. 1840 194.560,00 19.248,40 213.808,00 354 35
Moeda de 2,5 dólares cuñada por Christopher Bechtler (64 grans; 22 quilates).

Logo do falecemento de Christopher Bechtler en 1843, o período de xerencia do seu fillo August foi efémero, xa que este faleceu ou ben a finais do mesmo ano ou ben a principios do seguinte. O negocio pasou entón ás mans do outro fillo, Charles. Cando este faleceu, en 1846, foi o seu sobriño Carl Christ, coñecido entón como Christopher Bechtler Jr., quen herdou a compañía, con quen terían concluído as actividades de cuñaxe.[5]

As moedas cuñadas na ceca de Bechtler son hoxe moi escasas e, consecuentemente, alcanzan prezos moi altos cando aparecen nalgunha venda numismática.[9] Isto débese principalmente a que, como consecuencia da Lei da Moeda (Coinage Act) do 28 de xuño de 1834, que aumentaba o valor do ouro nun 6 %, a maior parte das moedas cuñadas por Bechter ata ese ano acabaron refundíndose masivamente.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gray, J. "Bachtler Mint". Southern Gold Society.
  2. Heller, P. A. (2020). "The Bechtler Legacy in American Numismatics". Liberty Coin Service.
  3. "Bechtler Mint Site Historic Park". Rutherford County, NC Tourism Development Authority.
  4. 4,0 4,1 4,2 "North Carolina Gold and Christopher Bechtler’s Private Mint". Blue Ridge. National Heritage Area (blueridgeheritagetrail.com).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 5,9 Stevenson, W. H. (2011).
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 "Christian Bechtler (Sternenfels)". Kraichgau Stromberg Tourismus e.V.
  7. Yeoman, R. S. (2013). Páxinas 377-378.
  8. Merchants’ Magazine. 11 de xullo de 1844. Páxinas 62-65.
  9. "Bechtler (N. Carolina/Georgia) Price Guide Arquivado 14 de decembro de 2021 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service.
  10. "The Coinage of Christopher and August Bechtler". Hancock & Harwell (www.raregold.com).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lattimore, R. S. (2007). Gold and Glory: North Carolina Gold and the Bechtler Heritage. Hilltop Publications.
  • Stevenson, W. H. (2011). "Christopher Bechtler (1782-1843)". En Immigrant Entreprenuership. German Historical Institute.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]