Dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana
1º anverso [1]
Thomas Jefferson.
UNITED STATES OF AMERICA

2º anverso [2]
William McKinley.
UNITED STATES OF AMERICA

Reverso común
Póla de oliveira. ONE DOLLAR / 1808 - 1908
LOUISIANA PURCHASE EXPOSITION / ST. LOUIS

O dólar de ouro da Exposición de Compra de Luisiana é unha moeda de ouro estadounidense co valor facial dun dólar emitida en 1903 pola Casa da Moeda de Filadelfia en conmemoración da Exposición Universal de San Luís de 1904, que celebraba o centenario da Compra de Luisiana.

Este dólar, deseñado polo gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Charles E. Barber, cuñouse en dúas variantes, unha co expresidente Thomas Jefferson no anverso e outra con William McKinley, ambas cun reverso común

Os promotores da Exposición da Compra da Luisiana (coñecida informalmente como Exposición Universal de San Luís), cuxa inauguración estaba inicialmente prevista para 1903, idearon a creación dunha moeda conmemorativa como medio para recadar fondos, do mesmo xeito que sucedera en ocasións anteriores co medio dólar colombino ou co dólar Lafayette. O Congreso autorizou a emisión en 1902 e as autoridades da exposición, entre elas o numismático Farran Zerbe, propuxeron que se realizase con dous deseños diferentes, para facilitar as súas vendas. No momento da súa distribución, o prezo de cada unha destas variantes era de tres dólares e púidose adquirir non só como simple moeda, senón tamén montada nunha xoia ou nunha culler.

Contrariamente ás previsións iniciais, as moedas non gozaron dunha boa aceptación no mercado e moitas delas acabáronse fundindo finalmente. Zerbe, encargado da súa comercialización, quen asegurara que mantería o prezo destas moedas, acabou por non facelo, xa que o seu prezo baixou despois de concluír a exposición. Este feito, no entanto, non danou a súa traxectoria como comerciante numismático, xa que seguiu a ser comisionado para a comercialización doutras emisións conmemorativas e chegou a presidir a Asociación Numismática dos Estados Unidos.

Co paso do tempo, os dólares da Exposición de San Luís foron mellorando a súa cotización e en 1915 recuperaron o prezo que tiveran no momento da súa emisión. No mercado actual estes dólares valóranse entre os centos e os miles de euros, en función do seu estado de conservación.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Compra de Luisiana.
Timbre utilizado para a Exposición da Compra de Luisiana de 1904 en San Luís.[3]

Unha gran parte da zona próxima ao río Mississippi foi explorada polos franceses durante os séculos XVII e XVIII. En 1682, René Robert Cavelier de La Salle reclamou para Francia toda a conca do río, que nomeou Luisiana, na honra de Lois XIV. Aínda que Francia perdeu a maior parte do seu territorio americano na guerra contra os indíxenas (1756-1763), a conca do Mississippi non pasou ás mans dos vencedores —fundamentalmente os británicos—, xa que fora transferida a España polo Tratado de Fontainebleau en 1762.[4]

As ansias de Napoleón dun Imperio Francés, á súa chegada ao poder en 1799, lograron que España devolvese estes territorios en 1800 polo terceiro Tratado de San Ildefonso e outros acordos. Estes pactos foron secretos, e o presidente dos Estados Unidos, Thomas Jefferson, coñeceunos en 1801. Temendo o pechamento do porto de Nova Orleáns para a navegación estadounidense, enviou a Francia o exsenador por Virxinia James Monroe para que axudase ao ministro estadounidense Robert Livingston a comprar o baixo Mississippi, para o cal o Congreso destinou dous millóns de dólares.[5]

Selo do Servizo Postal dos EEUU emitido para a Exposición da Compra de Luisiana, que amosa a parte do país procedente desa compra.

Cando a delegación estadounidense se reuniu con Napoleón comprobou que o emperador era partidario de vender todo o territorio, gran parte do cal estaba aínda sen cartografar e sen explorar polos occidentais. Logo das negociacións, acordouse un prezo de 60 millóns de francos e outros 20 millóns máis para aboar as reclamacións dos cidadáns desas zonas contra Francia. O tratado asinouse o 30 de abril de 1803 e, aínda que se cuestionou se se dispuña da potestade constitucional para a adquisición, o Senado ratificouno o 20 de outubro dese mesmo ano. A toma de posesión formal do territorio por parte dos Estados Unidos tivo lugar dous meses despois.[5]

A compra de Luisiana duplicou o tamaño dos EEUU.[5] Co desexo de honrar o centenario deste acontecemento, o Congreso aprobou un proxecto de lei para autorizar unha gran exposición universal, que foi convertido en lei pola sinatura do presidente McKinley o 3 de marzo de 1901. McKinley foi asasinado en setembro dese mesmo ano.[6]

Preparación[editar | editar a fonte]

Charles E. Barber, sexto gravador xefe da US Mint, autor do dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana.

A Exposición da Compra de Luisiana foi autorizada polo Congreso o 28 de xullo de 1902 e cando o presidente Theodore Roosevelt asinou unha lei de asignacións que incluía unha cláusula de cinco millóns de dólares para a súa subvención.[6] Esta norma autorizaba o pagamento de 250.000 moedas dun dólar de ouro aos organizadores da exposición como parte da asignación. A lei non especificaba, porén, nin o texto nin o deseño que deberían ter estas novas moedas, senón que este asunto ficaba á discreción do secretario do Tesouro.[7]

Os investigadores Anthony Swiatek e Walter Breen, na súa enciclopedia sobre as emisións conmemorativas estadounidenses, a posterior decisión de elaborar dous modelos diferentes deste novo dólar de ouro produciuse "mediante algún tipo de acordo non rexistrado".[6] A lei era o suficientemente ambigua como para permitir esa interpretación e, así as cousas, o numismático Farran Zerbe instou a Casa da Moeda a cuñar máis dun tipo de moeda, argumentando que deste xeito aumentarían as súas vendas.[8] Zerbe non era só un coleccionista de moedas senón que se convertera nun numismático moi recoñecido por mor da súa exposición itinerante Money of the World ("Diñeiro do mundo"); el participou na comercialización de varias moedas conmemorativas, desde o medio dólar colombino de 1892 ata as moedas conmemorativas da Exposición Panamó-Pacifico de 1915, e no caso do dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana gozou en exclusividade da concesión da súa distribución.[9]

Impresións de cuño sobre cartolina do reverso e de ambas as versións do anverso do dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana. A póla de oliveira do reverso é de maior tamaño que a finalmente cuñada nas moedas.[10]

O 12 de agosto de 1902, o secretario do Tesouro Leslie M. Shaw escribiulle ao exgobernador de Missouri David R. Francis, un dos promotores da exposición, para lle preguntar acerca do deseño que quererían ver os encargados da exposición no reverso das moedas dun dólar. Malia non se conservar a resposta de Francis, as autoridades da Casa da Moeda dos Estados Unidos decidiron xa nun principio colocar unha póla de oliveira arredor do número "1". Ao parecer, o director da US Mint, George E. Roberts, non era partidario deste deseño, xa que o 2 de outubro de 1902 o superintendente da Ceca de Filadelfia lle escribiu e achegou as impresións en cartolina duns reversos orixinais e outros revisados; esta revisión do deseño amosaba o valor da moeda en letras e a carta dicía que os cambios se facían por requirimento de Roberts.[11]

O 13 de outubro, Barber desprazouse a Washington, onde estaba a sede da dirección da US Mint, para tratar con Roberts o asunto dos deseños. Roberts considerou que a póla de oliveira resultaba "demasiado rechamante" en comparación co tamaño das letras e da propia moeda, e pediu que se reducise o seu tamaño. En setembro de 1902, os traballos dos cuños para os anversos, que representaban os bustos de McKinley e de Jefferson, e nos que estaba a traballar o gravador xefe Charles E. Barber, estaban xa moi avanzados.[11]

Deseño[editar | editar a fonte]

Esta medalla deseñada polo propio Barber serviu de base para o busto de McKinley no anverso do dólar de ouro.[12]
A medalla da paz cos indios (1801) deseñada por John M. Reich serviu de modelo para o busto de Thomas Jefferson no anverso do dólar de ouro.[13]

Barber tomou o deseño do busto de Jefferson do anverso dunha medalla da paz cos pobos indíxenas que fora deseñada e gravada en 1801 por John Reich, que pola súa vez tomara como modelo unha escultura do busto do expresidente creada por Jean-Antoine Houdon.[14] No caso da moeda co busto de McKinley, o gravador xefe Barber partiu dun deseño propio que el mesmo utilizara anteriormente para unha medalla presidencial que fora producida pola Casa da Moeda.[15] Esta medalla de Barber fora modelada no seu día a partir do modelo natural.[16]

O reverso, para ambas as moedas, contiña o valor facial, unha lenda conmemorativa relativa á exposición e unha póla de oliveira sobre as datas do centenario da compra de Luisiana.[14]

Valoracións críticas[editar | editar a fonte]

O comerciante numismático B. Max Mehl considerou esta emisión como "a máis atractiva de todos os nosos dólares de ouro conmemorativos".[17] Porén, outros autores non estiveron de acordo; Swiatek e Breen criticaron estas moedas, afirmando que "os trazos faciais de Jefferson, inexactamente representados por Barber, adquiriron unha semellanza con Napoleón Bonaparte, a outra parte da transacción de Luisiana". Tamén afirmaron que McKinley estaba irrecoñecible pola gravata de lazo e sinalaron, no relativo ao reverso, que " a póla de oliveira —se esa é a planta que se pretende— pode referirse á adquisición deste territorio de 828.000 millas cadradas por medios pacíficos.[6] O historiador numismático Don Taxay criticou que se tomase como modelo a medalla de Reich, indicando que era "pouco elegante, con Jefferson inclinado cara a adiante de xeito desagradable no círculo, como se fose colocado alí por un Procrusto moderno". Taxay indicou que a representación de McKinley realizada por Barber tería provocado a valoración de "mortal" por parte do vello inimigo do gravador xefe, o escultor Augustus Saint-Gaudens.[15]

O historiador da arte Cornelius Vermeule criticou o deseño do dólar da Exposición da Compra de Luisiana, do mesmo xeito que outro dólar de ouro emitido 1904 e 1905 en conmemoración da Exposición de Lewis e Clark: "a falta de chispa nestas moedas, como en tantos outros deseños de Barber ou do gravador asistente George T. Morgan, débese a que os rostros, os cabelos e os panos son planos e as letras son pequenas, apiñadas e uniformes". Para Vermeule, os problemas non se debían ao pequeno tamaño do dólar; de feito, consideraba que o dólar de ouro da Exposición Panamá-Pacífico, de idéntico tamaño, era moito máis fermoso. Vermeule sinalou que os relatos contemporáneos vían a emisión de 1903 como unha innovación. Nun artigo de 1904 publicado no American Journal of Numismatics afirmábase que "indican un deseño popular dunha nova saída dos tipos de liberdade un tanto monótonos que caracterizaron o noso diñeiro [...] Se esta tendencia se fixese sentir na moeda de circulación regular, daríalles un novo entusiasmo aos coleccionistas". A partir de 1909 co centavo de Lincoln, a Casa da Moeda dos Estados Unidos pasou a representar a unha persoa real nas moedas de circulación normal, o cal se fixo máis común a partir do cuarto de dólar de Washington de 1932.[18]

Produción[editar | editar a fonte]

En decembro de 1902, a Ceca de Filadelfia cuñou os primeiros 75.080 espécimes do dólar de ouro, aínda que aparecen datados en 1903, o cal supuña unha transgresión da lei, que obrigaba a que as moedas amosasen a data da súa cuñaxe. Un precedente desta anomalía foi o dólar Lafayette, datado en 1900 pero comezado a producirse xa en decembro de 1899. En xaneiro de 1903 cuñáronse outras 175.178 pezas; o exceso de 258 sobre a cantidade autorizada reservouse para a súa análise anual pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[14] Non hai diferenza ningunha entre as moedas cuñadas en 1902 e en 1903. O 22 de decembro de 1902 enviáronse 50.000 pezas á subtesouraría de San Luís, á espera de que o comité organizador cumprise con outras partes da lei, moi probablemente relacionadas coa obriga de depositar unha fianza.[6][7]

Os primeiros 100 espécimes de cada un dos dous deseños cuñáronse cun acabamento especial (proof) e montáronse nunha presentación en cartolina cun certificado de presentación, para llos entregar a diversas personalidades e a responsables da Casa da Moeda, mais non se puxeron ao dispor da poboación xeral. Os certificados estaban asinados polo superintendente Landis e polo cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Rhine R. Freed. Estas foron as primeiras moedas conmemorativas dos Estados Unidos cuñadas en ouro.[19]

Distribución, acollemento e coleccionismo[editar | editar a fonte]

A Exposición de San Luís inaugurouse o 30 de abril de 1904, un ano despois do previsto inicialmente. Foi unha das exposicións universais máis grandes canto á súa superficie e tiña 15 edificios principais e unha gran cantidade de exposicións pequenas. Asistiron arredor de 20 millóns de persoas.[20][21]

As moedas vendéronse ao prezo estipulado de tres dólares por unidade e puidéronse adquirir nun estoxo de presentación ou montadas en culleres e en diversos tipos de xoias. Nalgúns casos estaban montadas mediante soldaxe, o que fixo que minguase o seu valor numismático actual, en tanto que outras se presentaban de maneira que a moeda non resultase danada.[6][22] Zerbe pensara nestes diversos xeitos de presentar a moeda e moitas das vendas producidas durante a exposición foron destas maneiras.[23] Non se cargaba ningunha cantidade adicional por ningunha destas presentacións especiais.[24]

O numismático Farran Zerbe, encargado da comercialización do dólar de ouro da Exposición da Compra de Luisiana.

Farran Zerbe tamén promoveu a venda dos dólares conmemorativos entre a comunidade numismática. Malia non ser moi elevado o prezo de tres dólares por cada peza en comparación con emisións posteriores de índole similar, a moitos coleccionistas pareceulles un prezo excesivo e a venda non resultou o exitosa que se esperaba. Entre os esforzos de Zerbe na promoción destes dólares estivo a proposta ao Goberno para que este emitise unha gran moeda de ouro con valor facial de 1.000 millóns de dólares para a exhibir na Exposición de San Luís; tamén intentou coordinar a venda de réplicas de escaso valor das primeiras pezas de ouro cuñadas de xeito privado en California na época dos pioneiros. Thomas L. Elder, un comerciante numismático que estaba a adquirir relevancia naquela época, manifestouse en contra da estratexia de Zerbe, a quen cualificou de charlatán de feira e acusou de facer publicidade enganosa e de desacreditar o comercio numismático serio.[6][23]

Os organizadores, entre eles Zerbe, comprometéronse a apoiar o prezo establecido de tres dólares por moeda, ante a posibilidade de que os prezos baixasen no mercado secundario.[24] Os prezos do medio dólar colombino e do dólar Lafayette caeran e naquel momento mantíñanse por baixo do prezo establecido no momento da súa emisión.[25] En novembro de 1903 só se venderan 10,000 exemplares dos dólares de ouro da Exposición da Compra de Luisiana, incluíndo as vendas aos promotores da feira e a outros interesados.[26] Consonte o numismático Q. David Bowers, é probable que as persoas asistentes á exposición se fixesen con varios milleiros de pezas, mais o groso da súa distribución foi entre comerciantes e coleccionistas de moedas, alleos á feira.[23]

Zerbe vendeu estes dólares durante anos nas exposicións itinerantes que el mesmo organizaba; o comerciante numismático B. Max Mehl comproulle varios milleiros a un prezo só lixeiramente superior ao seu valor nominal, e posteriormente Mehl comercializounas nas súas vendas por correo durante a década de 1920.[27] Malia os esforzos de Zerbe, que Bowers considera "entusiastas ou mesmo heroicos", só se venderon ao público unhas 35.000 moedas; as 215.000 restantes foron devoltas á Casa da Moeda dos Estados Unidos e fundíronse cara a 1914.[23]

O numismático David M. Bullowa sinalou en 1938 que a US Mint non levaba ningún rexistro de cantas moedas de cada variante se fundían, pero estimaba que se vendera un 10 % máis da versión co busto de McKinley no anverso. Bowers escribiu medio século despois a súa opinión contraria, xa que pola súa experiencia e á vista dos informes do servizo de clasificación de moedas, todo facía pensar que a de Jefferson se vendera lixeiramente máis.[23] Swiatek, no seu traballo de 2012, publicou estatísticas que amosan o número de pezas examinadas polos servizos de clasificación numismática, que indican a venda de máis dólares de Jefferson que de McKinley.[28]

A pesar de que Zerbe se comprometera a manter o prezo inicial da emisión, non o cumpriu, e baixou o prezo dos dólares de ouro da Exposición da Compra de Luisiana a dous dólares a finais de 1905.[23] O prezo de mercado volveu alcanzar os tres dólares iniciais cara a 1915 e a partir de entón seguiu ascendendo.[27] A edición de 2014 do catálogo de R. S. Yeoman A Guide Book of United States Coins (coñecido como o Red Book) outórgalle indistintamente á variante de Jefferson como á de McKinley prezos que van desde os 500 dólares ata os 2.150, en función do seu estado de conservación.[29]

Zerbe indicou en 1905 que foi "o único home que vendeu 50.000 dólares a tres dólares cada un".[30] En 1923, publicou nun artigo que os dólares de ouro da Exposición da Compra de Luisiana sempre se venderan a tres dólares ou máis, "pola razón particular de que o encargado da súa venda se sentía obrigado a protexer o prezo de cada comprador. No entanto, el non se identificou como ese "encargado da súa venda".[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1 Dollar Thomas Jefferson". Numista.com
  2. "1 Dollar William McKinley". Numista.com
  3. Official Catalogue of Exhibitors. Universal Exposition St. Louis, U.S.A. 1904. Official Catalogue Company, St. Louis. Páxina 10.
  4. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 22-23.
  5. 5,0 5,1 5,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 23.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 120.
  7. 7,0 7,1 Bureau of the Mint (1904). Páxinas 104-105.
  8. Bowers, Q. D. (1992). Capítulo 9. Parte 4.
  9. Hunt, J.; Wells, J. (2004). Páxinas 41-42.
  10. "1903 MS Louisiana Purchase Three-Piece Cardboard Die Trial Impressions". Heritage Auctions. Lote 2166. 31 de xullo de 2008.
  11. 11,0 11,1 Taxay, D. (1967). Páxina 21.
  12. "Charles E. Barber's Medals | William McKinley Presidential Medal". American Numismatic Association.
  13. "Jefferson Indian peace medal (obverse and reverse)". Google Arts & Culture.
  14. 14,0 14,1 14,2 Swiatek, A. (2012). Páxina 71.
  15. 15,0 15,1 Taxay, D. (1967). Páxina 19.
  16. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 120.
  17. Mehl, B. M. (1937). Páxina 49.
  18. Vermeule, C. (1971). Páxina 105.
  19. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 20.
  20. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 21.
  21. Bowers, Q. D. (1992). Capítulo 9. Parte 5.
  22. Swiatek, A. (2012). Páxina 72.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 Bowers, Q. D. (1992). Capítulo 9. Parte 6.
  24. 24,0 24,1 "Louisiana gold dollars". En Spink & Son's Monthly Numismatic Circular. Spink & Son's, Londres. Maio de 1904. Páxinas 7576-7577.
  25. Arnold, G. C. (1903). Páxina 24.
  26. "Miscellaneous". En The Numismatist. American Numismatic Association. Novembro de 1903. Páxinas 218-219.
  27. 27,0 27,1 27,2 Bowers, Q. D. (1992). Capítulo 9. Parte 7.
  28. Swiatek, A. (2012). Páxinas 73-74.
  29. Yeoman, R. S. (2013). Páxina 286.
  30. "When one dollar is worth two". En The Philatelic West. Brodstone. 31 de agosto de 1905.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Swiatek, A. (2012). Encyclopedia of the Commemorative Coins of the United States. KWS Publishers, Chicago. ISBN 978-0-9817736-7-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]